Saltar ao contido

Célula dendrítica folicular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As células dendríticas foliculares son células do sistema inmunitario que se encontran nos folículos linfáticos primarios e secundarios das áreas de células B do tecido linfoide.[1] Aínda que estas células, cando foron descritas en 1965, foron consideradas un grupo de células dendríticas debido a que igual que estas teñen prolongacións celulares chamadas procesos dendríticos, en realidade non son células dendríticas, das cales se diferencian en orixe, características e funcións. A diferenza das células dendríticas linfoides e mieloides, as células dendríticas foliculares non derivan da medula ósea hematopoética, senón que son de orixe mesenquimal.[2][3]

Localización e marcadores moleculares

[editar | editar a fonte]

As células dendríticas foliculares son unha poboación non migratoria que se encontra nos folículos primarios e secundarios das áreas de células B dos ganglios linfáticos, bazo, e tecido linfoide asociado ás mucosas (MALT). Forman unha rede estable debido ás conexións intercelulares entre os procesos destas células e á interacción moi íntima coas células B foliculares.[2][4] A rede das células dendríticas foliculares xeralmente forma o centro dos folículos e non se estende desde alí ata as rexións interfoliculares ou á zona das células T. Supostamente, esta separación dos sitios onde se produce o procesamento inicial e captura do antíxeno proporciona un ambiente protexido no cal os antíxenos opsonizados poden mostrarse durante moito tempo sen seren proteolizados ou eliminados por células fagocíticas. As células dendríticas foliculares presentan unha alta expresión dos receptores do complemento CR1 e CR2 (CD35 e CD21, respectivamente) e do receptor Fc FcγRIIb (CD32). Outros marcadores moleculares específicos das células dendríticas foliculares son: FDC-M1, FDC-M2 e C4.[3] A diferenza das células dendríticas e dos macrófagos, as células dendríticas foliculares carecen do antíxeno do MHC de clase II e expresan poucos receptores de patrón de recoñecemento, polo que teñen pouca capacidade de capturar antíxenos non opsonizados.[4]

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

As células dendríticas foliculares orixínanse a partir de supostos precursores mesenquimais.[3] En modelos de ratos de inmunodeficiencia combinada grave demostrouse que estes precursores poden transmitirse aos receptores de alotransplantes de medula ósea, e nese caso as redes de células dendríticas foliculares de doante e receptor poden encontrarse despois nos compartimentos linfoides do receptor.[5] A interacción entre os precursores das células dendríticas foliculares e as células linfoides mediado polo TNF-alfa e a linfotoxina (LT) é crucial para o normal desenvolvemento e mantemento das células dendríticas foliculares. O TNF-alfa únese ao receptor TNF-RI, e a linfotoxina interacciona co receptor LTβ expresado no precursor das células dendríticas foliculares. Nos ratos que carecen de células B, ou coa produción bloqueada de TNF-alfa e linfotoxina, non se encontran células con fenotipo de célula dendrítica folicular.[6][7]

Funcións

[editar | editar a fonte]

Organización da microarquitectura linfoide

[editar | editar a fonte]

No tecido linfoide normal as células B inactivas recirculantes migran libremente a través da rede de células dendríticas foliculares, mentres que as células B activadas polo antíxeno son interceptadas e sofren expansión clonal dentro da rede de células dendríticas foliculares, xerando centros xerminais. As células dendríticas foliculares están entre os principais produtores da quimiocina CXCL13, que atrae e organiza ás células linfoides.[8]

Captura e presentación de antíxenos ás células B de memoria

[editar | editar a fonte]

Os receptores CR1, CR2 e FcγRIIb das células dendríticas foliculares atrapan os antíxenos que foron opsonizados polo complemento ou por anticorpos. As células dendríticas foliculares deben presentar antíxenos ás células B dos centros xerminais para que estas sexan seleccionadas como futuras células B de memoria (de longa vida, que actuarán na resposta inmunitaria secundaria), porque doutro modo entrarán en apoptose.

