Concilio de Trento
O Concilio de Trento foi o XIX Concilio ecuménico da Igrexa católica, celebrado en períodos descontinuos entre 1545 e 1563. Tivo lugar en Trento, unha cidade do norte da Italia actual que por aquel entón era unha cidade libre rexida por un príncipe-bispo.
Antecedentes e convocatoria
[editar | editar a fonte]Dende 1518 os protestantes alemáns viñan reclamando a convocatoria dun concilio alemán, e Carlos I tentaba pechar as diferenzas entre católicos e reformistas para poder lidar coa ameaza turca. Na Dieta de Worms (1521) tentouse resolver as disputas, pero sen éxito: Martiño Lutero (a quen Carlos I permitiu que se convocase a dita Dieta) acusou a Roma de exercer a tiranía, e o emperador comprometeuse por escrito a defender a fe católica, aínda que fose coas armas. Nas Dietas posteriores os príncipes alemáns, tanto protestantes como católicos, continuaron insistindo nun concilio.
En vista da situación houbo grandes presións do emperador sobre o papa Clemente VII para que o convocase, ao que este se resistía. Non foi ata 1529 cando Clemente VII se comprometeu a iso, pero a oposición do legado papal na Dieta de Augsburgo de 1530 atrasou de novo o proxecto. Así e todo, o principal responsable de non se chegar a convocar foi a férrea oposición do rei Francisco I de Francia, xa que para que o concilio tivese éxito era necesaria a aprobación da maioría dos monarcas católicos.
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Cando ao final foi convocado, resultou un concilio difícil e con continuas interrupcións, no que poden distinguirse ata tres períodos con tres Papas distintos: Paulo III, Xulio III e Pío IV.
Paulo III sempre estivo moi a prol, coma cardeal, á celebración dun concilio xeral, que finalmente convocou para maio do 1537 na cidade de Mantua. Pero sufriu continuos aprazamentos e trocos de lugar por variados motivos:
- A maioría dos prelados eran remisos a celebrar un concilio naqueles momentos.
- Os príncipes xermanos protestantes reunidos na cidade de Smalkalda en 1535 (a Liga de Smalkalda) cambiaron de estratexia e tamén se opuxeron.
- Os impedimentos postos por Henrique VIII e, sobre todo, por Francisco I.
- O progresivo distanciamento de Carlos I e Paulo III. Os dous monarcas cristiáns máis importantes daquela, Carlos I e Francisco I, estaban acotío enfrontados entre eles en conflitos militares. O monarca francés presentaba unha actitude cambiante e ambigua fronte ao Papa, a ameaza turca e os protestantes, namentres que Carlos I se mostrou decidido nestes temas. O Papa sempre aparecía neutral nas súas disputas, o que incomodaba profundamente ó emperador.
Por fin, o 13 de decembro de 1545 declarouse aberto o concilio na cidade de Trento. En marzo de 1547 trasladouse para Boloña por medo a unha praga, aínda que parte dos bispos se negaron a desprazarse. Tras varias disputas, rematouse prorrogando de xeito indefinido en setembro de 1549. Paulo II morreu en novembro de 1549.
Xulio III, nomeado papa en 1550, entrou inmediatamente en negociacións con Carlos I para reabri-lo concilio, o que tivo lugar en Trento o 1 de maio de 1551. Porén, só se celebraron unhas poucas sesións. O elector Mauricio de Saxonia, aliado de Carlos I, lanzou un ataque furtivo sobre este. Tras vencer ás tropas imperiais, avanzou sobre o Tirol, co que puxo en perigo a propia cidade de Trento. Esta ameaza provocou unha nova interrupción en abril de 1552. Xulio III morreu en 1555.
Tralo curto papado de Marcelo II (23 días) foi elixido Paulo IV en 1555. Levou a cabo reformas na Igrexa, pero non convocou a continuación do concilio. Carlos I de España abdicou en 1556 e dividiu os seus estados entre o seu fillo Filipe (Filipe II de España) e o seu irmán Fernando (Fernando I de Alemaña).
Pío IV foi elixido papa en 1559, e de seguido mostrou a súa disposición para continua-lo concilio. Con todo, Fernando I e Francisco I preferían un concilio novo nunha cidade diferente a Trento e, ademais, os protestantes opúñanse frontalmente a un concilio. Tras novos atrasos reabrise o 18 de xaneiro de 1562, e xa continuou ata a súa clausura o 4 de decembro de 1563. Constitúe o período conciliar máis importante dos tres.
