Ctesifonte
Ctesifonte (en parto e pahlavī: Tyspwn ou Tisfun; en persa: تيسفون, Tisfun; en árabe: المدائن, al-Madāʾin, «as cidades»)[1] foi unha cidade e capital dos imperios parto e sasánida. Estaba localizada a beiras do río Tigris e foi prontamente abandonada despois da fundación de Bagdad. Chegou a ser unha das cidades máis importantes da antiga rexión de Mesopotamia.[2]
Tipo | xacemento arqueolóxico | |||
---|---|---|---|---|
Parte de | Seleucia-Ctesiphon (en) | |||
Localización | ||||
División administrativa | Assuristão (pt) | |||
| ||||
Bañado por | Río Tigris | |||
Comparte fronteira con | Selêucia do Tigre (pt) | |||
Características | ||||
Superficie | 30 km² | |||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | década de 120 a. C. | |||
Data de disolución, retirada ou demolición | marzo de 637 | |||
Cronoloxía | ||||
Cerco de Ctesifonte (637) (pt) | ||||
27 de abril de 629 (Gregoriano) | Siege of Ctesiphon (en) | |||
Batalha de Ctesiphon (1915) (pt) | ||||
Formouse como un barrio periférico da colonia grega de Seleucia do Tigris, á que acabou absorbendo e creando unha nova cidade, que é denominada por algúns autores como Seleucia-Ctesifonte. Posteriormente, ao redor da antiga Ctesifonte e outros asentamentos fundaríase a cidade de Madain. Actualmente parte dos restos sobreviventes atópanse dentro da cidade iraquí de Salman Pak.
Etimoloxía
editarNo libro de Esdras da biblia hebrea menciónase por primeira vez co nome de Kasfia ou Casphia, palabra derivada do nome étnico casita e cognado de Caspio e Quazvi.
Ctesifonte, tamén aparece transliterado con outras grafías como Ctesiphonte, Ctesifón ou Tesifón (nome derivado do persa Tisfun) desde o século II a. C.[2].
Historia
editarO primeiro asentamento na zona foi a colonia grega de Seleucia, fundada no 312 a. C. por Seleuco I Nicátor –un dos xenerais do rei Alexandre Magno– sobre a beira occidental do Tigris, nun punto estratéxico pola súa proximidade á ruta da seda. O crecemento da cidade fixo que para o ano 221 a. C., xa houbese un novo barrio desta na beira occidental do Tigris.
No ano 147 a. C. os partos atacaron por primeira vez Seleucia e foi definitivamente conquistada en 141 a. C. Con todo, os partos no ano 129 a. C. deciden que na beira oriental do Tigris e xusto enfronte de Seleucia, van chantar a súa nova capital, xusto onde se atopaba o suburbio que xa se coñecía como Ctesifonte.
No ano 115 a. C., catorce anos despois, a nova capital estaba practicamente urbanizada e os reis partos trasladaron a súa corte á cidade, que foi medrando e ampliándose até mesturarse coa antiga colonia grega.
Durante o século I a. C., a cidade Seleucia-Ctesifonte era unha mestura cultural cosmopolita con entre outros, partos, persas, iranianos, babilonios, gregos, xudeus, asirios, árabes ou turcos.
Na Antigüidade Babilonia foi a metrópole de Asiria; pero a metrópole é agora Seleuceia, é dicir, Seleucia do Tigris, como se lle chama. Cerca hai unha poboación chamada Ctesifón, unha gran poboación. Alí adoitan ter a súa residencia de inverno os reis partos, non molestando os Seléucidas, para que estes non estiveran oprimidos tendo o pobo e exército escita entre eles. Así pois, debido ao poder parto, Ctesifón é máis ben unha cidade; o seu tamaño é tal que acolle un gran número de xente e os mesmos partos equipárona con edificios. Equipárona tamén con mercadorías para vender e coas artes que compracen os partos; así os reis partos teñen o costume de pasar aquí o inverno pola salubridade do seu aire, pero o verán en Ecbatana e en Hircania polo predominio do seu antigo renome.Estrabón XVI, 1, 16
Durante este século iniciouse a construción da Canle de Nahrawan.
