Aríbalo
O aríbalo (grego ἀρύβαλλος, aryballos) é un vaso grego de base ancha e pescozo estreito, polo que se comparou cunha bolsa pechada. Figura entre os utensilios de baño por servir para conservar o aceite perfumado destinado ao coidado do corpo. A raíz desta palabra é αρυω que significa "extraer". Os aríbalos frecuentemente utilizados como depósitos de aceite para os atletas.
Nas coleccións de vasos de barro pintados abunda o aríbalo. É sempre un frasco pequeno de poucos centímetros (uns 6 a 10). Os máis bonitos son os de estilo corintio (do século VI a. C.) en forma de ampola, isto é, esférico sen pé, achatado ou de pera (neste caso adoita chamarse bombilios) e con reborde ancho e redondo na boca, pescozo moi curto e asa lixeira. Están decorados con figuras de animais ou de guerreiros.
O Museo Arqueolóxico Nacional de España alberga algúns exemplares procedentes de Grecia. En Ampurias, atopáronse exemplares en sepulturas que se poden contemplar no Museo de Xirona.
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]A aparición do aríbalo parece situarse dous séculos despois da do enócoe, do que toma a forma, é dicir, no estilo período protocorintio ao redor do 700 a. C. Os primeiros exemplares coñecidos teñen forma esférica e a súa decoración ocre e beige, a miúdo bastante simplista en relación con outras cerámicas, permite atribuílos á cidade de Corinto. Este xénero de cerámica propagouse enseguida e perdurou até o período helenístico. O seu estilo evolucionou e gañou así unha base chaira, unha forma máis esvelta e ás veces unha segunda asa. A pintura do aríbalo pasou tamén da época arcaica á helenística das figuras negras ás vermellas.
Formas
[editar | editar a fonte]Na literatura, o aríbalo é a miúdo confundido con vasos como o lecito ou o alabastrón. De tamaño a miúdo comprendido entre 6 e 20 cm, o aríbalo ten forma de bolsa cunha base ancha. Como todos os recipientes de aceite ten un pescozo bastante longo que remata con beizos anchos e ensanchados. Unha fina asa vertical está fixada entre os beizos e o bandullo. Pódese pensar razoablemente que ditos vasos podían estar atados por unha corda á cintura do seu propietario.
Utilización
[editar | editar a fonte]Os usos destes vasos son coñecidos por un texto de Pollux e por diversas pinturas atopadas noutros vasos contemporáneos.[1] O seu uso principal era o transporte de aceites, quizais perfumados, polos atletas para untarse a pel. Podía servir de recipeinte de aceite destinado ás cerimonias ou a algúns ritos funerarios, aínda que parece que neste caso impúxose o lecito.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pollux, Escena dos cabaleiros de Aristófanes, VII, 166; X, 63.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Le Dictionnaire des Antiquités grecques et romaines de Daremberg et Saglio, (entrada :"Aryballos"), Hachette, París, 1877