Saltar ao contido

Baleira

Modelo:Xeografía políticaBaleira
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°00′06″N 7°14′21″O / 43.001666666667, -7.2391666666667
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia de Lugo Editar o valor en Wikidata
CapitalO Cádavo Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación1.153 (2023) Editar o valor en Wikidata (6,83 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie168,8 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude1.049 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataÁngel Enrique Martínez-Puga López Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Baleira Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal27... Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE27004 Editar o valor en Wikidata

Baleira é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Fonsagrada. Segundo o IGE no 2015 tiña 1380 habitantes (1584 no 2009, 1684 no 2006, 1729 no 2005, 1778 no 2004, 1800 no 2003). O xentilicio é baleirés.[1]

Xeografía

[editar | editar a fonte]

A comarca da Fonsagrada encrávase nas Serras Orientais galegas, integrada por un relevo moi accidentado e montañoso. A sucesión de montañas que conforma toda a comarca serve de fronteira natural entre Asturias e a meseta lucense. Limita coas serras de Cuias e de Uría no leste, no oeste coas do Miradoiro, Vaqueiriza e Puñago, e polo sur coas de Foncuberta e Llouxas. Estas serras, xunto coas de Lastra, Follabal e Invernal, situadas na parte central da comarca, conforman as cabeceiras dos principais colectores hidrográficos: os ríos Neira, Eo e Navia. As elevacións máis importantes encóntranse na serra do Pozo, con altitudes máximas no alto do Padornelo (958 m), Penas de Pasadama (1049 m) e o Monte Panda (833 m). Na serra da Lastra a altitude media é de 736 m, destacando os montes de Candón (923 m), O Chao (790 m), Candán (849 m) e Cordeira (858 m).

Outros cumios de importancia son o monte Lagúa (942 m), Bieira (1001 m), A Matanza (815 m), O Ramallo (913 m), Mermella (904 m), O Pradoiro (1029 m), Pena Corista (1000 m), Pozo da Lagoa (1000 m), Penas de Outeiro (823 m) e os montes Zarra e Teixeiro (758 m).

Hidroloxía

[editar | editar a fonte]

Ademais dos tres ríos principais, Navia, Eo e Neira, outros afluentes destes son o Córneas, Muíños, Fonte das Veigas, Trabeiro, Candal, Castiñeira, Veiga, Leñeiro, Os Mosquitos, Rego de Martín, río Pousada, río Vilares e río Cabana.

Climatoloxía

[editar | editar a fonte]

Toda a comarca, por ser unha zona interior de montaña de elevadas altitudes e relativamente afastada do mar, o que non permite un grande influxo oceánico, determina un clima de montaña, de temperaturas extremas, con invernos fríos e veráns curtos e moderados. Tamén hai numerosos factores locais que posibilitan a existencia de microclimas máis benignos, sobre todo nas zonas de escasa altitude ou nos pequenos vales ben orientados. Os microclimas ocasionan gran diversidade de biótopos que incrementan o valor ecolóxico da zona.

As precipitacións aproxímanse aos 1.754 mm. Dentro dun ano a media de días de choiva e de 120 a 130 días. As temperaturas oscilan entre 8 °C e 10 °C, chegando incluso aos 14 °C.

Vexetación

[editar | editar a fonte]

Hai variedades de interese excepcional, tanto polos endemismos coma polas comunidades vexetais existentes. Nas diferentes altitudes distribúense carballos, meloxos, bidueiros, teixos, faias, abrairas, abruñeiros e xardóns, que posibilitan a supervivencia invernal das especies animais, ás que lles ofrecen alimento e refuxio. A matogueira, formada por uces, xestas, carqueixas, piornos e carpazas, ocupa unha ampla superficie das serras, protexendo o chan das ladeiras e cumios da erosión. Na parte setentrional do municipio encóntrase o bosque da Marronda, espazo natural protexido pola súa riqueza forestal e ecolóxica.

Os primeiros vestixios arqueolóxicos datan da cultura castrexa. Son o castro de Degolada, castro de Esperela, castro de Albarelo, castro de Vilar dos Adrios ou Quintá, castro de Cubilledo e castro de Antiguallas.

Arredor do ano 813, reinando Afonso II o Casto, librouse unha batalla cos mouros nas proximidades de Esperela, no lugar do Campo da Matanza. Segundo a lenda, onde chegou o sangue costa abaixo, edificouse unha igrexa. Neste último lugar descubríronse a principios de século varias sepulturas con restos humanos e anacos de armaduras e esporas. Recordando este feito existía na fachada do concello un escudo que representaba a un soldado cristián atacando uns árabes.

