Atentado de Hipercor
O atentado de Hipercor foi unha acción terrorista perpetrada por ETA o 19 de xuño de 1987, que consistiu na colocación dun potente explosivo nun centro comercial da empresa Hipercor situado en Barcelona, que causou a morte de 21 persoas e feriu a 45. A organización terrorista explicou nun comunicado posterior que avisara previamente da colocación da bomba e que a policía non desaloxou o local.[1]
Atentado
[editar | editar a fonte]O atentado realizouse cun coche bomba cargado con 30 quilos de amonal, cen litros de gasolina, xabón e pegamento ata sumar os 200 quilogramos de carga explosiva.[2] Os membros do Comando Barcelona, Josefa Ernaga, Domingo Troitiño e Rafael Caride Simón depositaron o explosivo no maleteiro dun Ford Sierra roubado que aparcaron no aparcadoiro do hipermercado Hipercor situado na popular Avenida Meridiana de Barcelona.
Segundo quedou probado no xuízo, Troitiño realizou tres chamadas de aviso desde unha cabina telefónica, dirixidas á Garda Urbana de Barcelona, á administración do propio establecemento e ao diario Avui. A información era confusa porque non explicaba que o explosivo estaba nun coche e sinalaba a hora da explosión para as 15:30 horas (dando unha marxe de entre quince e cinco minutos desde as chamadas), 38 minutos antes da hora real. A procura foi realizada polo persoal da empresa de seguridade que custodiaba o edificio con axuda da Policía e a Garda Urbana e, ao non ser atopado ningún paquete sospeitoso e excederse a hora sinalada para a explosión, a dirección de Hipercor e as forzas policiais non consideraron necesario o desaloxo do local.[3] Ao ser un venres á primeira hora da tarde, o local atopábase ateigado de xente realizando as súas compras.
Ás 16:10 h. actuou o temporizador que activaba os explosivos, ocasionando unha enorme explosión que voou polo aire a primeira planta do garaxe, e provocando unha focha de 5 m de diámetro no chan do establecemento polo que penetrou unha bóla de lume que abrasou a todas as persoas que atopou ao seu paso. A mestura explosiva tivo efectos similares aos do napalm, pegándose aos corpos e elevando a temperatura ata os 3.000 graos centígrados. Ademais, os gases tóxicos producidos, provocaron a asfixia doutras persoas non afectadas polo lume.[2] Como consecuencia, pereceron 21 persoas, e 45 resultaron feridas de diversa consideración. A chegada inmediata da Policía e os bombeiros atenuou o alcance do masacre, xa que de non haberse extinguido a tempo, o incendio afectaría a outras plantas do supermercado. Entre os falecidos (a maioría dos cales foron mulleres), algúns dos cales quedaron completamente carbonizados, atopábanse tamén varios nenos.[4]
A explosión provocou ademais a destrución duns 20 vehículos que se atopaban no aparcadoiro sinistrado, ademais de danos de diversa consideración nalgúns edificios veciños, sobre todo balcóns e cristais.[4]
Xuízos
[editar | editar a fonte]Condenas penais
[editar | editar a fonte]Catro membros de ETA foron condenados pola Audiencia Nacional a penas de case 800 anos cada un en dous xuízos celebrados en 1989 e 2003. Estes foron:[5]
- Josefa Ernaga e Domingo Troitiño: 794 anos de prisión como autores materiais do masacre.
- Rafael Caride Simón: 790 anos e medio de cárcere como ideólogo do atentado e participante no mesmo.
- Santiago Arrospide Sarasola, Santi Poldros: 790 anos e medio de cárcere como máximo responsable da banda terrorista.
Responsabilidade civil do Estado
[editar | editar a fonte]Anos despois ditáronse novas sentenzas que foron as primeiras na historia xudicial española en recoñecer a responsabilidade patrimonial parcial do Estado por un atentado terrorista.[6][7] O tribunal considerou que a Policía non actuou nin para desaloxar o edificio nin para evitar que seguisen entrando persoas nel.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "cara ás tres da tarde, un dos membros do grupo realizou desde cabinas telefónicas públicas tres chamadas, comunicando en nome de ETA que tería lugar unha explosión no establecemento entre as 15,30 e as 15,40, á Garda Urbana, a Hipercor e ao diario 'Avui', chamada que se participou aos Mossos d'Esquadra, quen á súa vez deron conta, ás tres e media, á Sala de Seguridade Cidadá... As forzas policiais que acudiron ao lugar e o servizo de seguridade do establecemento non consideraron conveniente a evacuación do edificio e, sobre as 15,55 horas, visto que non se localizou a bomba e que pasara xa con fartura o tempo do aviso, adquiriuse pola dirección do centro comercial a convicción de que se trataba dunha falsa alarma... (feitos probados da sentenza ditada o 23 de xullo de 2003 pola Sección Primeira da Sala do Penal da Audiencia Nacional e ratificados en apelación)"
- ↑ 2,0 2,1 Servizo de documentación (19/06/2012). "Hipercor, o atentado máis salvaxe". La Vanguardia. Consultado o 19/08/2012.
- ↑ "O desaloxo non evitaría o masacre". La Vanguardia. 21/07/1987. Consultado o 19/08/2012.
- ↑ 4,0 4,1 La Vanguardia: ETA asasino a quince persoas, entre elas mulleres e nenos, no atentado máis sanguento da súa historia.
- ↑ ABC: Hoxe cúmprense 22 anos do atentado de Hipercor.
- ↑ EFE (19/06/2009). "Hoxe cúmprense 22 anos do atentado de Hipercor". ABC. Consultado o 19/08/2012.
- ↑ El País: As feridas, aínda abertas, do atentado de Hipercor.
- ↑ Anna Argemi (21/05/1994). "O Estado, condenado por neglixencia policial no atentado de Hipercor". El País. Consultado o 19/08/2012.