Saltar ao contido

Universidade de Gotinga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Georg-August-Universität Göttingen
Datos xerais
LocalizaciónGotinga
Fundación1734
Datos actuais
Datos de contacto
Páxina webwww.uni-goettingen.de
Facebook: georgiaaugusta Twitter: unigoettingen Instagram: unigoettingen BNE: XX254261 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Universidade de Gotinga (Georg-August-Universität Göttingen, ou Georgia Augusta) é unha institución fundada en Gotinga no ano 1734 por Xurxo II, príncipe elector de Hannover e rei de Gran Bretaña. Abriu as súas portas aos estudantes en 1737 e axiña conseguiu un posto destacado no mundo das ciencias. Xa en 1823 contaba con 1547 estudantes. Empezou con catro facultades (Teoloxía, Medicina, Dereito e Literatura) e converteuse nunha das universidades máis visitadas de Europa.

A universidade ten 13 facultades e unha matrícula de 24 000 estudantes. Traballan 2500 profesores e outros universitarios, asistidos por preto doutros 8000 técnicos que traballan na administración. Na posguerra, a súa expansión conduciu ao establecemento dun novo barrio "universitario" ao norte da cidade, situado en Weende. A arquitectura da vella universidade pódese ver no Auditorium Maximum (1826/1865) ou a aula grande (1835/1837) na Wilhelmsplatz.

A biblioteca da universidade (Niedersächsische Staats- und Universitätsbibliothek Göttingen, SUB Göttingen) posúe oito millóns de unidades. A Academia de Ciencias, chamada na súa orixe "Sociedade Real polas Ciencias", e catro institutos de investigación da Sociedade Max Planck para a promoción das ciencias colaboran coa universidade.

A reputación internacional da universidade baséase en moitos profesores eminentes que se honra con estatuas e placas conmemorativas distribuídas por toda a cidade. Por exemplo, no século XIX, Carl Friedrich Gauss e os irmáns Grimm ensinaban aquí. Máis de 45 laureados do premio Nobel estudaron ou ensinaron en Gotinga, e moitos estudantes tiveron un papel importante na historia, como Otto von Bismarck que estudou en Gotinga e viviu nunha pequena casa na muralla. A casa coñécese hoxe como Bismarckhäuschen.

Aula da Universidade, Wilhelmsplatz

O campus da universidade distribúese entre varios sitios dentro e fóra a cidade: O complexo central da universidade coa biblioteca e o comedor central, ademais das facultades de Dereito, Económicas, Teoloxía e Lingüística áchase xusto ao norte do centro antigo. Moi preto atópanse as facultades de Psicoloxía, Etnología e Pedagoxía. No límite da cidade áchase o campus setentrional (Nordbereich) coas facultades de Ciencias naturais (Química, Microbioloxía, Fitopatología, Agronomía, Forestais, Xeoloxía e Física). Outros institutos áchanse dentro do centro antigo.

En 1734 o goberno de Hannover baixo Georg August, Elector de Hannover, Duque de Brunswick-Luneburgo, xunto con Xurxo II, rei de Inglaterra, decidiu trasladar a sede da nova universidade do principado de Hannover a Gotinga. Para poder fundar unha nova universidade necesitábase un privilexio do emperador, o que se obtivo de Carlos VI o 13 de xaneiro de 1733. A primeira materia impartiuse o 14 de outubro de 1734, nun vello celeiro polo profesor Samuel Christian Hollmann. No primeiro semestre matriculáronse en Gotinga 147 estudantes. O primeiro curador da universidade foi o ministro e conselleiro secreto Gerlach Adolph von Münchhausen (1688-1770), primo do célebre barón de Münchhausen.

A biblioteca universitaria iniciouse ao mesmo tempo que a universidade. Pola importancia e cantidade de material conerteuse nunha das máis importantes de Alemaña e prototipo dunha biblioteca moderna, ordenándose os libros cun novo sistema de catalogación. Desde 1763 até 1812 a biblioteca estaba baixo a supervisión de Christian Gottlob Heyne, que era ao mesmo tempo profesor de filoloxía clásica.

En 1738 construíuse o Theatrum Anatomicum, en 1739 o xardín botánico e en 1751 o primeiro observatorio. Aínda se pode visitar o cárcere histórico na aula do Wilhelmsplatz, onde se encarceraban os estudantes que violaran as normas da universidade. A universidade tiña xurisdición exclusiva sobre os estudantes.

