Crise de Agadir
.
A A crise de Agadir, ou Segunda Crise Marroquí, foi un incidente diplomático e militar que tivo lugar en 1911, entre Francia e Alemaña, causado polo envío dun canoneiro (buque lixeiro armado) da mariña alemá, o SMS Panther, á baía de Agadir en Marrocos.[1]
Foi unha breve crise internacional provocada polo despregamento dunha forza substancial de tropas francesas no interior de Marroos en abril de 1911. Alemaña non se opuxo á expansión de Francia, senón que quería unha compensación territorial. Berlín ameazou coa guerra, enviou un canoneiro e provocou aos nacionalistas alemáns. As negociacións entre Berlín e París solucionaron a crise: Francia tomou Marrocos como protectorado a cambio de concesións territoriais a Alemaña no Congo francés, mentres que España quedou satisfeita cun cambio nos seus límites co seu protectorado de Marrocos. Con todo, o gabinete británico alarmouse pola agresividade de Alemaña cara a Francia. David Lloyd George pronunciou un dramático discurso na "Mansion House" (a residencia oficial do Lord Maior da City de Londres) no que denunciou o movemento alemán como unha humillación intolerábel.[2] Falouse de guerra e Alemaña retrocedeu.[3] Porén, as relacións entre Berlín e Londres seguiron sendo tensas, e o incidente estivo a piques de desencadear unha guerra entre Alemaña e Francia, que podería ter ocasionado a primeira guerra mundial tres anos antes do seu comezo real.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Primeira crise marroquí e Conferencia de Alxeciras.
A principios do século XX Francia, que administra Alxeria dedesde a súa conquista en 1830, estaba preocupada pola seguridade da súa fronteira con Marrocos. O sultanato de Marrocos era entón un dos últimos países non colonizados de África, e espertou o interese de varias potencias europeas, principalmente de Francia e o tamén do Imperio alemán, que consideraba ter un atraso na conquista de colonias.
En 1904, Francia e Gran Bretaña concluíron un acordo, chamado a Entente Cordiale, contra Alemaña: Francia deixa as mans libres á Gran Bretaña en Exipto e, a cambio, podería establecer un protectorado en Marrocos.
En mazo de 1905, para "recordar" as súas reclamacións en Marrocos, o káiser Guillerme II desembarcou en Tánxer onde se entrevistou co sultán Abd al-Aziz, provocando a primeira crise marroquí, ou crise de Tánxer, que provoca tensións entre as potencias europeas.[4][5][6] Para diminuír estas tensións connvócase, en 1906, en Alxeciras, unha Conferencia internacional.[7] Alemaña obtén un certo dereito de control sobre os asuntos marroquís, mentres que Francia e España obteñen dereitos específicos sobre Marrocos en termos de policía e banca.[8]
En marzo de 1911, o sultán Mulay Abd al-Hafid, ameazado por unha revolta, pide a Francia que lle bote unha man. En maio, as tropas francesas ocupan Rabat, Fez e Mequinez. Alemaña, preocupada polas súas reclamacións en Marroos, considera esta ocupación como unha violación da Acta de Alxeciras e decide reaccionar.
As tensións anglo-alemás eran moi altas neste momento, en parte debido á carreira armamentística entre a Alemaña imperial e a Gran Bretaña, incluíndo os esforzos alemáns para construíren unha frota de dous terzos do tamaño da Gran Bretaña. Alemaña tiña como obxectivo probar a relación entre a Gran Bretaña e Francia e, posiíbelmente intimidar a Gran Bretaña nunha alianza con Alemaña.[9]
Eventos
[editar | editar a fonte]Rebelión marroquí
[editar | editar a fonte]En 1911 estalou unha rebelión en Marrocos contra o sultán Abdelhafid. A principios de abril, o sultán foi sitiado no seu palacio en Fez. Os franceses preparáronse para enviar tropas para axudar a sufocar a rebelión, baixo o pretexto de protexer vidas e bens europeos, despachando unha columna de tropas a finais de abril. O 8 de xuño, o exército español ocupou Larache e, tres días despois, Alcazarquivir.
