Bernicia
Beornice Rīce (ang) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Bamburgh | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | inglés antigo Lingua cúmbrica | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | década de 420 | ||||
Disolución | 634 (Gregoriano) | ||||
Sucedido por | Reino de Northumbria | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | monarquía | ||||
Bernicia (inglés antigo Bernice, Beornice, latín Bernicia) foi un reino anglosaxón establecido por colonizadores anglos do século VI no que agora é o sueste de Escocia e o nordeste de Inglaterra.
O territorio anglo de Bernicia era aproximadamente equivalente aos actuais condados de Northumberland, Durham, Berwickshire e East Lothian, e estendíase desde o Forth ao Tees. A principios do século VII uniuse ao seu veciño meridional, Deira, para formar o reino de Northumbria e as súas fronteiras expandíronse en consecuencia.
A Bryneich britana
[editar | editar a fonte]Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Bernicia testemúñase no século IX na Historia Brittonum (§ 61) co nome galés de Berneich ou Birneich, na poesía en galés antigo e noutras partes baixo o nome de Bryneich ou Brynaich. Non está moi claro se esas formas representan unha versión galesa de Bernicia, ou reflicten o nome dun reino ou provincia britanos precedentes, que despois foi adoptado polos colonizadores anglos que o converteron en Bernice ou Beornice na lingua inglesa antiga. Acéptase usualmente a última hipótese, malia non haber consenso canto á etimoloxía. A que máis se cita é a que propuxo como hipótese Kenneth H. Jackson, quen dá o significado de "Terra dos pasos de montaña".[1] A antiga derivación a partir do nome da tribo dos brigantes xa non se ten en pé por motivos fonéticos.[2] Máis recentemente, porén, John T. Koch suxire que mentres que a forma primaria foi probabelmente *Bernech, se conbinou coa forma nativa *Brïγent da antiga ciuitas Brigantum como resultado da expansión angla nese territorio durante o século VII.[3]
Sexa cal for a etimoloxía a catividade política nesta zona previa á chegada dos anglos vén suxerida por outra evidencia lingüística. Algúns centros anglos importantes de Bernicia levan nomes de orixe britana ou son coñecidos por nomes britanos noutros lugares: Bamburgh chámase Din Guaire na Historia Brittonum; Dunbar (onde estivo preso San Wilfrid) representa Dinbaer; e o nome de Coldingham aparece en Beda como Coludi urbs ("Cidade de Colud"), onde parece que Colud representa a forma britana, posibelmente da fortaleza de St Abb's Head.[4]
Historia política e memoria
[editar | editar a fonte]O reino britano da zona formouse a partir do que antes foran as terras meridionais dos Votadini, posibelmente como parte da división dun suposto 'gran reino setentrional' de Coel Hen no 420. Este reino setentrional recóllese nos estudosos galeses como Yr Hen Ogledd ou, literalmente, "O Vello Norte". Pode ser que o reino fose gobernado desde o lugar que posteriormente se converteu en Bamburgh, que figura nas fontes galesas como Din Guardi. Próximo a esta residencia de alto nivel está illa de Lindisfarne (antes coñecida, en galés, como Ynys Metcaut), que se converteu na sede dos bispos de Bernicia. Non se sabe cando os anglos deron rematado a conquista completa da rexión, pero é probabel que sobre o 604.
Reis da Bryneich britana
[editar | editar a fonte]Hai algunhas liñaxes en antigo galés de "Homes do Norte" (Gwŷr y Gogledd) que poden representar os reis do reino britano da zona que puido chamarse Bryneich. John Morris supuxo que a liña dun tal Morcant Bulc se refería estes monarcas, principalmente porque identificaba a este home como o asasino de Urien Rheged que estaba nese momento cercando Lindisfarne.[5]
A Bernicia angla
[editar | editar a fonte]Algúns dos anglos de Bernicia (inglés antigo Beornice) puideron estar empregados como mercenarios ao longo do Muro de Hadrián ao final do período romano en Britannia. Outros pénsase que migraron ao norte por mar desde Deira (inglés antigo Derenrice ou Dere) a principios do século VI.[6] O primeiro rei anglo da lista histórica é Ida, de quen se di que obtivo o trono e o reino sobre o ano 547. Os seus fillos pasaron varios anos enfrontándose a unha coalición dos reinos britanos que os rodeaban ata que a súa alianza se converteu nunha guerra civil.
