García Rodríguez de Valcarce

García Rodríguez de Valcarce ou Valcárcel foi un nobre galego do s. XV, que apoiou a Henrique de Trastámara na guerra que este mantivo contra Pedro I de Castela. En recompensa polos seus servizos, o rei nomeouno señor da vila das Pontes.

Modelo:BiografíaGarcía Rodríguez de Valcarce
Biografía
Nacementoséculo XIV Editar o valor en Wikidata
Morte1412 Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaMosteiro de Santa María de Carracedo Editar o valor en Wikidata
Señor das Pontes
Editar o valor en Wikidata

Devanceiros

editar

García Rodríguez de Valcarce era fillo de Xoán Freire de Andrade e de Constanza García. O seu avó paterno foi o mestre da Orde de Cristo Nuno Freire de Andrade, irmán do primeiro señor de Pontedeume Fernán Pérez de Andrade, O Boo, que pasou gran parte da súa vida en Portugal. O seu avó materno foi adiantado maior do Reino de Galicia e chamábase igual ca el. Tivo tamén un tío materno homónimo.

Posesións, señoríos e doazóns

editar

O seu avó Nuno Freire casara coa portuguesa Tereixa Rodrigues de Tábora parente próxima de Leonor de Guzmán, nai do rei Henrique II. Por mor deste parentesco, os noivos recibiron como dote os coutos de Valón e Brión na Terra de Trasancos que pasarían formar parte posteriormente das posesións dos García Rodríguez.

García Rodríguez de Valcarce loitou xunto a Henrique II na batalla de Nájera contra Pedro I. A derrota do Trastámara foi estrepitosa e García Rodríguez foi tomado preso. Para pagar o seu rescate tivo que entregar os coutos mencionados de Valón e Brión. Este feito tentou aproveitalo o seu tío-avó, Fernán Pérez de Andrade o Bo, para cobrar tributos neses coutos. Tivo que intervir Henrique II para pararlle os pés ao señor de Pontedeume.

Ademais dos coutos mencionados, García Rodríguez posuía tamén en terras de Trasancos os señoríos de Santa Uxía de Mandiá desde 1401, e o couto e castelo de Moeche, desde o que gobernaba as súas posesións en Trasancos, Lamas e Cerdido. Tiña tamén a encomenda do mosteiro de San Salvador de Pedroso do que era mordomo.

O rei Henrique II concedeulle o señorío da vila das Pontes en recoñecemento á súa lealdade e polos servizos prestados.

Pola banda materna, herdou distintas propiedades no Bierzo. Foi encomendeiro do mosteiro de Carracedo, ao que en 1394 desembarga o lugar de Frieira (no actual concello de Sobrado, León) e as herdades de Lagumanes e Éntoma, co obxecto de ser soterrado nel ao morrer. Descoñécese a data do seu pasamento, porén sábese que xa ocorrera en 1412, cando a súa viúva vende o castelo de Moeche á súa filla Constanza García, casada con Pedro Álvarez Osorio, señor de Cabreira e Ribeira.[1]

Casamento e descendencia

editar

Casou García Rodríguez de Valcarce con Inés Fernández, coa que tivo tres fillos: Pedro García, Constanza García e Leonor García. Esta última tivo un neto tamén chamado García Rodríguez de Valcarce, irmán do famoso capitán irmandiño Diego de Lemos.

  1. Lamigueiro Fernández, Xosé L. (xuño de 2016). "Ascendencia e familia próxima de García Rodríguez de Valcarce o das Pontes". Cátedra. Revista eumesa de estudios (13): 145–150. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar