El País (1887-1921)
El País (1887-1921) | |
---|---|
Fundación | 1887 |
Fundador | Antonio Catena Muñoz |
Lingua | lingua castelá |
Localidade | Madrid |
ISSN | 2171-3901 |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
El País foi un xornal republicano español que se imprimiu en Madrid entre 1887 e 1921.
Historia
[editar | editar a fonte]Fundouno o matemático Antonio Catena Muñoz o 22 de xuño de 1887 a petición do seu mellor amigo, o político Manuel Ruiz Zorrilla. O seu primeiro director foi Valentín Morán e contaba con vinte e un redactores, entre eles Rafael Ginard de la Rosa (quen máis tarde tamén chegaría a dirixilo), Tomás Tuero ou Manuel Curros Enríquez; a liña editorial era conseguir a unidade republicana ante todo baixo a xefatura de Ruiz Zorrilla e o seu Partido Republicano Progresista; ademais desatou varias campañas anticlericais. Sucedeu como director a Valentín Morán Alejandro Lerroux. Pero como Ruiz Zorrilla morreu en 1895 e Catena non aceptaba ao novo líder, máis conservador, José María Esquerdo, Alejandro Lerroux fundou outro xornal en 1897, El Progreso, que se converteu no portavoz do novo líder, e levou a parte da redacción. O novo director foi o escritor, dramaturgo e poeta Joaquín Dicenta, quen lle puxo entón o subtítulo de «Diario republicano socialista revolucionario» e converteuno durante un ano en portavoz do grupo que publicaba a revista Germinal, momento no que será considerado como o xornal «máis aberto á mocidade e ás novas tendencias estéticas» aínda que os seus competidores republicanos e socialistas acúsano de difundir «un socialismo sentimental trasnochado», como lembra María Cruz Seoane. Desde febreiro de 1896 foi vítima dunha campaña de persecución polo fiscal de imprenta, quen logrou encarcerar a varios dos seus redactores e suspendelo definitivamente o 18 de agosto de 1898 sentenciando a máis de dous anos de cárcere a Manuel María Igrexas, «home de palla» que nese momento ocupaba a figura de editor responsable, reaparecendo ao día seguinte baixo o título de El Nuevo País.
Tras varios avatares máis foi dirixido por Ricardo Fonte Asensio (1866-1925), futuro fundador e director da Hemeroteca Municipal de Madrid e enfrontouse á súa peor crise: unha suspensión por orde gobernativa durante doce días en 1901, a pesar do cal logrou estar en funcionamento un total de trinta e catro anos e, falecido o seu propietario e fundador Antonio Catena, herdouno o seu fillo, tamén xornalista, Juan Antonio Catena, ata que concluíu definitivamente o 11 de febreiro de 1921, despois de que, só entre decembro de 1920 e xaneiro de 1921, recibise dezanove denuncias, sendo xa entón o seu director o xornalista Roberto Castrovido.[1]
Cadro de persoal
[editar | editar a fonte]Á parte dos xa mencionados, entre os seus redactores colaboraron nel xornalistas como Antonio Palomero, Dionisio Pérez, Ignacio de Santillán, Francisco Sastre, Santiago Oria, Eduardo Rosón, José Antonio Palazón, Francisco Rodríguez Besteiro, Ernesto López (máis coñecido como "Claudio Frollo") e un grupo de novos escritores e intelectuais da chamada xeración do 98, como José Martínez Ruiz, que será redactor desde o cinco de decembro de 1896 (non comezará a utilizar o pseudónimo "Azorín" até 1904), xunto a Ramón María do Val Inclán, Pío Baroja, Miguel de Unamuno, Vicente Blasco Ibáñez, Benito Pérez Galdós, Ramiro de Maeztu, Manuel e Antonio Machado, Manuel Bueno Bengoechea ou Rubén Darío, e até o mozo José Ortega y Gasset buscou refuxio nas súas páxinas cando non puido publicar no xornal da súa propia familia (El Imparcial). Ortega chegará a considerar a El País –xunto a El Liberal– como o xornal defensor das ideas máis avanzadas en España e Rubén Darío chegará a dicir que a súa redacción chegou a reunir o maior número de intelectuais españois.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Jaén Milla, Santiago (marzo de 2009). "Antonio Catena Muñoz, propietario y fundador de El País, el gran diario republicano de la Restauración". Elucidario (7): 155–168. ISSN 1885-9658.
- ↑ "El País (Madrid. 1887)". Hispana. Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Arquivado dende o orixinal o 05 de outubro de 2015. Consultado o 03 de outubro de 2015.