Montmartre é un outeiro de 130 metros de altura situado na beira dereita do río Sena, no 18° distrito de París, principalmente coñecido pola cúpula branca da Basílica do Sacré Cœur, atopada no seu cumio. A outra igrexa máis antiga do outeiro é Saint Pierre de Montmartre, a cal pretende ser a localización na que se fundou a orde de sacerdotes Xesuítas.

Montmartre
dende o Centro Georges Pompidou

O arrabalde foi berce dos impresionistas, da bohemia parisiense do século XIX e importante teatro de batallas durante a guerra franco-prusiana e a Comuna.

Historia

editar

De orixe romana, mencionouse por vez primeira con ocasión do martirio de Saint Denis, quen foi o primeiro bispo de Lutetia ('París'), na área onde agora se atopa a basílica do mesmo nome. Chamada nun principio Mons Martyrium ('O monte dos mártires'), na Idade Media foi unha zona de conventos, e en 1589 Henrique IV hospedouse aquí durante durante o asedio á capital francesa, nas Guerras de Relixión.

Durante a Revolución Francesa, os conventos do municipio foron destruídos e en 1871 foi escenario da loita da Comuna. Antes de ser incorporado á municipalidade de París, Montmartre tiña numerosos viñedos (dos que aínda queda unha, en terreos do templo), campos de trigo e pradeiras para a crianza de ovellas.

Na actualidade, é un barrio comercial onde se aloxan diversos cafés, restaurantes e cabarets como o Moulin Rouge e o Lapin Agile. O Barrio prolóngase de Place Pigalle ata a Igrexa de Sacré Coeur. Nel tamén se atopa o famoso cemiterio de Montmartre.

Fogar de artistas

editar

A mediados do século XIX, artistas como Johan Jongkind e Camille Pissarro comezaron a habitar Montmartre. Cara a finais do século, Montmartre e a súa contrapartida na beira esquerda, Montparnasse convertéronse nos principais centros artísticos de París. Preto do vello muíño xunto ao cumio abriuse un restaurante o Moulin da Galette.

Pablo Picasso, Amedeo Modigliani e outros artistas pobres viviron e traballaron nunha comuna, un edificio chamado o Bateau-Lavoir, entre os anos 1904 e 1909.

Formáronse asociacións artísticas como Les Nabis e os Incoherents, e artistas como Vincent van Gogh, Pierre Brissaud, Alfred Jarry, Gen Paul, Jacques Villon, Raymond Duchamp-Villon, Henri Matisse, André Derain, Suzanne Valadon, Pierre-Auguste Renoir, Edgar Degas, Maurice Utrillo, Toulouse-Lautrec, Théophile Steinlen, do mesmo xeito que "expatriados" afroamericanos como Langston Hughes traballaron e crearon algunhas das súas obras mestras alí.

Foi tamén fogar de compositores, como Erik Satie, pianista de Le Chat Noir.

O derradeiro dos artistas bohemios de Montmartre foi Gen Paul (1895-1975), nado na Rue Lepic e amigo de Maurice Utrillo, outro dos poucos famosos pintores que naceron no barrio. As caligráficas litografías expresionistas de Paul, conmemorando ao pintoresco Montmartre, débenlle moito a Raoul Dufy.

O Montmartre contemporáneo

editar
 
Vista dende a Basílica del Sacré Cœur.

En La Bohème (1965), quizais a canción máis coñecida do cantautor Charles Aznavour, un pintor rememora os seus anos de xuventude nun Montmartre que deixou de existires:

Je ne reconnais plus/Ni les murs, ni les rues/Qui ont vu ma jeunesse/En haut d'un escalier/Je cherche l'atelier/Dont plus rien ne subsiste/Dans son nouveau décor/Montmartre semble triste/Et les lilas sont morts («Xa non recoñezo/ Non os muros nin as rúas/Que vira a miña xuventude/No alto dunha escaleira/Busco un taller/Do que nada sobrevive/Coa súa nova decoración/Montmartre semella triste/E as lilas están mortas»).

A canción é unha despedida do que, segundo Aznavour, foron os derradeiros días do barrio como lugar de actividade bohemia.

O museo de Montmartre sitúase na casa onde o pintor Maurice Utrillo viviu, un estudo nun segundo andar. A mansión principal no xardín traseiro é o hotel máis antigo do barrio. Un dos seus primeiros propietarios foi Claude Roze, tamén coñecido como Roze de Rosimond, quen a mercou en 1860. Roze foi o actor que substituíu a Molière e, do mesmo xeito que o seu devanceiro, morreu en escena. A casa foi a primeira residencia de Pierre-Auguste Renoir en Montmartre e moitos outros foron vivindo nela polo prestixio do primeiro inquilino.

Xusto ao final do outeiro, atópase o museo Espace Dalí, onde se exhibe o traballo do artista surrealista Salvador Dalí. Nas proximidades atópanse a Place du Tertre, onde os artistas realizan as súas obras ao aire libre, e o cabaret do Lapin Agile. Moitos renomeados artistas están soterrados no Cemiterio de Montmartre e no de Saint-Vincent.

A película Amélie está ambientada no Montmartre contemporáneo.

O barrio está declarado oficialmente distrito histórico.

Un tren funicular, o funicular de Montmartre, xestionado pola RATP, ascende polo outeiro dende o sur, mentres que o servizo de autobús a circunda.

Outeiro abaixo, cara ao suroeste, atópase a zona vermella de Pigalle. Esa zona na actualidade é maiormente coñecida polas súas sex shops e prostitutas. Tamén alberga gran número de almacéns especializados en instrumentos de música rock, así como varias salas de concertos utilizadas para a música rock.

Discografía

editar
  • Paris chante Montmartre. PFM Records, 1994.

Ligazóns externas

editar