Saltar ao contido

Ciencia ficción

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
  Ciencia ficción 
Artigos
Categorías
Selo soviético.

A ciencia ficción[1] (do inglés science fiction) ou ficción científica[2] é un xénero literario e cinematográfico baseado nos efectos de hipotéticos avances científicos e tecnolóxicos, presentes ou futuros, sobre a sociedade ou os individuos.

A expresión science fiction utilizouna por primeira vez en 1851 un escritor inglés chamado William Wilson no seu libro A Little Earnest Book upon a Great Old Subject, pero o termo non se xeneralizou coa súa acepción actual ata que Hugo Gernsback o incorporou en 1926 á portada da revista estadounidense de narrativa especulativa Amazing Stories (logo de facer un intento previo co termo scientifiction, que non chegou a callar). Ata esa data as narracións que hoxe día non dubidamos en cualificar de ficción científica recibían diversos nomes: viaxes fantásticas, relatos de mundos perdidos, utopías, novelas científicas.

As fronteiras do xénero son difíciles de definir, e as liñas que delimitan os subxéneros son a miúdo fluídas. (en Strong Opinions, Vladimir Nabokov argüiu medio en broma que se fósemos rigorosos coas nosas definicións, A tempestade de Shakespeare debería considerarse ficción científica.)

Distinción entre ficción científica e fantasía

[editar | editar a fonte]

Seguindo a Isaac Asimov, podemos clasificar do seguinte xeito as obras de ficción:

  • Ficción realista. É aquela cuxos feitos e personaxes, ficticios, desenvólvense nun contexto que existe ou existiu realmente, aínda que pode ser presentado de xeito artificioso.
  • Ficción imaxinativa. Prodúcese cando o contexto non describe ningún ambiente que exista ou existira algunha vez. A ficción científica e a fantasía son exemplos de ficción imaxinativa.
    • Se ese contexto que non existe puidese existir posiblemente algún día, cando se dean os cambios oportunos nos niveis de ciencia e tecnoloxía ou certos supostos que non sexan incompatibles coa ciencia e a tecnoloxía tal e como a coñecemos hoxe, entón temos ficción científica. Ex.: As series da Fundación.
    • Se ese contexto non pode existir xamais, por moitos cambios razoables que se dean ou por moitos supostos que aceptemos, entón é fantasía. Ex.: O Señor dos Aneis.

Con todo, os diversos lectores teñen diferentes opinións sobre o que consideran posible; unha persoa sen educación terá expectativas distintas ás dun físico profesional sobre o que pode facer a ciencia. Así, ata obras que utilicen innovacións rexeitadas pola teoría científica actual, como as viaxes máis rápidas que a luz, poderían aínda clasificarse como ficción científica.

Doutra banda, como indica a famosa terceira lei de Clarke, "calquera tecnoloxía avanzada dabondo é indistinguible da maxia." Por esta razón a raia entre fantasía e ficción científica vese difuminada; e ambos xéneros comparten autores, lectores, galardóns e andeis nas librarías.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Ciencia ficción.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ficción científica.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • AGASF Web da Asociación Galega de Ciencia Ficción.
  • Amanuensis pequena colección de libros de ficción científica e fantasía.
  • NOVA fantasía revista electrónica dedicada a difundir o xénero fantástico e a ficción científica.