Debido á súa importancia, a cidade foi obxectivo militar destacado para o Imperio romano nas súas guerras orientais. De tal forma que a cidade foi sometida polos romanos ou o seu estado sucesor, o Imperio bizantino, até cinco veces na súa historia.
O emperador Traxano conquistou a cidade no ano 116; despois dun ano de ocupación, o seu sucesor Hadriano non tivo outra alternativa que devolvela en 117 como parte dun tratado de paz perpetuo cos partos.
O xeneral romano Avidio Casio volveu capturar a cidade en 164 durante a guerra romano-parta de 161-166, pero tivo que cedela cando se asinou a paz. En 197 o emperador romano Septimio Severo saqueou a cidade e trasladou milleiros dos seus habitantes para vendelos como escravos.
A finais do século III, despois de que o imperio sasánida ou segundo imperio persa, derrocasen os partos, a cidade volveu estar en guerra cos romanos. En 295, Galerio perdeu unha batalla contra os persas nas proximidades da cidade. Humillado, regresou un ano despois e obtivo unha gran vitoria, que acabou coa quinta e última toma da cidade a mans do exército romano, aínda que a devolveu a Narsés a cambio de Armenia. Sobre 325 e de novo en 410 a cidade, ou a colonia grega situada xusto enfronte, foron sede dun concilio da Igrexa Asiria de Oriente.
O emperador romano Xuliano o Apóstata morreu ante as murallas da cidade en 363 durante a guerra contra Sapor II. Finalmente, o emperador bizantino Heraclio cercou en 627 a cidade, capital do Imperio Sasánida, liberándoa unha vez que os persas aceptasen os seus termos de paz.
Madain
editar- Artigo principal: Madain.
Os musulmáns conquistaron Ctesifonte nun asedio relativamente breve en 637 baixo o mando militar de Sa'ad ibn Abi Waqqas, e chamárona «a cidade vella» (al-Madina al-Atika) e conxuntamente con outros asentamentos próximos, formaron Madain (al-Madain, As Cidades, en árabe: المدائن) baixo os califatos dos omeias e abbásidas. Durante os últimos anos foi residencia do exilarca xudeu e o catholicós nestoriano.
O historiador Abu'l-Hasan al-Mada'ini (753 – logo do 830) pasou parte da súa vida na cidade, de cuxo nome árabe (al-Madáin) provén o seu propio.[3]
Aínda que non se maltratou a poboación xeral, a antiga cidade de Ctesifonte sufriu un rápido declive debido á perda de poder económico e político, especialmente tras a fundación de Bagdad, a capital abbassida no século VIII, até converterse nunha cidade abandonada. Crese que nela está baseada a cidade de Isbanir do conto oriental d'As mil e unha noites.
Actualmente Madain derivou en parte á nova cidade iraquí de Salman Pak, a uns vinte quilómetros da antiga Ctesifonte e quince de Bagdad.
Entre 1915 e 1916 librouse nas ruínas da cidade a batalla de Ctesifonte, unha das maiores operacións da primeira guerra mundial. Alí, o Imperio Otomán venceu as tropas do Reino Unido que tentaban tomar Bagdad e fixéronas retroceder uns sesenta quilómetros antes de atrapar as forzas británicas e forzalas a renderse.
Poboación e relixión
editarBaixo o goberno sasánida, a poboación de Ctesifonte era moi variada, desde arameos, persas, gregos ou asirios. Os dous idiomas máis utilizados eran o persa e o arameo.
Tamén había certa liberdade de culto e convivían o cristianismo, xudaísmo ou o zoroastrismo. Tamén era importante o grupo de crentes maniqueos que chegaron a formar o patriarcado de Babilonia en Ctesifone. Coa captura dos musulmáns da cidade, moitos destes crentes fuxiron.
