Valfendido
Valfendido | |
---|---|
Legendarium de J. R. R. Tolkien | |
Localización de Valfendido na Terra Media | |
Primeira aparición | O hobbit |
Información | |
Tipo | Refuxio dos elfos Refuxio oculto |
Gobernante | Elrond |
Localización | Eriador oriental: un val ao oeste das Montañas Bretemosas |
Outros nomes | Imladris Karningul Derradeiro lar ó leste do Mar |
Valfendido (en Sindarin: Imladris, e en Oestron: Karningul) é un posto avanzado élfico da Terra Media creada por J. R. R. Tolkien. Foi fundado por Elrond durante a Segunda Idade da Terra Media (catro ou cinco mil anos antes dos acontecementos descritos n'O Señor dos Aneis), e foi el tamén o seu gobernante. Alén de Elrond e a súa familia, outros notábeis elfos viviron alí, entre eles Glorfindel e Erestor.
Valfendido é unha tradución directa ou calco do nome Sindarin Imladris, "val profundo da fenda". Tamén é coñecido como O Derradeiro Lar ao Oeste das montañas, en alusión ao territorio silvestre que se estende alén das Montañas Bretemosas.[T 1]
Ficción
[editar | editar a fonte]Xeografía
[editar | editar a fonte]Valfendido está situado no bordo dunha estreita foz do río Bruinen ou Altauga (un dos accesos principais a Valfendido é a través do próximo vao de Bruinen), mais encóntrase ben agochado entre os páramos e as faldras das Hithaeglir ou Montañas Bretemosas. Contrariamente ao que amosa o mapa da Terra Media occidental publicado n'O Señor dos Aneis, segundo Tolkien, o Gran Camiño do Leste non atravesaba Valfendido, que se mantiña como val agochado e separado do camiño cara ao Paso Alto.[T 2][T 3][T 4] Ao igual que Hobbiton, está aproximadamente á mesma latitude que o lugar de traballo de Tolkien, Oxford.[T 5]
Historia
[editar | editar a fonte]Valfendido foi fundado na Segunda Idade trala destrución da terra élfica de Eregion por parte de Sauron. Valfendido persistiu como o único asentamento élfico en Eriador oriental; Gil-galad deulle a Elrond o anel Vilya, outorgándolle o poder necesario para protexer Valfendido e frear o paso do tempo no seu val oculto: de feito, Valfendido seguía o seu propio calendario.[T 6][T 7][T 8] Na Terceira Idade, Valfendido sobreviviu repetidos ataques dos exércitos do Rei Bruxo de Angmar.[1][T 7] Valfendido albergaba as reliquias dos Montesíos do Norte do reino perdido de Arnor, incluídos os fragmentos de Narsil (a espada de Elendil), o cetro de Annúminas e a Estrela de Elendil. Elrond acolleu os fillos dos herdeiros ao trono de Arnor, o derradeiro dos cales era Aragorn. Durante a súa estada en Valfendido, Aragorn coñeceu e namorouse da filla de Elrond, Arwen, e casou con ela despois de ser coroado rei de Gondor e Arnor.[T 9] Os inimigos de Sauron, entre os que estaba Elrond, congregáronse no Consello Branco, que se reuniu en Valfendido, como cando o Consello decidira expulsar o Nigromante da súa fortaleza de Dol Guldur.[T 10] Os protagonistas d' O hobbit reciben os consellos de Elrond en Valfendido.[T 2] Os protagonistas d' O Señor dos Aneis encóntranse en Valfendido, asisten ao Consello de Elrond e deciden emprender unha misión para destruír o Anel Único. Os ferreiros de Valfendido reforxan a espada de Aragorn co nome de Andúril.[T 8][T 10][T 11] Cando o Anel Único é destruído, o anel de Elrond perde o seu poder, e este abandona Valfendido para partir cara a Valinor.[T 12][T 13]
Análise
[editar | editar a fonte]Orixe no mundo real
[editar | editar a fonte]O val de Valfendido podería estar inspirado no val de Lauterbrunnen en Suíza, onde Tolkien fixera sendeirismo. De feito, Tolkien afirmou que «Dende Valfendido até o outro lado das Montañas Bretemosas, a viaxe ... incluída a baixada a escorregóns de Bilbo e os ananos polo corremento de pedras até os piñeirais ... está baseada nas miñas aventuras en Suíza en 1911».[T 14][2]
A medievalista Marjorie Burns escribe que a viaxe de Bilbo para Valfendido se asemella á do autor de fantasía e tradutor de mitoloxía nórdica William Morris a través das rexións agrestes de Islandia até un lugar que el chamaba «Water-dale» (Vatnsdale, «Val de Auga»); os dous pasan por elevacións salpicadas de zonas con vexetación e acaban derreados; logo ambos cruzan engrobas estreitas e brañas; e os dous chegan a un val agochado que ofrece acubillo e acomodo. Noutro lugar, Morris atravesa «un penedo estreito semellante a unha ponte», ao igual que Bilbo se topa cunha «estreita ponte de pedra sen varanda» ao entrar en Valfendido.[3]
Un lugar de asilo
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Lothlórien .
Matthew T. Dickerson, en J. R. R. Tolkien Encyclopedia, escribe que Valfendido representa sistematicamente un santuario, un lugar que dá a sensación de fogar, en todo o legendarium.[1] A xornalista Jane Ciabattari sostén que un dos principais motivos da popularidade d’O Señor dos Aneis era o desexo escapista da xeración que viviu a Guerra de Vietnam, comparando o complexo militar-industrial con Mordor, e suxire que estes lectores degoxaban un lugar de paz, do mesmo xeito que a Frodo Bulseiro «invadiulle o corazón un irresistible desexo de descansar e quedar en paz a carón de Bilbo en Valfendido».[5] Burns sinala que Valfendido e o outro reino élfico de Lothlórien son comparábeis ao Outro Mundo celta (en irlandés, Tír na nÓg), porque é difícil de atopar, pero se se dá a benvida ao viaxeiro, este cruza un río, que simboliza a transición espiritual dende o mundo normal, e «o canso aventureriro é transportado a un refuxio de hospitalidade élfica e deleite».[4] Existen varios indicios da transición:
Entrar en Valfendido supón abandonar, durante un tempo, o lóbrego terreo montañoso do norte. Primeiro hai unha baixada empinada ...; as faias e os carballos substitúen os piñeiros; o aire vólvese máis cálido; o primeiro dos elfos saúdaos cunha risada e unha canción, e logo vén o inevitábel paso fluvial que separa o resto da Terra Media do núcleo interno de cada reino élfico.[6]
Burns salienta que as partículas «Val» e «fendido» («Riven» e «dell» no orixinal inglés) evocan un lugar de pouca altitude que require baixar para acceder a el, e que ese descenso é propio dos relatos celtas de entrada no reino subterráneo dos Tuatha Dé Danann, cada un de cuxos xefes goberna un túmulo.[7]
Punto de partida da misión heroica
[editar | editar a fonte]O filólogo e académico especializado en Tolkien Tom Shippey sinala que Tolkien, de credo cristián, era sumamente meticuloso coas datas e cronoloxías, pero que son moi poucos os lectores que se decatan de que a Irmandade parte de Valfendido na súa misión o 25 de decembro, a data do Nadal, e consegue destruír o Anel e provocar a caída de Sauron o 25 de marzo, a data da Crucifixión segundo a tradición anglosaxoa.[8]