En 1809 arrasaron o municipio os exércitos napoleónicos mandados por Soult, que perseguían ao xeneral británico, o escocés sir John Moore. Incendiaron A Fontaneira, pero os veciños de Baleira, dirixidos por Xosé María Páramo e Montenegro xunto cos veciños de Neira de Xusá e Castroverde, fixéronlles fronte. O exército francés foi perseguido sen cuartel polos termos do municipio e seguindo unha liña paralela con algunhas poboacións como Puñago, Pradeda e o Cádavo, pola cima da Serra da Vaqueiriza, deixando trazada unha pequena corredoira no camiño que, tempo despois coñeceríase como camiño francés e que, coincide co de peregrinación a Santiago dende A Fonsagrada (outro nome que tamén se lle dá e o de Camiño Primitivo).

Durante a Idade Media e o antigo Réxime as parroquias repartíanse entre as xurisdicións de Baleira, Castroverde, Neira de Rei e Pena Maior, sen contar o couto de Córneas. O concello de Baleira formouse en 1813.

Sociedade e economía

[editar | editar a fonte]
Lugar de Millares na parroquia da Braña.

O concello mantivo a súa poboación relativamente estable entre 1860 e 1950; pero na década de 1960 comezou a declinar a poboación, acentuándose este descenso nos últimos tempos (ver cadro). É unha das zonas da provincia que máis emigración tivo, presentando hoxe en día unha densidade de poboación moi baixa (9,5 habitantes/km²). A adversidade climática, unha estrutura da terra moi fragmentada, a falla de axudas e a aspiración a mellorar o nivel de vida adverso, foron as causas principais que motivaron o desprazamento rural.

Baleira posúe unha economía de carácter rural, baseada no sector primario, onde a principal actividade é a gandeira e a forestal. A respecto da agricultura, pódese falar dunha economía de autoconsumo, con pouco espazo cultivado e na súa maior parte dedicado a horta, patacas ou millo para o gando, coa excepción dalgúns viñedos que se cultivan aproveitando os microclimas máis quentes da rexión. Nos vales do Eo e do Neira, as explotacións están dedicadas na súa maior parte á produción de carne, o que fai que abunden as pradarías e os pasteiros. O sector gandeiro é a base económica do municipio, ocupando o 73,9 % da poboación activa. Caracterízase por un claro predominio das explotacións de gando bovino. Sobre todo das razas rubia galega e asturiana dos vales, de aproveitamento cárnico; aproximadamente o 5,8 % son explotacións de produción láctea de pequeno tamaño, entre 8 e 10 cabezas. O gando porcino e ovino completan a explotación gandeira, que case sempre esta ao servizo do autoconsumo.

Escudo na antiga casa do concello.

Dentro da explotación madeireira hai que destacar o importante valor do sub-sector. Aínda que escaso, destaca a existencia de fábricas transformadoras da madeira, ferro e aluminio; hai documentada a existencia dalgunhas minas de ferro, zinc e de ouro localizada en Mendreiras, parroquia de Martín. O sector secundario é practicamente nulo, sendo o seu principal expoñente a construción que apenas está representada. O sector terciario experimentou nos derradeiros 20 anos un importante desenvolvemento, que se reflicte no aumento de servizos administrativos, financeiros e comerciais, todos eles concentrados na capitalidade municipal. A posta en marcha da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca, dentro do Plan de Desenvolvemento Comarcal de Galicia, está supoñendo un apoio eficaz para a revalorización dos recursos naturais destas zonas de montaña.

Poboación

[editar | editar a fonte]
Censo total 1380 (2015)
Menores de 15 anos 72 (5,22 %)
Entre 15 e 64 anos 773 (56,01 %)
Maiores de 65 anos 535 (38,76 %)
Evolución da poboación de Baleira entre 1860 e 2012 -
 1860  1900  1930  1940  1950  1960  1981  1991  1995  2001  2002  2003  2004  2012
  5423   4768   4667   5401   4703   4202   2610   2024   2130   1888   1845   1800   1778   1448
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censal variaron entre 1860 e 2012, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Arquitectura

[editar | editar a fonte]
Construción característica da zona na parroquia da Degolada.

En todo o termo municipal sucédense as mostras de vestixios pertencentes á cultura castrexa: castros de Antiguallas, Vilar dos Adrios ou Quintá, entre outros.

Entre a arte sacra destaca a igrexa de San Miguel da Braña do século XI.

