ASM-135 ASAT
ASM-135 ASAT | |
---|---|
Orixe | Estados Unidos de América |
Fabricante | Vought |
Construídos | 15 |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O ASM-135 ASAT é un mísil antisatélite de lanzamento aéreo e multietapa desenvolvido por Ling-Temco-Vought. Foi usado exclusivamente polos F-15 da Forza Aérea dos Estados Unidos.
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]A finais dos anos 1950 os Estados Unidos comezaron o desenvolvemento de armas antisatélite. A primeira arma antisatélite dos EEUU foi o sistema Bold Orion, tamén lanzado desde o aire, neste caso por un Boeing B-47 Stratojet. Bold Orion foi probado o 19 de outubro de 1959 contra o satélite Explorer 6.[1] O mísil, de dúas etapas, pasou a 6,4 km do satélite, distancia á cal só unha carga nuclear podería quizais destruílo.[2]
A principios de 1960 o Departamento de Defensa comezou un programa chamado SPIN (SPace INtercept).[1] En 1962, a Mariña lanzou foguetes Caleb como parte do Programa de Intercepción de Satélites, co obxectivo de desenvolver unha arma antisatélite.[3][4]
Os Estados Unidos desenvolveron armas antisatélite de ascenso directo. Un mísil Nike Zeus armado cunha cabeza nuclear destruíu un satélite en 1963[5], e outro mísil do sistema coñecido como proxecto MDUFLAP (e máis tarde como proxecto 505) estivo dispoñible para o seu lanzamento entre 1964 e 1967.[5] Un mísil nuclear antisatélite Tor foi despregado pola Forza Aérea baixo o programa 437, substituíndo no seu momento ó Nike Zeus do proxecto 505 en 1967. O mísil Tor do programa 437 permaneceu despregado ata 1975.[6] Unha desvantaxe das armas antisatélite nucleares é que poden danar os satélites propios. Como resultado, os Estados Unidos dirixiron o seu esforzo a desenvolver armas antisatélite non nucleares.[5]
Tras a demostración por parte da Unión Soviética dun sistema antisatélite coorbital, en 1978 o presidente Jimmy Carter ordenou á USAF desenvolver e despregar un novo sistema antisatélite.[7]
En 1978 a USAF comezou un novo programa denominando en principio Prototype Miniature Air-Launched Segment (PMALS) e o mando da división espacial da Forza Aérea estableceu unha oficina para o programa.[7] A USAF publicou unha petición de propostas para un vehículo en miniatura lanzado desde o aire. Os requisitos eran que fose un mísil lanzado desde o aire e que puidese ser usado contra satélites en órbita baixa.
En 1979 a USAF asinou un contrato con LTV Aerospac para comezar co traballo sobre o mísil. O deseño de LTV contemplaba un mísil multietapa cunha cabeza buscadora de infravermellos e enerxía cinética.[8]
Deseño
[editar | editar a fonte]O ASM-135 foi lanzado desde un F-15A en escalada a velocidade supersónica. O ordenador do F-15A e o seu despregue frontal foron modificados para proporcionar indicacións de dirección ó piloto.[8]
Como primeira etapa do ASM-135 usouse un mísil AGM-69 SRAM modificado con dous motores de pulso LPC-415 de propelente sólido.[9]
Como segunda etapa usouse un Altair 3 de LTV Aerospace.[10] O Altair 3 usaba un motor de propelente sólido FW-4S de Thiokol. O Altair 3 usouse tamén como cuarta etapa do foguete Scout[10] e fora usado nos sistemas antisatélite Bold Orion e HiHo.[3] Ía equipado con propulsores alimentados por hidracina para modificar a actitude e apuntado do mísil.
LTV Aerospace proporcionou tamén a terceira etapa do ASM-135, o interceptor denominado Miniature Homing Vehicle (MHV). Antes de ser despregado, a segunda etapa usaríase para dar unha velocidade de xiro ó MHV dunhas 30 revolucións por segundo e para apuntar o MHV cara ao obxectivo.[11]
O mísil usaba un anel láser xiroscópico de Honeywell para determinar a velocidade de xiro e para obter un marco de referencia antes da separación do MHV da segunda etapa.[11] O sensor infravermello foi desenvolvido por HRL Laboratories e usaba unha banda detectora con catro bandas de indio e bismuto colocadas en cruz e catro bandas colocadas en forma de espiral logarítmica. Co xiro do detector podíase determinar a posición do obxectivo no infravermello. O detector arrefecíase mediante helio líquido dun termo instalado en lugar das municións para a arma do F-15 e dun termo máis pequeno situado na segunda etapa do ASM-135. As liñas crioxénicas da segunda etapa retraíanse antes de imprimir xiro ó MHV.[11]
O guiado do MHV só seguía obxectivos situados no campo de visión do sensor infravermello, sen determinar altura, actitude ou distancia ó obxectivo. O sistema de guiado directo e proporcional á liña de visión usaba información do detector para manobrar e anular calquera cambio na liña de visión. Usábase un sistema de control si/non para o axuste e control fino do MHV.[11]
Lanzamentos de proba
[editar | editar a fonte]O 21 de decembro de 1982 usouse un F-15A para facer a primeira proba cativa de transporte dun ASM-135 desde a Base Edwards da Forza Aérea, en California.[7]
O 20 de agosto de 1985 o presidente Ronald Reagan autorizou unha proba contra un satélite. A proba atrasouse para notificar ó Congreso dos Estados Unidos. O obxectivo foi o observatorio solar Solwind P78-1, lanzado o 24 de febreiro de 1979.[7]
O 13 de setembro de 1985, o Maior Wilbert D. "Doug" Pearson, pilotando o Aguia Celestial F-15A 76-0084, lanzou un ASM-135 ASAT a uns 322 km ó oeste da Base Vandenberg da Forza Aérea, destruíndo o P78-1, que voaba a unha altura de 555 km. Antes do lanzamento, o F-15, voando a Mach 1,22, executou unha escalada a 3,8 g e a un ángulo de 65 graos. O mísil foi lanzado automaticamente a 11.612 metros e a unha velocidade de Mach 0,934.[7] O MHV, de 13,6 kg de peso, impactou co satélite, de 907 kg, a unha velocidade de 24.140 km/h.[9]
A NASA foi informada da proba en xullo de 1985, tras o cal modelou os seus efectos, estimando que os restos do impacto seguirían en órbita na década dos anos 1990, o que implicou aumentar a blindaxe da futura estación espacial.[12]
Previamente a NASA e a Forza Aérea colaboraron para desenvolver un vehículo lanzado por un foguete Scout que servira de obxectivo para as probas ASAT e producir a menor cantidade posible de restos. Con todo, as restricións por parte do Congreso sobre as probas ASAT impedírono.[12]
O Departamento de Defensa determinou que o P78-1 serviría como obxectivo antes de que o Congreso prohibise as probas antisatélite.[12]
A NASA colaborou co Departamento de Defensa para o seguimento dos efectos das probas usando dous telescopios e un radar situado en Alasca.[12]
A NASA asumiu que os restos metálicos serían brillantes, pero inesperadamente os restos da proba resultaron ser tan escuros que eran case indetectables. Tan só se albiscaron dúas pezas. Os científicos teorizaron que o escurecemento das pezas debeuse á carbonización de compostos orgánicos (plásticos) no satélite obxectivo e á súa condensación sobre as pezas metálicas.[12]
A NASA utilizou os telescopios infravermellos da Forza Aérea para demostrar que as pezas estaban quentes pola calor absorbida polo Sol, o que apoiaba a idea de que se atopaban escurecidas e non eran apenas reflectantes. As pezas decaeron rapidamente de órbita, o que implicaba unha proporción área/masa grande. Segundo a NASA, en xaneiro de 1998, oito das 285 pezas detectables orixinais permanecían en órbita.[12]
A proba co Solwind deu tres importantes resultados:
- Mostrou a posibilidade de que os obxectos avistados polos sistemas ópticos fosen grandes e escuros en lugar de pequenos e brillantes, o cal tiña implicacións para a calibración dos sistemas de detección de restos orbitais ópticos e de radar.
- A proba sentou as bases para que os investigadores puidesen buscar signos de colisións a alta velocidade no espazo.
- Aumentou a preocupación sobre o perigo dos restos orbitais.
En último termo, a proba tivo poucas consecuencias para os plans da estación espacial estadounidense, xa que o seu lanzamento e construción atrasouse para finais dos anos 1990. O alto nivel do máximo de actividade solar entre 1989 e 1991 quentou e expandiu a atmosfera máis do previsto en 1985, acelerando a caída dos restos do Solwind.[12]
Número de voo | Data | Descrición |
---|---|---|
1 | 21 de xaneiro de 1984 | Mísil probado con éxito sen o MHV. |
2 | 13 de novembro de 1984 | Mísil fallou cando o MHV foi dirixido cara a unha estrela. |
3 | 13 de setembro de 1985 | Mísil destrúe con éxito o satélite P78-1 Solwind |
4 | 22 de agosto de 1986 | Mísil probado con éxito cando o MHV foi dirixido cara a unha estrela. |
5 | 29 de setembro de 1986 | Mísil probado con éxito cando o MHV foi dirixido cara a unha estrela. |
Construíronse 15 mísiles ASM-135, 5 deles lanzados en voos de proba.[9]
Historia operativa
[editar | editar a fonte]A Forza Aérea pretendeu modificar vinte F-15A do 318º escuadrón de interceptores da base McChord e do 48º escuadrón da base de Langley para a misión antisatélite. Ámbolos dous escuadróns tiñan chasis modificados para soportar o ASM-135 no momento en que o proxecto foi cancelado, en 1988.[13]
A USAF tiña planeado o despregue de 112 mísiles ASM-135.[8]
O despregue dos ASM-135 foi unha cuestión de importancia no debate político nos Estados Unidos sobre a necesidade estratéxica de dispoñer dunha arma antisatélite e un posible control de armas antisatélite xunto coa Unión Soviética. A principios de 1983, o Congreso impuxo restricións ó programa do ASM-135.[6] En decembro de 1985 incluíu unha prohibición para realizar probas do ASM-135 con obxectivos no espazo. Esta decisión foi tomada tan só un día despois de que a Forza Aérea lanzase dous satélites-obxectivo a órbita para as próximas probas. A Forza Aérea seguiu probando o sistema ASAT en 1986, pero sen usar obxectivos no espazo.[14]
No mesmo ano, estimouse que o despregue do ASM-135 custara 5300 millóns de dólares en lugar dos 500 millóns inicialmente previstos. A USAF recortou o programa do ASM-135 en dous terzos para intentar controlar o gasto.[3] A USAF, que nunca apoiara o programa con moita forza, propuxo cancelalo en 1987.[6] En 1988, a administración Reagan cancelou o ASM-135 debido a problemas técnicos, atrasos nas probas e un aumento de custo significativo.[3]
Variantes
[editar | editar a fonte]- ASM-135: 15 mísiles construídos.
- CASM-135: versión cativa do ASM-135A con simulador de oxiva e motores inertes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Editado por Bhupendra Jasani, Space Weapons and International Security, unha publicación de SIPRI , Oxford University Press, 1987.
- ↑ Encyclopedia Astronautica, Bold Orion, [1], consultado o 7 de xullo de 2011.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Sitio web da Federation of American Scientists, FAS Space Policy Project - Military Space Programs, [2], consultada o 7 de xullo de 2011.
- ↑ Sitio web Aerospace Web.org. NOTSNIK, Project Pilot & Project Caleb [3] consultada o 7 de xullo de 2011.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Paul B. Stares, The Militarization of Space: U.S. Policy, 1945–1948, Cornell University Press, 1985.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Peter L. Hays, Struggling Towards Space Doctrine: U.S. Military Plans, Programs, and Perspectives during the Cold War,, disertación doutoral, Fletcher School of Law and Diplomacy, Universidade Tufts, maio de 1994
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Dr. Raymond L. Puffer, The Death of a Satellite, [4], consultado o 7 de xullo de 2011.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Directorio de mísiles e foguetes militares dos Estados Unidos. Vought ASM-135 ASAT [5] Consultado o 7 de xullo de 2011.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Vought Heritage Website ASAT Overview [6] Arquivado 31 de xaneiro de 2007 en Wayback Machine., consultado o 7 de xullo de 2011.
- ↑ 10,0 10,1 Encyclopedia Astronautica. Altair 3. [7]. Consultado o 7 de xullo de 2011.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 Gregory Karambelas, editado por Sven Grahn, The F-15 ASAT Story
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 NASA TP-1999-208856 David S.F. Portree e Joseph P. Loftus Jr. "Orbital Debries: A Chronology"
- ↑ Sitio web McChord Air Museum. McDonnell-Douglas F-15A Eagle. [8]. Consultada o 7 de xullo de 2011.
- ↑ Sitio web da Union of Concerned Scientists. A History of ASAT Programs. [9] Arquivado 04 de decembro de 2007 en Wayback Machine.. Consultada o 7 de xullo de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: ASM-135 ASAT |