Templo de Kukulkán
Templo de Kukulkán | |
---|---|
Presentación | |
Localización | Tinum, Estado do Iucatán, México |
Dirección | Chichén Itzá |
Coordenadas | |
Estrutura | Pedra calcaria |
Tipo | Pirámide mesoamericana de chanzos |
Propietario | Goberno de México |
Construción | |
Inicio | século VIII |
Remate | século XII |
Dimensións | |
Altura | 24 m, sen o templo 30 m, co templo |
Lonxitude | 55.3 m |
Pisos | 9 |
O templo de Kukulkán (estrutura tamén coñecida co nome de «El Castillo», debido a que os conquistadores españois no século XVI buscaban algunha similitude arquitectónica coas existentes no continente europeo), é un edificio prehispánico situado na península do Iucatán, no actual estado do mesmo nome. O actual templo foi construído no século XII d. C. polos maias itzaes na súa capital, a cidade de Chichén Itzá, fundada orixinalmente no século VI d. C. O seu deseño ten unha forma xeométrica piramidal; conta con nove niveis ou basamentos, catro fachadas principais cada unha cunha escalinata central, e unha plataforma superior rematada por un templete.[1] Nesta construción rendeuse culto ao deus maia Kukulkán (en lingua maia: Serpe Emplumada), razón pola cal poden apreciarse motivos serpentinos na decoración arquitectónica.[2] Por outra banda tamén conta con simbolismos que fan alusión aos números máis importantes utilizados no calendario solar agrícola, o calendario Tzolkin (calendario sacro) e a roda calendárica. A aliñación da construción da pirámide permite que se poidan observar diversos fenómenos de luz e sombra, os cales se producen no seu propio corpo durante os equinoccios e solsticios cada ano.
En 1988, a UNESCO declarou a cidade maia de Chichén Itzá como Patrimonio da Humanidade.[3] Case 20 anos despois, o cineasta suízo Bernard Weber convocou por medio da New Open World Corporation unha «elección global» (isto é, baseada en Internet e na que teoricamente calquera con acceso á rede podía votar) para elixir as Novas marabillas do mundo, resultando elixido o templo de Kukulkán desde o 7 de xullo de 2007 como unha das «Novas sete marabillas do mundo contemporáneo». Cabe mencionar que foi esta estrutura —e non o sitio arqueolóxico na súa totalidade— a que resultou gañadora.[4] Esta confusión débese a que a pirámide de Kukulcán é unha das principais estruturas do lugar.[5]
Dimensións
[editar | editar a fonte]En comparación coa pirámide de Gizeh en Exipto, ou mesmo coa pirámide do Sol de Teotihuacan, as dimensións da pirámide de Kukulkán son pequenas.
En canto á altura, a pirámide de Gizeh mide aproximadamente 147 m e a do Sol, 65 m sen incluír os supostos 10 metros que tería o seu templete; pola súa banda, a altura da pirámide de Kukulkán alcanza os 24 m até a plataforma superior, máis 6 m do seu templete para lograr 30 m como máximo. A base da construción exipcia ten medidas aproximadas de 226,5 m, mentres que a do Sol alcanza os 225 m. Pola súa banda, a pirámide de Kukulkán só mide 55,3 m nas bases das súas fachadas.
De tal forma, as medidas da pirámide de Kukulkán non rivalizan con outras construcións similares no mundo; incluso a pirámide de Tikal (47 m) é máis alta. Son as súas características arquitectónicas, os seus simbolismos calendáricos e astronómicos os que a destacan de forma particular.[6]
Interior do templo
[editar | editar a fonte]En 1566 o templo foi descrito por frei Diego de Landa no manuscrito coñecido como Relación de las cosas de Yucatán; case tres séculos máis tarde John Lloyd Stephens describiu de maneira máis minuciosa a arquitectura da pirámide no seu libro Incidentes del viaje a Yucatán, obra publicada en 1843. Nesa época a zona arqueolóxica de Chichén Itzá atopábase dentro dunha facenda que tiña o mesmo nome, e era propiedade de Juan Sosa.[7] O libro decorado con litografías de Frederick Catherwood amosa a pirámide cuberta de abundante vexetación en todos os seus noiros. Existen fotografías tomadas a principios do século XX onde aparece a pirámide cuberta parcialmente con esta vexetación.
O Instituto Carnegie de Washington (Carnegie Institution of Washington) solicitou en 1924 permiso ao Goberno mexicano para realizar exploracións e reconstrucións na zona de Chichén Itzá. En 1927, coa asistencia de arqueólogos mexicanos, iniciáronse os traballos. En abril de 1931, buscando confirmar a hipótese de que a estrutura da pirámide de Kukulkán atopábase construída sobre outra pirámide máis antiga, iniciáronse os traballos de escavación e exploración, a pesar da reticencia xeral da época. En gran medida, o arqueólogo José Erosa Peniche influíu na autorización desta exploración. O 7 de xuño de 1932 atopouse unha caixa con obxectos de coral e obsidiana e incrustacións de turquesa ao carón de restos humanos; os obxectos exhíbense no Museo Nacional de Antropoloxía da Cidade de México.
Despois de longos traballos, en abril de 1935 atopouse no interior do templo unha figura de Chac Mool con incrustacións de cuncha nácara nas súas uñas, dentes e ollos. O recinto onde se realizou o achado foi bautizado como sala das ofrendas ou cámara norte. A só uns cantos metros, e tras máis dun ano de escavacións, en agosto de 1936 descubriuse un segundo recinto, o cal se bautizou co nome de cámara de sacrificios, dentro do cal se atoparon dúas fileiras de tibias humanas encaixadas de forma paralela ao fondo da cámara, e a escultura dun xaguar (Panthera onca) de cor vermella con 74 incrustacións de xade que simulan no corpo as manchas características da especie; os ollos son simulados con medias lúas da mesma pedra e os cabeiros e dentes están feitos de pedernal pintados de branco. No lombo atopábase un disco de turquesas, o cal aparentemente servía para queimar copal; ambas as figuras teñen a súa vista dirixida ao NNE (nor-nordés). Como conclusión determinouse a existencia dunha pirámide de medidas aproximadas de 33 metros de ancho, de igual forma que a exterior, con nove basamentos e unha altura de 17 m até a plataforma do templete onde se atoparon o Chac Mool e o xaguar. Estímase que esta construción corresponde ao século XI d. C. Concluídos os traballos construíuse unha porta de acceso na balaustrada da escalinata exterior da fachada NNE para facilitar o acceso aos turistas. A pirámide interior máis antiga é referida como «subestrutura».[6][8]
Simbolismos calendáricos
[editar | editar a fonte]O templo de Kukulkán, principal estrutura de Chichén Itzá, demostra os profundos coñecementos de matemáticas, xeometría, acústica e astronomía que os maias posuían. Ao ser unha sociedade inicialmente agrícola, os maias observaron con detemento o comportamento das estacións, as variacións das traxectorias do Sol e as estrelas, e combinando os seus coñecementos, lograron rexistralos na construción do templo dedicado ao seu deus Kukulkán.
Do mesmo xeito que as culturas mesoamericanas, a cultura maia utilizou un calendario agrícola solar ao que chamaban Haab, o cal conta con 18 meses ou uinales. Cada uinal ten 20 días ou kines. Desta forma o calendario comprende 18 x 20 = 360 días regulares ou kines, máis cinco días adicionais, considerados como nefastos, chamados uayeb.
O templo de Kukulkán conta con catro escalinatas; cada unha delas ten 91 chanzos. Desta forma suman 364 e considerando a plataforma superior do templo temos un total 365 unidades que representan os días do Haab.
O segundo calendario utilizado polos maias, chamado Tzolkin ou calendario sacro, consta de 13 meses e cada mes ten 20 días, de tal forma que este conta con 260 días.[10] Os ciclos do Tzolkin e do Haab fusionáronse nunha roda calendárica de tal sorte que as combinacións de ambos se repiten cada 18 980 días (mínimo común múltiplo de 260 e 365) equivalentes a 52 anos, o que quere dicir que cada 52 ciclos do calendario Haab comeza a repetirse a combinación de ambos os calendarios.[11]
Os números 18 (uinales), 20 (kines), 5 (uayeb) e 52 (ciclos) poden descifrarse de maneira máis complexa na pirámide de Kukulkán. O templo ten nove niveis ou basamentos; se se observara de forma frontal calquera das fachadas, ao ter no centro da vista a escalinata, pódese multiplicar o número de basamentos x 2, dando como resultado o número 18, correspondendo así aos 18 uinales do Haab. No templete superior da pirámide existían cinco adornos ou ameas en cada fachada; desta maneira tíñanse 20 ameas que representan os 20 días ou kines de cada uinal. En cada fachada, no peralte de cada basamento atópanse paneis en baixorrelevo; no nivel máis alto son soamente dous paneis, os outros oito basamentos contan con tres paneis, de tal forma que 3 x 8 = 24 + 2 = 26 paneis, que sumados aos outros 26 paneis do lado oposto da escalinata dannos un gran total de paneis por fachada de 52; é dicir, representan os 52 ciclos do Haab na roda calendárica. Como ornamentación, o edificio ten 260 cuadrángulos, que coinciden co número de días do calendario Tzolkin.[12]
Desta forma, e acorde aos calendarios utilizados polos maias, pódese deducir que a pirámide non soamente está dedicada ao deus Kukulkán, senón que tamén observa a conta do tempo dando particular relevancia aos seus ciclos.
Acústica en escalinata
[editar | editar a fonte]Cara a finais do século XX o turismo en Chichén Itzá incrementouse e foi cando accidentalmente os guías de turistas descubriron un efecto acústico que se produce na escalinata NNE da pirámide. Se unha persoa aplaude de forma frontal á escalinata, o son do aplauso propágase cara ao peralte dos chanzos e rebota en forma de eco distorsionado; é dicir, a reflexión do son escóitase diferente da fonte (aplauso), provocando unha renxedura semellante ao canto dun quetzal.[13]
Tecnicamente, isto débese a que o son producido pola fonte propágase de forma simultánea para chocar cos chanzos inferiores e superiores da escalinata; o son chega primeiro aos máis próximos, é dicir, os inferiores, e unha fracción de milisegundo despois aos superiores. Esta fracción de tempo é suficiente para crear interferencias coas ondas de reflexión e producir o peculiar eco. Só os sons de baixa frecuencia como o aplauso producen o efecto.[14]
Descenso de Kukulcán nos equinoccios
[editar | editar a fonte]Se durante un ano e desde un punto fixo contemplamos o amencer no horizonte, poderemos observar que o Sol vai aparecendo en diferentes posicións ao longo do mesmo e a súa traxectoria no ceo vai cambiando. Isto é debido aos propios movementos da Terra, de rotación sobre o seu eixo e translación ao redor do Sol, así como a variante da súa eclíptica e a inclinación do eixo terrestre.
Referíndonos ao hemisferio norte do planeta, durante un ano o Sol parece colocarse na liña do horizonte nun punto máis austral durante o solsticio de inverno (decembro), pasando por un punto intermedio durante o equinoccio de primavera (marzo) e chegando a un punto máis setentrional durante o solsticio de verán (xullo), para regresar novamente ao momento intermedio durante o equinoccio de outono (setembro) e reiniciar o ciclo novamente.
Este movemento aparente ten unha variación adicional se nos trasladamos a diferentes latitudes do planeta. Os maias consideraron todas estas variables e con grande atención observaron os posibles fenómenos de luz e sombra xerados durante cada día do ano. Construíron así a pirámide de Kukulcán tendo en conta todas estas variables. Ademais das consideracións arquitectónicas, orientaron a fachada NNE cunha inclinación aproximada de 20° con respecto ao norte xeográfico.
