Saltar ao contido

Tinocóridos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Thinocoridae»)

A dos tinocóridos (Thinocoridae) é unha familia de aves da orde dos caradriformes e suborde dos escolopacios, propia de Suramérica.

Trátase de pequenos limícolas gregarios que se adaptaron a unha dieta herbívora.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A familia foi descrita en 1845 polo médico sueco, dedicado á zooloxía, Carl Jakob Sundevall.[1][2]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

O nome científico da familia está formado, como é a norma, sobre a base da raíz do nome do seu xénero tipo, Thinocorus, coa adición dos sufixo do latín científico -ĭdae, propio dos nomes das familias de animais.

En canto Thinocorus, está formado pola unión dos elementos Thin- e -corus (cun -o- epentético parta facilitar a pronuncia). O primeiro está tomado do grego antigo θιν-, thin-, "esta beira", "banco de area", e o latín vulgar -corus, derivado irregular do grego antigo κόρυς kórys "helmo", "casco", "cabeza".[3]

Casificación

[editar | editar a fonte]

A familia consta de dous xéneros, con dúas especies cada un:[1][2]

Imaxe Xéneros Especies
Attagis (Saint-Hilaire & Lesson, 1831)
Thinocorus Eschscholtz, 1829

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

A familia ten unha distribución suramericana, nas rexións andina e patagónica.[4]

Habitan nunha variedade de ambientes, incluíndo prados, estepas herbáceas, desertos semiáridos e hábitats alpinos. A especie Attagis gayi chega até o límite da neve (5 500 m).[4]

Características

[editar | editar a fonte]

Teñen cabezas pequenas e picos curtos. Aínda que son herbívoros as sementes non son unha parte importante da súa dieta.[4] Porén, sábese que a especie Thinocorus rumicivorus se alimenta dos pétalos carnosos das flores de Calceolaria uniflora, unha especie da familia das escrofulariáceas. No proceso de alimentárense destes apéndices, ricos en azucre, contribúen á polinización das flores.[5]

Teñen unha aparencia semellante á da pita do monte, á do paspallás e ás perdices, pero teñen as ás máis longas.[4] As especies do xénero Thinocorus son máis pequenas, o seu tamaño vai desde o dun pardal común até o dunha becacina cabra, mentres que as do xénero Attagis son máis grandes, do tamaño dunha perdiz. Teñen as patas curtas, pero cos dedos longos. A cor da súa plumaxe é xeralmente críptica. Hai certo dimorfismo sexual na plumaxe das especies de Thinocorus: os machos teñen a cara, o pescozo e o peito grises.

As femias poñen 2 ou 3 ovos nun niño consistente nun oco pouco profundo escavado no chan.

Relacións filoxenéticas

[editar | editar a fonte]

As relacións con outras familias dentro da orde dos caradriformes son incertas. Suxeriuse que a especie Pedionomus torquatus das chairas de Australia, as dúas especies do xénero Jacana e os rostratúlidos son os seus parentes máis próximos.[6] Pedionomus torquatus en particular ten unha ecoloxía alimentaria similar, aínda que difire notabelmente na bioloxía da reprodución.[4]

  1. 1,0 1,1 Thinocoridae Sundevall, 1836 na BioLib. Consultada o 11 de setembro de 2022.
  2. 2,0 2,1 Thinocoridae Sundevall, 1836 no ITIS. Consultado o 11 de setembro de 2022.
  3. Thinocorus no Merriam-Webster Dictionary.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Fjeldså, J. (1996): "Family Thinocoridae (Seedsnipes)" en del Hoyo, J.; Elliot, A. & Sargatal, J., eds. Handbook of the Birds of the World. Volume 3: Hoatzin to Auks. Barcelona, España: Lynx Edicions. ISBN 84-8733-420-2.
  5. Sérsic, A. N. & Cocucci, A. A. (1996): "A Remarkable Case of Ornithophily in Calceolaria: Food Bodies as Rewards for a Non-nectarivorous Bird". Botanica Acta 109 (2): 172–176.
  6. van Tuinen, Marcel; Waterhouse, David & Dyke, Gareth J. (2004): "Avian molecular systematics on the rebound: a fresh look at modern shorebird phylogenetic relationships". Journal of Avian Biology 35 (3): 191-194.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]