Despois da batalla de Siffín, a poboación de orixe persa desapareceu. No século IX os maniqueos sobreviventes fuxiron e trasladaron o seu patriarcado a Samarcanda.
Arco de Ctesifonte
editar- Artigo principal: Taq-i Kisra.
O esplendor do complexo de palacios imperiais de Ctesifonte era lendario. Incluía o palacio do rei persa Cosroes I chamado o palacio branco (Shâhigân-ǐ Sepid) e agora destruído case por completo e un enorme arco (en árabe, طاق كسرى Taq-i Kisra).
O salón do trono —presumiblemente baixo o arco ou tras el— tiña máis de trinta metros de altura. A gran bóveda de canón cubría unha superficie duns vinte e cinco metros de ancho e cincuenta de longo, e é unha das maiores bóvedas construída en ladrillo do mundo.
O arco de Ctesifonte, ou Taq Kisra, é hoxe en día o único que queda da cidade de Ctesifonte. A estrutura que chegou aos nosos días é o pórtico principal ao salón da audiencia dos sasánidas, que mantiñan o mesmo sitio que elixiran os partos por basicamente a mesma razón, a súa proximidade ao Imperio romano, cuxo afán expansionista podíase conter mellor desde aquí.
É importante polo emprego do ladrillo, das arquerías, como pode verse na fachada, e das bóvedas, en particular polas cúpulas sobre trompas. Aparece tamén o iwán, ou pórtico cun grande arco aberto a un patio, que posteriormente será adoptado na arte islámica.
O arco atópase no que é hoxe día a cidade iraquí de Salman Pak (anteriormente, Madain). O monumento estábase reconstruíndo nos anos oitenta tras derrubarse a á norte da construción, pero parouse na Guerra do Golfo en 1991. Despois da caída do goberno de Sadam Husein tras a invasión de Iraq de 2003, durante os anos seguintes propuxéronse distintos plans para a restauración ou mellora do monumento polo seu interese turístico.[4][5] Os restos arqueolóxicos estiveron a piques de desaparecer durante 2015 e 2016 pola ameaza do grupo terrorista do Estado Islámico, o que levou a realizar un documental polo director irano-nederlandés Pejman Akbarzadeh (Taq Kasra: Wonder of Architecture).[6]
O arco apareceu nunha fotografía aérea presentada a concurso que sacou o escritor Roald Dahl. Menciónase, xunto a unha copia da imaxe, na súa autobiografía «Boy».[7]
Notas
editar- ↑ Asín Palacios, Miguel (1940). Contribución a la toponimia árabe de España. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. p. 66.
- ↑ 2,0 2,1 Vera Aranda, Ángel Luis (1 de maio de 2010). "6 Otras ciudades de la antigüedad clásica: Seleucia, Ctesifonte, Éfeso, Pérgamo y Petra". Breve historia de las ciudades del mundo clásico. Ediciones Nowtilus S.L. pp. 240–241. ISBN 9788497639163. Consultado o 12 de outubro de 2019.
- ↑ KENNEDY, Hugh (2007): Las grandes conquistas árabes. — Crítica, Barcelona, 2007, páx. 268. ISBN 978-84-8432-931-2
- ↑ Attwooll, Jolyon (29 de febreiro de 2016). "Iraq targets tourists with restoration". The Telegraph (en inglés). ISSN 0307-1235. Consultado o 12 de outubro de 2019.
- ↑ "Tehran Municipality negotiating to restore Taq Kasra in Iraq" (en inglés). 21 de abril de 2019. Consultado o 12 de outubro de 2019.
- ↑ "University in London Will Show Documentary on Taq Kasra Palace" (en inglés). 24 de xaneiro de 2018. Consultado o 12 de outubro de 2019.
- ↑ Na obra «Boy» de Roald Dahl, o autor conta que fotografou este arco. Nalgunhas edicións a fotografía aparece despois.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ctesifonte |
Bibliografía
editar- Azcárate Ristori, J. M.ª de, y otros, Historia del arte, Anaya, Madrid, 1986. ISBN 84-207-1408-9