O emperador tentou, tal como fixera no seu momento coa Dieta de Worms, que estivesen representadas tódalas partes, incluíndo os protestantes, para que o concilio fose verdadeiramente ecuménico. Reiterou as invitacións ós protestantes nos tres períodos e ofreceulles salvocondutos. Porén, só tiñan dereito de palabra; ao seren excomungados non tiñan dereito a voto. Isto, xunto ás frecuentes escaramuzas militares e ao complicado mapa político xermano, fixo que non fosen delegados protestantes.
O número de asistentes variou considerablemente entre os tres períodos. Os nomes que merecen destacarse polas súas contribucións son Domingo de Soto, Diego Laínez, Alfonso Salmeron, Reginald Pole, Girolamo Seripando, Melchor Cano e Johannnes Azra. Os teólogos e prelados españois e italianos foron os máis importantes, tanto polo seu número coma pola influencia que exerceron.
Acordos adoptados nas sesións
[editar | editar a fonte]Sesión I, 13 de decembro de 1545:
Apertura do Concilio. Os obxectivos que se presentan son, en palabras do propio concilio: extirpación das herexías, restablecemento da disciplina eclesiástica e a reforma dos costumes.
Sesión II, 7 de xaneiro de 1546:
Cuestións de orde do concilio e inicio dos traballos de preparación dos decretos.
Sesión III, 4 de febreiro de 1546:
Primeiros traballos sobre a Biblia, referidas ao canon bíblico e á validez da Vulgata como tradución oficial. Iníciase o estudo sobre o valor da Tradición. Proclámase o Credo Niceno.
Sesión IV, 8 de abril de 1546:
Decreto sobre a Revelación: que ten dúas fontes da mesma importancia, a Sagrada Escritura e as tradicións sobre fe e costumes, contra o afirmado por Martiño Lutero. Fíxase o canon da Biblia.
Decreto sobre a Vulgata, que se declara a versión auténtica da Biblia. Séguenlle unha serie de normas para controlar a súa edición, uso e difusión.
Sesión V, 17 de xuño de 1546:
Decreto sobre o pecado orixinal.
Sesión VI, 13 de xaneiro de 1547:
Decreto sobre a xustificación. Un dos máis importantes do Concilio, posto que toca unha das principais discrepancias teolóxicas entre católicos e igrexas reformadas. Coincide con elas en que a xustificación é sempre iniciativa de Deus que, coa súa graza e por medio da redención de Xesucristo, chama ao ser humano á xustificación.
A partir de aquí, o concilio sepárase da doutrina tanto de Lutero, como da de Calvino. Do primeiro porque afirma o valor das obras para a xustificación, fronte a Lutero que dicía “sola fide” só a fe pode salvar ao home. E de Calvino porque nega a predestinación, postura que este defendía, derivada da de Lutero: se a xustificación é puro don de Deus, El é o quen escolle quen vai ser salvo.
Decreto sobre a obriga de residencia dos bispos. O que significaba que, contra o que era costume, quen era elixido bispo tiña a obriga de residir na súa diocese e, polo tanto exercer persoalmente o cargo que lle fora confiado, prohibindo que llo confiase a un legado.
Sesión VII, 3 de marzo de 1547:
Canto a canons sobre os sacramentos, en sesións posteriores promulgaránse decretos sobre cada sacramento en particular. Decreto sobre a reforma: nomeamento de bispos e doutros cargos eclesiásticos, das condicións que deben reunir os candidatos e temas de xurisdición.
Sesión VIII, 11 de marzo de 1547:
Por mor da peste que se acercaba a Trento, acórdase o traslado do concilio a Boloña. Un grupo de asistentes, entre eles os españois, maniféstanse en contra.
Sesión IX, 12 de abril de 1547:
Celebrada en Boloña, ante a escasa asistencia, acórdase adiar o inicio da sesión ata o 2 de xuño.
Sesión X, 2 de xuño de 1547:
Continúan os problemas pola escasa asistencia. Os españois non se presentan e os alemáns non queren acudir a unha cidade situada nos Estados Pontificios. Perante esta situación e as tensións políticas que rodeaban o concilio, acórdase suspendelo por catro anos.
En 1549, morreu o papa Paulo III. Sucedeulle Xulio III, que o 14 de marzo de 1550, ordena que se continúe o concilio na súa sé orixinal de Trento.
Sesión XI, 1 de maio de 1551:
Sesión só de apertura, coa lectura do Decreto que o declaraba comezado de novo.
