Ciencias da relixión
Ciencias da relixión (inglés: Religious Studies) é o nome que recibe o estudo científico da relixión. Non existe un consenso sobre que é a relixión, e a definición exacta do termo é polémica. As ciencias da relixión describen, comparan, interpretan e explican a relixión, subliñando a perspectiva empírica, histórica e intercultural.
Namentres a teoloxía intenta entender o transcendente ou sobrenatural segundo as concepcións relixiosas tradicionais, as ciencias da relixión seguen unha aproximación máis científica e obxectiva, independente dunha visión relixiosa concreta. As ciencias da relixión, xa que logo, aproveitan elementos de moitas disciplinas e metodoloxías académicas, como a antropoloxía, a socioloxía, a psicoloxía, a filosofía ou a historia da relixión.
As ciencias da relixión naceron na Europa do século XIX, cando floreceu a análise académica e histórica da Biblia e se traduciron ás linguas europeas os primeiros textos sagrados do hinduísmo e do budismo. Na súa orixe, era coñecida tamén como relixión comparada. Entre os primeiros estudosos relevantes atópanse Max Müller ou Cornelis Tiele. Secasí, na actualidade, as ciencias da relixión son unha disciplina global practicada en todo o mundo.[1]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A palabra "relixión" procede do latín religio, un substantivo que pode corresponder aos verbos relegere (observar concienciudamente), religare (ligarse a algo) ou reeligere (volver a escoller).[2] Debido a estas tres posibles orixes, a análise etimolóxica, por si mesma, non pode resolver a ambigüidade do termo relixión, xa que cada un destes verbos conduce a unha concepción diferente do relixioso.
Definicións de relixión
[editar | editar a fonte]Ao longo da historia da disciplina, realizáronse diversos intentos de definir con exactitude o termo "relixión".[3] Moitos deles foron monotéticos; é dicir, procuraban atopar un elemento esencial compartido por todas as relixións, que sería necesario posuír para ser clasificado na categoría de relixión.[3][4] Existen dous tipos de definicións monotéticas. Por unha banda, as definicións substantivas buscan identificar o núcleo da relixión, como a crenza nun Deus ou deuses, ou a énfase no poder.[4] Pola outra banda, as definicións funcionais tratan de establecer a función da relixión no mundo humano, como confrontar a realidade da morte, unir á comunidade ou reforzar o control dun grupo sobre outro.[4] Emporiso, hai tamén definicións politéticas, que consisten en elaborar unha listaxe de características comúns ás relixións. Neste tipo de definicións, ningunha característica ten que ser necesariamente compartida por todas as relixións.[4]
Outra complicación é a existencia de diversas correntes seculares, como o nacionalismo ou o marxismo, que comparten características adoito relacionadas coa relixión, mais que rara vez se consideran como relixións.[5]
Pola contra, algúns estudosos das ciencias da relixión defenderon o abandono do termo "relixión".[6] Dende esta perspectiva, a relixión interprétase como un concepto etnocéntrico propio da cultura occidental, que foi imposto a outras culturas como un acto de imperialismo intelectual.[7] Segundo Russell T. McCutcheon, "moitos pobos que estudamos a través desta categoría carecen dun termo equivalente para ela".[8] Así, por exemplo, non existe unha palabra para "relixión" en sánscrito.[7]
Historia da disciplina
[editar | editar a fonte]Antigüidade
[editar | editar a fonte]O interese no estudo xeral da relixión remóntase, cando menos, a Hecateo de Mileto (550 a.C.-476 a.C.) e Heródoto (485 a.C.-425 a.C.).[9] Durante a Idade Media, eruditos musulmáns como Ibn Hazm (994-1063) interesáronse polas relixións persa, xudía, cristiá e hindú, entre outras.[9] A primeira historia da relixión foi o Kitāb al-Milal wa al-Nihal ("Tratado sobre as seitas relixiosas e filosóficas", 1127), escrito por Muhammad al-Shahrastani (1086-1153).[9] Outro estudoso do século XII, Pedro o Venerable (c. 1092-1156), analizou o islam e elaborou a primeira tradución ao latín do Corán.[9]
Pioneiros
[editar | editar a fonte]Malia este interese dos antigos, as ciencias da relixión son unha disciplina académica relativamente nova. Segundo Christopher Partridge, "as primeiras cátedras foron creadas no derradeiro cuarto do século XIX".[9] Por exemplo, o orientalista Max Müller (1823-1900) foi o primeiro profesor de filoloxía comparada da Universidade de Oxford, unha cátedra creada para el. Na súa Introduction to the Science of Religion ("Introdución á ciencia da relixión", 1873), escribiu que "o deber dos que dedican a súa vida ao estudo das principais relixións do mundo nos seus textos orixinais, e que valoran e reverencian a relixión en calquera das súas formas, é tomar posesión deste novo territorio no nome da auténtica ciencia".[10]
Xa entrando no século XX, destaca o filósofo pragmatista William James (1842-1910). No seu libro The Varieties of Religious Experience ("As variedades da experiencia relixiosa", 1902), estudou a relixión dende un punto de vista filosófico e psicolóxico, aínda influente hoxe en día. Por outra banda, no seu ensaio The Will to Believe ("A vontade de crer", 1896) defendeu a racionalidade da fe.
