Lingua bankon

(Redirección desde «Abo»)

O bankon (tamén coñecido como abo, abaw, bo ou boné) é unha lingua bantú falada no departamento de Moungo (Provincia Litoral) do suroeste do Camerún.[1] Ten unha semellanza léxica do 86% co rombi, que é falado no departamento de Meme, na Provincia do Suroeste.[1]

Bankon
Outros nomes:Abo, Abaw, Bo, Bon
Falado en: O Camerún
Rexións: Rexión litoral
Total de falantes: 12.000 falantes (2001)[1]
Familia: Linguas níxer-congo
 Atlántico-congolesa
  Benue–congolesa
   Bantoide meridional
    Bantú
     Basaa
      Rombi–bankon
       Bankon
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: ---
ISO 639-3: abb
Mapa
Status

O bankon está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[2]

Bankon é o endónimo. Abo é un nome administrativo.

Historia

editar

Segundo a tradición oral, os bankon e os barombi formaban un mesmo pobo orixinario do Congo, que emigraron cara ao sur hai séculos.[3]

Distribución xeográfica

editar

O territorio de lingua bankon está situado no departamento de Moungo (Provincia Litoral), ao norte do río Dibombari e do esteiro do río Wouri en dúas zonas separadas:

  • Bankon norte, comprende 14 aldeas e 900 falantes
  • Bankon sur, comprende 24 aldeas e 11.000 falantes.

Fóra do territorio bankon hai falantes, orixinados pola emigración, en Douala (varios centos), en Mbanga, vila de lingua balong, hai algunhas ducias, ao igual que en Yaundé. En Europa hai falantes esparexidos entre os diversos países.

Escrita e usos sociais

editar

Ata o de agora a lingua tivo un escaso uso escrito, publicáronse algunhas coleccións de historias tradicionais, traducións parciais da Biblia e editouse algunha publicación periódica de xeito irregular.

En 1996 Gratien Atindogbe editou o primeiro estudo sobre a lingua, Esquisse phonologique du bankon (dialecte lombé). Con 1 300 falantes, o lombe é considerado unha variedade do bankon, co cal comparte un 83% de intelixibilidade mutua.[3] Hai dúas emisións semanais radiofónicas semanais e existe un grupo musical tradicional bankon en Douala. A educación formal é en francés, case todos os bankon maiores de 13 anos poden falar en duala,[3] lingua veciña amplamente empregada nos servizos relixiosos, o francés emprégase para o trato coa administración e nos actos oficiais, o pidgin camerunés (de base inglesa) úsase cos estranxeiros.

  1. 1,0 1,1 1,2 "Bankon en Ethnologue". Consultado o 16 de xaneiro de 2023. 
  2. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Binam Bikoi, Charles, ed. (2012). Atlas linguistique du Cameroun (ALCAM) [Linguistic Atlas of Cameroon]. Atlas linguistique de l'Afrique centrale (ALAC) (en francés). 1: Inventaire des langues. Yaoundé: CERDOTOLA. ISBN 9789956796069. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar