Alice Munro
Alice Ann Munro, nada co nome de Alice Ann Laidlaw en Wingham (Ontario) o 10 de xullo de 1931 e finada o 13 de maio de 2024[1] en Port Hope (Ontario), foi unha narradora canadense, sobre todo de relatos. Estaba considerada como unha das escritoras actuais máis destacadas en lingua inglesa. En 2013 foille outorgado o Premio Nobel de Literatura.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Alice Munro naceu en Wingham (Ontario), en xullo de 1931. Viviu primeiro nunha granxa ao oeste desa provincia canadense, nunha época de depresión económica; esta vida tan elemental foi decisiva como fondo nunha parte dos seus relatos.
Coñeceu moi novo a James Munro, na Universidade de Western Ontario; exerceu traballos manuais para pagarse os seus estudos. Casou en 1951, e instaláronse en Vancouver. Tivo a súa primeira filla aos 21 anos. Logo, xa coas súas tres fillas, en 1963 trasladouse a Vitoria, onde levou co seu marido unha libraría.
Divorciouse en 1972, e ao regresar ao seu estado natal converteuse nunha frutífera escritora-residente na súa antiga universidade. Volveu casar en 1976, con Gerald Fremlin. A partir de entón, consolidou a súa carreira de escritora, xa ben orientada.
A escritora
[editar | editar a fonte]Iniciouse de moza con contos (escritos desde 1950), escritos no pouco tempo que tivera até entón, e publicara dúas recompilacións de relatos e unha novela.
Antes de 1976, escribiu Dance of the Happy Shades (1968), os seus primeiros contos, algúns moi temperáns[2]; pero tamén a importante novela Lives of Girls and Women (1971) e os relatos entrelazados Something I've Been Meaning to Tell You (1974).
Logo, publicou novas coleccións de relatos The Beggar Maid (1978), The Moons of Jupiter, The Progress of Love (1986), Friend of My Youth e Open Secrets (1994). En Galicia comezou a ser coñecida pola tradución ao español de Hateship, Friendship, Courtship, Loveship, Marriage (2001) e logo coa de Runaway (2004). Mantívose como unha escritora algo descoñecida.[3]
En The View from Castle Rock, 2006, fixo un balance da historia remota da súa familia, en parte escocesa, emigrada ao Canadá, e describiu amplamente as dificultades dos seus pais. O seu libro afastábase un punto do seu modo expresivo anterior. Por entón, falou de retirarse, pero a publicación do excelente Too Much Happiness (novos contos, aparecidos en 2009), desmentiuno.
Ademais, en 2012 publicou outro libro de relatos co título Dear Life, con contos máis desposuídos e máis centrados no pretérito.[4] Na súa última sección detense nun puñado de recordos persoais, que poden verse como unha especie de confesión definitiva da autora, pois son "as primeiras e últimas cousas -tamén as máis fieis-, que teño que dicir sobre a miña propia vida".[5]
Munro, que non se prodigou na prensa, recoñeceu o influxo inicial de grandes escritoras (Katherine Anne Porter, Flannery O'Connor, Carson McCullers ou Eudora Welty), así como de dous narradores: James Agee e especialmente William Maxwell. Os seus relatos breves céntranse nas relacións humanas analizadas a través da lente da vida cotiá. Por isto, e pola súa alta calidade, foi chamada "a Chekhov canadense". Afai pasar longas tempadas de vacacións na cidade colombiana de Cartaxena de Indias, onde escribiu varias das súas novelas.
Foi entrevistada cumpridamente por The Paris Review, en 1994.
Premios
[editar | editar a fonte]Gañou tres veces o premio canadense á creación literaria, «Premio Literario do Gobernador Xeral».
En 1998, gañou o National Book Critics Circle estadounidense por The Love of a Good Woman.
En España foi premiada co Premio Reino de Redonda en 2005 e en 2011 co Premio Tormenta polo seu libro Too Much Happiness.[6]
En 2013, foille outorgado o Premio Nobel de Literatura.[7]
Obras
[editar | editar a fonte]- Dance of the Happy Shades, 1968, contos.
- Lives of Girls and Women, 1971, novela.
- Something I?ve Been Meaning to Tell You, 1974, relatos entrelazados
- The Beggar Maid (aparecido antes como Who Do You Think You Are?), 1978, contos.
- The Moons of Jupiter, 1982.
- The Progress of Love, 1986.
- Friend of My Youth, 1990.
- Open Secrets, 1994.
- The Love of a Good Woman, 1998.
- Hateship, Friendship, Courtship, Loveship, Marriage, 2001, contos.
- Runaway, 2004, contos.
- The View from Castle Rock, relatos enlazados sobre a súa familia.
- Too Much Happiness, 2009, contos.
- Dear Life, 2012, contos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Alice Munro, Nobel Prize-Winning Canadian Author of ‘Away From Her,’ Dies at 92" [Alice Munro, escritora canadense gañadora do Premio Nobel por 'Away From Her,' morre aos 92 anos]. Variety (en inglés). 14/05/2024. Consultado o 14/05/2024.
- ↑ "The writing of those stories stretched over fifteen years", The Paris Review, 1994, AF 137
- ↑ Elvira Lindo, "A vida secreta de Alice Munro", 4-12-2010.
- ↑ A. Muñoz Molina, "Nadie como ella", El País, Babelia, 8-12-2012, p. 3; e The Guardian, 11-2012 [1]
- ↑ Tras o dez relatos de Dear Life escribe aparte
- "The final four works in this book are not quite stories. They form a separate unit, one that is autobiographical in feeling, though not, sometimes, entirely so in fact. I believe they are the first and last ? and the closest ? things I have to say about my own life".
- ↑ Emilio Ruiz Mateo. Premios Tormenta: Esquivias, Munro..., Estandarte, 06.06.2011; acceso 29.01.2013
- ↑ BBC (10 de outubro de 2013). "A canadense Alice Munro gaña o Premio Nobel de Literatura". Consultado o 10 de outubro de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Entrevista con A.M en The Paris Review, 1994.
- Sheila Munro, Lives of Mothers and Daughters: Growing up with Alice Munro, Toronto, McClelland & Stewart, 2001, memorias da súa filla.
- Robert Thacker, Alice Munro: Writing Her Lives, Douglas Gibson Books, 2005, biografía.