Glándula hipófise
A hipófise ou glándula pituitaria (Aristóteles atribuíulle a función de secretar flegma, en latín pituita, de alí o nome pituitaria), é a glándula que controla as outras glándulas, entre elas a tiroide. É unha glándula complexa que se aloxa nun espazo óseo chamado cadeira turca do óso esfenoide, situada na base do cranio, na fosa cerebral media, que conecta co hipotálamo a través do talo pituitario ou talo hipofisario. Ten un peso aproximado de 0,5 g.
Consta de tres partes:
- Lóbulo anterior ou adenohipófise, que procede embrioloxicamente dun bosquexo farínxeo (bolsa de Rathke) e é responsable da secreción de numerosas hormonas (véxase máis adiante).
- Hipófise media ou pars intermedia: produce dous polipéptidos chamados melanotropinas ou hormonas estimulantes dos melanocitos (HEM), que inducen o aumento da síntese de melanina das células da pel.
- Lóbulo posterior ou neurohipófise: procedente da evaxinación do chan do terceiro ventrículo do diencéfalo, ó cal se lle coñece co nome de infundíbulo, queda unido a través do talo hipofisario. Almacena as hormonas ADH e oxitocina, secretadas polas fibras amielínicas dos núcleos supraópticos e paraventriculares das neuronas do hipotálamo.
É importante saber que un tumor nos remanentes da bolsa de Rathke pode ocasionar un craneofarinxioma, o cal comprime á glándula hipófise.
Adenohipófise
A adenohipófise segrega moitas hormonas, das cales seis son relevantes para a función fisiolóxica adecuada do organismo. Son segregadas por 5 tipos de células diferentes, que son de orixe epitelial e, como moitas glándulas endócrinas, están organizadas en lagoas rodeadas de capilares sinusoides fenestrados ós que se verte a súa secreción hormonal. Os tipos de células clasificábanse antes de acordo á tinción, e eran acidófilas, basófilas e cromófobas (ou que non se tinguen), pero na actualidade cóntase con técnicas de inmunohistoquímica e puidéronse identificar 5 tipos celulares:
- Células somatotropas, que secretan GH (acidófila).
- Células lactotropas, que secretan PRL (acidófila).
- Células corticotropas, que secretan ACTH (basófila).
- Células gonadotrópicas, que secretan as gonadotropinas LH e FSH (basófila).
- Células tirotropas, que secretan a TSH (basófila).
As células cromófobas son en realidade células desgastadas e poden ser calquera das cinco anteriores.
Hormonas da adenohipófise
- Hormona do crecemento (GH): estimula a síntese proteica e evita a captación de glicosa por parte do músculo e os adipocitos. Ademais induce a gliconeoxénese polo que aumenta a glicemia. O seu efecto máis importante é quizais que promove o crecemento de todos os tecidos e os ósos en conxunto coas somatomedinas, polo que un déficit desta hormona causa ananismo e un aumento (ocasionado por un tumor acidófilo) ocasiona xigantismo en nenos, e acromegalia en adultos (consecuencia do peche precoz dos discos epifisiarios). O GH ademais é un factor antiapoptótico moi potente.
- Prolactina (PRL) ou hormona luteotrópica: estimula o desenvolvemento dos acinos mamarios e estimula a tradución dos xenes para as proteínas do leite.
As demais hormonas son hormonas tróficas que teñen o seu efecto nalgunhas glándulas endócrinas periféricas:
- Hormona estimulante da tiroide (TSH) ou tirotropina: estimula a produción de hormonas por parte da tiroide.
- Hormona estimulante do córtex suprarrenal (ACTH) ou corticotropina: estimula a produción de hormonas por parte das glándulas suprarrenais.
- Hormona luteinizante (LH): estimulan a produción de hormonas por parte das gónadas e a ovulación.
- Hormona estimulante do folículo (FSH): a mesma función que a anterior.
A LH e a FSH denomínanse gonadotropinas, xa que regulan a función das gónadas.
Neurohipófise
As células da neurohipófisis coñécense como pituicitos e non son máis que células gliais de sostén. Por tanto, a neurohipófise non é en realidade unha glándula secretora xa que se limita a almacenar os produtos de secreción do hipotálamo. En efecto, os axoplasmas das neuronas dos núcleos supraóptico e paraventricular do hipotálamo secretan a ADH e a oxitocina, que se almacenan nas vesículas dos axóns que del chegan á neurohipófise; as devanditas hormonas son secretadas polo estímulo de impulsos eléctricos por parte do hipotálamo.