Á tardiña dos equinoccios de primavera e outono obsérvase na escalinata NNE da pirámide de Kukulcán unha proxección solar serpentina, consistente en sete triángulos isósceles de luz invertidos, como resultado da sombra que proxectan as nove plataformas dese edificio durante o ocaso. En Chichén Itzá o fenómeno vese en todo o seu esplendor e a imaxe da serpe de triángulos de luz e sombra é proxectada no pontón NNE; conforme avanza o tempo parece descender do templo unha serpe e o último reduto de luz proxéctase na cabeza da serpe emplumada que se atopa na base da escalinata. Este fenómeno ocorre en marzo e setembro, e pode observarse aproximadamente durante un período de cinco días nas datas máis próximas aos equinoccios. A duración do efecto comeza aproximadamente tres horas antes do ocaso; ao principio destas horas pódese ver na balaustrada unha forma de luz ondulada que aos poucos se vai pechando para formar sete triángulos isósceles, os cales só poden verse durante dez minutos; despois comezan a desaparecer paulatinamente.[15]
Con todo, non hai evidencias de que este xogo de luz e sombra fose logrado á mantenta, como resultado do deseño consciente dos maias.[16] As investigacións recentes mostraron que o efecto pode observarse, sen cambios maiores, durante varias semanas.[17]
Na zona arqueolóxica de Mayapán existe unha pirámide de menores dimensións, pero de iguais proporcións e dedicada por suposto a Kukulcán. A proxección ondulada do corpo da serpe tamén pode ser observada durante a posta do sol preto dos solsticios; con todo, non é tan espectacular debido á deterioración da propia estrutura. No ano 1566, Diego de Landa describiu que os maias celebraban no día 16 do mes Xul[18] a ida de Kukulcán, a quen tiñan como un deus. A celebración realizábase en todo o mundo maia ata a destrución de Mayapán; despois só os tutul xiúes a realizaban na súa capital Maní. Tras manter xaxún e abstinencia, os sacerdotes, reunidos, ían ó templo de Kukulcán, onde pasaban cinco días e noites en oración realizando algúns bailes devotos:
... Dicían e tiñan moi crido, que o último día baixaba Cuculcán do ceo e recibía os servizos, vixilias e ofrendas. Chamaban a esta festa Chickabán...
Debido a que as fachadas SSO e ESE están deterioradas, non se observa ningún fenómeno de luz e sombra nos amenceres equinocciais; con todo, é probable que si se restaurasen as escalinatas e as balaustradas, puidera apreciarse un efecto que evocase o ascenso do corpo da serpe á pirámide pola escalinata da fachada SSO.
Kukulkán, Quetzalcóatl, Gucumatz, Coo Dzavui
[editar | editar a fonte]A finais do período clásico mesoamericano rexistrouse unha influencia arquitectónica, cultural e relixiosa na zona maia, a cal se adxudicou á cultura tolteca do altiplano. É por iso que se atopan similitudes entre a deidade Quetzalcóatl (náhuatl: Quetzalcōātl, serpe emplumada) e a deidade maia Kukulkán (maia iucateco: K'uk'ulkan, pluma e serpe).
No Popol Vuh a deidade é referida como Gucumatz (kʼicheʼ: Q'uk'umatz, serpe emplumada) quen xunto con Tepew son considerados os deuses formadores do universo.[21] Foi coñecido pola cultura mixteca como Nove Vento (mixteca: Coo Dzavui, serpe de choiva). De acordo ás descricións de Diego de Landa, o deus foi especialmente venerado en varias cidades do noroeste da península do Iucatán, entre elas destacan Chichén Itzá, Mayapán e Maní.
En moitas partes da decoración arquitectónica de columnas e linteles de Chichén Itzá, atópanse alusións ao corpo da serpe, no propio templo de Kukulcán, no "Templo dos Xaguares", no templo dos Guerreiros, no "Xogo de Pelota", na "Plataforma das Aguias e os Xaguares". A clase do réptil parece ser Crotalus durissus debido á forma da cabeza das esculturas, aos relevos que detallan serpes noutros edificios da cidade, e aos triángulos de luz que se forman nos días equinocciais, os cales evocan os triángulos que se forman na pel do corpo desta especie.
