Saltar ao contido

Iconoclasta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Iconoclastas»)

Un iconoclasta é unha persoa que se opón á veneración de imaxes ou ídolos. Etimoloxicamente, o termo refírese a quen esnaquiza iconas, é dicir, pinturas ou esculturas sagradas. Un exemplo de iconoclastas foi a tradición bizantina, especialmente León III, que ordenou a destrución de todas as representacións de Xesús, a Virxe María e, especialmente, todos os Santos.

En linguaxe coloquial, utilízase tamén para referirse a aquela persoa que vai ao contraxeito e cuxo comportamento é contrario aos ideais, normas ou modelos da sociedade actual ou á autoridade de mestres dentro desta, sen que implique unha connotación negativa da súa figura.

Os movementos iconoclastas adoitan ter a finalidade de acabaren entre a poboación cos ritos ou adoracións pagás que permanezan disfrazados na relixión dominante.

Os movementos máis intensos a favor dos iconoclastas déronse no cristianismo bizantino e na relixión musulmá.

A iconoclastia é un fenómeno que pode aparecer en diferentes relixións, pero adoitan ser o resultado de disputas entre faccións dunha mesma relixión.

Iconoclastas no ámbito bizantino

[editar | editar a fonte]

O emperador León III o Isaurio mandou destruír toda representación cristiá de figuras relixiosas ou do evanxeo en 730.

O seu fillo, Constantino V (741-775) herdou un grave enfrontamento entre a poboación maiormente a favor do uso de imaxes e a postura oficial, que finalmente concluíu utilizando o seu poderío militar.

Tralo Segundo Concilio de Nicea no 787 afirmouse a veneración de iconas, baseándose na encarnación de Xesús Cristo en home.

O emperador León V (813-820) instaurou un segundo período de loitas no 813 e continuado polos seguintes emperadores ata Teófilo.

Ao morrer este, a súa esposa Teodora mobilizou aos iconódulos e proclamou a restauración de iconas no 843.

Iconoclastas no ámbito islámico

[editar | editar a fonte]

Os musulmáns teñen a prohibición de representar figuras humanas nas mesquitas (non a prohibición xeral do uso da figura humana).

Iconoclastas no ámbito protestante

[editar | editar a fonte]

Algúns protestantes claman pola destrución da arte católica acusándoa de idolatría (ou culto ás imaxes), debido a que os seguidores destas correntes só cren no Deus todopoderoso e vivente como única deidade verdadeira.