O especialista en Tolkien Verlyn Flieger escribe que tanto Frodo como Aragorn reciben a súas renovadas espadas máxicas en Valfendido, o cal os designa como heroes na tradición épica de Sigurd e Artur, ao comezo da súa misión.[9]
Alusións culturais
[editar | editar a fonte]Shippey compara as versións da canción O camiño segue e segue interpretadas por Bilbo e Frodo. Bilbo segue o «camiño ... con pé lixero», esperando chegar á paz de Valfendido, retirarse e levar unha vida de repouso; por contra, Frodo di «con pé canso», esperando chegar dalgún xeito a Mordor co Anel, e tentar destruílo nas Fendas do Destino: destinos e tarefas diametralmente opostos.[10] Observa que Valfendido era o lar das cantigas élficas, e cita a afirmación de Tolkien de que a canción que os hobbits ouven en Valfendido, A Elbereth Gilthoniel na que se invoca á semidivina Varda, era un himno que aludía á súa propia devoción católica.[11] Shippey escribe, así mesmo, que Tolkien fixo a Bilbo o autor e intérprete da Canción de Eärendil en Valfendido, facendo uso de diversos recursos poéticos —rima, semirrima interna, aliteración, asonancia aliterativa e unha «variación sintáctica frecuente pero irregular»— para crear un misterioso efecto élfico de «incerteza intensa e continua, un patrón sempre albiscado pero nunca completamente captado»."[12] Rebecca Ankeny comenta que Tolkien tamén usa o verso para denotar o horror dos elfos cando Gandalf pronuncia en voz alta a inscrición do Anel, na lingua negra, ameazando coa destrución de Valfendido.[13]
O académico especializado en Tolkien Gergely Nagy sinala que Tolkien quería presentar o complexo conxunto de escritos d’O Silmarillion como unha compilación de aparencia real que recollese relatos e mitos no marco da súa Terra Media ficticia; modificou O Señor dos Aneis para atribuír os documentos a Bilbo, escritos supostamente durante os anos que pasou en Valfendido, e preservados no ficticio Libro Vermello da Fronteira do Oeste, cuxo nome alude ao Libro Vermello de Hergest.[14]
Burns escribe que Valfendido, «o derradeiro lar ó leste do Mar»,[T 8] representa un fogar acolledor, repetindo o patrón definido tanto n’O hobbit como n’O Señor dos Aneis de «compracencia de solteiro, relaxada pero pulcra» dende o burato-hobbit de Bilbo, Vila Bulsa, en adiante; malia a presenza de Arwen, non hai case nada «relativo á feminidade».[15]
Adaptacións
[editar | editar a fonte]No filme The Lord of the Rings: The Fellowship of the Ring de 2001 de Peter Jackson, Valfendido está ambientado no Kaitoke Regional Park de Nova Zelandia, coa adición das fervenzas mediante imaxes xeradas por ordenador.[16] Brian Rosebury comenta que Jackson presenta os elfos como un pobo sofisticado, mentres que Tolkien os describía como seres máis afíns á natureza. Con todo, escribe, no Valfendido cinematográfico «os motivos naturais dominan a arquitectura e a ornamentación», o cal suxire unha «integración coa natureza, cun distanciamento mínimo», algo que casa ben coa «contorna idílica similar a Portmeirion» do Valfendido da pantalla. Rosebury describe o deseño como "post-ruskiniano", ao xeito dos cadros prerrafaelistas, os deseños de estilo Arts and Crafts de William Morris e os detalles arquitectónicos do Art Nouveau. Estes aspectos difiren das ilustracións do propio Tolkien, pero Rosebury suxire que, en certo sentido, a Tolkien teríanlles gustado porque son acordes á súa aversión pola fabricación industrializada.[17]
