Cetáceos
Cetáceos Cetacea Rango fósil: eoceno - holoceno (presente) | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Xibardo | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Subordes | |||||||||||||||||||
Os cetáceos (Cetacea) son unha orde de mamíferos completamente adaptados á vida acuática. O nome destes animais procede do latín cetus (balea, grande animal mariño), e este do grego antigo κήτος kétos (peixe grande)[1].
En 1988, Rice recoñecía 83 especies e 42 subespecies. Posteriormente houbo un consenso ao considerar tres, e non unha, especies de balea franca, pasando a ser consideradas un total de 85 especies, reducíndose o número de subespecies a 41[2]:5. Case todas as especies son animais mariños, que inclúen baleas, cachalotes, candorcas, golfiños, arroaces, toniñas etc., agás 7 especies de golfiños de auga doce[2]:8, se ben un destes últimos, o baiji, está declarado formalmente extinto[3]. Todas estas especies agrúpanse en dúas subordes, o dos misticetos e o dos odontocetos. Unha terceira suborde extinta, os arqueocetos, son os antepasados das modernas baleas.
Entre os misticetos están os animais vulgarmente chamados baleas, os máis grandes do mundo. Aínda que o termo balea debe reservarse ós integrantes da familia Balaenidae, úsase tamén para referirse a outras especies non pertencentes á familia dos balénidos e incluso tamén para cetáceos con dentes, como é o caso da denominación de balea asasina para a candorca (que nin é balea nin é asasina), de balea de esperma para o cachalote ou de balea piloto para o caldeirón.
Na suborde dos odontocetos están os golfiños e as candorcas, con frecuencia criados en catividade e adestrados para serviren de espectáculo, práctica non exenta de polémica que moita xente reclama sexa erradicada, como se fixo en Francia[4].
Morfoloxicamente, presentan un corpo fusiforme, semellante ós dos peixes, que os fai máis hidrodinámicos. As patas anteriores transformáronse en aletas, mentres que as posteriores desapareceron como tales, aínda que quedan algúns ósos vestixiais non unidos á pelve e ocultos dentro do corpo. A aleta caudal é horizontal e divídese en dous lóbulos. Xeralmente carecen de pelo e teñen unha capa de tecido adiposo debaixo da pel para manter a calor corporal en augas frías. O tamaño dos cetáceo vai desde 1 m e 50 kg do golfiño de Maui aos 29,9 m e 173 toneladas da balea azul[5], que é o animal máis grande que xamais existiu na Terra, mesmo maior cos renomeados dinosaurios. Algunhas especies mostran dimorfismo sexual. Aínda que non son tan flexibles ou áxiles coma as focas, os cetáceos poden nadar moi rápido, así a candorca é capaz de trasladarse a 35 km/h en períodos curtos de tempo, e o rorcual común pode manter unha velocidade de 30 km/h. Os golfiños poden facer xiros moi axustados mentres nadan a gran velocidade[6]. Os misticetos teñen vibrisas na súa boca, a diferenza das baleas dentadas. Os cetáceos teñen uns sentidos moi desenvolvidos: a vista e o oído están adaptados tanto para a auga como para o aire, e as baleas teñen un sistema táctil nas súas vibrisas. Algunhas especies están ben adaptadas para mergullarse a grandes profundidades.
Os grandes cetáceos foron obxecto da caza comercial durante séculos, como un recurso mariño máis, ata poñelos en perigo de extinción. Aínda hoxe algúns países coma o Xapón, Noruega ou Islandia seguen cazando baleas para comer a súa carne, escudándose no argumento da caza científica. Puntualmente tamén se cazaron os golfiños, tanto para aproveitar a carne como por consideralos inimigos dos pescadores e aínda hoxe o fan no Xapón, os inuit (esquimós) do Canadá ou nas illas Feroe en Dinamarca.
A rama da bioloxía que estuda estes animais é a cetoloxía.
Características
[editar | editar a fonte]Externamente posúen un corpo pisciforme, adaptado á vida acuática, con amplas variacións no tocante ó tamaño (desde as toniñas de ó redor dun metro de lonxitude ata a balea azul, de ata 30 metros e 180 toneladas, o animal máis grande coñecido), a forma da cabeza e o tamaño das aletas.