- Hormona antidiurética (ADH) ou vasopresina: secrétase en estímulo a unha diminución do volume plasmático e como consecuencia da diminución na presión arterial que isto ocasiona, e a súa secreción aumenta a reabsorción de auga desde os túbulos colectores renais por medio da translocación á membrana da acuaporina II; tamén provoca unha forte vasoconstrición polo que tamén é chamada vasopresina. Tamén arxinina-vasopresina.
- Oxitocina: estimula a contracción das células mioepitelias das glándulas mamarias o que causa a exección de leite por parte da mama, e estimúlase pola succión. Tamén causa as contraccións uterinas típicas da etapa final do parto.
Síndrome de Cushing
A comezos do século XX, o neurocirurxián Harvey Cushing (Estados Unidos, 1869-1939) comezou a estudar a glándula pituitaria, observando os efectos dun mal funcionamento. Descubriu que se era pouco ou demasiado activa podía alterar o metabolismo e o crecemento, e deulle o nome de síndrome de Cushing.
Esta enfermidade é provocada por un exceso de adrenocorticotropina (ACTH), provoca debilidade nos membros e fraxilidade dos ósos. Cushing describiu a pituitaria como "directora da orquestra endocrínica", pero hoxe sábese que o verdadeiro director é o hipotálamo.
O Cushing é unha síndrome que afecta a varios sistemas e órganos. Caracterízase por unha hipersecreción de cortisol (xeralmente debido a unha hiperplasia da hipófise). Os síntomas do Cushing son:
- Cara redonda, rubicunda e conxestiva, o que se denomina "cara en lúa chea".
- Acumulación de graxas no pescozo e caluga, o que se coñece como "pescozo de búfalo".
- Obesidade central (abdome sobresaínte pero extremidades delgadas).
- Estrías violáceas en abdome, coxas e mamas.
- Dores de costas.
- Amenorrea.
- Aumento de vello en mulleres.
Poden aparecer outros síntomas secundarios: hipertensión, diabetes ou psicose.
Regulación hipotalámica
A hipófise e o hipotálamo están conectados por un sistema capilar denominado sistema portal, o cal provén da arteria carótide interna e do polígono de Willis e irriga primeiro ó hipotálamo formando o plexo capilar primario, que drena nos vasos porta hipofisiarios que á súa vez forman o plexo capilar hipofisiario.
A importancia deste sistema é que transporta as hormonas liberadoras ou hipofisiotrópicas que secreta o hipotálamo con fins reguladores da secreción adenohipofisiaria. Estas hormonas son:
- Somatoliberina (GHRH): estimula a secreción de GH por parte da hipófise.
- Corticoliberina (CRH): estimula a secreción de ACTH por parte da hipófise.
- Tiroliberina (TRH): estimula a secreción de TSH por parte da hipófise.
- Gonadoliberina (LHRH): estimula a secreción de LH e FSH por parte da hipófise.
- Hormona inhibidora da GH (GHIH) ou somatostatina: inhibe a secreción da GH por parte da hipófise.
A prolactina está regulada negativamente pola dopamina, un neurotransmisor.
Hai que ter en conta que a regulación da secreción das hormonas hipofisiarias realízase mediante un mecanismo de retroalimentación negativa que se establece entre o hipotálamo, a hipófise e os receptores específicos para cada hormona, localizados nos órganos diana.
O proceso realízase no momento en que o o sistema nervioso central recibe un estímulo: o hipotálamo recibe parte dese estímulo e actúa sobre a hipófise. Á súa vez, o hipotálamo secreta as respectivas hormonas na adenohipófise ou libera as da neurohipófise; estas incorpóranse á circulación, viaxan por medio do sangue e son captados por receptores específicos situados nos órganos diana. Un exemplo é a captación da TSH por parte dos lóbulos tiroides da glándula tiroide.
Nese momento o órgano diana, que é calquera das glándulas endócrinas comeza a segregar as súas propias hormonas, co que se envía un estímulo ao sistema nervioso, especificamente ao hipotálamo, ou directamente á hipófise co cal se contrarresta o estímulo inicial.
Véxase tamén
Bibliografía
- Guyton: Tratado de Fisiología Médica, undécima edición.
- Harrison: Principios de Medicina Interna, décimo sexta edición.