Intoxicación por cogomelos velenosos
A intoxicación por cogomelos velenosos, mortais ou non, coñécese como micetismo e presenta diversos cadros e síndromes, que abarcan dende simples mareos, diarreas e vómitos, ata alucinacións e insuficiencias renais.
O consumo accidental de cogomelos tóxicos é un feito relativamente frecuente que data da antigüidade. Na península ibérica están catalogadas máis de 1.500 especies de cogomelos, dos que aproximadamente cen conteñen substancias tóxicas máis o menos potentes. Das especies velenosas só cinco ou seis son mortais, que condicionan o 1-15% da actividade global nun centro antitóxico (Mateu Sancho, 1994).
A intoxicación por cogomelos é un fenómeno estacional, máis frecuente en determinados períodos ou condicións climáticas que favorecen o seu crecemento e posterior recolección e consumo. En certos territorios (Cataluña, País Vasco), danse as intoxicacións máis frecuentes. En Cataluña calcúlase que hai entre cinco e dez intoxicacións por millón de habitantes e ano (Piqueras Carrasco, 1996).
En Galiza os cogomelos velenosos soen chamarse cacaforras[1], coñécense así diferentes especies do xénero Amanita. Os fungos velenosos comportan ademais nomes comúns facendo referencia á súa perigosidade: pan da morte ou pan do demo (Amanita phalloides).
Os cogomelos velenosos máis comúns en Galiza son, ademais da Amanita phalloides, a Amanita verna, a Amanita virosa, tres tipos de lepiotas pequenas, un ou dous tipos de Cortunarius e unha Galerina. O Cortinarius orellanus, por exemplo, ten un período de latencia de quince días, de xeito que é difícil coñecer a causa da doenza. O consumo dun exemplar de cacaforra da morte (Amanita phalloides) é de abondo para ter que facer un transplante de fígado[2].
En xeral os cogomelos coñécense en Galiza co nome de pan de becha, pan de sapo ou pan de cobra, aludindo a súa toxicidade. O refrán di: Fungo regalado, con discreción tiralo.
Clasificación das intoxicacións
As intoxicacións adoitan clasificarse tendo en conta o período de incubación (tempo que tardan en aparecer os primeiros síntomas despois de inxerir os cogomelos), os tóxicos responsables e os síntomas principais.
Intoxicacións de longa incubación
Son as máis graves e aparecen xeralmente despois de períodos de máis de seis horas. As máis frecuentes deste grupo prodúcense por inxestión de cogomelos que conteñen amanitinas, velenos que actúan preferentemente sobre o fígado; producen o que se vén chamando síndrome faloidiana. Tamén se inclúen as producidas por giromitras e algúns cortinarios.
Intoxicación faloidiana ou síndrome faloidiana
Trátase das intoxicacións por cogomelos máis graves que ocorren no noso país. Entre as especies causantes destaca o xénero Amanita (Amanita phalloides (pan da morte), Amanita verna) e o xénero Lepiota. As toxinas responsables desta síndrome son coñecidas como amanitotoxinas. Dentro destas o grupo das amatoxinas é o máis interesante xa que é o responsable das intoxicacións faloidianas. Os compoñentes nocivos das amatoxinas son as amanitinas alfa, beta e gamma. A dose mortal de amanitinas para o home, que se deduce dos accidentes acontecidos, é de 5 a 10 mg para un adulto. O período de incubación adoita ser de 7 a 15 horas.
Os síntomas experimentados trala intoxicación diferéncianse en tres fases: gastrointestinal (gastroenterite aparatosa, con vómitos e diarrea abundante), de remisión aparente (desaparecen os síntomas durante algunhas horas) e a máis grave, a fase hepática (aféctase o fígado con hemorraxia e subictericia).
O tratamento inicial debe consistir en eliminar os posibles restos de amatoxinas e manter controlado o equilibrio interno de líquidos. Emprégase carbono activo ou diurese forzada.
