Agonalia
Na tradición relixiosa da Antiga Roma, as Agonalia ou Agonia era unha festa celebrada varias veces ao ano en honra de varias divindades, como Xano e Agonio, a quen os romanos adoitaban invocar ao emprender calquera negocio de importancia. A palabra procede de agonia, ‘vítima’, ou de agonium, ‘festa’.
A súa institución, como a doutros ritos e cerimonias relixiosos, era atribuída a Numa Pompilio. Sábese grazas aos antigos calendarios que se celebraba nos seguintes días: 9 de xaneiro, 21 de maio e 11 de decembro[1]. A estes probabelmente deba engadirse o 17 de marzo, día en que se celebraban as Liberalia, dado que esta festa tamén era chamada Agonia ou Agonium Martiale.
Propósito
[editar | editar a fonte]O propósito desta festa foi un punto discutido entre os propios antigos, pero como Hartung observou, cando se lembra que a vítima que se ofrecía era un carneiro, que a persoa que a ofrecía era o rex sacrificulus e que o lugar onde era ofrecida era a Regia, non hai demasiada dificultade para entender a súa importancia[2]. O cordeiro era a vítima que normalmente se presentaba aos deuses gardiáns do estado, e o rex sacrificulus e a Regia só podía empregarse para tales como as relacionadas coas deidades máis elevadas e que afectaban a todo o estado. Considerando o sacrificio baixo esta luz, pode verse a razón de que se ofrecese varias veces ao ano.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A etimoloxía do nome foi tamén un asunto de moita disputa entre os antigos, e as diversas etimoloxías que se propuxeron foron longamente detalladas por Ovidio[3] e Varrón[4]. Con todo, ningunha delas é completamente satisfactoria.
Sábese de sobra que o monte Quirinal se chamaba orixinalmente Agonus e a Porta Collina, Agonensis. É probábel, pois, que o sacrificio fose orixinalmente ofrecido neste outeiro, e que por tanto dela recibise o nome. Afírmase expresamente que o sacrificio era ofrecido na Regia ou domus regis, que na época histórica estaba situada ao final da Vía Sacra, cerca do arco de Tito. Pero anteriormente un autor antigo afirmou que estivo no Quirinal, o que dá forza á hipótese.
Moitos autores modernos supoñen que o Circus Agonensis, como se lle chama, ocupou o lugar da actual Piazza Navona, e que foi construído polo emperador Alexandre Severo sobre o punto onde se sacrificaba as vítimas nas Agonalia. Con todo, outros autores achegaron boas razóns para cuestionar se se tratou realmente dunha praza, e demostraron que non hai fontes para lle dar o nome de Circus Agonensis.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Smith, W.; Wayte, W.; Marindin, G. E., eds. (1890–91). «Agonalia». Dictionary of Greek and Roman Antiquities. (3.ª ed. rev.). Londres: John Murray. OCLC 568755510..
- Varios autores (1910-1911). «Agonalia». En Chisholm, Hugh. Encyclopædia Britannica. A Dictionary of Arts, Sciences, Literature, and General information (en inglés) (11.ª edición). Encyclopædia Britannica, Inc.; actualmente en dominio público.
- Este artigo incorpora texto da Cyclopaedia de 1728 (dominio público).