Manoel de Oliveira
Manoel Cândido Pinto de Oliveira, nado no Porto o 12 de decembro de 1908 e finado ibídem o 2 de abril de 2015, foi un cineasta portugués, que chegou a ser o director en activo máis lonxevo do mundo.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2015.) |
Traxectoria
editarManoel de Oliveira era orixinario dunha familia de industriais. Logo de estar nun colexio de xesuítas na Guarda (Galiza), viviu a adolescencia desexando ser actor. Aos vinte anos ingresou na escola de actores do cineasta italiano radicado no Porto, Rino Lupo, un dos pioneiros do cine portugués de ficción.
Pero logo de ver o documental Berlin: Die Sinfonie der Großstadt de Walther Ruttmann, decidiu facer unha película dese xénero sobre a cidade do Porto, un documental de curtametraxe sobre a actividade fluvial no río Douro, na zona ribeirá da súa cidade natal: Douro, Faina Fluvial (1931). Este filme foi o primeiro da serie de varios documentais que abordarían, desde un punto de vista etnográfico, o tema da vida marítima da costa de Portugal: o río Douro (Oliveira), Nazaré (Nazaré, Praia de Pescadores, de Leitão de Barros), o Algarve (Almadraba Atuneira de António Campos), ou o río Texo (Avieiros, de Ricardo Costa).
Adquiriu entre tanto certa formación técnica nos estudos alemáns de Kodak e, mantendo o gusto pola representación, participou como actor no segundo filme sonoro portugués, A Canção de Lisboa (1933), de Cottinelli Telmo. Non foi ata 1942 cando se aventurou na ficción como realizador: Aniki-Bobó, un retrato de infancia ilustrado por nenos do Porto. O filme foi un fracaso comercial e só co tempo deu que falar. Oliveira decidiu, talvez por iso, abandonar outros proxectos, e dedicouse ós negocios das empresas familiares. Porén, non perdeu a paixón polo cine e en 1956 regresou, con O Pintor e a Cidade.
En 1963 O Acto da Primavera (segundo documental de ficción portuguesa) marcou unha nova fase do seu percorrido. Con este filme, practicamente ao mesmo tempo que António Campos, iniciou Oliveira en Portugal a práctica da antropoloxía visual no cine. Esta práctica sería amplamente explorada por cineastas como João César Monteiro na ficción, e António Reis, Ricardo Costa e Pedro Costa nos documentais. O Acto da Primavera e A Caça son obras chave na carreira de Manoel de Oliveira. O primeiro filme é representativo como incursión no documental traballado con técnicas de posta en escena, e o segundo como ficción pura onde a posta en escena non se esquiva ó estilo do documental.
A obra cinematográfica de Manoel de Oliveira, ata entón interrompida por pausas e desconsolos, só discorreu sen quebras e sobresaltos a partir da longametraxe O Passado e o Presente (1971). A teatralidade imanente de O Acto da Primavera, que "contaminou" a súa segunda ficción, íase afirmar como estilo persoal, como forma de expresión que a Oliveira lle gustou explorar nos seus filmes seguintes, apoiado por reflexións teóricas de amigos e coñecidos comentaristas.
A "tetraloxía dos amores frustrados" foi a mostra por excelencia de toda esa longa experimentación. Esta mostra é tamén un "palco teatral", onde o filme falado aparece en «indecibles» tiradas teatrais, converténdose na alma dun cinema puro só por ter o teatro como referencia, como orixe e fundamento. Eran así ditos os amores, os seus motivos e os argumentos de quen niso viu toda a orixinalidade do mestre invicto: dito e escrito, con moito peso, sen ningunha emoción, pero sempre con moito sentimento.
Manoel de Oliveira insistía en dicir que só facía filmes polo gozo de facelos, independente da reacción da crítica. A pesar das múltiples condecoracións en festivais como o de Cannes, Festival de Venecia, Festival de Montreal e outros ben coñecidos, levou unha vida retirada e lonxe das luces dos focos.
Os seus actores preferidos que participaron regularmente nos seus filmes foron Luís Miguel Cintra, Leonor Silveira e Diogo Dória.
Premios e galardóns
editar- Profesor honorario da Academia de Cinema de Skopje
- Recibiu en 2008 o Premio Mundial do Humanismo
Filmografía
editarLongametraxes
editar- Aniki-Bobó (1942)
- Acto da Primavera (1979, documental de ficción)
- O Passado e o Presente (1972)
- Benilde ou a Virgem Mãe (1974)
- Amor de Perdição (1979)
- Francisca (1981)
- Le Soulier de Satin (1985)
- Mon Cas (1986)
- Os Canibais (1988)
- Non, ou a Vã Glória de Mandar (1990)
- A Divina Comédia (1991)
- O Dia do Desespero (1992)
- Vale Abraão (1993)
- O Convento (1995)
- Party (1996)
- Viagem ao Princípio do Mundo (1997)
- Inquietude (1998)
- A Carta (1999)
- Palavra e Utopia (2000)
- Je Rentre à La Maison (2001)
- O Princípio da Incerteza (2002)
- Um Filme Falado (2003)
- O Quinto Império - Ontem Como Hoje (2004)
- Espelho Mágico (2005)
- Belle Toujours (2006)
- Cristóvão Colombo – O Enigma (2007)
Curtas e mediametraxes
editar- Douro, Faina Fluvial (1931)
- Estátuas de Lisboa (1932)
- Miramar, Praia das Rosas (1938)
- Já se Fabricam Automóveis em Portugal (1938)
- Famalicão (1941)
- O Pintor e a Cidade (1956)
- A Caça (1964)
- As Pinturas do meu irmão Júlio (documental, 1965)
- O Pão (documental, 1966)
- Visita ou Memórias e Confissões (1982)
- Nice - a propos de Jean Vigo (1983)
- Lisboa Cultural (1983)
- Simpósio Internacional de Escultura em Pedra (Porto, 1985)
- Porto da Minha Infância (2001)
Como actor
- Fátima Milagrosa (Rino Lupo, 1928)
- A Canção de Lisboa (Cotinelli Telmo, 1933)
- Conversa Acabada (João Botelho, 1980)
- Lisbon Story (Wim Wenders, 1994)
Como supervisor
- A Propósito da Inauguração de Uma Estátua - Porto 1100 Anos (Artur Moura, Albino Baganha e António Lopes Fernandes, 1966)
- Sever do Vouga... Uma Experiência (Paulo Rocha, 1970)
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manoel de Oliveira |
A Galicitas posúe citas sobre: Manoel de Oliveira |