Significado
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
En lingüística, o significado designa o concepto como elemento que constitúe xunto co significante o signo lingüístico.
Significado léxico e gramatical
editarAs diferenzas entre o gramatical e o lexical non radican na natureza dos significados, senón no carácter obrigatorio que define a elección das unidades gramaticais fronte ás léxicas. Gramática e léxico son dous modos de significar:
- As unidades léxicas constitúen un inventario aberto e socialmente inestable, de carácter dinámico, o cal permite a creación de palabras e posibilita ós falantes dar unha forma morfolóxica lexical a nocións novas.
- As unidades gramaticais pertencen a inventarios pechados, a clases de poucos membros, e presentan unha distribución condicionada polas regras de combinación das linguas.
A forma e a substancia do plano do contido
editarO primeiro en profundar no concepto de signo lingüístico foi Ferdinand de Saussure, quen indicou que o que o signo une non é unha cousa e un nome, senón un concepto (significado) e unha imaxe acústica (significante). O signo é unha entidade psíquica de dúas caras que presenta estes dous elementos intimamente unidos.
A teoría da glosemática, elaborada por Louis Hjelmslev, preséntase como a explicitación das intuicións profundas de Saussure. Hjemslev parte de dúas afirmacións saussurianas:
- A lingua non é substancia, senón forma.
- Toda lingua é á vez expresión e contido.
Hjemslev desenvolveu a teoría do signo de Seaussure, denominando ó nivel dos significantes plano da expresión e ó nivel dos significados plano do contido, e recoñecendo en cada un deles unha forma e unha substancia.
No plano da expresión, Hjemslev denomina substancia da expresión ó material fónico bruto do que se ocupa a fonética. A forma da expresión é, polo tanto o sistema fonolóxico en que se diferencian unidades pertinentes ou fonemas.
No plano do contido hai unha distinción análoga. A substancia do contido é un continuum que a forma do contido de cada lingua segmenta. Así, o galego coa inclusión do roxo ou rubio presenta unha fragmentación do continuum que é a substancia do significado diferente da do castelán. Para ámbalas dúas linguas a substancia do contido (o continuum que na realidade é a cor) é a mesma, pero hai diverxencias na forma do contido, hai unha diferente fragmentación.
Outro exemplo permítenos compara-lo galego co galés. Obsérvese como a comprensión que desde a lingua se ten da realidade pode ser moi diversa:
O significado no acto de fala
editarNo significado dos signos lingüísticos aparecen determinados matices semánticos que se explican a partir da existencia dun estrato informativo. Hai certos aspectos que xorden da organización da mensaxe, da organización das secuencias lingüísticas. Mantendo os mesmos esquemas semánticos e sintácticos, unha secuencia pode responder a intencións comunicativas distintas e en consecuencia presentar estruturas ou organizacións informativas diferentes. Moitas destas organizacións ó estar codificadas por unha lingua determinada convértense en significado.
A entoación (o ton irónico nega o que se afirma: ¡Que grandilocuente é!), as pausas, a posición das palabras ou a énfase son factores que poden altera-la información que transmiten os signos, polo que cómpre telos en conta á hora de analiza-lo significado.