Legado
[editar | editar a fonte]Durante o período de contracultura no mundo occidental das décadas de 1960 e 1970, fundouse unha comuna chamada Maos Lyst (O Deleite de Mao) na illa de Zelandia, Dinamarca, en 1968, e os seus habitantes mudaron os seus apelidos por Kløvedal, o nome de Valfendido en dinamarqués. Máis adiante, varios deles convertéronse en personalidades culturais ben coñecidas no país.[18][5] A adega The Rivendell Winery operou dende 1987 até 2008 no Val do Hudson de Nova York.[19] The Tolkien Ensemble compuxo música para todas as cancións d’O Señor dos Aneis, publicada en catro CD entre 1997 e 2005, todos eles con «Rivendell» (Valfendido no orixinal inglés) no seu título.[20] A compositora de música clásica sueca Anna-Lena Laurin compuxo unha obra para dúas guitarras chamada «Rivendell».[21] A banda canadense de rock progresivo Rush conmemorou o santuario élfico na canción «Rivendell» pertencente ao seu álbum de estudio de 1975 Fly by Night. A canción céntrase na tranquilidade e aparente infinidade temporal que un viaxeiro podía atopar alí, con pasaxes como «Elfin songs and endless nights / Sweet wine and soft relaxing lights / Time will never touch you / Here in this enchanted place» (Cancións élficas e noites infinitas / Viño doce e tenues luces relaxantes / O tempo nunca te tocará / Aquí neste lugar encantado).[22][5]
Referencias
[editar | editar a fonte]Primarias
[editar | editar a fonte]- Esta listaxe identifica a localización de cada elemento na obra escrita de Tolkien.
- ↑ Tolkien (1955), Apéndice F, «On Translation»
- ↑ 2,0 2,1 Tolkien (1937), cap. 3 «Un breve descanso»
- ↑ Tolkien (1937), cap. 18 «A viaxe de volta»
- ↑ Tolkien (1937), cap. 19 «A derradeira xornada»
- ↑ Carpenter (1981), #294 a Charlotte e Denis Plimmer de The Daily Telegraph, 8 de febreiro de 1967
- ↑ Tolkien (1955), Apéndice D, «The Calendars»
- ↑ 7,0 7,1 Tolkien (1980), parte 2, «The Second Age» cap. 4 «The History of Galadriel and Celeborn», «Concerning Galadriel and Celeborn»
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Tolkien (1954), libro 2, cap. 1 «Moitos encontros»
- ↑ Tolkien (1955), Apéndice A: The Tale of Aragorn and Arwen
- ↑ 10,0 10,1 Tolkien (1954), libro 2, cap. 2 "O consello de Elrond"
- ↑ Tolkien (1954), libro 2, cap. 3 «O Anel vai cara ó sur»
- ↑ Tolkien (1955), Apéndice B, «The Great Years»
- ↑ Tolkien (1955), Apéndice A, «The Númenórean Kings», «The Tale of Aragorn and Arwen»
- ↑ Carpenter (1981), #306 to Michael Tolkien, 1967-8
Secundarias
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Dickerson 2013, pp. 573–574.
- ↑ 2,0 2,1 MacEacheran, Mike (24 de maio de 2014). BBC, ed. "In Alpine villages, Hobbits lurk". Consultado o 18 de agosto de 2020.
- ↑ Burns 2005, pp. 81–84.
- ↑ 4,0 4,1 Burns 2005, p. 54.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Ciabattari, Jane (20 de novembro de 2014). "Hobbits and hippies: Tolkien and the counterculture". BBC Culture.
- ↑ Burns 2005, p. 61.
- ↑ Burns 2005, p. 66.
- ↑ Shippey 2005, p. 227.
- ↑ Flieger 2004, pp. 122–145.
- ↑ Shippey 2005, p. 213.
- ↑ Shippey 2005, p. 230.
- ↑ Shippey 2005, pp. 218–219.
- ↑ Ankeny, Rebecca (2005). "Poem as Sign in 'The Lord of the Rings'". Journal of the Fantastic in the Arts 16 (2 (62)): 86–95. JSTOR 43308763.
- ↑ Nagy 2020, pp. 107–118.
- ↑ Burns 2005, pp. 136–137.