Os cetáceos, coma tódolos demais mamíferos, son animais de sangue quente (endotérmicos), respiración pulmonar e reprodución vivípara (paren e aleitan as súas crías). A presenza de pelo sobre a pel é vestixial e só se observa, moi ralo, nos fetos. As extremidades anteriores transformáronse en aletas pectorais (sen función locomotriz) e as posteriores atrofiáronse case totalmente, quedando unicamente un pequeno óso pélvico no abdome.
O rabo transformouse nunha aleta caudal que, a diferenza dos peixes, é horizontal. Esta aleta caudal é o mecanismo que utilizan para propulsarse e desprazarse. Presentan tamén unha aleta dorsal, sen base ósea, que pode ser moi destacada (como na candorca) ou inexistente (como na balea vasca ou na beluga).
O problema da respiración pulmonar nun medio acuático resolvérono mediante a transformación do cranio, alongado en horizontal, e a migración dos orificios nasais (narinas ou aventadores) á cara superior da cabeza. Os misticetos (baleas e rorcuais) posúen dous orificios nasais mentres que os odontocetos (golfiños, cachalote etc.) só presentan un. Outras transformacións fisiolóxicas permítenlles espazar extraordinariamente os movementos respiratorios e permanecer períodos prolongados de tempo baixo a auga (o cachalote, por exemplo, pode permanecer baixo a auga ata dúas horas sen necesitar saír á superficie para respirar).
Carecen de aparato auditivo externo e só teñen uns pequenos orificios detrás dos ollos e, ademais, en moitas especies estes condutos están obstruídos. Aínda así posúen un sentido do oído moi desenvolvido e son quen de determina-la orixe dos sons baixo o mar grazas ó seu sistema de ecolocalización. Tamén poden comunicarse entre si mediante un amplo repertorio de sons, que varían, segundo a especie e a familia, entre breves chasquidos a cancións prolongadas.
Evolución
[editar | editar a fonte]A orixe dos cetáceos hai que buscala en mamíferos terrestres normais de hábitos anfibios, probablemente durante o Eoceno, hai entre 55 e 34 millóns de anos. Concretamente, evolucionaron a partir de mamíferos da orde dos artiodáctilos (mamíferos provistos de dedos articulados), hoxe representados polas vacas, cabalos, porcos, hipopótamos etc.
Os fósiles máis antigos de animais con características propias dos cetáceos pertencen ós arqueocetos (Archaeoceti). Descubríronse exemplares de diferentes tipos, entre os 2 e os 21 m de lonxitude, con corpo fusiforme, aletas anteriores con forma de remo, presenza de aleta dorsal e un pedúnculo caudal longo. Habitaban zonas pantanosas costeiras e mares pouco profundos. Extinguíronse hai uns 30 millóns de anos.
Clasificación taxonómica
[editar | editar a fonte]A orde dos cetáceos foi descrita en 1792 polo zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson,[7] na súa obra Regnum animale in classes IX distributum sive Synopsis methodica. Haak, París, Leiden 1756–1762.
Os cetáceos divídense tradicionalemente en tres subordes[7] (ou superfamilias para algúns autores),[8] unha xa extinta e dúas con especies actualmente viventes:[7]
Porén, modernamente moitos autores inclúenos na nova orde dos cetartiodáctilos (Cetartiodactyla), na suborde dos cetancodontamorfos (Cetancodonta), coa categoría sistemática de infraorde.[8] (Ver Cetartiodáctilos).
Aquí seguimos a clasificación tradicional.
Orde Cetacea Brisson, 1792
- Suborde Archaeoceti, Flower, 1883 (extinta)
- Suborde Mysticeti Flower, 1864 (cetáceos con barbas )[9]
- Familia Balaenidae: balea vasca
- Familia Neobalaenidae: balea anana
- Familia Balaenopteridae: rorcuais
- Familia Eschrichtiidae: balea gris
- Suborde Odontoceti Flower, 1867 (cetáceos con dentes)[10]
- Familia Physeteridae: cachalote
- Familia Kogiidae: cachalote pigmeo
- Familia Monodontidae: narval
- Familia Ziphiidae: zifios
- Familia Delphinidae: candorca, golfiños, arroaces e caldeiróns
- Familia Phocoenidae: toniñas
- Familia Platanistidae: golfiños da India
- Familia Iniidae: golfiño do Amazonas
- Familia Pontoporiidae: golfiño do río Yangtzé
Alimentación
[editar | editar a fonte]A dieta dos cetáceos é moi variada, o que determina importantes transformacións na dentición. Atendendo ás características desta clasifícanse en dúas subordes:
- Misticetos ou, antes, mistacocetos (Mysticeti): sen dentes pero dotados dunhas estruturas no maxilar superior, chamadas barbas ou baleas, coas que filtran a auga e reteñen os pequenos peixes ou crustáceos (krill) que constitúen o seu alimento. A boca é grande e moi ancha.
