Nomenclatura binominal

En bioloxía, a nomenclatura binominal (tamén chamada nomenclatura binaria) é un convenio estándar empregado para denominar as diferentes especies de organismos (vivos ou xa extintos). Ás veces faise referencia á nomenclatura binominal como Sistema de Clasificación binominal.

Como suxire a palabra «binominal», o nome científico asignado a unha especie está formado pola combinación de dúas palabras (nomes en latín ou de raíz grecolatina): o nome do xénero e o epíteto ou nome específico. O conxunto de ambos os dous é o nome científico que permite identificar cada especie coma se tivese "nome e apelido".

A nomenclatura binominal é a norma puntual que se aplica á denominación dos taxóns específicos, mais representa só un dos estándares da nomenclatura biolóxica, que se ocupa tamén da denominación formal (científica) de taxóns doutras categorías.

Concepto

editar

O nome de xénero (sempre que non se refira a un taxón monoespecífico) é compartido con outras especies próximas, como exemplo: Homo sapiens e Homo neanderthalensis son especies do mesmo xénero.

O descritor específico (epíteto específico para a botánica, e nome específico para a zooloxía), que funciona como un "adxectivo cualificativo", pode ser un termo común para especies de diferentes xéneros, Por exemplo: Verbena officinalis e Lavandula officinalis son os nomes científicos para dúas plantas diferentes, a verbena e a lavanda respectivamente; aquí, officinalis é un cualificativo que significa "da farmacia ou botica", "de uso medicinal".

Así, o que designa inequivocamente a especie é a combinación das dúas palabras; deste xeito, o nome da especie humana é Homo sapiens e non soamente sapiens. Isto é porque o descritor específico perde o seu significado nominal inequívoco se se escribe só.

Ás veces, a nomenclatura binaria pode xerar nomes con certo carácter descritivo. Como exemplo: Staphylococcus aureus, tería o significado de "grans en acios" (Staphylococcus) e "dourado" (aureus) facendo referencia a que é unha bacteria en cuxos cultiivos se ve microscopicamente a distribución dos cocos en grupos de acios e que macroscopicamente forma colonias amarelentas. Outras veces, o nome científico ten unha correspondencia case idéntica co nome vulgar, por exemplo: Rosa canina para a rosa canina.

Valor e uso da nomenclatura

editar

No contexto científico, a utilidade da fórmula binaria consiste non só en salvar a ambigüidade que se pode presentar ante os diferentes nomes vulgares para un organismo, senón tamén para dar nome a aqueles espécimes que nin sequera teñen un nome común. Tamén permite superar as dificultades comunicacionais en diferentes linguas a partir do recoñecemento universal e dun sistema de nomenclatura estándar.

O valor do sistema de nomenclatura binominal deriva primariamente:

  1. da súa economía, pois bastan só dúas palabras para identificar inequivocamente unha especie;
  2. o seu uso difundido e xeneralizado, fomentado e regulado pola comunidade científica para uso universal.
  3. e a estabilidade relativa dos nomes usados, pois intentan conservarse malia modificacións taxonómicas e sistemáticas.

Con todo, malia as regras que ditan o carácter único do nome binario para unha especie, na práctica é común que existan "sinónimos" e que haxa varios nomes científicos en circulación para unha mesma especie (en xeral dependentes do punto de vista do sistema taxonómico particular en uso, e en derradeira instancia, do autor).

A estabilidade dos nomes periga no intre da resurrección daqueles nomes esquecidos no tempo, os cales poderían reclamar a súa prioridade por seren os primeiros publicados. Nestes casos, con todo, é posible conservar estes nomes (nomina conservanda ou nom.cons.) de acordo aos códigos de nomenclatura en uso. Para a nomenclatura botánica, acéptanse como válidos só aqueles nomes que a partir de 1753 aparezan nunha publicación oficial; tomándose 1753 como data de partida pola primeira publicación linneana (Species Plantarum). Para a zooloxía, a data de partida é 1758.

Historia

editar

A adopción dun sistema de nomenclatura baseado en dous nomes débese ao naturalista e médico sueco Carl von Linné (1707-1778) quen intentou describir a totalidade do mundo natural coñecido dándolle a "cada especie" un nome composto de dúas partes. Con todo, a nomenclatura binominal existiu antes de Linnaeus en formas variadas. Pero é a partir das publicacións linneanas que se comeza a xeneralizar a fórmula binominal para a nomenclatura específica.