Sesión XII, 4 de setembro de 1551:
Ácórdase que na próxima sesión se tratará do sacramento da Eucaristía. Protesta do embaixador de Francia.
Sesión XIII, 11 de outubro de 1551:
Decreto sobre a Eucaristía. Reafírmase a presenza real de Xesucristo baixo as especies do pan e o viño eucarístico. O concilio utiliza por primeira vez de xeito oficial o termo de transubstanciación para indicar o cambio que se produce no pan e no viño para se converteren no corpo e sangue de Cristo.
Decreto sobre o exercicio da xurisdición aplicable aos bispos: tanto a forma en que a exercen como o procedemento a seguir nas causas criminais contra eles mesmos.
Sesión XIV, 25 de novembro de 1551:
Decreto a respecto da Penitencia e da Unción de Enfermos. Sobre a primeira, defende o concilio que o perdón de Deus se recibe sempre por medio da Igrexa, a través dos seus sacerdotes. E reafirma a obriga da confesión dos pecados considerados pola Igrexa como graves.
Sobre a Unción e, como moitas veces fará, contra a opinión das igrexas reformadas, afirma que se trata dun verdadeiro sacramento, instituído por Cristo e practicado dende sempre pola Igrexa.
Sesión XV, 25 de xaneiro de 1552:
Decídese que as materias pendentes de tratar sobre Eucaristía e Orde sacerdotal se adíen ata o 19 de marzo.
Un novo enfrontamento político provoca outra parada no Concilio: dunha parte, o emperador Carlos e os legados e bispos que lle eran fieis, queren continuar co Concilio. Doutra banda os legados pontificios, temendo que o emperador aproveite para promover unha reforma da curia romana, tentan suspendelo. O conflito remata cando o avance sobre Trento das tropas do príncipe Mauricio, elector de Saxonia, obriga aos pais conciliares a fuxir da cidade.
Sesión XVI, 28 de maio de 1552:
Convocada pola situación creada na sesión anterior, leuse un decreto polo que se suspendía o Concilio ata que se restablecera a paz.
A suspensión durou dez anos, o concilio non retomou os seus traballos ata a chegada ao papado de Pío IV.
Sesión XVII, 18 de xaneiro de 1562:
Lectura do decreto polo que se acorda continuar o concilio.
Sesión XVIII, 22 de febreiro de 1562:
Sesión de deliberación sobre diversos temas. Os máis importantes, os referidos á reforma do clero: obriga dos bispos de residir na súa diocese, condicións que deben reunir os que aspiran a ser ordenados cregos e organización territorial das dioceses.
Sesión XIX, 14 de maio de 1562:
Lectura das credenciais dos embaixadores de Francia, con algunhas instrucións sobre reformas que o rei de Francia pide que se fagan, tales como que o Papa teña que someterse ás decisións do Concilio, que se faga unha reforma a fondo na disciplina e costumes eclesiásticos, que se obrigue aos bispos a residir nas súas dioceses, que só se ordenen sacerdotes na medida que houber funcións que lles encomendar. Houbo bastante resistencia por parte dos representantes da curia romana.
Sesión XX, 4 de xuño de 1562: O legado pontificio no Concilio pronuncia un discurso contra o solicitado na carta lida polos embaixadores de Francia. Continuaron as deliberacións sobre a Eucaristía e a reforma do clero.
Sesión XXI, 16 de xullo de 1562:
Declaración sobre a comuñón: Rexeitase a obrigatoriedade de recibir a comuñón baixo as dúas especies de pan e viño. Na práctica e, unha vez máis como reacción ao costume das igrexas reformadas, establécese como norma e para os segrares a comuñón só co pan consagrado. Decreto sobre reforma do clero: do capítulo 1 ao 3 trata de taxas e remuneración do clero. No 4, 5 e 7 autorízase aos bispos a creación de novas parroquias, a fusión de varias nunha soa ou ao traslado das mesmas cando o tamaño destas, a súa extensión ou as rendas das que dispoñan para manter ao clero así o aconsellen. O capítulo 6 trata de cuestións disciplinarias e o 8 da obriga que teñen os bispos de visitar anualmente as abadías que teñan encomendadas. Por fin, o capítulo 9 pon baixo o control dos bispos a delicada cuestión das bules e indulxencias. Doutra banda continuaron os traballos no decreto sobre a Misa.
Sesión XXII, 17 de setembro de 1562:
Decretos sobre o sacrificio da Misa.