É destacable o decorado da lingua das serpes que se atopan no remate da escalinata. A lingua ten semicírculos que fan alusión á traxectoria diaria do Sol no ceo. Na vista de perfil das cabezas, xunto á comisura da boca aprécianse espirais que evocan a un caracol, o trazado pode interpretarse como unha alusión ao período cíclico do movemento do Sol no horizonte. Na parte superior das pálpebras da serpe tamén se pode apreciar o símbolo do Sol. Adicionalmente á proxección do corpo imaxinario da serpente (kan) descendendo polo pontón da escalinata, os maias colocaban bandeiras de plumas (k'u uk'um) nas ameas do templete durante as festividades equinocciais orientadas a dar inicio ó ciclo agronómico dos maias.[19]
... Que é opinión entre os indios, que cos Yzaes que poboaron Chichenizá, reinou un gran señor chamado Cuculcán, e que amosa ser isto verdade o edificio principal que se chama Cuculcán; e din que entrou pola parte de poñente e que difiren en se entrou antes ou despois dos Yzaes ou con eles, e din que foi ben disposto e que non tiña muller nin fillos; e que despois da súa volta foi tido en México por un dos seus deuses e chamado Cezalcuati e que en Iucatán tamén o tiveron por deus por ser gran republicano, e que isto viuse no asento que puxo en Iucatán despois da morte dos señores para mitigar a disensión que as súas mortes causaron na terra...
Solsticios
[editar | editar a fonte]Desde a última década do século XX, os arqueólogos comezaron a observar os fenómenos de luz e sombra que ocorren nos solsticios de verán e inverno, pero só até xuño de 2007 se realizaron estudos minuciosos do tema. Astrónomos do Instituto Tecnolóxico de Mérida e investigadores do Instituto Nacional de Antropología e Historia corroboraron que durante os primeiros minutos do amencer do solsticio de xuño (verán no hemisferio norte) e durante un período de 15 minutos, a pirámide de Kukulcán é iluminada nas fachadas NNE e ESE polos raios do sol, mentres que as fachadas ONO e SSO permanecen en total escuridade.[24] Noutras palabras un 50 % da pirámide permanece iluminada e un 50 % permanece na escuridade marcando con este simbolismo o momento exacto do solsticio.[25]
Este efecto de luz e sombra ocorre de forma semellante durante o solsticio de decembro (inverno no hemisferio norte), pero no atardecer as fachadas iluminadas son a ONO e SSO mentres que as fachadas NNE e ESE permanecen na sombra. O fenómeno débese á orientación de +/– 20° con respecto ao norte xeográfico, e a latitude onde se atopa situada a pirámide.
Paso cenital
[editar | editar a fonte]Chámase paso cenital ao momento no que o sol pasa por encima dun punto xeográfico de tal forma que non se proxectan sombras. Isto ocorre só na zona xeográfica comprendida entre o trópico de Cáncer e o trópico de Capricornio. Máis ao norte ou ao sur dos trópicos nunca se alcanza o verdadeiro cénit, pois o sol sempre se atopa máis ao norte ou ao sur. Nos trópicos o paso cenital ocorre un só día, coincide co solsticio de verán (20 ou 21 de xuño) no trópico de Cáncer (latitude norte 23° 26', 16") e co solsticio de inverno (21 ou 22 de decembro) no trópico de Capricornio (latitude sur 23° 26' 16"). Nos demais puntos xeográficos que se atopan localizados entre ambos trópicos, o paso cenital ocorre dous días ao ano, as datas dependen da latitude na que se sitúen e son distintas en cada lugar.[26]
Desta forma, o paso cenital en Xochicalco ocorre os días 15 de maio e 29 de xullo, en Monte Albán ocorre o 8 de maio e o 5 de agosto. Para o caso de Chichén Itzá, pola súa latitude norte de 20° 40' 58", os días de paso cenital ocorren o 23 ou 24 de maio e o 19 de xullo.[27] Especialistas en Arqueoastronomía realizaron investigacións e observacións do que ocorre nas datas de paso cenital en diversos sitios arqueolóxicos. Os primeiros investigadores para o caso de Chichén Itzá foron Franz Tichy, Johanna Broda e Susan Milbrath. Broda concluíu que as culturas mesoamericanas elixiron coidadosamente a localización dos seus centros cerimoniais rexistrando o movemento aparente do sol sobre o horizonte e observando os pasos cenitais.[28]