Códigos de Nomenclatura

editar

Desde mediados do s. XIX, fíxose cada vez máis notoria a necesidade dun corpo de normas que regrasen a conformación dos nomes científicos. Co correr do tempo, estes canons coñecidos como Códigos de Nomenclatura, ditaron a denominación de:

A composición dos Códigos de Nomenclatura varía dun a outro.

Convenciones sobre a nomenclatura

editar

Existen algúns aspectos universalmente adoptados para a formulación da nomenclatura binaria.

A persoa que describe por primeira vez unha especie (o seu "autor") é a que ten o privilexio de darlle nome. Cando o autor elixe asignar un nome ou epíteto específico derivado dun nome propio, é a título de homenaxe ou recoñecemento, dedicándolla a un colega, amigo ou familiar, en forma latinizada (como por exemplo a Lebre de piornal, chamada Lepus castroviejoi en honor do escritor Xosé María Castroviejo); considérase de mal gusto e signo de egocentrismo que o autor se dedique a especie a si mesmo (por exemplo, Escherichia coli é por Theodor Escherich, e coli significa "intestinal", "do colon"; tamén Rhea darwinii por Charles Darwin). Noutros casos, os nomes elíxense en referencia a caracteres ou propiedades do ser vivo que se nomea, p. ex. en Cistus albidus, o termo albidus (en latín, branco), fai referencia á cor esbrancuxada das follas desa planta; en Lavandula officinalis, o termo officinalis (en latín, usado na officina ou botica) lembra que a planta ten propiedades medicinais.

Xeralmente, á beira do nome binominal consta o apelido do autor (abreviado en botánica) que primeiro publicou oficialmente ese nome. Se a especie en cuestión actualmente pertence a un xénero diferente do orixinal descrito, faise constar o nome do autor orixinal entre parénteses anexado ao nome actual da especie. Ás veces tamén se xunta a data na que se realizou a descrición da especie. Por exemplo o pardal, Passer domesticus (Linnaeus, 1758) orixinalmente descrito como membro do xénero Fringilla.

O nome do xénero (nome xenérico) sempre debe ter a inicial maiúscula, mentres que o epíteto específico non a leva nunca.[1] A norma inclúe a obriga de resaltar o nome, o que en manuscritos e textos mecanografados se fai subliñándoo (Homo sapiens), e en textos de imprenta ou de ordenador faise por medio da cursiva (Homo sapiens), aínda que, con menos frecuencia, tamén podería resaltarse en letra grosa (Homo sapiens).

O nome científico dunha especie xeralmente debe escribirse completo cando se emprega por primeira vez nun texto. Pero nas referencias posteriores a especies do mesmo xénero, o nome do xénero pode abreviarse utilizando a inicial en maiúscula seguida dun punto[2] Por exemplo, para citar o morcego pequeno de ferradura no comezo dun texto, escríbase "Rhinolophus hipposideros"; logo a escritura "R. hipposideros" sobrenténdese que é a mesma especie, mais se logo se escribe "R. euryale" debe entenderse que se trata de "Rhinolophus euryale", outra especie. Debe evitarse a abreviatura se pode inducir a engano entre nomes.

Nuns poucos casos a abreviatura dun nome específico é de uso común, como no caso da bacteria Escherichia coli, que adoita abreviarse como E. coli (e ata só coli na literatura médica e doutros grupos profesionais alleos á bioloxía).

Cando se empregan nomes vulgares e científicos, xeralmente estes últimos acompañan aos vulgares entre paréntese. Por exemplo, "A chicoria (Cichorium intybus) pertence á familia..."

Para facer referencia ás especies pertencentes a un xénero (e ás veces a un taxon xenérico particular), a fórmula binominal cambia a: Nome do Xénero spp., por exemplo: Pinus spp. lese como "as especies do xénero Pinus".

  1. No pasado e ata comezos do s. XX, considerouse axeitado que o epíteto comezase con maiúscula cando derivase dun nome propio (p. ex. Rana Perezii), e así pode atoparse en textos antigos, como nos textos de Linneo. Ás veces, en literatura non científica baseada en fontes antigas pode atoparse este recurso, con todo non é o correcto en correspondencia coa convención moderna.
  2. Isto é posible se coincide co derradeiro xénero citado explicitamente (coa mesma inicial e dentro da mesma páxina).

Véxase tamén

editar