- As barbas dos misticetos están constituídas de queratina (a mesma substancia que forma as nosas uñas ou o pelo). Penduran do bordo da mandíbula superior pechando a cavidade bucal. O sistema que utilizan é avanzar coa boca aberta e enchela dun gran volume de auga (no que axuda a dilatación da pel da gorxa). A seguir, pechan a boca e coa axuda da lingua expulsan a auga, que é filtrada polas barbas retendo todos os animais que viñan nela.
- Odontocetos (Odontoceti): dotados dun número variable de dentes, segundo a especie. Son animais cazadores que se alimentan de peixes, cefalópodos ou, no caso da candorca, de aves, focas ou outros cetáceos. A boca pode describirse como fina ou aguzada.
- Os odontocetos (golfiños, arroaces, candorcas etc.) posúen normalmente un elevado número de dentes (ata 160-180 no caso do golfiño común) distribuídos de forma simétrica en ambas as mandíbulas, pero hai especies que só teñen dentes na mandíbula inferior (coma o cachalote) e noutras chegan a faltar totalmente ou a perder a funcionalidade (como nos zifios ou no narval).
- A dentición dos cetáceos con dentes é homodonta (todos os dentes son iguais, non diferenciados en incisivos, caninos e molares) e utilízase exclusivamente para atrapar as presas, que tragan enteiras, sen mastigar. A candorca, que caza animais de gran tamaño como focas ou outros cetáceos pequenos, arrancan porcións de carne do tamaño adecuado para engulila.
Reprodución
[editar | editar a fonte]Os cetáceos son vivíparos: paren as súas crías vivas. Paren unha soa cría de cada vez aínda que se coñecen casos excepcionais de partos e xestacións dobres. As crías acabadas de nacer deben saír axiña á superficie, a respirar, acto no que son axudados pola nai ou por outras femias do mesmo grupo familiar.
En Galicia
[editar | editar a fonte]Mistacocetos
[editar | editar a fonte]Sociedade Galega de Historia Natural
[editar | editar a fonte]A Sociedade Galega de Historia Natural menciona, na súa Lista padrón (provisoria) dos verberados de Galicia, publicada no Tomo I: O medio da Xeografía de Galicia de Pérez Alberti,[11] a cinco das sete especies de rorcuais, cos nomes galegos que se indican:
- Balaenoptera physalus — rorcual de Bryl [?] [12]
- Balaenoptera borealis — rorcual boreal
- Balaenoptera acutorostrata — rorcual alibranco
- Megaptera novaeangliae — rorcual xibarte
- Sibbaldus musculus (sinónimo de Balaenoptera musculus)[13] — rorcual azul
Vocabulario multilingüe de Lahuerta e Vázquez
[editar | editar a fonte]Os profesores Fernando Lahuerta e Francisco X. Vázquez recollen, no seu Vocabulario multilingüe,[14] seis especies de rorcuais (o que implica que non forzosamente todas elas teñan que frecuentar, máis ou menos esporadicamente, as costas próximas a Galicia, aínda que si poidan ter nomes galegos):
- Balaenoptera acutorostrata — rorcual alibranco
- Balaenoptera musculus — rorcual azul
- Balaenoptera edeni — rorcual de Bryde [15]
- Balaenoptera physalis (sic, por physalus) — rorcual común
- Balaenoptera borealis rorcual de pintas
- Megaptera novaeangliae — rorcual xibardo
Guía dos mamíferos de Galicia de Díaz d'a Silva e Cartelle
[editar | editar a fonte]Pola súa parte, Díaz d'a Silva e Cartelle, na Guía dos mamíferos de Galicia,[16] consideran como presentes nas nosas costas, algunhas accidentalmente, ás mesmas cinco especies, aínda que con nomes galegos algo diferentes:
