Ana Pontón
Ana Belén Pontón Mondelo, nada en Chorente (Sarria) o 27 de xullo de 1977,[1] é unha política galega do Bloque Nacionalista Galego (BNG). É a Portavoz Nacional do BNG desde 2016.
(2022) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (gl) Ana Belén Pontón Mondelo 27 de xullo de 1977 (47 anos) Chorente, España |
Voceira nacional do BNG | |
28 de febreiro de 2016 – ← Xavier Vence | |
Deputada do Parlamento de Galicia | |
7 de febreiro de 2004 – | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela - ciencia política (1994–2000) |
Actividade | |
Ocupación | política |
Partido político | Bloque Nacionalista Galego |
Páxina web | anaponton.gal |
Foi candidata á Presidencia nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2016. A inicios de 2020 foi elixida de novo pola militancia como candidata á Presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións de xullo de 2020. Tras as eleccións do 12 de xullo de 2020, converteuse na líder da oposición no Parlamento de Galicia, após conseguir o seu partido 19 deputados, resultado que superou en 2024 cun máximo histórico de 25 representantes.
Traxectoria
editarLicenciouse en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Con 16 anos comezou a súa militancia en Galiza Nova e no BNG. En Compostela participou nos Comités Abertos de Faculdade, sendo elixida representante na Xunta da Facultade de Ciencias Políticas e no Claustro.[2]
Entre 2000 e 2004 foi membro da Dirección Nacional e da Comisión Permanente de Galiza Nova, sendo secretaria de organización entre 2000 e 2003. Participou na Asemblea de Mulleres de Galiza Nova.
Na IX Asemblea Nacional foi elixida membro do Consello Nacional do BNG. O 7 de febreiro de 2004 accedeu como deputada ao Parlamento de Galicia, en substitución de Pilar García Negro, sendo portavoz en temas de mocidade e igualdade de xénero[3]. Nas eleccións autonómicas de 2005 foi elixida deputada, exercendo como portavoz de Mocidade, Medio Ambiente e Igualdade, amais de ser presidenta da Comisión de Agricultura.
Participou en eventos como o Festival Mundial da Xuventude Democrática (Cuba, 1997), a Marcha Mundial das Mulleres (Bruxelas, 2000) ou o Fórum Social Mundial (Porto Alegre, 2002).
Colabora coa publicación Terra e Tempo.
O 8 de febreiro de 2012 anunciouse que sucedería a Carlos Aymerich como voceira do BNG no Parlamento galego até as eleccións dese mesmo ano, tralas que foi substituída polo cabeza de lista Francisco Jorquera.[4]
Portavoz Nacional do BNG e Candidata á Presidencia da Xunta de Galicia
editarA comezos 2016, após os malos resultados electorais colleitados por Nós - Candidatura Galega, que lideraba o BNG, Xavier Vence anunciou que non repetiría como voceiro nacional. Ana Pontón presentouse como un dos dous -e principal- candidato a o suceder na XV Asemblea Nacional[5], celebrada na Coruña o 28 de febreiro de 2016.
Nesa Asemblea resultou elixida Portavoz Nacional do BNG polo 85% dos votos. Aprobouse tamén nesa Asemblea unha emenda estatutaria que permitiría compatibilizar o cargo de Portavoz Nacional co de candidato á Presidencia da Xunta de Galicia. En abril dese mesmo, Ana Pontón foi proclamada como cabeza de lista do BNG ás Eleccións ao Parlamento de Galicia 2016.[6] A pesar das malas perspectivas electorais que auguraban as enquisas, o BNG conseguiu nas eleccións autonómicas do 25 de setembro case 120.000 votos, que se transformaron en seis deputados, só un menos que na lexislatura anterior. Case todos os medios sinalaron que a actuación da candidata na campaña –en especial nos debates electorais retransmitidos pola TVG–[7] estiveron detrás duns resultados moderadamente satisfactorios para o partido. De feito, seis meses despois Ana Pontón foi reelixida Portavoz Nacional do BNG polo 98% dos votos da militancia, na XVI Asemblea do BNG.
Ante as dificultades dos demais partidos da oposición, Ana Pontón liderou en numerosas ocasións a fiscalización do goberno de Feijoo. Tras recibir o voto afirmativo das asembleas comarcais celebradas en decembro, o Consello Nacional do BNG revalidou o 11 de xaneiro de 2020 a súa candidatura á Presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións de abril de 2020.[8] En novembro de 2021 foi elixida novamente como portavoz nacional co 99% dos votos emitidos na súa XVIII Asemblea Nacional.[9][10]
Nas eleccións ao Parlamento galego de 2024, presentouse como candidata á Presidencia da Xunta de Galicia e saíu elixida deputada pola Coruña.[11]
Vida privada
editarNaceu na parroquia de Chorente, no concello de Sarria, mais reside en Santiago de Compostela desde os seus tempos de estudante. A mediados de setembro de 2019 anunciou que estaba embarazada de dezaoito semanas.[12] A nena naceu o 21 de xaneiro de 2020 e levou por nome Icía.[13]
Notas
editar- ↑ "data de nacemento". www.bng.gal. Arquivado dende o orixinal o 19 de novembro de 2018. Consultado o 18 de outubro de 2018.
- ↑ P. Igrexas, Xabier (20 de setembro de 2016). "Un sorriso solvente para mudar o país". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 02 de agosto de 2017. Consultado o 20 de setembro de 2016.
- ↑ "VI LEXISLATURA (20-11-01 ó 26-04-05)" (PDF). Parlamento de Galicia. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de xuño de 2012. Consultado o 2016-02-29.
- ↑ ""Pontón releva a Aymerich, que deja el cargo con "agradecimiento" al BNG"". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 8 de febreiro de 2012.
- ↑ "Dúas candidatura concorren á renovación dos cargos de dirección do BNG na XV Asemblea Nacional"
- ↑ Lombao, David (28 de febreiro de 2016). "Pontón asume o liderado do BNG co reto de ser "clave no cambio político"". Praza. Consultado o 13 de febreiro de 2019.
- ↑ "Feijóo críspase coa corrupción no debate e as esquerdas preséntanse como alternativa". 13/09/2016. Consultado o 5/4/2019.
- ↑ "O BNG proclama candidata á Xunta a Pontón, que aspira a liderar o "cambio" en Galicia como "presidenta"". Praza Pública. 11/01/2019. Consultado o 13/01/2019.
- ↑ "Ana Pontón elixida portavoz nacional con 99% dos votos". Nós Diario. 7 de novembro de 2021. Consultado o 12 de novembro de 2021.
- ↑ "AO BNG abre unha nova etapa co reto de gobernar Galiza". Nós Diario. 7 de novembro de 2021. Consultado o 12 de novembro de 2021.
- ↑ Cedrón, María; García Calvo, Lorena (19 de febreiro de 2024). "Este es el nuevo Parlamento de Galicia, diputado a diputado". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 21 de febreiro de 2024.
- ↑ "Ana Pontón, líder do BNG, anuncia en redes sociais que está embarazada". Galicia Confidencial. 15/09/2019. Consultado o 13/01/2020.
- ↑ "Ana Pontón dá a luz a Icía, a súa primeira filla". Galicia Confidencial. 21/01/2020. Consultado o 21/01/2020.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ana Pontón |
Bibliografía
editar- Reimóndez, María (2020). A semente, a árbore, a froita. Ana Pontón en conversa con María Reimóndez. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-9121-690-2.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar
Predecesor: Xavier Vence |
Portavoz Nacional do BNG 2016 - |
Sucesor: - |