Intoxicación orellánica
A toxina responsable neste caso é a orellanina. A dose letal para o home é de 40 a 50 g de Cortinarius orellanus.
A incubación é moi longa, de 2 a 15 días, e os síntomas comezan con moita sede, boca seca, dor de estómago, de cabeza, etc. Despois dun período de latencia prodúcese a insuficiencia renal. O tratamento só inclúe medidas sintomáticas (rehidratación, depuracións extrarrenais do sangue).
Intoxicación giromitrínica
As especies causantes son todos ascomicetos do xénero Giromitra.
A toxina responsable denomínase giromitrina. A dose letal é de 30-50 mg de giromitrinas por kg de peso corporal para o adulto. É unha toxina acumulativa polo que pequenas cantidades inxeridas serven para causar dano, sobre todo no fígado.
Os síntomas son moi variables, dende pequenos trastornos ata reaccións aparatosas que fan pensar na anafilaxe. O tratamento é sintomático e aconséllase o ácido fólico e vitamina B6.
Intoxicacións de curta incubación
Neste grupo inclúense intoxicacións moito menos graves, cun período de incubación menor de seis horas e, xeralmente, menor de tres.
Intoxicación por Paxillus involutus
Considerouse comestible ata hai anos, e pódese consumir despois de cociñala máis de media hora, pero aínda así hai que incluíla entre as perigosas.
Non se coñece a toxina responsable pero a hipótese máis aceptada relaciona a intoxicación con substancias acumulativas e reaccións alérxicas. Posiblemente se trata dalgún antíxeno. A incubación dura de trinta minutos a tres horas.
Nos casos máis graves prodúcese hemólise, que deriva en subictericia, prurito, febre e disfunción renal. O tratamento é só sintomático: lavado gástrico, carbono activo, laxantes, antialérxicos, corticoides, transfusións de sangue, etc
Intoxicación sudoriana
Tamén chamada intoxicación muscarínica, debido a que é a única realmente causada pola muscarina. Raramente é grave. As especies causantes pertencen aos xéneros Inocybe e Clitocybe. A toxina responsable é a muscarina, que en contra do que se adoita pensar, escasamente aparece na Amanita muscaria.
É unha substancia que imita os efectos estimulantes da acetilcolina en músculos e glándulas. A síndrome é de curta incubación, aparecendo de 15 minutos a 2 horas despois de comer os cogomelos. Prodúcese un aumento grande de tódalas secrecións: sudación abundante, salivación, goteo nasal etc. Ademais hai náuseas e vómitos, e pode chegar a dificultades respiratorias e convulsións.
É a única intoxicación na que está xustificada a administración de atropina.
Trastornos grastrointestinais
Incluímos aquí procesos dixestivos de diversa importancia, dende gastroenterites serias (Entoloma lividum) ata as simples diarreas. Hai gran variedade de especies que poden ocasionar trastornos gastrointestinais: en moitas delas non se coñecen as substancias que causan os trastornos, pero nalgunhas identificáronse compostos que se mostran nocivos e irritantes dixestivos e que probablemente interveñan en intoxicacións humanas: triterpenos, sesquiterpenos cíclicos, fenois, ácido atroméntico, ácido telefórico, etc.
Ó pouco tempo trala inxestión aparecen os síntomas que corresponden a calquera molestia gastrointestinal. A gravidade e persistencia dos síntomas dependen da cantidade de cogomelos inxeridos, da oportunidade de tratamento e da sensibilidade individual pero, en xeral, trátase de intoxicacións pouco importantes. O tratamento consiste en evitar a deshidratación e o desequilibrio iónico, e pódese facer un lavado gástrico e intestinal, ou administrar carbono activo.
Hai tres especies coas que se producen complicacións máis graves: Entoloma lividum, Tricholoma paridinum e Omphalotus olearius.