- Balaenoptera acutorostrata — balea alibranca
- Balaenoptera borealis — balea de pintas
- Balaenoptera musculus — balea azul
- Balaenoptera physalus — balea común
- Megaptera novaeangliae — balea xibardo
Odontocetos
[editar | editar a fonte]Sociedade Galega de Historia Natural
[editar | editar a fonte]Na lista provisoria anteriormente citada sinálanse as especies seguintes:[17]
- Tursiops truncatus — arroás real
- Steno bredanensis — golfiño gallado
- Stenella euphosyne — golfiño riscado
- Stenella dubia — golfiño apencado
- Delphinus delphis — golfiño común
- Lagenorhynchus acutus — arroás
- Lagenorhynchus albirrostris — arroás
- Grampus griseus — arroás boto
- Pseudorca crassidens — negrón
- Globicephala melaena [18] — caldeirón
- Orcinus orca — candorca
- Phocaena phocaena [19] — toniña
- Physeter macrocephalus — cachalote común
- Kogia breviceps — cachalote pequeno [20]
- Ziphius cavirrostris [21] — zifio de Cuvier
- Mesoplodon bidens — zifio de Sowerby
- Mesoplodon mirus — zifio de True
- Mesoplodon europaeus — zifio de Gervais
- Mesoplodon densirostris — zifio de Blainville
- Mesoplodon grayi - zifio de Gray
- Hyperoodon ampullatus — zifio caldeirón
Guía dos mamíferos de Galicia de Díaz d'a Silva e Cartelle
[editar | editar a fonte]Na citada Guía de d'a Silva e Cartelle inclúense, como visitantes das augas galegas, as segunies especies:[22]
- Tursiops truncatus — arroaz real
- Stenella coeruleoalba — golfiño riscado
- Delphinus delphis — golfiño común
- Lagenorhynchus acutus — arroaz pinto
- Grampus griseus — arroaz boto
- Pseudorca crassidens — negrón
- Globicephala macrorhynchus — caldeirón tropical
- Globicephala melas — caldeirón comúm
- Orcinus orca — candorca
- Phocoena phocoena — toniña
- Physeter macrocephalus — cachalote
- Kogia breviceps — cachalote pequeno
- Mesoplodon bidens — cifio de Sowerby
- Mesoplodon mirus — cifio de True
- Mesoplodon europaeus — cifio de Gervais
- Mesoplodon densirostris — cifio de Blainville
- Zyphius cavirostris — cifio de Cuvier
- Hyperoodon ampullatus — cifio caldeirón
Nomes propostos por Lahuerta e Vázquez para as especies citadas nos apartados anteriores
[editar | editar a fonte]Lahuerta e Várquez, no seu Vocabulario multilingüe, propoñen os seguintes nomes:
- Delphinus delphis — golfiño común
- Globicephala melaena [18] — caldeirón comúm
- Grampus griseus — arroaz boto
- Lagenorhynchus acutus — arroaz pinto
- Lagenorhynchus albirostris — arroás careto
- Pseudorca crassidens — negrón
- Stenella coeruleoalba — golfiño riscado
- Tursiops truncatus — arroaz cabeza de botella (sinónimos: arroaz corvineiro, arroaza real)
- Phocoena phocoena — toniña
Os cetáceos na cultura popular
[editar | editar a fonte]Refraneiro
[editar | editar a fonte]- A balea é un animal de moita chea.
- A candorca leva ou trae/trai.
- Arroaces na ría, moita sardiña.
- Arroaces na ría, boureles tiran.
- ¡Balea!, levanta a pata e mea.
- Balea no mar, a pescar [23].
- Cando as candorcas saltan, o bo tempo espanta.
- Cando os golfiños saltan, vento traen ou a calma espantan.
- Candorcas na ría, arroaces á costa.
- Golfiños a choutar, acaba o calmo no mar[24].
- Golfiños que moito saltan, vento traen e a calma espantan.
- Os arroaces brincan no mar, forte norte van dar [25].
- Os arroás na ría, miña nai, para a casa.
