Aleksandr Nikolaevich Iakovlev
Aleksandr Nikolaevich Iakovlev (en ruso: Александр Николаевич Яковлев), nado no oblast de Yaroslavl o 2 de decembro de 1923 e finado en Moscova o 18 de outubro de 2005, foi un académico da Academia de Ciencias de Rusia e un político soviético.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Procedente dunha familia labrega, Iakovlev serviu no Exército Vermello durante a segunda guerra mundial, resultado ferido de gravidade[1] durante o asedio alemán de Leningrado. Ingresou no PCUS en 1944, traballou en diversas publicacións do partido e estivo á fronte do departamento de ideoloxía e propaganda do partido de 1969 a 1973. En 1972 publicou un artigo no que criticaba o antisemitismo soviético e chauvinismo ruso o que suscitou a condena do Poliburo, a súa destitución dos cargos no partido e o seu nomeamento como embaixador no Canadá, onde permaneceu dez anos e fixo amizade con Pierre Trudeau[2]. En 1983 acompañou a Mikhail Gorbachev que como ministro de agricultura visitaba o Canadá e algunhas semanas despois como consecuencia da intervención deste volveu á URSS como director do Instituto de Economía Mundial e de Relacións Internacionais (1983-1985). Coa chegada de Gorbachev ao poder Iakovlev converteuse no seu conselleiro, foi membro do Politburo (1987-1990) e do Secretariado (1986-1990) do Partido Comunista da Unión Soviética. Foi o ideólogo do Partido, a mesma posición que ata a súa morte en 1982 tivera Mikhail Suslov; recibiu o nome de "pai da glasnost por estar considerado a forza intelectual detrás do programa de reformas que Mikhail Gorbachov realizou coa glasnost e a perestroika. Despois da caída da URSS formou e presidiu o Partido da Socialdemocracia Rusa (1995-2002) Presidente da Comisión para a rehabilitación das vítimas da represión política (1992-2005).
Logo de décadas de negar oficialmente calquera protocolo secreto no Pacto Ribbentrop-Molotov de 1939 coa Alemaña nazi, Iakovlev dirixiu unha comisión que investigou a existencia de tales protocolos e en decembro de 1989 concluíu que realmente existiran.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Robert Bothwell, e J.L. Granatstein Pirouette: Pierre Trudeau and Canadian foreign policy: University of Toronto, 1990, páxina 200 ISBN 0-8020-5780-2
- ↑ Yale Richmond Cultural Exchange & The Cold War: Raising The Iron Curtain:Pennsylvania State University, 2000, páxina 29