Saltar ao contido

Abano aluvial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista aérea dun abano aluvial no Vale da Morte, EUA.
Abano aluvial na zona do lago Louise, Alberta, Canadá.
Un vasto abano aluvial aflora na desolada paisaxe entre as cordilleiras Kunlun e Altun, que forman a fronteira sur do deserto de Taklamakán, en Xinjiang. O lado esquerdo é a parte activa do abano e aparece de cor azul a causa da auga que flúe nas numerosas pequenas correntes. (Crédito: NASA/GSFC/METI/ERSDAC/JAROS/ASTER).
Abano aluvial nos Pireneos franceses.

Un abano aluvial[1] ou abanico aluvial[2], é, en xeomorfoloxía, un depósito cónico de sedimentos que se encontra ao final dunha corrente de auga, como no cono de dexección dun torrente ou ao final dun canón que drena terreos montañosos e desemboca nunha chaira.

Características

[editar | editar a fonte]

A súa vista en planta presenta o aspecto dun abano e orixínase a partir da sedimentación da carga sólida transportada por unha corrente fluvial ou torrente alí onde esta perde subitamente forza debido á brusca diminución do gradiente topográfico que se produce cando un río que corre por entre as montañas chega á chaira do pé de monte ou por outra causa hidrodinámica parecida, como cando unha corrente tributaria alcanza un val de menor gradiente ou ao final dun torrente. Desta forma, a acumulación ocorre por desconfinamento e perda rápida de capacidade e competencia dos procesos sedimentarios que interveñen, fluxos fluidais e fluxos de gravidade.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

O perfil radial do abano aluvial é cóncavo, mentres que o perfil transversal é marcadamente convexo. Xeralmente os sedimentos máis grosos están localizados nas zonas proximais, mientres que os máis finos se encontran cara ás zonas distais do abano.

Na descrición de abanos aluviais utilízase a seguinte subdivisión: zona de cabeceira, correspondente á parte máis próxima ao ápice asociada normalmente a conglomerados e clastos de tamaño groso; zona de corpo, que presenta normalmente alternancia de conglomerados e arenitos, e a zona de pé do abano correspondente a zonas distais que pode interdixitarse con outros ambientes sedimentarios, e pode caracterizarse pola alternancia de arenitos con estratificación cruzada. A pendente xeral varía entre 5° e 10° na zona da cabeceira e de 1° a 2° no pé, existindo unha correlación positiva entre pendente do abano e calibre do sedimento.[3]

Existe unha correlación positiva entre a área do abano e a área da cunca de drenaxe, e tamén unha tendencia que correlaciona negativamente a pendente do abano e a área da cunca de drenaxe.[4][5]

Procesos que o xeran

[editar | editar a fonte]

Aínda que a vista en planta pode semellar a dun delta litoral, os procesos que xeran estas dúas formas son esencialmente diferentes, como tamén o son as estruturas sedimentarias que as caracterizan. Mentres que o abano aluvial é unha formación continental, o delta dun río é típicamente litoral, e o ambiente en que se xera é o de transición entre o continental e o mariño ou lacustre; o delta litoral tamén se forma pola diminución da velocidade da corrente e a consecuente diminución da capacidade de transporte da corrente fluvial.

No delta fluvial a sedimentación débese a que os materiais sólidos transportados pola corrente fluvial resultan demasiado pesados cando a corrente fluvial perde forza ao encontrar a resistencia dun corpo de auga (lago, lagoa, océano etc.). Aínda así, algunhas veces adoita chamarse delta seco a algúns abanos aluviais, como ocorre no delta do Okavango (Botswana, África).

En México e o oeste dos Estados Unidos, denomínase nalgunhas ocasións bajada (baixada) ao noiro continuo que resulta da coalescencia lateral de varios abanos aluviais que se suceden un ao lado do outro nunha chaira de pé de monte. O termo abano aluvial (en inglés, alluvial fan) provén da literatura científica sobre xeomorfoloxía en lingua inglesa; e é sinónimo de cono de dexección (en francés, cône de déjection), que provén dos termos xeomorfolóxicos usados en francés.

Un exemplo é o pé da vertente occidental da cordilleira occidental dos Andes peruanos, o cal está constituído por unha sucesión de abanos aluviais que determinan a chaira costeira de baixo gradiente do pé de monte andino do Perú; cando o abano é amplo dabondo dá lugar a un terreo de gran vocación agrícola, intensamente irrigado por canles que se derivan do río principal e, nalgúns casos, tamén por augas extraídas dos acuíferos do subsolo.

Zonación e facies

[editar | editar a fonte]

Nos abanos aluviais poden distinguirse tres zonas, respondendo principalmente a factores de distribución areal e á distribución de facies susceptibles de ser recoñecidas no rexistro estratigráfico.[6]

  • Zona de cabeceira. É a parte máis alta do abano, de reducida extensión areal, presentando granulometrías grosas e heterométricas, constituída por fluxos masivos (debris flows) cun comportamento viscoso ou por fluxos acuosos moi densos; o seu grao de preservación no rexistro estratigráfico é baixo. Os sedimentos caracterízanse por ser paraconglomerados grosos, que tipicamente mostran unha falta de imbricación e de estratificación, cunha concentración de clastos máis grosos na parte superior e exterior dos lobos. Estes interdixítanse cos estratos horizontais de ortoconglomerados con cantos imbricados, depositados polas correntes rápidas.
  • Zona de corpo. Caracterízase por unha falta xeral de augas superficiais debido á infiltración, con leitos das correntes máis raros e pouco fondos. Con predominancia de transporte de materiais mediante correntes tractivas en cursos con morfoloxía trenzada, barras entrelazadas, con maior participación de correntes fluídas. A estratificación está mellor desenvolvida, mellora a selección, e os clastos son máis pequenos e máis arredondados. Os arenitos fanse máis abundantes e normalmente mostran estratificación masiva, laminación cruzada planar e croios dispersos. Poden ser comúns os lentellóns de limo. Con maior extensión que a zona de cabeceira, presenta dúas zonas diferenciadas. A superior (interna) mostra unha boa equivalencia lateral coa zona de cabeceira da que proceden algúns episodios masivos e, sobre todo, da que proceden os fluxos acuosos densos e altamente enerxéticos (sheet floods). A zona externa posúe facies que cando se trata de materiais conglomeráticos, mostra un transporte mediante correntes acuosas, que poden arredondar os clastos por impacto e realizar algunha selección granulométrica dos mesmos.
  • Zona de pé. É normalmente a de maior extensión, prolóngase ata as zonas onde se observa a influencia do transporte de sedimentos, a súa pendente é máis suave e a súa granulometría máis fina, mostrando un maior número de canles debido á reaparición das augas superficiais. Con predominancia de transporte de materiais mediante correntes tractivas en cursos con morfoloxía trenzada. Distínguense dúas zonas. A zona superior caracterízase por ter materiais canalizados. As facies predominantes son areosas, e lutiticas con intercalacións grosas con tendencia a unha granulometría crecente e presenza de canles. A zona externa presenta grans finos e moi finos. Estas zonas poden ter períodos prolongados de non sedimentación, favorecéndose o desenvolvemento de paleosolos. Mostra corpos canalizados menos abundantes. Esta zona pode presentar interdixitacións con outros ambientes (evaporítico, lacustre, fluvial).

Clasificación

[editar | editar a fonte]

A seguinte é a clasificación comunmente máis utilizada para describir abanos aluviais:[3]

  • Abanos húmidos. Con correntes (semi) perennes que poden cubrir miles de quilómetros cadrados e contan tamén con gradientes máis baixos, normalmente menores a 1º. Nestes existe un predominio de fluxos fluídos.
  • Abanos secos ou áridos. Con escorremento esporádico, están dominados por fluxos de detritos. Normalmente desenvólvense ao longo das escarpas de falla e en fosas tectónicas, onde o tectonismo renovado fai que se repita a sedimentación. Poden cubrir ata unhas poucas decenas de quilómetros cadrados e poden mostrar gradientes globais de máis de 3º.

En climas áridos

[editar | editar a fonte]

Os abanos aluviais encóntranse con frecuencia en áreas desérticas sometidas a inundacións repentinas periódicas causadas por tormentas que caen nos montes próximos. O típico curso de auga dunha zona árida ten unha cunca ampla con forma de funil na parte superior (cunca de recepción), que acaba nunha canle estreita, que se abre ao final no abano aluvial. As correntes entrelazadas múltiples están xeralmente presentes e activas durante os fluxos de auga.

Na base dos abanos adoita haber plantas freatófitas, que teñen longas raíces coas que acadan a auga profunda que escoou nos sedimentos do abano. Os arbustos agarran o solo e a miúdo forman illas de hábitat para moitos animais a medida que o vento arrastra a area da base dos arbustos.

En climas húmidos

[editar | editar a fonte]

Os abanos aluviais tamén se desenvolven en climas húmidos. No Nepal o río Koshi orixinou un megaabano que cubría 15000 km2 desde a súa saída nas ladeiras do Himalaia ata as chairas da India, onde o río desemboca no Ganxes. Ao longo do percorrido dos afluentes do tramo alto do Koshi, as forzas tectónicas elevaron o Himalaia varios milímetros ao ano. A elevación está aproximadamente en equilibrio coa erosión, polo que o río leva anualmente uns 100 millóns de metros cúbicos de sedimentos cando sae das montañas. A deposición desta gran magnitude de materiais durante millóns de anos é máis que suficiente para crear o megaabano.[7]

En Norteamérica, os ríos que flúen polo Central Valley de California depositaron abanos menores pero aínda bastante extensos. Un exemplo é o río Kings que discorre desde Sierra Nevada creando unha divisoria de augas baixa, e acabando nunha cunca endorreica no Val de San Joaquin, sen conexión co mar.

Inundacións

[editar | editar a fonte]

Os abanos aluviais poden sufrir inundacións,[8][9] que poden ser moi perigosas. As súas superficies perpendiculares lixeiramente convexas causan que a auga se estenda nunha zona moi ancha e non deixa zonas para refuxiarse.

No caso do megaabano do río Koshi, o monzón de agosto de 2008 causou unha inundación na que un millón de persoas perderon as casas e unhas mil morreron.

Respostas ao levantamento tectónico

[editar | editar a fonte]

En caso de que o abano aluvial se encontre condicionado principalmente por factores tectónicos, o abano aluvial responderá a variacións do equilibrio dependendo da relación entre as velocidades de alzamento e de encaixamento do leito principal. Cando a velocidade do levantamento é maior á do encaixamento do leito principal, prodúcese unha acumulación de pequenos conos sobreimpostos ás partes máis internas do abano. Orixinan unha ordenación secuencial de granulometrías inversas. Cando a velocidade do levantamento é menor á do encaixamento da canle principal, toda a sedimentación vaise localizar cara ao pé do abano, onde se construirán uns conos de dexección de menor entidade pero de gradación negativa.[6]

No sistema solar

[editar | editar a fonte]

Atopáronse abanos aluviais en Marte que descenden dos bordos de cráteres ata zonas máis baixas planas.[10] Un exemplo é o que se encontra no cráter Saheki. A súa presenza confirma a presenza en tempos antigos de fluxos de auga na superficie de Marte.[11] Ademais, as observacións de abanos no cráter Gale feitas por satélites en órbita foron confirmados polo descubrimento de sedimentos fluviais polo vehículo Curiosity.[12]

Tamén se detectaron abanos aluviais na misión Cassini-Huygens a Titán polo radar de apertura sintética do orbitador Cassini.[13] Estes abanos son máis comúns nas latitudes medias máis secas na parte final dos ríos de metano/etano que os orixinaron, que poden estar secos ou húmidos segundo as precipitacións que haxa, de forma parecida ás correntes que crean abanos nas zonas desérticas de Terra. As imaxes de radar indican que o material acumulado nos abanos está composto principalmente por grans arredondados de xeo de auga ou compostos orgánicos sólidos de 2 cm de diámetro.

  1. BUSCatermos abano aluvial, que dá como referencia "Xeoloxía" en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para abanico.
  3. 3,0 3,1 J.P. le Roux, Sedimentology, Apunte Curso Sedimentología Departamento Geología Universidad de Chile
  4. Terence C Blair, Alluvial fans and their natural distinction from rivers based on morphology, hydraulic processes, sedimentary processes, and facies assemblages, 1994
  5. Blair, T.C. and McPherson, J.G. (1992) The Trollheim alluvial fan and facies model revisited. Bull. Geol. Soc. Am., 104, 762±769.
  6. 6,0 6,1 Colombo, F. 1989. «Abanicos Aluviales». En: Arche, A. (ed.) Sedimentología. Vol. I, C.S.I.C. Nuevas Tendencias, 11: 143-218. Madrid.
  7. National Aeronautics and Space Administration. "Geomorphology from Space; Fluvial Landforms, Chapter 4: Plate F-19". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2011. Consultado o April 18, 2009. 
  8. Cazanacli, Dan; Paola, Chris; Parker, Gary (2002). "Experimental Steep, Braided Flow: Application to Flooding Risk on Fans". Journal of Hydraulic Engineering 128 (3): 322. doi:10.1061/(ASCE)0733-9429(2002)128:3(322). 
  9. Committee on Alluvial Fan Flooding, Water Science and Technology Board, Commission on Geosciences, Environment, and Resources, National Research Council. (1996). Alluvial fan flooding. Washington, D.C.: National Academy Press. ISBN 0-309-05542-3. 
  10. Kraal, Erin R.; Asphaug, Erik; Moore, Jeffery M.; Howard, Alan; Bredt, Adam (marzo de 2008). "Catalogue of large alluvial fans in martian impact craters". Icarus 194 (1): 101–110. ISSN 0019-1035. doi:10.1016/j.icarus.2007.09.028. Consultado o 21 de xaneiro de 2016. 
  11. Morgan, A. M.; Howard, A. D.; Hobley, D. E. J.; Moore, J. M.; Dietrich, W. E.; Williams, R. M. E.; Burr, D. M.; Grant, J. A.; Wilson, S. A. (2014-02-01). "Sedimentology and climatic environment of alluvial fans in the martian Saheki crater and a comparison with terrestrial fans in the Atacama Desert". Icarus 229: 131–156. doi:10.1016/j.icarus.2013.11.007. 
  12. Harwood, William; Wall, Mike (27 de setembro de 2012). "Mars rover Curiosity finds ancient stream bed". CBS News. Consultado o 21 de xaneiro de 2016. 
  13. J. Radebaugh; et al. (2013). "Alluvial Fans on Titan Reveal Materials, Processes and Regional Conditions" (PDF). 44th Lunar and Planetary Science Conference. Consultado o 21 de xaneiro de 2016.