Saltar ao contido

Meriadoc Brandigamo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Meriadoc Brandigamo
Personaxe de O Señor dos Aneis
Creador(es) J. R. R. Tolkien
Información
Alcume Merri
Raza Hobbits
Sexo Masculino
Nacemento 2982 T. I.
Falecemento +64 C. I.
Título Señor de Gamoedo
Familia Saradoc Brandigamo (pai)
Esmeralda Tuc (mai)
Cónxuxe Estella Bocho
Residencia Brandilar, Gamoedo
Perfil en IMDb

Meriadoc Brandigamo, normalmente coñecido como Merri, é un personaxe de ficción do legendarium de J. R. R. Tolkien, que aparece na súa obra máis famosa, O Señor dos Aneis.

Merri, un Hobbit, naceu no ano 2982 da Terceira Idade, e era o único fillo (e xa que logo o herdeiro aparente) de Saradoc Brandigamo (2940–11 C.I.), Señor de Gamoedo, e Esmeralda Tuc (2936–?), irmá máis nova de Paladin Tuc, o que o convertía en curmán do fillo de Paladin, Pipin[T 1], quen tamén era o seu amigo.

Amante dos barcos e mapas da Terra Media[T 2], descríbese a Merri como un dos máis íntimos amigos de Frodo, o protagonista principal do libro. Prímula, a irmá do avó de Merri, Rorimac Brandigamo, era a nai de Frodo, de xeito que este último era tío segundo de Merri[T 3].

Aparicións

[editar | editar a fonte]

Literatura

[editar | editar a fonte]

N' O Señor dos Aneis, Merri é considerado, e descrito por Tolkien, como o máis perceptivo e intelixente dos Hobbits: por exemplo, mesmo antes de que Bilbo Bulseiro abandonase a Comarca, el xa sabía da existencia do Anel Único e dos seus poderes de invisibilidade. Custodiou Vila Bulsa despois da festa de aniversario de Bilbo, protexendo a Frodo dos diversos e a miúdo indesexados convidados[T 4]. Tiña un ar astuto e un sentido do humor burlón tan inocente e ben intencionado que resultaba ímposíbel tomalo a mal (nunha ocasión, cando Lobelia Sacovila-Bulseiro acusa a Frodo de ser un Brandigamo e non un verdadeiro Bulseiro, Merri asegúralle de que "Foi un cumprido e por iso mesmo, xaora, falso")[T 5].

Merri tamén foi un dos artífices detrás da "Conspiración" xunto con Sam, Pipin, Fredegar Bocho (máis coñecido como "Gordiño") para axudar a Frodo[T 6]. Así, no comezo d' A Irmandade do Anel, Merri estaba ben preparado e organizado —fixo os fardos do grupo e trouxo ponis[T 7]. O seu atallo a través do Bosque Vello afastounos dos Xinetes Negros durante un tempo[T 8], mais tiveron que ser rescatados das poutas de Vello Home Salgueiro polo enigmático Tom Bombadil. Nas Lombas das Antas conseguiu a súa espada, que en realidade se trataba dunha daga longa forxada no reino de Arthedain[T 9].

En Valfendido (na imaxe) Merri estuda os mapas

Ao chegaren a Prebe, Merri non estaba na troula d'O Poni Rampante cando Frodo puxo o Anel; estaba fóra dando unha volta el só, e case cae baixo o influxo dun Nazgûl.[1][T 10] En Valfendido, descríbese como estuda mapas e traza o seu rumbo. Elrond admite con reticencia a Merri e a Pipin na Irmandade do Anel.[T 11]

Na entrada de Moria preguntoulle a Gandalf o significado da inscrición da porta, que rezaba "Di, amigo e entra". Cando Gandalf descubriu o seu verdadeiro sentido, díxolle a Merri "Merri, de todos nós, era o único que ía polo bo camiño"[T 12].

En Amon Hen foi capturado xunto con Pipin por unha banda dos Uruk-hai de Saruman, malia facerlles fronte, e foi defendido con valentía por Boromir[T 13]. Após escapar xunto a Pipin cara ao interior da fraga de Fangorn, Merri foi atopado por Bárbore. El e mais Pipin beberon unha considerábel cantidade da brebaxe dos Ents, e medraron malia teren xa a altura dun hobbit adulto[T 14]. Ambos acompañaron a Bárbore á Asemblent e máis tarde a Isengarda, onde se asentaron nunha garita da muralla. Foi aquí onde coñeceu ao Rei Théoden de Rohan, e onde se reuniu con catro dos membros restantes da Irmandade[T 15][2].

