Saltar ao contido

Arquiduque

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Coroa do Arquiduque de Austria.

Arquiduque (en feminino arquiduquesa, e en alemán Erzherzog e Erzherzogin) é un título principesco, reservado unicamente aos membros da Casa de Austria (no Sacro Imperio Romano Xermánico e na Casa de Habsburgo), aínda que a orixe desta denominación remóntase a séculos atrás.

Orixe do título

[editar | editar a fonte]
Ladislau V de Hungría, o Póstumo.
Fernando Maximiliano de Habsburgo-Lorena, Arquiduque de Austria e Emperador de México.
María Leopoldina de Austria, Arquiduquesa de Austria Emperatriz Consorte do Brasil.
Francisco Ferrnando, Arquiduque de Austria. O seu asasinato en Saraxevo precipitou o inicio da Primeira guerra mundial.

A primeira utilización deste título foi cos gobernantes de Austrasia.[1]

E iso foi porque un dos merovinxios o usou como resultado da sucesión complexa de Clodoveo I (ca. 46627 de novembro de 511), Rei dos Francos.

No Imperio Carolinxio, o título concibiuse exclusivamente para o Duque da Lotarinxia, que podería ser visto como sucesor do Reino da Lotarinxia, que fora par do Reino de Francia occidental. Co falecemento de Carlos Magno a parte oriental coñeceuse como Francia oriental, que foi a precursora do Sacro Imperio Romano Xermánico.

Despois, A Lotarinxia dividiuse en Alta Lotarinxia (a moderna Lorena; en alemán: Oberlothringen) e da Baixa Lorena (correspondente ao Ducado de Lorena; (en alemán: Niederlothringen).

A capital da Baixa Lotarinxia foi Colonia e orixinalmente o seu soberano foi investido como Príncipe-bispo, con territorios que se estendían cara ao norte até Frisia. A Baixa Lorena sufriu unha gran fragmentación, coa creación dos ducados dos Países Baixos, Brabante (principalmente na Bélxica actual) e Güeldres (agora no reino holandés), reivindicando o posto arquiducal, pero nunca foron oficialmente concedidas polo Sacro Emperador Romano.

O título de Arquiduque da Austria data de 1156, pero non foi hereditario até a promulgación da Bula Dourada de 1356. En 1359 apareceu no Privilegium Maius, un documento no que que o duque Rodolfo IV de Austria falsificou a sinatura do emperador Frederico I que estaba orixinalmente no documento Privilegium Minus.

E iso porque o duque Rodolfo IV intentaba incrementar a influencia política dos Habsburgos na escena europea, tratando de establecer relacións co emperador Carlos IV de Luxemburgo e aumentar o respecto dos gobernantes austríacos. Rodolfo IV non pertencía aos sete príncipes-electores , que —conforme o ditado pola Bula Dourada de 1356— tiña o poder de elixir o Emperador.

Tal como Carlos IV fixera a Praga o centro do seu goberno, Rodolfo IV fixo o mesmo en Viena, dándolle privilexios especiais, como a promoción de proxectos de construción e a fundación da Universidade de Viena. Todo iso con vistas a aumentar a lexitimidade e a influencia da súa Casa e das súas terras austríacas. A este efecto, no inverno de 1358/1359, Rodolfo IV ordenou a creación du documento falsificado chamado Privilegium Maius ("o maior privilexio"). Nel, entre outras cousas, se determinaba que o título Palatino de Arquiduque sería equiparado aos Príncipes electores. Este novo título, con todo, non foi recoñecido polo emperador Carlos IV. Até 1453 non foi recoñecido polos príncipes electores.

Na epifanía de 1453, o emperador Frederico III, pertencente á Casa de Habsburgo, regulamentou o título de Arquiduque para os membros da súa Casa. Até entón ningún membro doutras casas reinantes no Sacro Imperio Romano Xermánico recoñecía oficialmente a existencia de tal denominación. A base territorial foi o Ducado da Austria, que pasou a ser Arquiducado de Austria. Este feito foi singular na historia mundial, pois non houbera antes outro arquiducado.[2]

A Austria moderna permaneceu como Arquiducado até 1918. A súa base era a Alta e a Baixa Austria. Despois da desaparición de Sacro Imperio, en 1804, estabeleceuse o título de emperador de Austria coa proclamación do Imperio Austríaco, e o Arquiducado estaba formalmente subordinado ao emperador, a pesar de ser a mesma persoa.

A Casa de Habsburgo, xeralmente coñecida como Casa de Austria, representa o país moderno, xa que, a pesar de que a familia é orixinaria de Suíza, no século XI, deixaron de ter posesións neste país no século XIV. O nome Habsburgo deriva de Habichtsburg, o castelo do azor, a súa residencia oficial, construído en 1020, no actual cantón de Aargau.[3].

Utilización

[editar | editar a fonte]

Na orixe, non o levaba o título máis que o xefe da Casa de Austria que non posuía aínda as coroas reais de Hungría e de Bohemia e a coroa imperial do Sacro Imperio Romano Xermánico.

En 1477 o emperador Frederico III concedeu a súa utilización ao seu primo, Sexismundo I de Austria, rexente da Austria Anterior. O propio Frederico III nunca usou o título de Arquiduque, senón o de Duque, até o seu falecemento, en 1493.

O primeiro que usou oficialmente o título foi Alberte VI de Austria, en 1563.

O fillo e herdeiro do emperador Frederico III, Maximiliano I, pasou a usar o título, despois da morte da súa esposa María, duquesa de Borgoña. Só co seu fillo, Filipe I, é co que aparece en primeiro lugar nos documentos dos Países Baixos.

Ladislau V de Hungría, o Póstumo, Duque de Austria, nunca estivo, en vida, autorizado a usalo. E consecuentemente ninguén da súa rama dinástica.

O Duque Ernesto I de Austria (Ernesto, o de Ferro), e os seus descendentes asumiron, unilateralmente e de forma persoal, o título de "Arquiduque".

Desde o século XVI en adiante, arquiduque ou a súa forma feminina, arquiduquesa, pasou a ser usado por todos os integrantes da Casa de Habsburgo, dun modo similar a como outras casas reais usan o título de Príncipe. Este costume mantívose na España dos Austrias (1516-1700), no Imperio austríaco (1804-1867) e no Imperio Austrohúngaro (1867-1918).

Coa abolición da monarquía, os títulos e o sistema da nobreza foron tamén abolidos en Austria. Desta maneira aqueles membros da extensa familia Habsburgo que son cidadáns da actual República de Austria son coñecidos unicamente polos seus nomes de pía e o seu apelido Habsburg-Lothringen. O uso de títulos como arquiduque é de feito ilegal en Austria. Aínda así, algúns membros da familia que son cidadáns doutros países, como Alemaña, onde os títulos se engadiron aos nomes, poden usalo.

  1. Etymology On Line (en inglés)
  2. Entrada Erzherzog, m. archidux. In: Jacob Grimm, Wilhelm Grimm: Dicionario Alemán. Leipzig 1854-1960 (en alemán)
  3. Kanton Aargau (2011). "Habsburger Gedenkjahr 2011". ag.ch (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2011. Consultado o 24 de xuño de 2011. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]