Libro (anatomía)
O libro ou, tecnicamente, omaso [1], é o terceiro dos preestómagos dos animais ruminantes, caracterizado polas longas láminas que tapizan a súa mucosa interna, que semellan as follas dun libro.
Descrición
[editar | editar a fonte]Ten unha forma esférica, lixeiramente aplanada lateralmente [2], cunha capacidade de 11-12 litros, na vaca; situado á altura da 9ª-12ª vértebra dorsal, no terzo medio da cavidade abdominal, entre o rume e o fígado. Na zona da abertura ó rume a víscera é un pouco máis estreita e forma unha especie de colo.
A mucosa interna é característica e explica os nomes metafóricos que recibe esta víscera: libro, cenfollas [3], entrefollo ou salterio [4]. Desde o bordo lateral, a mucosa emite cara ao centro da víscera numerosos e apertados pregos lonxitudinais, ordenados en series regulares, que forman amplas láminas a modo das follas dun libro. Na vaca, o número de láminas alcanza cifras de 96 a 112; na ovella, 72 a 80; e na cabra, 80 a 88.
Hai catro tipos distintos de láminas, segundo a súa altura: grandes, medianas, pequenas e moi pequenas. A altura de cada folla é variable, sempre maior cara a metade da súa lonxitude. Son máis grosas na base e no bordo libre que no resto da lámina. As superficies laterais das láminas están cubertas de pequenas papilas, duns 5 mm no caso da vaca.
As láminas, que enchen practicamente toda a cavidade, deixan un espazo entre os bordos libres e o fondo do omaso polo que avanza o alimento cara ao calleiro. Neste fondo fórmanse dúas cristas na dirección desde o retículo ó calleiro. Estas cristas, cubertas de papilas ásperas e altas, delimitan o suco do libro, de fondo liso ou con papilas pequenas.
Fisioloxía
[editar | editar a fonte]No libro remata a fermentación que se iniciou nos preestómagos anteriores. O contido estomacal, ó paso por esta víscera, sofre unha nova trituración nun proceso de dixestión mecánica. A superficie da víscera, aumentada considerablemente con estas láminas, permite a reabsorción do exceso de líquido do contido dixestivo, antes de ser conducido ó calleiro para ser obxecto da verdadeira dixestión, de tipo bioquímico.
Usos gastronómicos
[editar | editar a fonte]Os preestómagos (rume, retículo e libro), forman parte na cortadoría dos miúdos brancos, e aprovéitanse para elabora-los callos. Véndense conxuntamente baixo nome colectivo de ventre.
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]- O pai que a súa filla quixer casar, déalle o cenfollas a lavar.
- O que a súa filla queira casar, díalle un cenzafollo a lavar.
- Quen a súa filla quixer casar, déalle o centofollas/ centifollo a lavar.
Os refráns fan referencia á dificultade de limpar correctamente esta víscera, separando e lavando folla a folla. A moza que o saiba facer demostra que pode gobernar unha casa.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- FERRO RUIBAL, Xesús, e BENAVENTE JAREÑO, Pedro: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela 2010.
- GLOOBE, Hanan: Anatomía aplicada del bovino [1]
- KOLB, Erich: Fisiología veterinaria. Acribia, Zaragoza 1976.
- SCHWARZE, E.: Compendio de anatomía veterinaria. II: Sistema visceral. Acribia, Zaragoza 1970.