Separouse de Pipin cando este ollou no palantír e foi levado a Gondor por Gandalf. Merri xurou lealdade a Théoden e converteuse no seu escudeiro[T 16]. Sen o permiso do seu señor, cabalgou cara a Gondor xunto cunha disfrazada Éowyn[T 17]. Na Batalla dos Campos de Pelennor, mentres o Rei Bruxo pelexaba con Éowyn, Merri apuñalou o Nazgûl nunha sofraxe. A súa espada fora forxada polos Dúnedain de Arnor especialmente para combater os Nazgûl, polo que fixo que o espectro fose vulnerábel ás armas normais, permitindo a Éowyn rematalo. Isto fixo que se cumprise a antiga profecía (proferida por Glorfindel) de que o Rei Bruxo non morrería a mans dun Home (destruírono unha muller e mais un hobbit)[T 18]. Merri ouviu as derradeiras palabras de Théoden, mais, como adoitaba acontecer cos hobbits, a súa presenza non foi advertida pola escolta de honra dos Rohirrim, e foi atopado por Pipin vagando na cidade. Grazas ás habilidades curativas de Aragorn, salvouse e recuperouse por completo, antes que Éowyn[T 19].

Pola súa valentía na batalla, Merri foi nomeado polo Rei Éomer Cabaleiro da Marca[1]. Ao seu regreso á Comarca, liderou os hobbits na Batalla de Ribadauga, e matou persoalmente o xefe das forzas inimigas.

Trala Guerra do Anel, Merri e Pipin volveron para casa como os hobbits máis altos, e descubriron que Saruman se apoderara da Comarca. Merri e Pipin encabezaron a revolta que acontence durante a Limpeza da Comarca. Merry comandou as forzas dos hobbits e matou o líder dos "rufiáns" de Saruman na Batalla de Ribadauga.[1][T 20]. Máis tarde Merri casou con Estella Bocho, nalgún momento posterior á fin da Terceira Idade[T 21]. Herdou o título de Señor de Gamoedo no ano 11 da Cuarta Idade e converteuse en historiador da Comarca[T 22][T 23]. Á idade de 102 anos, volveu para Rohan e Gondor con Pipin, e morreu neste último reino ao redor do ano 64 C.I.. El e mais Pipin foron soterrados xunto cos Reis de Gondor en Rath Dínen, e máis tarde movéronse as súas tumbas para xaceren ao carón de Aragorn. O fillo de Merri sucedeuno como Señor de Gamoedo[T 24].

Armas e vestimenta

[editar | editar a fonte]

Merri non levaba armas (agás por un pequeno coitelo de peto) até o seu encontro cos espectros das Lombas das Antas. Alí os Hobbits atoparon varias dagas longas Dúnedain entre o tesouro da aparición, que lles servían de espadas curtas[T 25]. Merri usou a súa para apuñalar o Rei Bruxo na sofraxe na Batalla dos Campos de Pelennor. Ao facelo a daga ficou destruída, como lle ocorría a todo gume que tocaba a carne do líder dos Nazgûl. A folla fora enfeitizada polo un armeiro anónimo de Arnor que a forxou de maneira que resultase mortal para o Rei Bruxo. Disque foi este poder o que destruíu ao Nazgûl[T 18].

Ao comezo d'A Irmandade do Anel, Merri vestía como o típico Hobbit: pantalón curto até o xeonllo, chaqueta, chaleco e capa. Após o asalto sufrido nas Lombas das Antas, perdeu as súas lixeiras roupas de verán e viuse obrigado a levar pesadas roupas de la até chegar a Valfendido[T 26]. En Lórien, recibiu unha capa élfica que outorgaba ao seu portador a capacidade de se camuflar coa súa contorna[T 27]. Merri ofreceu os seus servizos a Théoden, Rei de Rohan, e foi equipado cunha cota de malla, un helmo de coiro lixeiro e un pequeno escudo verde co emblema do cabalo branco[T 16]. Ao volver para a Comarca, dise que Merri levaba capa, cota de malla e un escudo cun fermoso emblema[T 28]. Máis tarde el e o seu amigo Peregrin Tuc adoitaban levar esta vestimenta máis formal, á diferenza de Frodo e Sam, que "volveron vestir de xeito normal"[T 29].

