Saltar ao contido

Guinnevere

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
«Guinnevere»
de Crosby, Stills & Nash
do Álbum Crosby, Stills & Nash
Lanzamento 1969
Formato
Gravada
Xénero musical
Lingua(s)
Duración 4:39
Discográfica Atlantic Records
Produtor(es) David Crosby
Graham Nash
Stephen Stills
Escritor(es) David Crosby
Miscelanea {{{miscelanea}}}

"Guinnevere" é unha canción escrita por David Crosby en 1969. A canción aparece en Crosby, Stills & Nash o álbum de debut do grupo. A canción é sobranceira pola súa melodía serena aínda que contrapunteada e pola súa letra, que compara a Raíña Guinevere coa amada do cantante, á que se refire como "mi'lady".

Esta canción podería ser unha homenaxe a unha moza de Crosby morta en accidente de circulación.

Composición

[editar | editar a fonte]

Nunha entrevista para a revista Rolling Stone, Crosby declarou: "Esa é unha canción moi infrecuente, cunha tonalidade singular (EBDGAD), con cambios de tempo nada comúns. Trata de tres mulleres que me engaiolaron. Unha era Christine Hinton —a moza morta en accidente—, outra era Joni Mitchell e unha terceira, alguén de quen non quero falar. Podería ser a miña mellor canción."

A canción tamén trata da importancia de liberdade. Fala da Raíña Guenevra desde a perspectiva dun home que se dirixe a unha muller; especulouse que Crosby escribiu sobre ela desde a perspectiva de Lanzarote. "Guinnevere" tamén se podería referir a Nancy Ross, que viviu con David Crosby e (segundo o autor David McGowan) debuxaba pentagramas na parede. Esta última abandonou a Crosby en 1966 por Gram Parsons, descendente dun magnate dos cítricos de Florida e un dos músicos norteamericanos máis influentes na década de 1960. Estes feitos fan máis crible a teoría "Nancy Ross", xa que na canción Crosby di que Guinnevere "debuxou pentagramas" e que "os pavos daban voltas debaixo dunha laranxeira."[1][Cómpre referencia]

  • David Crosby–vocalista, guitarras
  • Graham Nash–coros

Versións

[editar | editar a fonte]

Miles Davis fixo unha versión da canción nunha gravación realizada o 27 de xaneiro de 1970. A peza apareceu posteriormente no LP Circle in the Round, publicado en 1979. Tamén está dispoñible en The Complete Bitches Brew Sessions. Segundo unha entrevista de 2016 feita a David Crosby por Marc Maron, Davis interpretou a peza para Crosby na casa do primeiro antes de gravala. Crosby non recoñeceu ningún parecido entre a versión de Davis e a súa composición e Davis botouno fóra da casa.[2]

Posteriormente, tamén en 1970, Herbie Mann gravou outra versión, que apareceu o ano seguinte no seu LP Memphis Two-Step.

Moi serodiamente, en 2017, Crosby escribiu que xa non pensaba o mesmo sobre a composiicón de Miles Davis: "Ao cabo... Despois de tantos anos de non entendelo... Escoitei a Miles e a súa banda interpretando 'Guinevere'... E conseguiuno..."[3]

Presenza na cultura galega

[editar | editar a fonte]

O poemario Álbum da cuarta dimensión (Chan da Pólvora, 2020), de Carlos Lema, inclúe na súa primeira parte, titulada "Homenaxe", o poema "Guinnevere", que recolle o retrouso "mi'lady like yours" da canción de David Crosby. O poema tamén recrea o mesmo asunto da canción pois está dedicado a artista plástica e gravadora Susana Roca, falecida en novembro de 2019, pouco antes da publicación do libro.

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2015. Consultado o 10 de xullo de 2018. 
  2. http://www.wtfpod.com/podcast/episode-751-david-crosby
  3. "David Crosby on Twitter". Twitter. Consultado o 2018-07-11. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]