Recentemente as investigacións realizadas por Arturo Montero García, Jesús Galindo Trejo e David Wood Caso detectaron que cando se observa o amencer o día do paso cenital, o sol atópase a 67° 30' azimut, e que visto desde o alto do templo de Kukulkán, a dirección coincide coa esquina nordés da mesma edificación. Unha liña imaxinaria do observador cara ao sol no momento do amencer cruzaría tamén polo alto do templo das Mesas (ao nordés do templo dos Guerreiros). Por outra banda, no momento do ocaso, o sol atópase a 292° 30' azimut, visto desde o alto do templo, a dirección do sol coincide coa escalinata noroeste. Se se segue esta liña imaxinaria do observador cara ao sol no momento do atardecer, esta coincide coa boca rectangular que os maias fixeron ao cenote Holtún. Ese mesmo día, no interior do cenote pódese ver a vertical dos raios solares no momento do cénit, esta coincidencia podería ter un simbolismo relixioso relativo ao inframundo da cosmovisión maia.[29]
O explorador John Lloyd Stephens en 1840 decatouse da orientación dos edificios. Debido a que non puido observar os efectos de luz e sombra, atribuíu un posible erro na construción dos mesmos, nunca se imaxinou que esta variación fora totalmente premeditada séculos antes polos construtores maias, por outra banda as medidas referidas parecen ter certa variación coas reais:
...A unha distancia de cincocentos pés ó sueste deste [outro edificio], érguese o «Castillo», representado na imaxe da seguinte páxina, o primeiro edificio que vimos, e desde todos os puntos de vista o obxecto máis grande e visible que se ergue sobre a chaira.[...]... O túmulo mide na base, polos lados norte e sur, cento noventa e seis pés e dez polgadas, e nos lados este e leste, douscentos dous pés. Non está orientado exactamente cos catro puntos cardinais, aínda que é probable que se pretendera ó construílo que así fora; e en todos os edificios, por algún motivo non moi doado de explicar, mentres que un ten unha variación de dez graos nun sentido, o que está xusto xunto a el, varía doce ou trece noutro.[...]
... No lado do oeste hai unha escalinata de trinta e sete pés de ancho, e na do norte, como se amosa no grabado, a escalinata ten corenta e cinco pés, e contén noventa chanzos. No chan ó pé da escaleira, formando un arranque audaz, chamativo e ben concibido para esta noble entrada, hai dúas cabezas colosais de serpes, de dez pés de longo, coa boca moi aberta e as linguas fóra, como se representa no gravado. Sen dúbida eran os emblemas dalgunha crenza relixiosa, e na mente dun pobo imaxinativo, que pasaba entre elas para ascender os chanzos, debían ter espertado sentimentos de terror solemne.[...]
Para que a pirámide de Mayapán, que foi construída con características semellantes á de Chichén Itzá, poida amosar os mesmos fenómenos de luz e sombra, a súa orientación tivo que ter unha lixeira variación debido a que non se atopa na mesma coordenada de latitude que a de Chichén Itzá.
Desta forma, a construción da pirámide parece ser un calendario arquitectónico que marca os solsticios e equinoccios, datas importantes para os ciclos agrícolas. Cando a órbita da Lúa se atopa na mesma posición equinoccial de sol, tamén é posible ver no pontón da escalinata NNE a figura proxectada da serpe nun espectáculo natural nocturno.
Estes fenómenos de luz e sombra que se observan na pirámide son fieis testemuños que proban os coñecementos astronómicos da cultura maia. Na estrutura coñecida como o observatorio, ou caracol ou edificio circular tamén se rexistraron efectos de luz e sombra durante os equinoccios.[32] No Códice de Dresde púidose interpretar que os maias estudaban a traxectoria orbital do planeta Venus, á cal lle adicaron unha pequena construción na cidade de Chichén Itzá.
... O cuarto Ahau katún é o undécimo katún. Cóntase en Chichén Itzá, que é asento do katún.
Chegarán á súa cidade os itzáes, chegarán plumaxes, chegarán quetzales, chegará Kantenal, chegará Xekik, chegará Kukulcán. E en detrás deles outra vez chegarán os itzáes...
-
Debuxo de Frederick Catherwood de 1843.
-
Fotografía de Teobert Maler en 1892.
-
Iluminación durante o solsticio de xuño (verán no hemisferio norte).