Adaptacións

[editar | editar a fonte]
Dominic Monaghan, o actor que interpretou a Merri nos filmes de Peter Jackon

No filme animado de Ralph Bakshi de 1978 d' O Señor dos Aneis, a voz de Merri pertencía a Simon Chandler[3].

Na versión animada d' O Regreso do Rei de 1980 producida para televisión, a voz foi prestada pola personalidade radiofónica Casey Kasem, tamén coñecido por achegar a voz do personaxe Shaggy en Scooby-Doo[4].

No serial radiofónico d' O Señor dos Aneis gravado en 1981 pola BBC, Merri foi interpretado por Richard O'Callaghan[5].

Sergey Shelgunov actuou no papel de Merri para a obra teatral rusa televisada de 1991 titulada Khraniteli,[6] e Jarmo Hyttinen foi o intérprete elixido para a miniserie finesa de 1993 Hobitit.[7]

Na triloxía cinematográfica de Peter Jackson o papel de Merri recaeu en Dominic Monaghan[8].

No musical teatral de tres horas de duración d' O Señor dos Aneis estreado en Toronto en 2006, Dylan Roberts foi o encargado de lle dar vida. Na produción teatral londiniense de 2007/2008 Merri foi interpretado por Richard Henders, substituído por Ben Evans o 23 de xuño de 2008.

David Hyden interpretou a Merri na produción de Cincinnati d' O Regreso do Rei (2003) como parte de Clear Stage Cincinnati. No Lifeline Theatre de Chicago, Merri foi interpretado por Heath Corson n' As Dúas Torres (1998).

  1. Tolkien 1955, Apéndice C, "Family Trees"
  2. Tolkien 1954a, libro 2, cap. 3 "O Anel vai cara ó sur"
  3. Tolkien 1955, Apéndice C, "Family Trees"
  4. Tolkien 1954a, libro 1, cap. 1 "Unha reunión moi esperada"
  5. Tolkien 1954a, libro 1, cap. 1 "Unha reunión moi esperada"
  6. Tolkien 1954a, libro 1, cap. 5 "Conspiración desenmascarada"
  7. Tolkien 1954a, libro 1, cap. 4 "Un atallo para ir ós cogomelos"
  8. Tolkien 1954a, libro 1, cap. 6 "O bosque vello"
  9. Tolkien 1954a, libro 1, cap. 8 "Néboa nas lombas das Antas"
  10. Tolkien 1954a, libro 1, cap. 10 "Alancadas"
  11. Tolkien 1954a, libro 2, cap. 3 "O Anel vai cara ó sur"
  12. Tolkien 1954a, libro 2, cap. 4 "Unha viaxe na escuridade"
  13. Tolkien 1954, libro 3, cap. 3 "O Uruk-Hai"
  14. Tolkien 1954, libro 3, cap. 4 "Bárbore"
  15. Tolkien 1954, libro 3, cap. 8 "O camiño de Isengarda"
  16. 16,0 16,1 Tolkien 1954, libro 5, cap. 2 "O paso da compañía gris"
  17. Tolkien 1954a, libro 5, cap. 3 "A concentración de Rohan"
  18. 18,0 18,1 Tolkien 1954a, libro 5, cap. 6 "A batalla dos campos de Pelennor"
  19. Tolkien 1954a, book 5, cap. 8 "As casas da saúde"
  20. Tolkien 1954a, libro 6 cap. 8 "Limpando a Comarca"
  21. Tolkien 1955, Apéndice C, "Bolger of Budgeford"
  22. Tolkien 1954a, Prólogo, "Nota sobre os arquivos da Comarca"
  23. Tolkien 1954, libro 3, cap. 9 "Refugallos e Reboutallos"
  24. Tolkien 1955, Apéndice B, "Later Events Concerning the Members of the Fellowship of the Ring," entrada de 1484
  25. Tolkien 1954a, libro 1, cap. 8 "Néboa nas lombas das Antas"
  26. Tolkien 1954a, libro 1, cap. 8 "Néboa nas lombas das Antas"
  27. Tolkien 1954a, libro 2, cap. 8 "Adeus a Lórien"
  28. Tolkien 1954a, libro 6 cap. 7 "De camiño a casa"
  29. Tolkien 1954a, libro 6 cap. 9 "Os portos grises"
Referencias