Richard Harris
Richard St John Harris, nado o 1 de outubro de 1930 en Limerick (Irlanda) e finado o 25 de outubro de 2002 en Londres (Inglaterra),[1] foi un actor irlandés, cantante-compositor, produtor teatral, director de cine e escritor.
Como actor foi moi prolífico, e os seus papeis de maior sona foron como Rei Artur en Camelot (1967), Oliver Cromwell en Cromwell (1970) e como Albus Dumbledore en Harry Potter e a pedra filosofal (2001) e Harry Potter e a Cámara dos Segredos (2002), o seu derradeiro filme. Tamén encarnou un aristócrata británico e preso en A Man Called Horse (1970), o emperador Marco Aurelio en Gladiator (2000) e o pistoleiro inglés Bob na película de Clint Eastwood Sen perdón (1992).
Como cantante, Harris triunfou coa súa gravación de 1968 da canción de Jimmy Webb "MacArthur Park", que estivo no top ten en Gran Bretaña e os Estados Unidos. En 2020 The Irish Times publicou unha listaxe cos mellores actores de cinema irlandeses, na que Harris aparecía como o terceiro mellor.[2]
Traxectoria
editarPrimeiros anos e formación
editarHarris, o quinto de nove irmáns, naceu na cidade de Limerick,[3][4][5] Condado de Limerick (Munster, Irlanda), no seo dunha familia de clase media firmemente católica. Os seus pais eran John Ivan Harris e Mildred Josephine Harty Harris. Foi educado polos xesuítas no Crescent College.
Destacou polas súas virtudes no rugby chegando a xogar no Garryowen[6] e cando ía encamiñado cara a unha prometedora carreira deportiva como estrela de rugby, colleu a tuberculose e viuse obrigado a deixala práctica deportiva. Despois de recuperarse da enfermidade, Harris trasladouse a Londres co afán de se converter en director de teatro. Ó non atopar ningún curso relacionado coa súa afección, enrolouse na London Academy of Music and Dramatic Art (LAMDA) para estudar interpretación.
Sendo aínda un estudante, Harris alugou o Teatro Irving situado na West End de Londres para dirixir e producir a súa propia produción sobre a obra de Clifford Odets Winter Journey (The Country Girl). O espectáculo tivo un grande éxito pero ó rematar o financiamento tivo que abandonar o proxecto.
Despois de rematar os seus estudos na Academia, Harris uniuse á compañía de Joan Littlewood e comezou a participar en funcións das producións do West End, destacando en The Quare Fellow (1956).
Carreira cinematográfica
editarDebutou no cine en 1958 co filme Alive and Kicking e un ano máis tarde tivo a oportunidade de traballar co director británico Michael Anderson. A década dos 60 comezaría dun xeito excepcional coa súa achega en The Guns of Navarone e en Mutiny on the Bounty xunto con Trevor Howard e Marlon Brando.
A súa primeira aparición como protagonista sería en This Sporting Life, interpretando ó mineiro Frank Machin, papel polo que gañou a Palma de Ouro ó mellor actor no festival de Cannes e un nomeamento ós Premios Óscar.
A súa fama non parou de medrar e cada filme no que participaba tiña máis éxito que o anterior, pero sen dúbida o grande éxito mundial veu da man de A Man Called Horse.
Derradeiros anos
editarNos derradeiros anos da vida de Richard Harris, o actor irlandés volveu á gran pantalla con pequenos pero intensos papeis nos oscarizados Sen perdón e Gladiator.
Pola contra, será relacionado por sempre co papel de Albus Dumbledore nas dúas primeiras entregas da saga de Harry Potter. Harris morre no 2002 por mor da enfermidade de Hodgkin á idade de 72 anos, poucos meses despois da estrea de Harry Potter e a Cámara dos Segredos. Foi substituído polo tamén irlandés Michael Gambon.
Filmografía
editarNotas
editar- ↑ "Harris, Richard St John Francis (1930–2002), actor". 2004. ISBN 978-0-19-861412-8. doi:10.1093/ref:odnb/77336.
- ↑ Clarke, Donald; Brady, Tara (13 de xuño de 2020). "The 50 greatest Irish film actors of all time – in order". The Irish Times. Consultado o 25 de xullo de 2020.
- ↑ "Overdale, 8 Landsdown Villas, Ennis Road, LIMERICK MUNICIPAL BOROUGH, Limerick, LIMERICK". Buildings of Ireland.
- ↑ "He was one of the most outstanding film stars of his time". Irish Independent. 27 de outubro de 2002. Consultado o 10 de decembro de 2007.
- ↑ Severo, Richard (26 de outubro de 2002). "Richard Harris, Versatile And Volatile Star, 72, Dies". The New York Times. Consultado o 10 de decembro de 2007.
- ↑ "Limerick rugby full of heroes". Wesclark.com. 24 de maio de 2002. Consultado o 8 de novembro de 2011.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Richard Harris |