Saltar ao contido

Bel canto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pauline Viardot-García, famosa mestra do bel canto.

Bel canto (italiano, bel canto) é un termo operístico que se utiliza para denominar un estilo vocal que se desenvolveu en Italia desde finais do século XVII até mediados do XIX.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

No bel canto buscábase a perfecta produción do legato ao longo de todo o rexistro vocal, como tamén o desenvolvemento de elementos virtuosísticos como a coloratura, o trilo, a brillantez dos agudos e sobreagudos e o manexo perfecto da respiración.

O bel canto floreceu e desenvolveuse en Italia na época do Barroco, con todo a súa influencia nas outras escolas e estilos foi notable sobre todo cara a finais do século XVIII onde se poden atopar exemplos en óperas francesas e no estilo mozartiano de bel canto adaptado. En Italia o estilo desembocou nunha verdadeira escola que tivo a súa era de ouro coas composicións de Rossini, Bellini, Donizetti e os primeiros triunfos de Verdi nas primeiras décadas do século XIX.

Nota escrita a man pola soada contralto Marietta Alboni sobre o declive do bel canto.
O texto francés di:
"A arte do canto vaise, e estará de regreso só coa única música verdadeira do futuro: a música de Rossini."
París, 8 de febreiro de 1881."
(Trala firma)

Co pasar dos anos o estilo foi pasando de moda e os compositores comezaron a privilexiar o uso de cantantes cun adestramento distinto. Verdi, nas súas obras de madurez e Wagner privilexiaron a cantantes que soubesen declamar máis que cantar virtuosísticamente. Coa chegada de Puccini e a nova onda de compositores do verismo italiano como Mascagni, Leoncavallo, Giordano ou Cilea privilexiouse un estilo vocal que se achegaba moito máis á voz falada, xa non se requiría o uso da coloratura, nin do trilo nin alardes de control do fiato nin agudos ou sobreagudos.

Aínda que o estilo seguiu sendo ensinado por algúns soados mestres ao longo do século XIX como Manuel Vicente García, Francesco Lamperti ou Mathilde Marquesi co correr dos anos fóronse perdendo as bases do estilo até chegar ao período de 1930-1950 en que case se perdeu tanto o estilo como a técnica.

Co triunfo no gusto do público das óperas de Richard Wagner, Giuseppe Verdi, Richard Strauss e Giacomo Puccini os cantantes comezaron a usar un estilo vocal que pouco tiña que ver co bel canto. Aínda que se conservaban certos elementos fundamentais do canto como o manexo da respiración e o legato, outros como o uso da coloratura perderon validez e volvéronse anacrónicos.

O repertorio belcantista pasou de moda e só seguían en carteleiras algúns títulos que prontamente se converteron en meras curiosidades que en mans de cantantes sen verdadeiro adestramento estilístico gañaron a fama de ser óperas insulsas, inverosímiles e ridículas.

Renacemento do Bel canto

[editar | editar a fonte]

Coa chegada de Maria Callas cambiou a sorte do bel canto. Calas, co seu talento vocal, educada por unha virtuosa belcantista como foi a súa mestra Elvira de Hidalgo e o seu talento dramático elixiu títulos que na época case non eran representados e deulle novos aires a heroínas que para moitos eran pouco cribles ou ridículas.

Así títulos como Norma, Lucia dei Lammermoor ou La Sonnambula foron redescubertos na súa verdadeira magnitude e natureza vocal e estilística. Outros como Medea de Cherubini, Anna Bolena de Gaetano Donizetti, Il pirata de Bellini, Armida de Rossini ou La Vestale de Spontini volveron aos teatros despois de décadas de ausencia non soamente como eventos musicolóxicos senón tamén como grandes éxitos de público.

A senda aberta por Maria Callas foi seguida nos anos posteriores por outros cantantes como Joan Sutherland, Leyla Gencer, Beverly Sills, Teresa Berganza, Luigi Alva, Marilyn Horne, Alfredo Kraus, Luciano Pavarotti, Katia Ricciarelli ou Montserrat Caballé educados na tradición do bel canto e que comezaron un verdadeiro renacemento do estilo que se estende até os nosos días.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Caccini, Giulio (1601). Le Nuove Musiche. Florencia. sin ISBN. 
  • Celletti, Rodolfo (1983). Storia del belcanto. Fiesole: Discanto Edizioni. 
  • Concone, Giuseppe (1994). 25 Lezioni o Vocalizzi op. 10 per il medium della voce con accompagnamento di pianoforte. Milán: Ricordi. 
  • Fischer, Peter-Michael (1998). Die Stimme des Sängers. Stuttgart: Metzler. ISBN 3-4760-1604-8. 
  • Manén, Lucie (1986). Bel Canto. Wilhelmshafen: Florian Noetzel. ISBN 3-7959-0499-4. 
  • Rossi della Riva, Giuseppe (1955). Aclaraciones sobre la escuela italiana del "bel canto". Bos Aires: Ricordi. sin ISBN. 
  • Tosi, Pier Francesco (1723). Opinioni de’ cantori antichi, e moderni o sieno osservazioni sopra il canto figurato. Boloña. sin ISBN. 
  • Vaccai, Nicolo (2000). Método Pratico de Canto. Frankfurt: Peters. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]