Accidente do transbordador espacial Columbia
O accidente do transbordador espacial Columbia foi un accidente espacial que se produciu o 1 de febreiro de 2003 durante a misión STS-107, provocando a destrución do transbordador e a morte dos sete tripulantes durante a reentrada atmosférica.
A destrución do Columbia foi o resultado de danos sufridos polo transbordador durante o lanzamento, cando un anaco de escuma illante da medida dunha pequena maleta se desprendeu do tanque externo (o depósito principal de propergol) da nave espacial por mor das forzas aerodinámicas do lanzamento. Este anaco bateu contra o bordo de ataque da á esquerda, danando o sistema de protección térmica do transbordador espacial (TPS), que protexe o transbordador da calor xerada durante a reentrada á atmosfera. Cando o Columbia aínda estaba en órbita, algúns enxeñeiros xa sospeitaran que se produciran danos, pero os directores da NASA limitaron as investigacións, argumentando que aínda que se atopasen problemas, non se podería facer nada.[1]
O comité da NASA encargado da seguridade do transbordador declarou que a escuma do revestimento do tanque externo e outros anacos que impactaron contra o transbordador son problemas de seguridade que terían que terse resolto antes de autorizar un lanzamento, pero que a miúdo daban luz verde a lanzamentos malia que os enxeñeiros detectaran un problema no revestimento de escuma sen achegar unha solución. A maioría de lanzamentos de transbordadores padecían estes desprendementos de escuma e danos nas tellas térmicas, cousa que violaba as normas de seguridade.[2] Durante a reentrada da misión STS-107, a zona danada permitiu ós gases quentes penetrar e destruír axiña a estrutura interna da á,[3] desencadeando a desintegración do vehículo. As buscas sobre un vasto territorio en partes de Texas, Luisiana e Arcansas permitiron recuperar restos dos tripulantes e numerosos anacos do vehículo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Space.com (ed.). "Columbia's Problems Began on Left Wing" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de xuño de 2003. Consultado o 26 de febreiro de 2008.
- ↑ Columbia Accident Investigation Board, ed. (2003). "6.1 A History of Foam Anomalies (page 121)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de maio de 2011. Consultado o 3 de agosto de 2007.
- ↑ The Associated Press (ed.). "Molten Aluminum found Columbia's thermal tiles". Consultado o 13 de agosto de 2007.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Accidente do transbordador espacial Columbia |