-
Iluminación durante o solsticio de decembro (inverno no hemisferio norte).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Molina Solís, Juan Francisco (1896). R. Caballero, ed. Historia del descubrimiento y conquista de Yucatán.
- ↑ Barrera Vásquez, Alfredo; Juan Ramón Bastarrachea; William Brito Sansores (1980). Cordemex, ed. Diccionario Maya-Español. Mérida, Yucatán, México. p. 420.
K'UK'ULKAN: lit:Serpiente emplumada, dios introducido por los invasores mexicanos, el nombre maya es una traducción de Quetzalcóatl, el conocido dios y héroe cultural del panteón mexicano...
- ↑ "Ciudad prehispánica de Chichén-Itzá".
- ↑ "Chichén Itzá" (en inglés).
- ↑ "The Official New 7 Wonders of the World" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2009. Consultado o 25 de marzo de 2020.
- ↑ 6,0 6,1 Arochi 1984.
- ↑ Stephens 2003b.
- ↑ "El Jaguar Rojo cobra vida. Chichén Itzá sigue sorprendido por sus tesoros mayas". 10 de maio de 2007.
- ↑ Charnay 1863.
- ↑ Descoñecese o nome orixinal en lingua maia do calendario sagrado, foi o maísta William Edmond Gates quen comezou a referilo baixo o nomee de Tzolkin (Arochi 1984).
- ↑ 260 = 2 × 2 × 5 × 13; 365 = 5 × 73; 18 980 = 2 × 2 × 5 × 13 × 73.
- ↑ Noticias de arquitectura Arquivado 17 de setembro de 2016 en Wayback Machine., entrevista con Federica Sodi titular do INAH en Chichén Itzá
- ↑ Momentos Discovery: El Canto del Quetzal en Chichén Itzá Youtube.com
- ↑ Cruz Calleja, Jorge Antonio. "Fenómenos acústicos en Chichen Itzá" (PDF).
- ↑ Equinox at Chichen Itza producción INAH-CONACULTA Youtube.com
- ↑ Šprajc, Ivan; Sánchez Nava, Pedro Francisco (2013). "Astronomía en la arquitectura de Chichén Itzá: una reevaluación" (PDF) XLI. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 25 de marzo de 2020.
- ↑ Šprajc, Ivan; Sánchez Nava, Pedro Francisco. "El Sol en Chichén Itzá y Dzibilchaltún: la supuesta importancia de los equinoccios en Mesoamérica" XXV (149).
- ↑ A orde dos meses rexistrada por Landa aparentemente é incorrecta; porén existen diversas teorías ó respecto da discrepancia. Unha xustificación fai referencia a un congreso de astrónomos celebrado no século VI en Copán, onde foi alterada a orde dos meses, de tal sorte que os datos referidos por Landa son máis antigos co evento. (Arochi 1984)
- ↑ 19,0 19,1 Landa 2003, p. 88.
- ↑ Tradución do orixinal "... Decían y tenían muy creído, que el postrer día bajaba Cuculcán del cielo y recibía los servicios, vigilias y ofrendas. Llamaban a esta fiesta Chickabán...".
- ↑ Montejo & Garay 1999.
- ↑ Landa 2003, p. 14.
- ↑ Traducion do orixinal: "... Que es opinión entre los indios, que con los Yzaes que poblaron Chichenizá, reinó un gran señor llamado Cuculcán, y que muestra ser esto verdad el edificio principal que se llama Cuculcán; y dicen que entró por la parte de poniente y que difieren en si entró antes o después de los Yzaes o con ellos, y dicen que fue bien dispuesto y que no tenía mujer ni hijos; y que después de su vuelta fue tenido en México por uno de sus dioses y llamado Cezalcuati y que en Yucatán también lo tuvieron por dios por ser gran republicano, y que esto se vio en el asiento que puso en Yucatán después de la muerte de los señores para mitigar la disensión que sus muertes causaron en la tierra...".
- ↑ 07:15 a. m. a 07:30 a. m. hora local, horario de verán.
- ↑ «Constatan especialistas mexicanos solsticio de verano en Chichén Itzá.» Arquivado 22 de abril de 2009 en Wayback Machine. Diario digital.