Unha Northumbria unida á forza
[editar | editar a fonte]O neto de Ida, Æthelfrith (Æðelfriþ), uniu Deira ao seu propio reino pola forza sobre o ano 604. gobernou os dous reinos (unidos como Northumbria) ata que foi vencido e morto por Rædwald de Anglia IOriental (quen dera refuxio a Edwin, fillo de Ælle, rei de Deira) sobre o ano 616. Edwin converteuse en rei daquela. A primeira parte do reinado de Edwin estivo ocupada probabelmente en rematar coa resistencia dos exiliados britanos do antigo reino britano, que operaban desde Gododdin. Despois de vencer á restante poboación britana da zona, volcouse en subxugar Elmet (un reino de lingua cúmbrica que existiu preto de Leeds) o que o levou a entrar en conflito directo con Gales.
Despois da desastrosa Batalla de Hatfield Chase o 12 de outubro de 633, na que Edwin foi vencido e morto por Cadwallon ap Cadfan de Gwynedd e Penda de Mercia, Northumbria volveu estar dividida en Bernicia e Deira. Bernicia foi gobernada brevemente por Eanfrith, fillo de Aethelfrith, pero ao cabo dun ano aproximadamente dirixiuse a Cadwallon para pedir a paz e matárono. O irmán de Eanfrith Oswald recrutou daquela un exército e venceu finalmente a Cadwallon na Batalla de Heavenfield en 634. Despois desta vitoria, Oswald parece que foi recoñecido como rei dunha ben unida Northumbria tanto polos de Bernicia como polos de Deira. Os reis de Bernicia prevaleceron a partir de entón nese reino, malia ter Deira os seus propios reis menores ás veces durante os reinados de Oswiu e o seu fillo Ecgfrith.
Reis de Bernicia
[editar | editar a fonte]- Ida fillo de Eoppa (547 - 559).
- Glappa fillo de Ida (559 - 560).
- Adda fillo de Ida (560 - 568).
- Æthelric fillo de Ida (568 - 572).
- Theodric fillo de Ida (572 - 579).
- Frithuwald (579 - 585).
- Hussa (585 - 593).
- Æthelfrith (593 - 616).
So poder de Deira (616 - 633).
- Eanfrith de Bernicia fillo de Æthelfrith (633 - 634).
Baixo Oswald fillo de Æthelfrith, Bernicia uniuse a Deira para formar Northumbria desde o ano 634 en adiante.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Jackson, Language and History in Early Britain, pp. 701-5; Rollason, Northumbria 500-1100, p. 81.
- ↑ Jackson, Language and History in Early Britain, pp. 701-5; Jackson, The Gododdin, p. 81.
- ↑ Koch, The Gododdin of Aneirin, p. 216 nota 566.
- ↑ Rollason, Northumbria 500-1100, p. 81.
- ↑ John Morris
- ↑ The History of England - From the Earliest Times to the Norman Conquest por Thomas Hodgkin, Publicado por READ BOOKS, 2007, ISBN 1406708968, 9781406708967
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Beda, Historia ecclesiastica gentis Anglorum.
- Jackson, Kenneth H. (1953). Language and History in Early Britain. Edinburgh University Press.
- Jackson, Kenneth H. (1969). The Gododdin: The Oldest Scottish poem. Edinburgh: Edinburgh University Press.
- Koch, John T. (1997). The Gododdin of Aneurin: Text and context from Dark-Age North Britain. Cardiff: University of Wales Press. ISBN 0-7083-1374-4
- Rollason, David W. (2003). Northumbria, 500–1100: Creation and Destruction of a Kingdom. Cambridge. ISBN 0521813352.
Lecturas adicionais
[editar | editar a fonte]- Alcock, Leslie, Kings and Warriors, Craftsmen and Priests in Northern Britain AD 550–850. Society of Antiquaries of Scotland, Edinburgh, 2003. ISBN 0-903903-24-5
- Alcock, Leslie, Arthur's Britain: History and Archaeology, AD 367–634. Penguin, Londres, 1989. ISBN 0-14-139069-7
- Higham, N.J., The Kingdom of Northumbria AD 350–1100. Sutton, Stroud, 1993. ISBN 0-86299-730-5
- Lowe, Chris, The Making of Scotland: Angels, Fools and Tyrants: Britons and Angles in Southern Scotland. Canongate, Edinburgh, 1999. ISBN 978-0862418755
- Morris, John, The Age of Arthur. Weidenfeld & Nicolson, Londres, 1973. ISBN 0-297-17601-3
- Ziegler, Michelle. "The Politics of Exile in Early Northumbria." The Heroic Age 2 (1999). Online.