En 1770 nomeouse profesor de física, matemática e astronomía a Georg Christoph Lichtenberg que contribuíu en descubrimentos que aínda teñen validez. Considérase un erudito universal que non só deixou obras relacionadas coas ciencias naturais senón filosóficas e satíricas, particularmente nas súas noticias (Sudelbücher). Foi o primeiro profesor alemán de física experimental.

A conexión con Inglaterra pola unión persoal dos seus soberanos atraeu moitos académicos ingleses e americanos. O matemático alemán Carl Friedrich Gauss foi profesor e fixo alí descubrimentos importantes.

A primeira purga (1837)

[editar | editar a fonte]
Biblioteca Central, SUB Göttingen, Campus.

Había movementos políticos entre os profesores e estudantes cando o novo rei de Hannover Ernesto Augusto I suspendeu en 1837 a recente constitución liberal de Hannover de 1833. Estas perturbacións conduciron á expulsión de sete profesores prominentes da universidade. Estes profesores coñécense como o Sete de Göttingen. Eran Wilhelm Eduard Albrecht, Friedrich Christoph Dahlmann, Heinrich Ewald, Jacob Grimm, Wilhelm Grimm, Georg Gottfried Gervinus e Wilhelm Eduard Weber. Algúns deles tiveron que emigrar do reino de Hannover. Foron acollidos naturalmente cos brazos abertos por outras universidades alemás, felices de poder ter tan famosos profesores. Foi un golpe tremendo para a reputación da universidade de Gotinga que tardou décadas en esquecer. Os niveis de asistencia de estudantes baixaron considerablemente nos anos seguintes.

En 1866 Prusia incluíu o reino de Hannover no seu estado despois dunha guerra. Os prusianos fomentaban a universidade, e púidose establecer como unha das universidades máis importantes das ciencias matemática e física. O nomeamento como reitor do matemático Felix Klein en 1886 foi fundamental para este ascenso. Demostrou grande habilidade para obter fondos e no nomeamento de novos profesores, en gran parte grazas ás súas boas relacións co conselleiro ministerial prusiano Friedrich Althoff. Tamén fomentou a cooperación entre as ciencias físicas, matemáticas e técnicas. Este modus operandi é representativo do espírito nesa época. O resultado foron os moitos premios Nobel que gañaron profesores e estudantes na primeira metade do século XX.

En 1895 Klein conseguiu o nomeamento do xa entón moi famoso David Hilbert, que no entanto ser reclamado por outras universidades preferiu Gotinga. En 1904 estableceuse a primeira cátedra de matemática aplicada, co cátedratico Carl Runge.

En 1904 Ludwig Prandtl entrou na universidade, e baixo a súa supervisión, durante as dúas décadas seguintes, o seu Instituto de mecánica de fluídos e aerodinámica converteuse nun dos líderes no seu campo. Moitos dos estudantes de Prandtl conseguiron facer contribucións fundamentais nese campo, e os seus nomes lense como unha guía desa ciencia. En 1924 Werner Heisenberg chegou como asistente á universidade, e xunto con Max Born e Pascual Jordan desenvolveu a mecánica cuántica. A universidade xa sufría os efectos da crise económica global cando o ascenso do nazismo ameazou unha obra de décadas.

A segunda purga (1933)

[editar | editar a fonte]

Nos anos trinta a universidade foi obxectivo dos nacionalsocialistas na súa persecución da "física xudía", representada polas obras de Albert Einstein e Niels Bohr (ambos os dous xudeus). Estes acontecementos coñecéronse máis tarde como a gran purga de 1933. Profesores como Max Born, Victor Goldschmidt, James Franck, Eugene Wigner, Leó Szilárd, Edward Teller e John von Neumann foron expulsados ou fuxiron. A liña de grandeza nas ciencias naturais, que continuara desde os tempos de Gauss e Bernhard Riemann, foi interrompida.

O importante matemático David Hilbert quedou na universidade; con todo, ao tempo da súa morte en 1943, os nazis practicamente romperan a alma da universidade, expulsando moitos da primeira fila, que eran xudeus ou casados con xudeus. Hoxe en día o departamento de matemáticas é respectado outra vez, pero non é tan importante nun contexto global como o era antes.

Renovación

[editar | editar a fonte]

En 1945, trala segunda guerra mundial a universidade de Gotinga foi a primeira universidade da zona occidental que foi aberta baixo o control británico.

Alumnos e profesores

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]