Panspermia
A panspermia (do grego ανπ-, "pan-", 'todo', e σπέρμα, "spérma", 'semente', é dicir, 'a universalidade dos xermes da vida'), é unha hipótese que suxire que a esencia da vida está diseminada por todo o universo, e que a vida comezou na Terra grazas á chegada de tales sementes ao noso planeta.[1] Esta idea ten a súa orixe nalgunhas das consideracións do filósofo grego Anaxágoras e é unha alternativa á abioxénese na Terra. O termo cuñouno o biólogo alemán Hermann Ritcher en 1865, derivándoo da hipótese de que a vida primitiva puido formarse orixinalmente fóra da Terra.
Características
editarEn 1879, Hermann von Helmholtz (1821-1824), fisiólogo e físico alemán propuxo a teoría da panspermia, na que defendía que a vida non tería xurdido na Terra, senón que chegaría a ela desde outro lugar do universo, posibelmente en cometas ou en meteoritos. Supón que unha chuvia de material procedente do exterior que se precipitou sobre a Terra primitiva puido traer cantidades significativas de moléculas orgánicas complexas e, talvez, a mesma vida primitiva formada no espazo fora traída á Terra por asteroides, cometas ou meteoritos doutros sistemas estelares.
Os compoñentes orgánicos son relativamente comúns no espazo, especialmente no sistema solar exterior, onde as substancias volátiles non se evaporan polo quecemento solar. Nos cometas hai incrustacións de capas externas de material escuro que se pensa que son substancias bituminosas compostas por material orgánico complexo formado por compostos de carbono simples despois de reaccións iniciadas maiormente por irradiación de luz ultravioleta (e que, por iso, algúns astrónomos chaman aos cometas bólas de neve sucias).
Outra hipótese relacionada con esta é que a vida se formou en primeiro lugar no Marte primixenio, e que foi transportada á Terra cando material da súa codia foi expulsado de Marte por un asteroide e por impactos de cometas para, máis tarde, alcanzar a Terra.
É difícil encontrar evidencias para ambas as hipóteses e pode que haxa que esperar a que se traian mostras de cometas e de Marte para o seu estudo. Ademais, ningunha delas responde realmente á cuestión de como se orixinou por primeira vez a vida, senón que soamente traslada esta orixe a outro planeta ou cometa. Non obstante, amplía o abano de condicións baixo as que se puido formar a vida, desde as posíbeis condicións primitivas da Terra a, literalmente, as condicións de todo o universo. Incrementaríase así o campo de probabilidade para que a vida se desenvolva. Non se require que se desenvolva en cada planeta no que se ache, senón máis ben nunha soa localización e que posteriormente se estenda pola galaxia cara a outros sistemas estelares a través do material cometario.
Esta idea recibiu ultimamente novos pulos debido a recentes descubrimentos sobre microorganismos moi resistentes.[2] Así, algúns científicos, como Francis Crick (1916-2004) e, sobre todo, o astrónomo Sir Fred Hoyle (1915-2001), eminente matemático, astrofísico e escritor británico, trataron de revitalizar a teoría da panspermia, apoiados na idea de que certos organismos terrestres (certas bacterias, cianobacterias e liques) son extraordinariamente resistentes a condicións adversas e que, eventualmente, poderían viaxar polo espazo e colonizar outros planetas, de xeito que as "sementes" da vida puideron ter unha orixe extraterrestre.
O maior inconveniente desta teoría é que non resolve o problema inicial de como xurdiu a vida, senón que se limita a trasladar a responsabilidade da orixe a outro lugar. Outra obxección á panspermia é que as bacterias non sobrevivirían ás altísimas temperaturas e ás forzas involucradas nun impacto contra a Terra, aínda que non se chegou a posicións concluíntes neste punto (nin a favor nin en contra), pois coñécense algunhas especies de bacterias extremófilas capaces de soportar condicións de radiación, temperatura e presión extremas, que fan pensar que a vida puidiera adquirir formas insospeitadamente resistentes.
Por iso, pese aos esforzos de Hoyle, a credibilidade da panspermia está hoxe en decadencia. El mesmo recoñeceu que a súa teoría non é realmente unha explicación sobre a orixe da vida, senón que simplemente traslada o problema a outro lugar e a outro tempo. De todos os xeitos, do experimento de Miller e a teoría de Hoyle, podemos concluír o seguinte:
- A atmosfera primitiva era moi diferente da actual, moi redutora.
- Nesta atmosfera pódense producir compostos orgánicos.
- Os compostos orgánicos tamén puideron alcanzar a Terra transportados por meteoritos e cometas que chocaron con ela.
Notas
editar- ↑ "Panspermia and the Origin of Life on Earth". Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2011. Consultado o 26 de xaneiro de 2011.
- ↑ CLARK, S. (25/09/2002). New Scientist, ed. "Tough Earth bug may be from Mars". Consultado o 26/01/2011.