En primeiro lugar, publicouse un decreto doutrinal (no que se levaba traballando varias sesións) que, en resumo, afirma como doutrina que a misa é memorial do sacrificio redentor de Cristo.
Entra despois no tema da liturxia e afirma a supremacía e excelencia do canon romano, baseándose en que está composto polas palabras de Cristo, as tradicións apostólicas e o maxisterio dos pontífices. Tamén afirma que a Misa non debe celebrarse en todas partes en lingua vulgar e que debe conservarse o uso aprobado pola igrexa romana. Este decreto significaba, na práctica, a desaparición de moitos ritos litúrxicos propios de igrexas occidentais, como o mozárabe ou o bracarense.
Complétase este decreto con outro de carácter disciplinario. Por exemplo, pídese aos bispos que non permitan que celebren misa curas vagabundos ou descoñecidos, ou que estean acusados dalgún crime, que non se permita a celebración de misas en casas particulares ou que se revise o canto litúrxico.
Decreto sobre a reforma, que trata sobre o clero, e os criterios de admisión a determinados postos.
Sesión XXIII, 15 de xullo de 1563:
Decreto sobre o sacramento da orde: declárao verdadeiro sacramento, instituído por Cristo e presente desde sempre na Igrexa. Este sacramento imprime carácter e divídese en diversos graos, cos Bispos, como sucesores dos Apóstolos, na primeira orde xerárquica e coa plenitude funcións do sacerdocio.
Decreto sobre a reforma: consta de dezaoito capítulos i é un dos que tivo máis repercusión na futura organización da Igrexa. O máis destacado deste decreto é:
- Capítulo I. Residencia dos bispos: partindo dunha argumentación pastoral, o Concilio declara que todos os que sexan elixidos e destinados para o goberno das dioceses, aínda sexan Cardeais, están obrigados á residencia persoal nas súas dioceses, sen que poidan ausentarse se non é por causa xustificada e con permiso por escrito do metropolitano (o arcebispo da provincia eclesiástica) ou do sufragáneo (bispo dunha diocese dependente dunha arquidiocese) máis antigo no cargo. En caso de ausencia sen permiso, queda o bispo obrigado a entregar á diocese ou á caridade as rendas que lle corresponderan durante o tempo da súa ausencia. Relacionado con esta obriga, o capítulo III deste decreto que confiran o sacramento da orde sacerdotal aos seus diocesanos por si mesmos, sen encargarlle a tarefa a outro bispo.
Porén non se chegou ao que pedían algúns bispos, que a obriga de residencia fose declarada de dereito divino, é dicir, esixida pola propia natureza a fe cristiá e, polo tanto, obrigatoria universalmente e imposible de limitar ou derrogar.
- Capítulo II. Consagración episcopal. Completa o capítulo anterior. Dá un prazo de tres meses entre o nomeamento dun novo bispo e a súa consagración episcopal e ordena que se celebre na propia diocese ou nalgunha da provincia.
- Capítulos IV a XIV. Disposicións sobre a ordenación de sacerdotes. A lectura destes capítulos, ademais de aprender cales foron as disposicións de reforma que se tomaron no Concilio, permiten facernos unha idea da situación na que se atopaba o clero, sobre todo o secular naquel momento da historia da Igrexa. Os capítulos van percorrendo as condicións que deben reunir e as formalidades que se deben observar na ordenación de clérigos, comezando pola admisión ao sacerdocio, continuando polas ordes menores e rematando no presbiterado.
Así, os que sexan admitidos para a primeira tonsura (cap. IV), deben estar confirmados, ter coñecementos básicos de relixión, saber ler e escribir, e será preciso asegurarse que non buscan fuxir da xustiza secular posto que o clero tiña un foro propio (os seus propios tribunais e réxime xurídico). Para recibir as ordes menores (cap. V) será necesario un informe do párroco do ordenando sobre a súa familia, idade e exemplaridade de vida.
Os capítulos VII e VIII, ofrecen normas xerais sobre as condicións que deben reunir os ordenandos e o xeito en que se debe celebrar a ordenación. O bispo, cando convoque os que queiran recibir o sacramento da orde debe, axudado por peritos na materia, informarse sobre a familia, a persoa, a idade, a educación, os costumes, a doutrina e a fe dos candidatos. A ordenación será pública e haberá de celebrarse, como norma, na Catedral da diocese polo bispo titular desta. Así como o capítulo X reforza a autoridade do bispo á hora de conferir as chamadas ordes menores.
