Saltar ao contido

Ñu negro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ñu negro / Ñu de cola branca
Connochaetes gnou

Rango fósil: plistoceno - actuialidade
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Subfamilia: Alcelaphinae
Tribo: Alcelaphini
Xénero: Connochaetes
Especie: C. gnou
Nome binomial
Connochaetes gnou
(Zimmermann, 1780)
Didtribución do ñu negro
Didtribución do ñu negro

Didtribución do ñu negro

O ñu negro o ñu de cola branca, Connochaetes gnou, é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos alcelafinos e tribo dos alcelafininos.

É unha das dúas especies que compoñen o xénero Connochaetes, sendo de tamaño lixeiramente menor que a outra especie, o ñu azul (Connochaetes taurinus).

O ñu negro é un animal endémico da África austral, onde historicamente se distribuía ampla e abundantemente. Pero no século XIX, debido á caza, á destrución do seu hábitat e ás enfermidades, a súa poboación reduciuse extraordinariamente, de xeito que en 1900 a especie estaba ao bordo da extinción.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1780 polo zoólogo alemán Eberhard August Wilhelm von Zimmermann,[2] baixo o nome de Antiolope gnou, na páxina 102 do segundo volume da súa obra Geographische Geschichte des Menschen und der vierfüßigen Tiere, editada en Leipzig en 1783.[3]

Posteriormente foi reclasificada no xénero Connochaetes, que describira en 1812 o seu compatriota Lichtenstein.

Non se coñecen subespecies.[2][3]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa historia, a especie foi coñecida cos seguintes sinónimos:[3]

  • Bos gnou (Zimmermann, 1777)
  • Antilope capensis (Gatterer, 1780)
  • Antilope gnou (Zimmermann, 1780)
  • Antilope gnu (Gmelin, 1788)
  • Catoblepas operculatus (Brookes, 1828)
  • Bos connochaetes (Forster, 1844)

Características

[editar | editar a fonte]

As principais características morfolóxicas do ñu negro son:[4][5]

Lámina representando ao ñu de cola branca en The Book of Antelopes, de Philip Sclater e Oldfield Thomas, 1894.
Ñu de cola branca.
  • Antílope grande (de tamaño similar ao do cervo) e aspecto inconfundíbel, de constitución pesada e coas agullas macizas, máis altas que as ancas, e cos cuartos traseiros delgados.
  • Medidas:
    • lonxitude de cabeza e tronco, de 165 a 220 cm nos machos, e de 170 a 205 cm nas femias:
    • lonxitude da cola, de 90 a 100 cm nos machos, e de 80 a 100 cm nas femias;
    • altura na cruz, de 100 a 120 cm nos machos, e de 90 a 105 cm nas femias;
    • peso, uns 180 kg nos machos, e uns 160 kg nas femias.
  • Cornos (presentes en ambos os sexos) de 45 a 60 cm (máximo, 78,5 cm) nos machos, e a metade de longos e máis delgados nas femias, moi anchos e case unidos na base, curvados cara a abaixo e cara a adiante, e virados despois cara a arriba, e rematados en punta case verticalmente.
  • Cabeza moi maciza, coa cara cuberta por unha guedella de pelo a xeito de cepillo, cos pelos tesos dirixidos cara a arriba.
  • Barba debaixo da garganta, e unha guedella de pelos no peito, entre as patas dianteiras. Crina sobre o pescozo e os ombros, de cor branca amarelada apagada na base e escura nos extremos.
  • Cola longa, que case acada o chan, de cor negra na base e despois de cor branca pura, característica.
  • Coloración xeral parda escura, negra acibeche nos machos vellos coa pelaxe acabada de mudar.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]
O Veld surafricano ao norte de Xohanesburgo (Highveld).
Grupo de ñus negros no Bushveld (veld arborado).

O ñu de cola branca vive en grandes praderías (veld aberto), sabanas arboradas con acacias, matogueiras do karoo ou en bosques claros, nas proximidades da auga. A súa mesta pelaxe permítelle acceder a zonas frías en zonas montañosas con altitudes que van desde os 1.350 aos 2.150 m sobre o nivel do mar.[3][6]

Distribución

[editar | editar a fonte]

Antigamente o ñu negro estaba amplamente distribuído por toda a meseta central de Suráfrica (antigas provincias do Cabo, Estado Libre de Oranxe, o sur de Transvaal e Natal).[4]

Na actualidade vive en Suráfrica, Eswatini e Lesoto. A finais do século XIX, a excesiva caza reducira a súa poboación, anteriormente ampla, a tan só uns poucos individuos que sobrevivían en dúas granxas na provincia do Estado Libre de Oranxe en Suráfrica. Desde aquela, a protección por parte dos agricultores e das axencias de conservación permitiron que a especie se recuperara.[7]

Hoxe en día foi reintroducido en zonas da súa antiga área de distribución (Eswatini occidental e Lesotho occidental) e en áreas de cultivo fóra da súa área de distribución natural (Namibia).[3]

Ñus negros deitados no zoo de Madrid.
Ñu negro pastando.
Ñu negro correndo ao galope.
Ñu negro no zoo de Córdoba (España).

Os ñus de cola branca son animais gregarios que viven en pequenos rabaños de até 20 ou 30 cabezas. Antigamente formaban grandes mandas, asociados a cebras e avestruces. Os machos teñen un terriorio, polo menos durante algunhas épocas do ano,[4] que marcan coas secrecións das glándulas que teñen na cabeza, defendéndoo contra outros machos rivais.[5]

Son sedentarios, e non fan grandes migracións como o seu conxénere o ñu azul.[5]

Coas súas longas e delgadas patas poden correr a gran velocidade (até os 90 km/h), e son característicos os seus extraordinarios brincos.[4]

Os machos son agresivos, loitando entre si na época de celo.[4]

A súa voz é un sonoro bufido bradante. Disto deriva o seu nome, do khoisan t'gnou. Ás veces tamén emiten unha especie de son asubiante.[4]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Fitófago, aliméntase principalmente de herba, prefirindo as herbas curtas das praderías do Veld,[3] aínda que tamén come algunhas plantas suculentas e follas de arbustos do Karoo e outras matogueiras. A miúdo axeóllase mentres pace.[4]

Bebe regularmente,[4], aínda que pode pasar unha semana sen facelo.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

As femias alcanzan a madurez sexual entre o ano e medio e os doua anos e medio de idade, e os machos aos tres anos.

Os machos dominantes non se emparellan máis que coas femias do seu harén, e defenden ferozmente o seu territorio contra os outros machos.

A xestación dura de 8 a 8,5 meses, ao cabo dos cales as femias paren unha cría (ás veces, dúas).[5]

Observouse que as femias dun mesmo grupo paren escalonadamente durante varios días, para así asegurar a supervivencia dos pequenos. A desteta prodúcese aos 4 meses, pero os tenreiros permanecen canda a nai durante un par de meses máis, ao cabo dos cales esta pode preñar de novo.[8]

A lonxevidade do ñu negro en catividade é de até os 20 anos.[5]

Os ñus de cola branca poden ser atacados ás veces por leóns, hienas, leopardos, guepardos, licaóns e crocodilos.[8] Pero a maioría das veces escapan correndo velozmente para fuxir dos seus depredadores. Ademais, non dubidan en trucar de sentirse ameazados.

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

O ñu de cola branca distribuíase historicamente ampla e abundantemente por toda a África austral, onde era unha especie endémica. Pero ao longo do século XIX, debido á caza, á destrución do seu hábitat e ás enfermidades, a súa poboación reduciuse drasticamente, de xeito que en 1900 estaba ao bordo da extinción. Porén, algúns dos espécimes que sobreviviron, que se mantiveran pechados en granxas e parques zoolóxicos, ceibáronse en áreas protexidas onde se multiplicaron tan ben que, en 1975, vivían xa de novo en Suráfrica uns 3.500 ñus de cola branca. A especie foi reintroducida con éxito en áreas privadas e reservas naturais de Lesoto, Eswatini, Suráfrica e Namibia.[6]

Segundo a UICN, o status da especie, na actualidade (2014), é de LC (pouco preocupante).[6]

En catividade

[editar | editar a fonte]

O ñu de cola branca non é moi frecuente nos parques zoolóxicos. En Europa contan coa súa presenza tan só 15 parques, entre eles dous en España.[Cómpre referencia]

  1. IUCN SSC Antelope Specialist Group. "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. 2,0 2,1 Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World,
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 von Richter, EWolfgamng (1974): Mammalian Species nº 50, pp. 1-6. PDF Arquivado 29 de novembro de 2014 en Wayback Machine. The Americamn Socuety of Mammalogists.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 234-235.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Haltenorth, T. & Diller, H. (1986). pp. 86-87.
  6. 6,0 6,1 6,2 Connochaetes gnou na Lista Vermella da IUCN. Versión 2014.2. Consultada o 16 de novembro de 2014.
  7. East, R. (1999): African Antelope Database 1999. Gland, Switzerland and Cambridge, UK: IUCN.
  8. 8,0 8,1 Connochaetes gnou en Ulimateungulate.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Groves, Colin & Peter Grubb (2011): 'Tribe Alcelaphini in Wallace, 1876 en Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Rodríguez de la Fuente, F. (1970): Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo I. África (Región etiópica). Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 55–72.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]