- ↑ "Kaitoke Regional Park, Wellington, New Zealand". Newzealand.com. Consultado o 15 de xaneiro de 2020.
- ↑ Rosebury 2003, pp. 212–213.
- ↑ DR (Danish Radio), ed. (26 de outubro de 2010). "1960'erne: Ungdomsliv: Eksperimenterne" (en dinamarqués). Consultado o 18 de agosto de 2020.
Kollektivet bestod blandt andre af forfatteren Ebbe Reich og udmærkede sig ved, at medlemmerne tog det fælles efternavn Kløvedal fra bogen Ringenes Herre. [O colectivo incluía, entre outros, o autor Ebbe Reich e distinguíase pollo feito de que os seus integrantes adoptaron o apelido común de Kløvedal tirado do libro «O Señor dos Aneis». ]
- ↑ Thompson, Lenn (26 de outubro de 2007). "Rivendell Winery Location for Sale in the Hudson Valley". New York Cork Report. Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2020. Consultado o 29 de xuño de 2020.
- ↑ Bratman, David (2010). Eden, Bradford Lee, ed. Liquid Tolkien: Music, Tolkien, Middle-earth, and More Music. Middle-earth Minstrel: Essays on Music in Tolkien (McFarland). pp. 158–159. ISBN 978-0786456604.
- ↑ Laurin, Anna-Lena (2018). "Rivendell". Vanguard Music Boulevard. Consultado o 27 de marzo de 2021.[Ligazón morta]
- ↑ "Rivendell by Rush". Songfacts. Consultado o 27 de marzo de 2021.
Fontes
[editar | editar a fonte]- Burns, Marjorie (2005). Perilous Realms: Celtic and Norse in Tolkien's Middle-earth. University of Toronto Press. pp. 152–154 (Elbereth/Varda in Valinor vs Galadriel in Middle–earth, formerly of Valinor). ISBN 978-0802038067.
- Carpenter, Humphrey, ed. (1981). The Letters of J. R. R. Tolkien. Boston: Houghton Mifflin. ISBN 978-0-395-31555-2.
- Dickerson, Matthew (2013) [2006]. "Rivendell". En Drout, Michael D. C. J. R. R. Tolkien Encyclopedia. Routledge. pp. 573–574. ISBN 978-0-415-86511-1.
- Flieger, Verlyn (2004). "Frodo and Aragorn: The Concept of the Hero". En Rose A. Zimbardo and Neil D. Isaacs. Understanding the Lord of the Rings: The Best of Tolkien Criticism. Houghton Mifflin. pp. 122–145. ISBN 978-0-618-42251-7.
- Nagy, Gergely (2020) [2014]. "The Silmarillion". En Lee, Stuart D. A Companion to J. R. R. Tolkien. Wiley Blackwell. pp. 107–118. ISBN 978-1119656029.
- Rosebury, Brian (2003) [1992]. Tolkien : A Cultural Phenomenon. Palgrave. ISBN 978-1403-91263-3.
- Shippey, Tom (2005) [1982]. The Road to Middle-Earth (Terceira ed.). HarperCollins. ISBN 978-0261102750.
- Tolkien, J. R. R. (2002) [1937]. Douglas A. Anderson, ed. The Annotated Hobbit. Boston: Houghton Mifflin. ISBN 978-0-618-13470-0.
- Tolkien, J. R. R. (1954a). The Fellowship of the Ring. The Lord of the Rings. Boston: Houghton Mifflin. OCLC 9552942.
- Tolkien, J. R. R. (1955). The Return of the King. The Lord of the Rings. Boston: Houghton Mifflin. OCLC 519647821.
- Tolkien, J. R. R. (1980). Christopher Tolkien, ed. Unfinished Tales. Boston: Houghton Mifflin. ISBN 978-0-395-29917-3.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Terra Media |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]http://tolkiengateway.net/wiki/Rivendell (en inglés)