- ↑ Fierro 2001.
- ↑ Montero García, Galindo Trejo & Wood Cano 2014, p. 81.
- ↑ Montero García, Galindo Trejo & Wood Cano 2014, p. 84.
- ↑ Montero García, Galindo Trejo & Wood Cano 2014, p. 85.
- ↑ Stephens 2003b, p. 225.
- ↑ Tradución do orixinal: "... At the distance of five hundred feet southeast from this rises the Castillo, represented in the plate opposite, the first building wich we saw, and from every point of view the grandest and most conspicuous object that towers above the plain.[...] ...The mound measures at the base on the north and south sides one hundred and ninety-six feet ten inches, and on the east and west two hundred and two feet. It does not face the cardinal points exactly, though probably so intended; and in all the buildings, from some cause not easily accounted for, while one varies ten degrees one way, that immediatily adjoining varies twelve degrees or thirteen degrees on another.[...] ...On the west side is a staircase thirty-seven feet wide, on the north, being that presented in the engraving, the staircase is forty-four feet wide, and contains ninety steps. On the ground at the foot of the staircase, forming a bold, striking, and well-conceived commencement to this lofty range, are two colossal serpents' heads, ten feet in length, with mouths wide open and tongues protrunding, as represented in the following engraving. No doubt they were emblematic of some religious belief, and in the minds of an imaginative people, passing between them to ascend the steps, must have excited feelings of solem awe."
- ↑ John Lloyd Stephens foi quen chamou «Edificio circular» no libro Incidentes del viaje a Yucatán, á estrutura coñecida como o Observatorio ou Caracol.
- ↑ Mediz Bolio 2005.
- ↑ Tradución do orixinal: "... El cuarto Ahau katún es el undécimo katún. Se cuenta en Chichén Itzá, que es el asiento del katún. Llegarán a su ciudad los itzáes, llegarán plumajes, llegarán quetzales, llegará Kantenal, llegará Xekik, llegará Kukulcán. Y en pos de ellos otra vez llegarán los itzáes...".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Templo de Kukulkán |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arochi, Luis E. (1984). La pirámide de Kukulcán: su simbolismo solar. Panorama Editorial. ISBN 968-38-0118-8.
- Charnay, Désiré (1863). Cités et ruines Américaines: Mitla, Palanqué, Izamal, Chichen-Itzá, Uxmal (en francés). París, Francia: Gide, A. Morel.
Patrocinado por el emperador Napoleón III
- Fierro, Julieta (2001). La astronomía de México. México: Lectorum. ISBN 968-5270-55-4.
- García-Salgado, Tomás (2010). "The sunglight effect of the Kukulcan Pyramid or the History of a Line". Nexus Network Journal: Architecture and Mathematics (en inglés) 12 (1): 113–121.
- Landa, Diego de (2003) [1566]. Relación de las cosas de Yucatán (PDF). Dastin. ISBN 84-492-0363-5.
- Mediz Bolio, Antonio (2005). Traducción al español de Chilam Balam de Chumayel. Dante. ISBN 970-605-277-1.
- Montero García, Arturo; Galindo Trejo, Jesús; Wood Cano, David (2014). "El Castillo de Chichén Itzá". Arqueología Mexicana (México: Editorial Raíces) XXI (127): 80–85. ISSN 0188-8218.
- Montejo, Víctor; Garay, Luis (1999). Popol vuj: libro sagrado de los mayas. Artes de México. ISBN 968-6533-85-0.
- Stephens, John Lloyd (2003a) [1843]. Incidents of travel in Yucatán I. Dastin. ISBN 84-492-0369-4.
- Stephens, John Lloyd (2003b) [1843]. Incidents of travel in Yucatán II. Dastin. ISBN 84-492-0370-8.
- Stephens, John Lloyd; Catherwood, Frederick (1854). Incidents of travel in Central America, Chiapas, and Yucatan (en inglés). Londres, Inglaterra: Arthur Hall, Virtue and Co.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Cultura maia
- Itzáes
- Pirámide (arquitectura)
- Pirámide de La Danta
- Movementos da Terra
- Oblicuidade da eclíptica