Folivora
Folívoros Folivora Preguiceiros Rango fósil: oligoceno temperán - actualidade | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Choloepus didactylus | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Familias | |||||||||||||||||||||||
A dos folívoros (Folivora) é unha suborde de mamíferos placentarios, unha das dúas en que se divide a orde dos pilosos,[1] comunmente coñecidos na bibliografía internacional como preguiceiros ou preguizas.[2][3]
Son animais neotropicais de variado tamaño (de 0,5 m a 1,7 m) endémicos das selvas húmidas de Centro e Suramérica, que se moven pendurados polas súas catro patas das pólas das árbores, e que no solo de desprazan con gran dificultade, aínda que nadan moi ben.[4]
As especies actuais poden clasificarse en dous xéneros: os preguiceiros de tres dedos (Bradypus, da familia dos Bradypodidae) e os preguiceiros de dous dedos (Choloepus, da familia dos Megalonychidae), pero coñécense máis de 50 xéneros extintos.
O parecido dos preguiceiros cos primates arborícolas é só aparente, xa que non gardan ningunha relación próxima con estes, o cal é un bo exemplo de evolución converxente.
En realidade, están emparentados cos osos formigueiros e, máis lonxanamente, cos armadillos, aínda que non teñen armadura.[4]
Características
editarEn marcado contraste cos osos formigueiros, os preguiceiros teñen a cabeza arredondada e a cola curta.
O pescozo ten seis vértebras cervicais nas especies do xénero Choloepus e nove ou dez nas de Bradypus.[4]
Os dentes anteriores están ausentes, e os posteriores son fileiras de protuberancias cilíndricas todas elas aproximadamente iguais e desprovistas de cuberta de esmalte, pero que adquiriron unha superficie trituradora e son de crecemento continuo.
As patas anteriores son máis longas que as posteriores e están provistas de uñas ganchudas para colgarse das ramas. Na cintura escapular, a clavícula articúlase co coracoide, carácter único entre os mamíferos.[5]
Os seus dedos están unidos por tecido conxuntivo e pel, e unicamente sobresaen as fortes garras.[4]
Con frecuencia sobre o seu pelo crecen cianobacterias (Cyanoderma) e algas clorofíceas (Trichophilus), o que lles outorga unha coloración verdosa que contribúe, xunto aos seus lentos movementos, a pasar desapercibidos fronte aos depredadores.[5]
Ecoloxía
editarOs preguceiros cualifícanse como folívoros, xa que o groso da súa dieta consiste principalmente en gomos, brotes tenros e follas, principalmente de árbores do xénero Cecropia.[4] Porén, documentouse que algúns comen tamén insectos, pequenos réptiles e aves como suplemento á súa dieta.
Os preguiceiros están completamente adaptados á vida arborícola, desprazándose moi lentamente entre as ramas. Camiñan con moita dificultade sobre o solo. As follas, a súa principal fonte de alimento, subministran moi pouca enerxía e nutrientes, e non as dixiren facilmente. Por esta razón, teñen estómagos de acción lenta, moi grandes e especializados, con múltiples compartimentos nos que habitan bacterias simbióticas que descompoñen as follas duras. A súa dixestión pode durar un mes o máis.
Depredadores
editarAlgúns dos seus principais depredadores son o home, as serpes constritoras, en ocasións aves de presa, como a aguia harpía (Harpia harpyja), e o xaguar. Posúen garras moi afiadas que non só lles serven para pendurarse das ramas e apañar o seu sustento, senón tamén como unha efectiva arma de defensa que pode ser extremadamente perigosa para os seus atacantes. Cando deben cruzar un río onde a vexetación non forme pontes aéreas poden nadar con rapidez.
Taxonomía
editarDescrición
editarA suborde dos Folivora foi descrita en 2001 polos biólogos Frédéric Delsuc, François M. Ctzeflis, Michael J. Stanhope e Emmanuel J. P. Douzery.[6]
Anteriormente, en 1997, McKenna e Bell usaron o nome de Phyllophaga Owen, 1842 para esta suborde.[1]
Etimoloxía
editarO nome científico Folivora está formado pola unión dos elementos do latín científico foli-, da raíz do xenitivo do termo latino folium, -ii, "folla", e -vŏra, plural de -vŏrus, tirado do verbo vorō, vorare, "devorar", "engulir", co sufixo -us, formador de adxectivos. Literalmente: "os comedores de follas".
Clasificación
editarNota: só se inclúen os xéneros e especies actuais.
- Suborde Folivora Delsuc, Catzeflis, Stanhope & Douzery, 2001
- Familia Bradypodidae Gray, 1821[7]
- Xénero Bradypus Linnaeus, 1758
- Bradypus pygmaeus Anderson & Handley 2001
- Bradypus torquatus Illiger, 1811
- Bradypus tridactylus Linnaeus, 1758
- Bradypus variegatus Schinz, 1825
- Xénero Bradypus Linnaeus, 1758
- Familia Megalonychidae Ameghino, 1889[8]
- Xénero Choloepus Illiger, 1811
- Choloepus didactylus Linnaeus, 1758
- Choloepus hoffmanni Peters, 1858
- Xénero Choloepus Illiger, 1811
- Familia Bradypodidae Gray, 1821[7]
Preguiceiros xigantes
editarEntre o oligoceno e o plistoceno existiron varias familias de preguiceiros terrestres xigantes; eran animais cuadrúpedes coas patas anteriores máis curtas que as posteriores, e provistas de garras. É probábel que fosen practicamente bípedes, agarrando as ramas das árbores e arrincándoas co seu peso. Describíronse cerca de 50 xéneros de preguiceiros terrestres, mostra de que tiveron un grande éxito ecolóxico nos bosques suramericanos.[5]
Megatherium era maior que un elefante; Neomylodon persistiu case até a actualidade; outros xéneros foron Glossotherium, Megalonyx, Mylodon, Paramylodon e Eremotherium. Habitaron en América do Sur e en parte de América do Norte.
Galería
editar-
Reconstrución de Megatherium
-
Esqueleto de Glossotherium
-
Esqueleto de Megalonyx
-
Reconstrución de Megalonyx
-
Esqueleto de Paramylodon
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Folivora en MSW.
- ↑ Castelán: perezosos; Portugués: preguiças; Catalán: peresosos; Francés: paresseux; Inglés: sloths; Alemán: Faultiere.
- ↑ perezoso. Galician translation: preguiceiro en proz.com
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Kowalski Kazimierz (1981), pp. 340-341.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Young, J. Z. (1977).
- ↑ Frédéric Delsuc, François M. Ctzeflis, Michael J. Stanhope & Emmanuel J. P. Douzery (2001): "The evolution of armadillos, anteaters and sloths depicted by nuclear and mitochondrial phylogenies: implications for the status of the enigmatic fossil Eurotamandua" Proceedings of the Royal Society of London B 268 (1476).
- ↑ Bradypodidae en MSW
- ↑ Megalonychidae en MSW.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Folivora |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Folivora |
Bibliografía
editar- Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
- McKenna, Malcolm C. & Bell, Susan K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
- Nowak, Ronald M. (1999): Walker's Mammals of the World. 6ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8.
- Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference 3rd ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.
- Young, J. Z. (1977): La vida de los vertebrados. Barcelona: Editorial Omega. ISBN 84-282-0206-0.