Dos capítulos XI ao XIV, detállanse as condicións que deben reunir os candidatos ao sacerdocio. Dunha banda establécense uns períodos de tempo mínimos, que en linguaxe canónica se chaman intersticios, que teñen que pasar entre que un candidato reciba un grao da orde sacerdotal e o seguinte. Estas esperas obrigatorias remataban con prácticas ata ese momento habituais, onde nun só día e na mesma cerimonia, un home recibía tódolos graos e pasaba de segrar para presbítero, incluso para bispo. Ademais permitía dúas cousas: comprobar o progreso do candidato tanto na súa formación teolóxica (as condicións ían endurecéndose segundo se subía de grao) como na súa coherencia de vida (que era examinada como paso previo a cada grao novo); e garantía unha idade mínima para todos os ordenados.
- Os capítulos XV e XVI, tamén van dirixidos a controlar a actividade pastoral dos xa sacerdotes. Esixe o concilio que se asigne aos novos presbíteros unha determinada función pastoral e que se incardinen, é dicir, sexan ordenados para unha determinada diocese e se lles obrigue a cumprir coas súas funcións.
- Capítulo XVIII. Creación de seminarios. Ata aquel momento a formación dos sacerdotes, sobre todo dos seculares, era moi irregular e, en moitos casos, tan cativa que apenas pasaba dunhas nocións de latín e de doutrina cristiá, incluso se podían atopar sacerdotes analfabetos que se limitaban a “dicir misa” pero que non podían nin estaban capacitados para predicar ou confesar. A formación era un asunto de cada aspirante a sacerdote e podía ir desde as leccións aprendidas co párroco propio ata unha formación teolóxica e filosófica de elite en universidades como Salamanca ou a Sorbona.
A creación de seminarios busca poñer fin a esta situación. En réxime de internado, os aspirantes terán garantida unha formación mínima:
aprenderán gramática, canto, cómputo eclesiástica e outras facultades útiles e honestas; tomarán de memoria a Sagrada Escritura, os libros eclesiásticos, homilías dos santos, e as fórmulas de administrar os sacramentos, en especial o que conduce a oír as confesións
Ademais haberase de garantir a súa coherencia de vida co seu futuro destino como cregos:
asistan todos os días ao sacrificio da Misa, que confesen os seus pecados polo menos unha vez por mes (...) e sirvan na catedral e outras igrexas do pobo nos días festivos
O capítulo esténdese sobre a organización dos seminarios: establece a obriga de que parte dos beneficios de case todas as institucións da diocese contribúan ao seu mantemento, obriga a contar cun corpo de profesores expertos nas materias correspondentes.
O concilio entende que debe de haber un seminario por diocese, pero tamén establece que, segundo os casos poida haber máis dun nas dioceses grandes e que varias dioceses pequenas ou con escasas rendas, poidan unirse para a creación dun seminario en común.
Sesión XXIV, 11 de novembro de 1563:
Comeza a sesión cunha exposición teolóxica que declara sacramento ao matrimonio baseándose na paixón de Cristo e nas palabras de San Paulo: “maridos, amade ás vosas mulleres como Cristo ama á súa Igrexa.”
- Decreto sobre o matrimonio
Despois publicouse un decreto sobre o matrimonio que ten como obxectivo, sobre todo, poñer orde na práctica matrimonial, achegar o que hoxe chamariamos “seguridade xurídica” e establecer procedementos e lexislación que, en boa parte aínda seguen en uso na Igrexa.
No primeiro capítulo prohibe os matrimonios clandestinos (pola súa nula seguridade xurídica) e ordena que no sucesivo, os párrocos publiquen as amoestacións para lle dar publicidade aos futuros matrimonios. Ademais, ordena que os matrimonios se celebren ante testemuñas e polo propio párroco ou sacerdote que teña o debido permiso.
Dos capítulos 3 ao 7 trata o tema dos impedimentos por razóns de parentesco. Declara nulos os matrimonios celebrados ou por celebrar que non cumpriren estas disposicións e establece casos de posible dispensa, entre os que chama a atención que non se conceda dispensa en caso de consanguinidade de segundo grao, é dicir entre irmáns, excepto en caso de grandes príncipes e por algún ben público. Co que se lexitima a endogamia entre as casas reais de Europa.