Do mesmo xeito, o alemán Max Weber (1864-1920) fixo unha análise económica da relixión no seu célebre tratado A ética protestante e o espírito do capitalismo (1905). Como pioneiro da socioloxía, deixou a súa pegada en traballos posteriores de socioloxía da relixión. Do mesmo xeito, outro dos pais das ciencias sociolóxicas, Émile Durkheim (1858-1917), publicou unha obra sobre o asunto da relixión, titulada Les formes élémentaires de la vie religeuse ("As formas elementais da vida relixiosa", 1912). Ademais, no seu famoso estudo sobre o suicidio, Le suicide ("O suicidio", 1897), explorou as actitudes do catolicismo e do protestantismo ante esta práctica.
Desenvolvemento da disciplina
[editar | editar a fonte]Contra a segunda metade do século XX, as ciencias da relixión consolidáronse como eido de investigación académico.[9] O crecente escepticismo contra o empirismo decimonónico, o interese nas relixións non cristiás e o desenvolvemento das ciencias sociais converxeron no asentamento da disciplina nas universidades. Unha das primeiras institucións en ofrecer estudos en Ciencias da Relixión foi a actual Universidade de Ibadan (Nixeria), onde Geoffrey Parrinder (1910-2005) foi nomeado profesor da materia en 1949.[11]
Durante as décadas dos 60 e dos 70, fíxose común o termo inglés Religious Studies. Moitas universidades estableceron novos departamentos, e fundáronse importantes revistas académicas (por exemplo, Religious Studies and Religion). Segundo Ninian Smart, "no mundo anglófono, a expresión Religious Studies apareceu na década de 1960, malia a existencia previa de campos como a relixión comparada, a historia da relixión, a socioloxía da relixión etc.".[5]
Nos 80, tanto en Reino Unido coma nos Estados Unidos, houbo recortes de financiamento para os departamentos de ciencias da relixión.[9] Como resultado, cara a finais desta década, as ciencias da relixión comezaron a integrarse con outras disciplinas para conformar programas de estudo mixtos.[9]
Subdisciplinas
[editar | editar a fonte]As ciencias da relixión están constituídas por achegas de varias disciplinas, xa que intentan estudar os fenómenos relixiosos na súa totalidade.
Filosofía da relixión
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Filosofía da relixión.
A filosofía da relixión emprega as ferramentas da filosofía para avaliar as afirmacións e doutrinas relixiosas. A filosofía occidental centrouse en problemas como a existencia de Deus, a relación entre fe e razón, a cosmoloxía ou a consistencia lóxica dos textos sagrados. Malia que a filosofía comezou a estudar a relixión dende antigo (por exemplo, o debate entre Agostiño de Hipona (354-430) e Pelaxio (c. 350-423) sobre o pecado orixinal), foi o desenvolvemento da escolástica no século XI o que permitiu a plena integración da tradición filosófica occidental coas ciencias da relixión.
Porén, outras culturas coas súas propias tradicións filosóficas estudaron tamén os fenómenos relixiosos, como os musulmáns, os hindús ou os xudeus.
Antropoloxía da relixión
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Antropoloxía da relixión.
A antropoloxía da relixión interésase polas necesidades humanas cubertas pola relixión. A antropoloxía cultural da relixión estuda principalmente os aspectos culturais da relixión. Entre os temas de interese dos antropólogos atópanse os rituais, as crenzas, a arte relixiosa ou as prácticas piadosas.[12]
Historia da relixión
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia da relixión.
A historia das relixións non se involucra en cuestións teolóxicas, agás no relativo á súa importancia histórica. Algúns temas propios da disciplina son a historicidade de certas figuras ou sucesos relixiosos, ou a evolución dos problemas doutrinais.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Adcock 2013, pp. 67-70.
- ↑ McBrien 1994, p. 359.
- ↑ 3,0 3,1 Capps 1995, p. xviii.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Herling 2016, p. 37.
- ↑ 5,0 5,1 Smart 1998, pp. 22-26.
- ↑ Herling 2016, p. 36.
- ↑ 7,0 7,1 Hinnells 2005, p. 2.
- ↑ McCutcheon 2001, p. 10.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 Partridge 2000.
- ↑ Müller 1873.
- ↑ King 2005.
- ↑ Coleman 2024.
- ↑ Harvey & Schultz 2010.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Adcock, C. S. (2013). The Limits of Tolerance: Indian Secularism and the Politics of Religious Freedom (en inglés). Oxford University Press. ISBN 9780199995448.
- Capps, Walter H. (1995). Religious Studies: The Making of a Discipline (en inglés). Fortress Press. ISBN 9780800625351.
- Coleman, Simon (2024). "Anthropology of Religion". Discover Anthropology (en inglés).
- Harvey, Paul; Schultz, Kevin M. (2010). "Everywhere and Nowhere: Recent Trends in American Religious History and Historiography" (PDF). Journal of the American Academy of Religion (en inglés) 78: 129–162.
- Herling, Bradley L. (2016). A Begginner's Guide to the Study of Religion (en inglés). Bloomsbury Academic. ISBN 978-1-4725-0692-4.
- Hinnells, John R. (2005). "Introduction". The Routledge Companion to the Study of Religion (en inglés). Routledge. ISBN 9781134318476.
- King, Ursula (2005). "Obituary: Geoffrey Parrinder". The Guardian (en inglés).
- McBrien, Richard P. (1994). Catholicism (en inglés). HarperCollins. ISBN 9780060654054.
- McCutcheon, Russell T. (2001). Critics Not Caretakers: Redescribing the Public Study of Religion (en inglés). State University of New York Press. ISBN 9780791449431.
- Müller, Max (1873). Introduction to the Study of Religion (en inglés).
- Partridge, Chris (2000). "The Academic Study of Religions: Contemporary Issues and Approaches" (PDF). Evangel: The British Evangelical Review (en inglés) 18: 39–49.
- Smart, Ninian (1998). The World's Religions (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 9780521631396.