Eliminación de refugallos

[editar | editar a fonte]

Ao segregaren o factor ponte Mfge8, que entrelaza as células apoptóticas e os fagocitos, as células dendríticas foliculares promoven unha eliminación selectiva de refugallos celulares nos centros xerminais.[9][10]

Prevención da autoinmunidade

[editar | editar a fonte]

O factor Mfge producido nos tecidos linfoides principalmente polas células dendríticas foliculares intensifica a fagocitose de células apoptóticas. O déficit deste factor en ratos orixina un estado que lembra o lupus eritematoso sistémico. Ademais, os ratos que carecen de linfotoxina ou de receptores de linfotoxina están desprovistos de células dendríticas foliculares, e desenvolven infiltracións linfocíticas xeneralizadas, que suxiren o establecemento de autoinmunidade. Estes descubrimentos apuntan a que posiblemente as células dendríticas foliculares protexen ao organismo contra a autoinmunidade ao eliminaren refugallos celulares potencialmente autorreactivos dos centros xerminais.[9]

Interacción coas células B

[editar | editar a fonte]

Para xerar as estruturas foliculares, cómpre que as células dendríticas foliculares sexan estimuladas por linfotoxinas, un mediador producido polas células B. Tamén, células B non afíns a un antíxeno (noncognate B cells, que non foron activadas polo antíxeno) xogan un papel significativo como transportadoras de antíxenos ás células dendríticas foliculares. Capturan inmunocomplexos de modo dependente de CR1/2 quer directamente do sangue quer dos macrófagos, e lévano ao tecido linfoide, onde cargan as células dendríticas foliculares con antíxenos opsonizados. As células dendríticas foliculares, á súa vez, atraen as células B co quimioatractor CXCL13. As células B que carecen de CXCR5, o receptor para o CXCL13, aínda poden entrar na polpa branca, pero están mal localizadas e desorganizadas. A estimulación feita no CXCR5 das células B regula á alza a produción de linfotoxina, o que leva á activación das células dendríticas foliculares e estimula máis secreción de CXCL13, xerando así un bucle de proalimentación positivo. Isto dá lugar á formación de centros xerminais, nos que son atrapadas células B activadas polo antíxeno e experimentan mutacións somáticas, selección positiva e negativa, cambios de isotipo e diferenciación en células plasmáticas de alta afinidade e células B de memoria. A adhesión entre células dendríticas foliculares e células B está mediada por moléculas de ICAM-1 (CD54)-LFA-1 (CD11a) e VCAM-VLA-4.[3] As células B activadas con baixa afinidade para o antíxeno capturadas na superficie de células dendríticas foliculares e as células B autorreactivas sofren apoptose, mentres que as células B que se unen ás células dendríticas foliculares por medio de complexos de antíxeno sobreviven debido ao bloqueo da apoptose causado pola interacción con ditas células.

Novas investigacións

[editar | editar a fonte]

As investigacións feitas por Kristin Denzer e asociados encontraron que aínda que as células dendríticas foliculares non teñen MHC II unido ás súas membranas directamente, as microvesículas pegadas ás súas membranas conteñen ditas moléculas. O tamaño e perfil de marcadores destas microvesículas lembra ao dos exosomas. Viuse que activaban as células Th in vitro, pero in vivo esta función non está confirmada.[11]

Describíronse tumores pouco frecuentes de células dendríticas foliculares. Estes sarcomas a miúdo implican a tecido linfoide, pero nun número de casos o tumor encontrouse no fígado, conduto biliar, páncreas, tiroide, nasofarinxe, padal, submucosa do estómago e duodeno. En varios trastornos inflamatorios crónicos, as células que producen a quimiocina CXCL13 e levan marcadores de célula dendrítica folicular como VCAM-1 e CD21, localizáronse en sitios inesperados, como o tecido sinovial de pacientes con artrite reumatoide, glándulas salivares de pacientes de síndrome de Sjögren, e na pel de pacientes de pseudolinfoma de células B.[3] As células dendríticas foliculares participan no desenvolvemento da infección por VIH-1 ao proporcionaren refuxio ao virus[12][13] e ao estimularen a replicación do virus en células monocíticas infectadas próximas por un mecanismo de sinalización celular por vía xustácrina.[14] Hai tamén algunhas evidencias de que as células dendríticas foliculares poden promover a replicación e neuroinvasión de prións.[15]