O capítulo 8 prohibe o matrimonio por rapto. O capítulo 9 pide que os vagabundos (no sentido xurídico, os que non teñen domicilio fixo) non sexan facilmente admitidos para o matrimonio, pola dificultade de determinar se están ou non xa casados. O capítulo 10 dita normas contra os que chama “concubinarios”, os que viven en parella sen estar casados, establecendo normas disciplinarias contra eles.
O capítulo 11 declara que a ninguén se pode obrigar a casar. E o 12 e último, pide que non se celebren matrimonios no Advento, Nadal, Coresma e Oitava de Pascua.
- Decreto sobre a reforma do clero
25ª: Reafirman a existencia do purgatorio e a veneración dos santos e reliquias. Reforma das ordes monásticas. Supresión do concubinato en eclesiásticos. Deixouse ao Papa a tarefa de elaborar unha lista de libros prohibidos, a elaboración dun catecismo e a revisión do Breviario e do Misal. Clausura do concilio
Comentarios finais
[editar | editar a fonte]Aínda que non conseguiu reunificar a cristiandade, o concilio de Trento supuxo para a Igrexa católica unha profunda catarse.
Convocouse como resposta á reforma protestante para aclarar diversos puntos doutrinais. Tamén aboliu os ritos eucarísticos locais e estableceu un rito unificado coñecido como Misa Tridentina. Desde un punto de vista doutrinal é un dos concilios máis importantes e influentes da historia da Igrexa católica.
Por outro lado, tratouse a reforma da administración e disciplina eclesiásticas. O concilio eliminou moitos abusos flagrantes como a venda de indulxencias ou a educación dos clérigos, e obrigou aos bispos a residir nos seus bispados, co que se evitou a acumulación de cargos.
Presenza de bispos galegos no Concilio
[editar | editar a fonte]Limitámonos a unha lista deles, segundo constan nas actas conciliares:
- Sesións celebradas nos tempos de Paulo III
- Diego de Alava y Esquivel, bispo de Astorga, despois de Ávila e Córdoba.
- Sesións celebradas nos tempos de Xulio III
- Francisco Manrique de Lara, bispo de Ourense. Estaba acompañado polo teólogo, Juan Caballero.
- Juan de San Millán, bispo de Tui.
- Pedro de Acuña Avellaneda, bispo de Astorga.
- Francisco de Benavides de Santa María, bispo de Cartaxena de Indias, despois de Mondoñedo e Segovia.
- Bispos que protestaron contra o traslado do concilio para Boloña
- Diego de Álava, bispo de Astorga.
- Prelados que contradixeron o decreto de suspensión do concilio de 28 de abril de 1552:
- Bispo de Tui.
- Bispo de Astorga.
- Padres que non se conformaron ao decreto da terceira apertura do concilio, sesión XVII
Juan Francisco Blanco, bispo de Ourense, presentou un bando do teor seguinte:
Non me gustan aquelas palabras Proponentibus Il. Et R.D.D.L. a proposición dos ilustrísimos e reverendísimos señores Legados; tanto porque non é costume poñelas en semellantes decretos, como porque dan a entender certa limitación, que non é conforme á orde dun concilio xeral; e ademais disto porque non se achan na Bula de convocación deste Concilio, á que debe conformarse o decreto da súa apertura: en cuxa consecuencia pido, que de non se borraren as devanditas palabras, insira o reverendo señor secretario este meu voto despois do mesmo decreto: no demais estou conforme.” Juan, bispo de Ourense.
- Bispos que asinaron o deceto que daba fin ao concilio
Tal como se recolle nas actas:
- Eu, Diego Sarmiento de Sotomayor, español, do Reino de Galicia, bispo de Astorga, definín e asinei.
- Eu, Francisco Blanco, bispo de Ourense no reino de Galicia en España, definín e asinei.
- Eu, Francisco Delgado, español, bispo de Lugo no reyno de Galicia, definín e asinei.
- Juan Delgado, cóengo, coas veces do meu señor Juan de San Millán, bispo de Tui, asinei.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Concilio de Trento |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- López de Ayala, Ignacio (tradución) e Latre, Mariano (introdución histórica) (1845), El sacrosanto y ecuménico Concilio de Trento (Nueva edición aumentada con el sumario de la historia del Concilio de Trento). Barcelona: Imprenta de Benito Espona.
- Lortz, Joseph (1982). Historia de la Iglesia (en la perspectiva de la historia del pensamiento) Tomo II (Edad Moderna y Contemporánea). Madrid: Ediciones Cristiandad. p. 732. ISBN 84-7057-310-1.