Trastornos mentais
Algúns cogomelos producen intoxicacións que afectan ao sistema nervioso central. Quizais a máis grave sexa a producida pola cacaforra cincenta (Amanita pantherina). Outras especies causantes son o rebentabois (Amanita muscaria) e a cacaforra dourada (Amanita gemmata). Dentro das toxinas responsables trátase de derivados isooxazólicos chamados ácido iboténico, muscimol e muscazona.
Os síntomas van dende molestias gástricas, vertixe, alteracións motoras, incoordinación de movementos (como se estivese borracho), cambras musculares. Pero o máis rechamante son as alteracións mentais: euforia, sensación de embriaguez, dificultades na fala, cambios de conduta, accesos de furia etc. Ás veces, depresión, desorientación, confusión, alteracións visuais. Despois o suxeito remata durmido durante horas.
As alteracións non soen durar máis dun día pero con doses altas pódense producir colapsos, coma e ata a morte. O tratamento consiste, á parte da eliminación de posibles restos do corgomelo no aparato dixestivo, no control neurovexetativo, no que pode ser útil a clorpromazina. Diazepam e barbitúricos débense evitar xa que poden aumentar o efecto do muscimol.
Consumo ilegal de fungos alucinóxenos
O poder embriagador, alucinóxeno e estimulante da Amanita muscaria sábese que foi usado por pobos da URSS polos relatos dos viaxeiros dos últimos séculos. Contaban, entre outras cousas, que tras inxerila crían escoitar voces, tiñan visións coloreadas, falaban moito, bailaban e logo durmían. Quizais nalgunha época tamén se ten usado con fins de bruxería.
Ultimamente, co afán de probar drogas, hai quen busca o cogomelo Amanita muscaria. As intoxicacións con predominio alucinóxeno non soen ser accidentais e débense ao consumo voluntario de fungos alucinóxenos.
Hoxe en día o consumo de cogomelos alucinóxenos estase a estender por diversos países creando distintos problemas. En EUA, empezou a poñerse de moda en certos ambientes xuvenís a partir dos anos 70 e o emprego do que eles chaman “Recreational Drugs” e vaise estimulado por publicacións sobre o seu cultivo doméstico.
As toxinas responsables recordan aos alcaloides do cornello (Claviceps purpurea), a máis importante é a psilocibina.
Interacción co alcohol
Tamén chamada síndrome coprínica, efecto antabuse ou antialcohol, comprende unha serie de trastornos que se producen cando, ademais dos cogomelos implicados, se toman bebidas alcohólicas. Algunhas especies causantes son Coprinus atramentarius, Clitocybe clavipes, Boletus luridus, Coprinus insignis ou Coprinus micaceus.
A toxina responsable denominouse coprina. Os síntomas comezan unha media hora despois de consumir alcohol, probablemente cando o nivel en sangue chega a 5-10 mg por 100. Os máis típicos son os trastornos cardiovasculares, náuseas, vómitos, sabor metálico. Xeralmente non ten importancia se o nivel de alcohol no sangue non chega a ser moi grande (nalgunhas persoas non hai síntomas). No tratamento aconséllase o clorhidrato de cisteína intramuscular e vitamina C a grandes doses.
Trastornos causados por especies comestibles
Os perigos que entraña o consumo de cogomelos comestibles radican unhas veces no organismo do consumidor, outras na manipulación inadecuada dos cogomelos e outras nos propios cogomelos. Entre os riscos que dependen do consumidor están as alerxias e outras moitas veces a culpable dos trastornos é a gula.
Os riscos que dependen da manipulación derivan ás veces do trato inadecuado que se dá ós cogomelos e outras do feito de inxerilas sen cociñar debidamente (pode producir hemólise debido a que conteñen hemolisinas).
Os riscos que dependen dos propios cogomelos débense a que son alimentos delicados e facilmente alterables.