- Tramalleiros ó mar, arroaces ó par.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ranneft, D. M.; Eaker, H.; Davis, R. W. (2001). "A guide to the pronunciation and meaning of cetacean taxonomic names" (PDF). Aquatic Mammals (en inglés) 27 (2): 185. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de xullo de 2020. Consultado o 17 de outubro de 2018.
- ↑ 2,0 2,1 Reeves, Randall R.; Smith, Brian D.; Crespo, Enrique A.; di Sciara, Giuseppe Notarbartolo (2003). IUCN/SSC Cetacean Specialist Group, ed. 2002–2010 Conservation Action Plan for the World’s Cetaceans. Dolphins, Whales and Porpoises (PDF) (en inglés). ISBN 2-8317-0656-4. Archived from the original on 14 de xullo de 2007. Consultado o 17 de outubro de 2018.
- ↑ BBC Mundo, ed. (13/12/2006). "Declaran "extinto" al delfín chino" (en castelán). Consultado o 17 de outubro de 2018.
- ↑ Sergio Ferrer (10/05/2018). "Por qué España debe prohibir los delfinarios como ha hecho Francia". El Confidencial (en castelán). Consultado o 17 de outubro de 2018.
- ↑ Committee on the Status of Endangered Wildlife in Canada, ed. (2002). "Assessment and Update Status Report on the Blue Whale Balaenoptera musculus" (PDF) (en inglés). Consultado o 19 de abril de 2007.
- ↑ Fish, Frank E. (2002). "Balancing Requirements for Stability and Maneuverability in Cetaceans". Integrative and Comparative Biology (en inglés) 42 (1): 85–93. PMID 21708697. doi:10.1093/icb/42.1.85.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Cetacea en MSW.
- ↑ 8,0 8,1 Cetacea no WoRMS.
- ↑ Mysticeti Flower, 1864 no WoRMS.
- ↑ Odontoceti Flower, 1867 no WoRMS.
- ↑ Pérez Alberti, A. (dir.) (1982), p. 210.
- ↑ Talvez rorcual de Bryde?
- ↑ Natural History Museum do Reino Unido
- ↑ Lahuerta e Vázquez (2000), p. 309.
- ↑ Véxase máis arriba a Nota taxonómica sobre o rorcual de Bryde.
- ↑ Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), pp. 130-134.
- ↑ Pérez Alberti, A. (dir.) (1982), p. 209.
- ↑ 18,0 18,1 Hoxe clasificada como Globicephala melas
- ↑ Erro por Phocoena phocoena
- ↑ A SGHN inclúe esta especie na familia dos fisetéridos.
- ↑ Erro por Ziphius cavirostris
- ↑ Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), pp. 112-133.
- ↑ Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 2.
- ↑ Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 5.
- ↑ Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 7. Outras variantes rematan en vai dar ou vai entrar.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cetáceos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carwardine, M. (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-1037-3.
- Díaz d'a Silva, J. I. e Cartelle, Y. (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-96893-20-7.
- Duguy, R. e Robineau, D. (1987): Guía de los mamíferos marinos de Europa. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0811-5.
- Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 978-84-453-2913-8.
- Pérez Alberti, A. (dir.) (1982): Xeografía de Galicia. Tomo I. O medio. A Coruña: Edicións Sálvora. ISBN 978-84-85779-12-6.
- Perrin, William F., Bernd Wursig & J. G. M. Thewissen (eds.) (2002): Encyclopedia of Marine Mammals. 2ª ed. San Diego: Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9.
- Schokkenbroek, Joost C. A. (2008): Trying-out: An Anatomy of Dutch Whaling and Sealing in the Nineteenth Century, 1815-1885. Amsterdam: Aksant Academic Publishers. ISBN 978-90-5260-283-7.
- Tönnesen, J. N. & Arne Odd Johnsen (1982): The history of modern Whaling. Londres: C. Hurst & Co. ISBN 978-0-905838-23-6; Canberra: Australian National University Press. ISBN 978-0-7081-0749-2; Berkeley, California, USA: University of California Press. ISBN 978-0-520-03973-4.
- Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds.) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-4.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Cetartiodáctilos
- Arqueocetos
- Misticetos
- Odontocetos
- Caza de baleas
- Caza de baleas en Galicia
- Mamíferos mariños