A igrexa de San Pedro da Esperela foi reconstruída sobre restos románicos no século XVIII. Da primitiva fábrica conservase o presbiterio e un arco de medio punto. No interior destacan dous retablos barrocos e dous cálices de prata cincelada, datados no século XVIII. Da súa estrutura externa sobresae a torre de cadeirado de granito; Santiago de Córneas, construída no século XVIII e con retablo barroco de dous corpos e tres rúas no seu interior.

A igrexa de Santa María Madalena de Retizós data de finais do século XVII ou principios do século XVIII. No seu interior destacan un retablo maior barroco e varias esculturas, algunha delas datada no século XVIII.

Outras igrexas son a de Santiago de Cubilledo (s. XVIII), Fontaneira (s. XVIII), Esperela (s. XVIII) e Santa María de Retizós (s. XVII-XVIII). O patrimonio relixioso complétase con varias capelas coma as de Castro, Vilarín, Cabreira, Castelo e Santa Bárbara.

Ademais, dentro do patrimonio civil destacan a casa-pazo de Albaredo, en Córneas, e a casa de Luaces en Vilaselle. E na arquitectura popular destacan as pallozas, cabozos e trobos espallados por todo o municipio, así como os hórreos de Córneas, Martín e Vilar de Adrios.

Feiras, festas e tradicións

[editar | editar a fonte]

A feira do Cádavo celébrase o día 12 de cada mes.

  • Festa de San Cristovo no Cádavo (12 de agosto);
  • Festa de San Lourenzo en Pousada (10 de agosto);
  • Festa de San Ramón en Córneas-Gasalla (31 de agosto);
  • Festa de Santiago en Martín e A Fontaneira (Romaría de San Bernabeu) o 25 de xullo.
  • Festa de San Bernabeu da Xesteira (parroquia de Martín) 12 de xuño.
  • Festa de San Xoán na Lastra (24 de xuño).
  • Festa de Santa Mariña de Librán (17 de xullo).
  • Festa de Santa Mariña de Fonteo (15 de agosto).
  • Festa de San Miguel na Braña (29 de setembro).
Antiga casa do concello no Cádavo.

A través do Plan Leader de desenvolvemento rural da Unión Europea, estase habilitando unha ruta turística na fraga da Marronda, un dos bosques de faias máis importantes de Europa, sen contar un bo número doutras especies. A ruta iníciase no Cádavo e vai até Sampaio, pasando por Fonteo onde se localiza o nacemento do río Eo. O percorrido visita varios lugares: Cortevella, Martín e Mendreiras e pódese facer cun percorrido medio de 18 a 25 km segundo conveña.

Dende o ano 2011 Baleira conta coa ruta homologada de sendeirismo PR-G 145 "Ruta da Marronda - Alto Eo". É unha ruta sendeirista circular de 21 km.

Ademais, como ruta cultural-turística, pasa por este concello o Camiño de Santiago (a Ruta do Camiño Primitivo), o máis utilizado polos peregrinos durante a Alta Idade Media. Merece a pena tamén deterse nas numerosas mostras de arquitectura rural da zona: cabozos e pallozas.

Na gastronomía, o cocho e os seus derivados, o mel, a caza e a pesca están representados nos pratos típicos do lugar, sempre acompañados de salsas a base de balocas e cogomelos, colleitados nos espazos naturais de gran riqueza forestal e ecolóxica.

No apartado etnográfico, durante as longas noites de inverno, arredor da lareira creábase o ambiente propicio para transmitir o rico patrimonio que a literatura popular da zona posúe. Os veciños reuníanse á caída do serán para contar historias de casa en casa ou ir de "polavila", como se coñece a tradición que transmite verbalmente a cultura ancestral destas terras.

O cego dos Vilares, tamén coñecido coma o cego da Fontaneira (ou Florencio da Fontaneira) foi un home moi querido polos lugareños e recordado dende a súa morte. Marchaba polas aldeas onde o requirían cantando romances e lendarias historias.

Tamén era coñecida unha parella que aparecía ás veces nas festas cunha meniña, que era a encargada de contar os contos ao son da música que tocaban os maiores; case sempre eran coñecidos polo nome da "Ramboia", pois era con esa cantinela coa que case sempre empezaban.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Galería de imaxes de Baleira.

Parroquias

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Baleira

A Braña (San Miguel) | Córneas (Santiago) | Cubilledo (Santiago) | A Degolada (San Lourenzo) | A Esperela (San Pedro) | A Fontaneira (Santiago) | Fonteo (Santa María) | A Lastra (San Xoán) | Librán (Santa Mariña) | Martín (Santiago) | Pousada (San Lourenzo) | Retizós (Santa María Madanela)

Lugares de Baleira

[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Baleira ver: Lugares de Baleira.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]