Son especies das que non se debe abusar. En moitas especies comprobouse a existencia de compostos mutáxenos e nalgúns casos moi potentes. O risco está en que, experimentalmente, o 80% dos mutáxenos son tamén canceríxenos.
Accidentalmente os cogomelos comestibles poden volverse perigosos cando crecen en sitios tratados con pesticidas. Algunhas especies son tamén capaces de cargarse de isótopos radioactivos (en caso de contaminación radioactiva).
Outro tema importante é o contido en metais pesados xa que se encontraron contidos moi altos de metais pesados en moitas especies. Encontráronse metais como o chumbo, cadmio ou mercurio.
Medidas preventivas
- Non recoller cogomelos alterados pola idade, parasitos, xeadas ou grandes choivas. Tampouco as que medran en vertedoiros, proximidades a fábricas, autoestradas ou rúas de moito tráfico.
- Evitar os Agaricus, agáricos, como a bóla de neve (Agaricus arvensis), a bóla de neve dos bosques (Agaricus silvicola) ou o fungo dos lameiros (Agaricus campestris).
- Non deixar cogomelos tóxicos cerca dos comestibles. Non deixar manipular ós nenos.
- Revisar un por un todos os exemplares que se levan á cociña e tirar os anacos soltos que son difíciles de identificar.
- Non comer especies mesturadas nin cogomelos crús ou pouco cociñados.
- Non inxerir máis de 250 g de cogomelos á semana. Deixar algún exemplar no frigorífico (non no conxelador) por se hai que estudalo.
- Non comer os cogomelos que non se poden identificar perfectamente; á menor dúbida débense tirar.
- Se aparecen síntomas de intoxicación despois de que pasen 6 horas de inxestión de cogomelos, acudir rapidamente ó hospital e procurar que o médico consulte a un micólogo.
Por último, non se deben destruír os cogomelos velenosos que vexamos no campo, xa que poden ser útiles no futuro.
No caso de envelenamento
No caso de sufrir unha intoxicación, o máis adecuado é trasladar ó intoxicado ós servizos de urxencia do hospital de referencia máis próximo. É moi importante que o intoxicado ou os seus familiares aporten os seguintes datos ó centro de asistencia:
- Hora do consumo dos cogomelos.
- Se se consumiu en días anteriores ou en comidas sucesivas.
- Tempo entre o consumo e a aparición dos síntomas de intoxicación.
- Outros alimentos que se consumiran ademais dos cogomelos.
- Forma de preparación: crúas, cocidas, á prancha.
- Persoas intoxicadas na mesma comida, sinalando se consumiron ou non cogomelos.
- Descrición dos cogomelos e lugar de recollida.
- Mostra ou restos dos cogomelos, incluso do lixo ou dos vómitos do intoxicado.
Notas
- ↑ X. L. Franco Grande (1972): Diccionario galego-castelán, 2ª ed., Galaxia, Vigo
- ↑ http://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2010/11/07/reinas-monte-gallego/436443.html
Véxase tamén
Bibliografía
- GARCÍA ROLLAN, M. Setas venenosas. Intoxicación y prevención. Ministerio de Sanidad y Consumo. Madrid 1990.
- MAYERO FRANCO, L.M. , MENCÍAS RODRÍGUEZ, E. Manual de toxicología básica. Ediciones Díaz de Santos, S.A. Madrid 2000.
- REPETTO JIMÉNEZ ,M., REPETTO KUHN, G. Toxicología fundamental. 4º Edición. Ediciones Díaz de Santos, S.A. Madrid 2009.
- CONCON, J.M. Food toxicology. 2vol. Dekker, cop. 1988.
- BATALLER SIFRE, Ramón. Toxicología clínica. Universitat de València. Valencia 2004.
- ARRILLAGA ANABITARTE, Pedro; LASKIBAR URKIOLA, Xavier. Setas tóxicas e intoxicaciones. Aranzadi Zientzi Elkartea. Donostia 2006