  1. Liu Y, Grouard G, de Bouteiller O, Banchereau J (1996). "Follicular dendritic cells and germinal centers". Int Rev Cytol. International Review of Cytology 166: 139–79. ISBN 978-0-12-364570-8. PMID 8881775. doi:10.1016/S0074-7696(08)62508-5. 
  2. 2,0 2,1 Banchereau J, Steinman RM (1998). "Dendritic cells and the control of immunity". Nature 392: 245–52. PMID 9521319. doi:10.1038/32588. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 van Nierop K, de Groot C (2002). "Human follicular dendritic cells: function, origin and development". Semin Immunol 14 (4): 251–7. PMID 12163300. doi:10.1016/S1044-5323(02)00057-X. 
  4. 4,0 4,1 Male D, Brostoff J, Roth D, Roitt I (2007). Immunology, 7th edition. ISBN 978-0-323-03399-2. 
  5. Kapasi ZF, Qin D, Kerr WG, Kosco-Vilbois MH, Shultz LD, Tew JG, Szakal AK (1998). "Follicular dendritic cell (FDC) precursors in primary lymphoid tissues". The Journal of Immunology 160 (3): 1078–84. PMID 9570519. 
  6. Wang Y, Wang J, Sun Y, Wu Q, Fu YX (2001). "Complementary effects of TNF and lymphotoxin on the formation of germinal center and follicular dendritic cells". J Immunol 166 (1): 330–7. PMID 11123309. 
  7. Ettinger R, Mebius R, Browning JL, Michie SA, van Tuijl S, Kraal G, van Ewijk W, McDevitt HO (1998). "Effects of tumor necrosis factor and lymphotoxin on peripheral lymphoid tissue development". Int Immunol 10 (6): 727–41. PMID 9678753. 
  8. Cyster JG (2010). "B cell follicles and antigen encounters of the third kind.". Nat Immunol. 11 (11): 989–96. PMID 20959804. doi:10.1038/ni.1946. 
  9. 9,0 9,1 Aguzzi A, Krautler NJ. (2010). "Characterizing follicular dendritic cells: A progress report.". Eur J Immunol. 40 (8): 2134–8. PMID 20853499. doi:10.1002/eji.201040765. 
  10. Kranich J, Krautler NJ, Heinen E, Polymenidou M, Bridel C, Schildknecht A, Huber C, Kosco-Vilbois MH, Zinkernagel R, Miele G, Aguzzi A. (2008). "Follicular dendritic cells control engulfment of apoptotic bodies by secreting Mfge8.". J Exp Med. 205 (6). PMID 18490487. doi:10.1084/jem.20071019. 
  11. Kristin Denzer, Marco van Eijk, Monique J. Kleijmeer, Eva Jakobson, Cornelis de Groot and Hans J. Geuze. Follicular Dendritic Cells Carry MHC Class II-Expressing Microvesicles at Their Surface. The Journal of Immunology. August 1, 2000, vol. 165, no. 3 1259-1265. [1]
  12. Cavert W, Notermans DW, Staskus K, Wietgrefe SW, Zupancic M, Gebhard K, Henry K, Zhang ZQ, Mills R, McDade H, Schuwirth CM, Goudsmit J, Danner SA, Haase AT (1997). "Kinetics of response in lymphoid tissues to antiretroviral therapy of HIV-1 infection". Science 276 (5314): 960–4. PMID 9139661. doi:10.1126/science.276.5314.960. 
  13. Pantaleo G, Graziosi C, Demarest JF, Butini L, Montroni M, Fox CH, Orenstein JM, Kotler DP, Fauci AS (1993). "HIV infection is active and progressive in lymphoid tissue during the clinically latent stage of disease". Nature 362 (6418): 355–8. PMID 8455722. doi:10.1038/362355a0. 
  14. Ohba K, Ryo A, Dewan MZ, Nishi M, Naito T, Qi X, Inagaki Y, Nagashima Y, Tanaka Y, Okamoto T, Terashima K, Yamamoto N (2009). "Follicular dendritic cells activate HIV-1 replication in monocytes/macrophages through a juxtacrine mechanism mediated by P-selectin glycoprotein ligand 1". J Immunol 183: 524–32. PMID 19542463. doi:10.4049/jimmunol.0900371. 
  15. Montrasio F, Frigg R, Glatzel M, Klein MA, Mackay F, Aguzzi A, Weissmann C (2000). "Impaired prion replication in spleens of mice lacking functional follicular dendritic cells". Science 288 (5469): 1257–9. PMID 10818004. doi:10.1126/science.288.5469.1257. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]