Saltar ao contido

A dama do armiño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A dama do armiño
(La dama con l'ermellino)
ArtistaLeonardo da Vinci
Data1488-1490
Técnicaóleo sobre taboa
Dimensións54,8 cm cm × 40,3 cm cm
LocalizaciónMuseo Czartoryski (Cracovia)

A dama do armiño (en italiano La dama con l'ermellino) é un cadro do pintor renacentista italiano Leonardo da Vinci. Está pintado ao óleo sobre táboa que mide 54,8 cm. de alto e 40,3 cm de ancho e data do período 1488-1490. Consérvase no Museo Czartoryski de Cracovia (Polonia), onde se exhibe co título de Dama z gronostajem.

Considérase que é obra do mesmo autor do Retrato de Xenebra de Benci do National Gallery of Art (Washington, D.C.), e en xeral considérase que o autor de ambas foi Leonardo, pero non sen voces disidentes dentro da crítica.

A historia deste cadro pode ser reconstruída un tanto a partir de finais do século XVIII, pois ata aquel momento non era atribuído a Leonardo. Logo dunha revisión crítica, con todo, que modificou unha serie de atribucións, o cadro é hoxe universalmente considerado obra de Leonardo.

A pintura foi adquirida por Adam Jerzy Czartoryski, fillo de Izabela Czartoryska e de Adam Kazimierz Czartoryski en Italia en 1798 e integrouse na colección da familia Czartoryski en 1800. A inscrición sobre a esquina superior esquerda da pintura, LA BELE FERIONIERE. LEONARD D'AWINCI., foi probablemente engadida por un restaurador pouco logo da súa chegada a Polonia.[1] Logo de estar escondido nos subterráneos dun castelo, o cadro foi atopado en 1939, requisado polos soldados nazis que invadiran Polonia e enviado ao museo do Kaiser Friedrich en Berlín. En 1940 Hans Frank, o gobernador xeral de Polonia, demandou que se restituíse á vila de Cracovia, e alí estivo colgada nas súas oficinas. Ao final da segunda guerra mundial, as tropas aliadas descubriron a pintura na mansión de Frank en Baviera. Cando foi recuperado tiña nun ángulo a pegada dun talón. Foi devolto a Polonia e actualmente exponse no Museo Czartoryski de Cracovia.

Análise do cadro

[editar | editar a fonte]

Crese que a obra representa a Cecilia Gallerani, a amante de Ludovico Sforza, duque de Milán. A pintura é un dos catro retratos de muller pintados por Leonardo, sendo os outros tres A Gioconda, o retrato de Ginevra de' Benci e o de La Belle Ferronière. Malia certos danos - unha porta no fondo foi pintada, un veo transparente sobre a cabeza do modelo volveuse nun peiteado extravaxante e varios dedos foron repintados groseiramente-, atópase en mellores condicións que outras pinturas de Leonardo. Algúns destes danos sufriunos durante a segunda guerra mundial.

Leonardo coñeceu a Cecilia Gallerani en Milán en 1484 posto que ambos habitaban o Castelo Sforzesco, o palacio de Ludovico Sforza chamado "o Mouro". Era a amante do duque; mozo e bela (tiña soamente 17 anos), Cecilia interpretaba música e escribía poesía. Era apreciada, pois, ademais de pola súa beleza, polo seu talento e intelixencia.

Sostén nas súas mans e acariña o que normalmente considerouse un armiño, representado con precisión e vivacidade.

Déronse numerosas interpretacións á presenza deste animal. Os armiños asociábanse coa aristocracia, e a relación de Cecilia con este símbolo pode ser intencional. Entendeuse como símbolo de pureza polo seu pelo branco; nos bestiarios medievais, o armiño representaba algunhas virtudes como o equilibrio e a tranquilidade, de maneira que intencionadamente Leonardo estaría transferindo esas virtudes a Cecilia Gallerani, grazas tamén á actitude practicamente idéntica da dama e do animal. Igualmente pode entenderse como alusión a Ludovico, en cuxo emblema estaba «L'Ermellino», un pequeno armiño. Alternativamente, pode entenderse como un retruque sobre o seu nome (en grego o armiño é galé, o que evocaba o nome de Gallerani).

Falando apropiadamente, o animal da pintura tampouco parece exactamente un armiño, senón máis ben un furón branco, un animal favorito na Idade Media debido á facilidade para ser localizado na maleza espesa. Esta é a conclusión á que chegaron diversos etólogos que examinaron o cadro prestando particular atención á fisonomía do animal. O armiño é un animal salvaxe, dificilmente amestrable, polo que sería moi difícil podelo utilizar como modelo para un cadro de Leonardo que era notoriamente lento e reflexivo á hora de pintar. Pola contra, o furón pode ser domesticado case como un gato, ademais de ser un animal relativamente fácil de atopar na campiña lombarda da época (a diferenza do armiño que prefire climas máis rigorosos).

Como en moitos retratos de Leonardo, a composición implica unha espiral piramidal e o suxeito é captado movéndose mentres xira cara á esquerda, reflectindo a preocupación que Leonardo tivo toda a súa vida pola dinámica do movemento. O retrato en tres cuartos de perfil foi unha das súas moitas innovacións. O poeta cortesán do Mouro, Bernando Bellincioli, foi o primeiro que suxeriu que Cecilia pousa coma se estivese escoitando a alguén que está fóra do cadro. Ao mesmo tempo, ten a imperturbabilidade solemne dunha estatua antiga.

Un imperceptible sorriso suxírese nos beizos de Cecilia: para expresar un sentimento Leonardo prefería suxerir as emocións máis que presentalas de forma explícita.

Esta obra en particular mostra a habilidade de Da Vinci ao pintar a forma humana. A man estendida de Cecilia foi pintada con grande detalle. Da Vinci pinta o contorno de cada uña, cada engurra dos nocellos, incluso a flexión do tendón no dedo dobrado. Da Vinci practicara o debuxo de retratos de persoas con animais nos seus diarios moitas veces para perfeccionar os seus retratos.

Os raios X revelan que anteriormente pintara unha fiestra sobre a dereita da dama; de aí a luz tan intensa e o efecto dos reflexos que hoxe vemos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]