I Asemblea Nacionalista

asemblea do nacionalismo galego

A I Asemblea Nacionalista (daquela Asambleia nazonalista de Lugo), celebrada en Lugo entre o 17 e 18 de novembro de 1918 polas Irmandades da Fala, foi a histórica asemblea onde o galeguismo político deixa atrás o rexionalismo e avanza cara ao nacionalismo.

I Asemblea Nacionalista
Participantes na I Asemblea Nacionalista.
Tipocongreso
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

Historia e características

editar

Celebrouse no teatro Lugo-Salón[1]. Contou coa asistencia de 63 persoas, a metade procedente da cidade da Coruña. Estiveron representadas 67 sociedades agrarias, cinco centros culturais, e mandaron a súa adhesión cinco federacións agrarias, once concellos, máis de 49 Asociacións e numerosas personalidades de Galicia. Da asemblea saíu o "Manifesto Nacionalista", que constituiría a base común de todos os programas do nacionalismo galego ata a guerra civil española. Nel defínese a Galicia como nación, reclámase a autonomía integral de Galicia e a cooficialidade do galego.

Manifesto da Asambleia nazonalista de Lugo

editar

O manifesto comezaba do seguinte xeito:

Os persoeiros das Irmandades da Fala reunidos en asambleia magna tida na cibdá de Lugo nos dias 17 e 18 do mes da data pra conquerire do Goberno da Sua Maxestade El Rey autonomia integral da Nazón Galega e fixar n-un programa concreto as que coidan testas soluciós ôs problemas que intresan d-un xeito fondonisimo â vida nazonal da Galicia, aprobaron e sosteñen, c-o corazón ateigado de espranza e os ollos postos no porvir da nay Terra, as siguentes conclusiós, que fan públicas pra conocimento e meditazón do pobo Galego, nestora solemne do albeo das nazonalidades que sinten tremelar a sua y-alma e fan xurdir a súa persoalidade.

I
PREVIA
Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.

No manifesto publicado, aparecía ó remate o seguinte texto:

Vede, irmáns galegos, o noso programa. Non é nin pode ser nosa verba difinitiva; mais é, por decontado, un berro d´anguria que vos chama e a úneca afirmación creadora feita na nosa patria galega.

Son chegadol-os tempos d´erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sin cativeces. N-isto non caben discusións: Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d´amore con outras soberanías, contr´as que non vai nin quér ire a soberanía nosa.
Pensade pois, nas nosas concrusións, feitas pra todol-os galegos. Pró, ademais, sentídeas, practicádeas. Nosos brazos están abertos pr´a fecunda aperta. Todos xuntos melloraremos a grande obra. O ideial que nos aloumiña vos pide que sintades a Galicia, coma nós no recuncho mais intenso das vosas almas.
Ninguén é inútil pra ista cruzada. A nosa mocedade tén unha santa obriga co-a patria, e agardamos, ateigados do lume inmenso do noso amore, que todo galego dino nos mande súa adhesión á Santa Causa da Redenzón da Nai Terra.

Na cibdá de Lugo, a noite do dazaoito de Samartiño do mil novecentos dazaoito.
 
Placa conmemorativa da Asemblea de Lugo (I Asemblea Nacionalista) na fachada do Hotel Méndez Núñez, na rúa da Raíña de Lugo.

Os asinantes do manifesto foron os asembleístas: Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Arturo Noguerol, Xaime Quintanilla, Manuel Banet Fontenla, Ramón Cabanillas, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Gonzalo López Abente, Victoriano Taibo, V. Paratcha, Antón Villar Ponte, J. Ferreira, Lois Peña Novo, L. P. Carballa, X. Culebras, E. Bidegaín, Francisco Vázquez Enríquez, G. Cedrón, F. M. Balboa, Johán Vicente Viqueira, Roberto Blanco Torres, Rodríguez de Vicente, Ivo Fernández, Evaristo Correa Calderón, Ramón Villar Ponte, L. Ares, A. Ramos, S. Mosteiro, X. Ares, X. Peña, L. Briones, Díaz Varela, P. Peña Novo, Sánchez Taíz, X. Faraldo, V. Veiga, C. Monasterio, X. Sarmento, L. de Labra, Xosé Ramón Fernández-Oxea, C. García Colmelo, R. Gutiérrez, X. García Colmelo, F. Abelaira, Ánxel Casal, T. Rodríguez, F. Zamora, V. Maceiras, A. Martínez, I. Rodríguez, X. Robles, R. Carballal, R. Areses, Eugenio Charlón, Manuel Sánchez Hermida, T. Amador, M. Vázquez, B. Varela, I. A. Garaloces, X. Basteiro, Eduardo Lence-Santar Guitián, V. Casas e X. Monteiro Mejuto.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar