Acción Republicana
Acción Republicana | |
---|---|
Tipo | partido político |
Ideoloxía | Republicanismo e liberalismo social |
Data de fundación | 1925 |
Data de disolución | 1934 |
Fundador(es) | Manuel Azaña e José Giral |
Presidente/a | Manuel Azaña (-) |
Sede | Madrid |
País | España |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Acción Republicana foi unha agrupación política progresista e republicana fundada por Manuel Azaña en 1925, durante a ditadura de Primo de Rivera, que constituíu o seu primeiro Comité Nacional en 1930, presidido por Azaña,[1] para converterse en partido político tras unha asemblea xeral celebrada en Madrid, en maio de 1931.[2] Entre os acenos de identidade do partido, destacaban o autonomismo, o laicismo, o compromiso coa reforma agraria e a reforma do Exército.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Un dos impulsores de Acción Republicana foi Manuel Azaña, antigo militante do Partido Reformista, quen, como a maioría das personalidades máis destacadas daquel partido que o abandonaron tras o golpe de Estado de Primo de Rivera, dera por liquidado o proxecto reformista. de conseguir a democracia dentro da Monarquía, e xa apostaba pola República, tal e como explicou Azaña no manifesto Apelación á República que fixera público en maio de 1924. Para acadar tal fin, propúxose crear «unha nova conxunción republicano-socialista capaz de se opor ao bloque esmagador das forzas escurantistas aliadas, a resistencia primeiro, a contraofensiva despois da vontade liberal latente baixo a mentida resignacióndo país».[3]
Dende a revista España, Azaña criticou aos vellos republicanos como Alejandro Lerroux ou Vicente Blasco Ibáñez e propuxo un novo republicanismo. Esta iniciativa materializouse a comezos de 1925 co nacemento do grupo Acción Política, que en maio dese mesmo ano adoptou a denominación definitiva de Acción Republicana. Estaba formado por intelectuais, algúns deles procedentes do Partido Reformista como Azaña, como Ramón Pérez de Ayala ou José Giral, e outros que non o foran como Luis Jiménez de Asúa, Luis Araquistain, Honorato de Castro ou Martí y Jara.[1]
Alianza Republicana
[editar | editar a fonte]En febreiro de 1926, Acción Republicana participou na fundación da “Alianza Republicana”, o mesmo día que se celebrara o aniversario da Primeira República Española, que congregou ao antigo Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux —do cal, en decembro de 1929 se escindira o Partido Republicano Radical-Socialista, de Marcelino Domingo e Álvaro de Albornoz- e o Partido Republicano Democrático Federal, xunto coas novas formacións republicanas como eran Acción Republicana de Azaña e o Partit Republicà Català, fundado por Marcelino Domingo e Lluís Companys.[4] No manifesto que se fixo público o mesmo día en que se creou, demandaba a convocatoria "dunhas Cortes Constituíntes elixidas por sufraxio universal, nas que loitaremos pola proclamación do réxime republicano".[5]
Como grupo integrado na Alianza Republicana, participou no Pacto de San Sebastián para derrocar a Monarquía de Afonso XIII, e implicouse na construción e consolidación da II República. Formou parte do Goberno Provisional que se fixo cargo do país tras a saída de España de El-Rei.
Obtivo 30 deputados nas eleccións xerais de 1931, e enseguida converteuse, a pesar da súa relativamente escasa forza parlamentaria, nunha formación central dos Gobernos da República ata 1933, liderados polo seu presidente, Manuel Azaña.
No debate parlamentario sobre a Constitución de 1931 apoiou o proxecto presentado pola Comisión de Constitución. O seu portavoz no conxunto do debate inicial foi Claudio Sánchez Albornoz, quen, tras eloxiar ao seu líder, Manuel Azaña, polo seu "traballo revolucionario no Exército que todo o mundo pode aplaudir", sinalou que a nova Constitución veu solucionar "problemas que xa se resolveron hai séculos en todos os países", e destacou o proxecto presentado para o seu debate e aprobación polas Cortes pola súa "tendencia socializadora" ("sentimos a xustiza das reivindicacións socialistas, da política socialista"; "o futuro próximo debe ser do partido socialista porque ao fin e ao cabo traballades polo benestar da Humanidade") así como a súa "tendencia autonomista" ("por primeira vez na Historia imos ter unha Constitución que responda á estrutura interna da nosa Patria"), "pero sen prexudicar a unidade nacional".[6] Sobre esta última engadiu:
España sempre foi unha e múltiple. Quen quere crear un Estado unitario ou centralista ten que enfrontarse á realidade española igual que os que negan a unidade suprema de España. A República ten que pactar o Estado con esa variedade na unidade
Ao rematar a súa intervención, pronunciouse a prol de "realizar a federación de Europa" e como conclusión afirmou:[7]
A República Española veu transformar radicalmente a España, non só na orde política, senón en todo, para evitar que siga á deriva, adormecendo, como leva adormecida durante séculos ao longo da historia.
Tras a derrota dos republicanos de esquerda nas eleccións de novembro de 1933, nas que Acción Republicana só obtivo 5 escanos, o partido fusionouse, en 1934, con outros grupos republicanos (como a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e o Partido Republicano Radical Socialista Independente para formar Izquierda Republicana, baixo o liderado de Azaña, e que obtería un gran resultado nas eleccións de febreiro de 1936.[8]
Ministros e gobernantes de Acción Republicana
[editar | editar a fonte]Durante a Segunda República Española, os seguintes membros de Acción Republicana formaron parte dalgún dos 26 gobernos sucesivos:
- Manuel Azaña Díaz, ministro de Guerra, presidente do goberno e Presidente da República.
- José Giral Pereira, ministro de Mariña e presidente do goberno.
- Claudio Sánchez-Albornoz, ministro de Estado. Rematada a guerra civil, foi presidente do goberno republicano no exilio.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 González Calleja (2005), p. 324.
- ↑ Avilés Farré (2006), pp. 94-96.
- ↑ González Calleja (2005), pp. 323-324.
- ↑ Barrio Alonso (2004), p. 99.
- ↑ González Calleja (2005), pp. 324-325.
- ↑ Juliá (2009), pp. 221-230.
- ↑ Juliá (2009), p. 229.
- ↑ Tamames (1974), p. 18.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Avilés Farré, Juan (2006). La izquierda burguesa y la tragedia de la II República (PDF) (en castelán). Madrid: Consejería de Educación de la Comunidad de Madrid. ISBN 84-451-2881-7.
- Barrio Alonso, Ángeles (2004). La modernización de España (1917-1939). Política y sociedad (en castelán). Madrid: Síntesis. ISBN 84-9756-223-2.
- González Calleja, Eduardo (2005). La España de Primo de Rivera. La modernización autoritaria 1923-1930 (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-4724-1.
- Juliá, Santos (2009). La Constitución de 1931 (en castelán). Madrid: Iustel. ISBN 978-84-9890-083-5.
- Tamames, Ramón (1974). La República. La era de Franco. Colección: Historia de España Alfaguara, VII (en castelán) (2ª ed.). Madrid: Alianza Editorial/Alfaguara. ISBN 84-206-2051-3.