Intervención naval alemá
[editar | editar a fonte]O 1 de xullo o canoneiro alemán SMS Panther chegou ao porto de Agadir, baixo o pretexto de protexer os intereses comerciais alemáns. Os cruceiros de superior clase SMS Bremen chegaron días despois, substituíndo ao canoneiro.[10] Un civil alemán, Hermann Wilberg, que estaba a 110 km ao norte, viaxou cara ao sur para ser rescatado tres días despois polo Panther.[11] Isto provocou unha reacción inmediata dos franceses e dos británicos.
Participación británica
[editar | editar a fonte]O goberno británico intentou frear a Francia para que non adoptara medidas precipitadas e disuadila de enviar tropas a Fez, pero fracasou. En abril, o Secretario de Asuntos Exteriores Sir Edward Gray escribiu: "o que os franceses queren facer non é sabio, pero non podemos interferir no noso acordo".[12] Sentiu que as súas mans estaban atadas e que tiña que apoiar a Francia.
Os británicos estaban moi preocupados pola chegada do Panther a Marrocos. A Royal Navy tiña unha base naval en Xibraltar, no sur de España. Crían que os alemáns querían converter a Agadir nunha base naval no Atlántico.[13] O Reino Unido enviou acoirazados a Marrocos, por se estalase unha guerra. Como na primeira crise marroquí, o apoio británico a Francia mostrou a forza da Entente Cordiale.
Crise financeira alemá
[editar | editar a fonte]No medio desta crise, Alemaña foi golpexada por grandes turbulencias financeiras. O mercado de accións caeu nun 30 % nun só día, o público comezou a cobrar en moedas de ouro, e houbo carreiras aos bancos. O Reichsbank perdeu un quinto das súas reservas de ouro nun mes. Rumoreábase que o ministro de Finanzas francés organizara esta crise.[14] Ante a posibilidade de ser expulsado do padrón ouro, o Káiser retrocedeu e deixou que os franceses tomaran a maior parte de Marrocos.[Cómpre referencia]
Negociacións, solución e consecuencias
[editar | editar a fonte]O 7 de xullo o embaixador alemán en París informou ao goberno francés de que Alemaña non tiña aspiracións territoriais en Marrocos e que negociaría un protectorado francés baseado en "compensacións" para a Alemaña na rexión do Congo francés e na salvagarda dos seus intereses económicos en Marrocos. Os termos dos alemáns, presentados o 15 de xullo, mentres contiñan unha oferta para ceder a parte norte de Cameruún e Togolandia, exixiron a Francia todo o Congo francés desde o río Sangha até o mar, ao que máis tarde engadiu a transferencia de Francia do dereito á prevención do Congo belga.
O 21 de xullo David Lloyd George fixo un discurso na Mansion House, en Londres, onde declarou que o honor nacional era máis precioso que a paz: "Se a Gran Bretaña é tratada mal onde os seus intereses son vitalmente afectados, coma se ela non tivese ningunha conta no concerto das nacións, entón eu digo enfaticamente que a paz a ese prezo sería unha humillación intolerábel para que un gran país como o noso resista". O discurso foi interpretado por Alemaña como unha advertencia de que non podía impoñer un acordo irrazonable sobre Francia.[2]
O 4 de novembro as negociacións franco-alemás levaron a unha convención denominada Acordo franco-alemán,[15] baixo a cal Alemaña aceptou a posición de Francia en Marrocos a cambio dun territorio na colonia africana francesa do Congo Medio (hoxe República do Congo).
Este territorio, de 275.000 km2, coñecido polos alemáns como Neukamerun, pasou a formar parte da colonia alemá de Cameruún. Esta zona é en parte pantanosa, onde a enfermidade do sono (tripanosomíase africana) estaba xeneralizada, pero deu a Alemaña unha saída ao río Congo ao sueste de Fort Lamy (hoxe parte do Chad).
O conflito solucionouse co tratado de Fez, asinado en dita cidade o 30 de marzo de 1912, e polo cal o sultán Abdelhafid de Marrocos cedeu a soberanía do seu país a Francia, facendo del un protectorado.
Como parte do tratado, Alemaña recoñeceu as esferas de influencia francesas e españolas en Marrocos, recibindo a cambio territorios no Congo Medio (actual República do Congo), unha colonia da África Ecuatorial Francesa, os cales se converteron en parte do Camerún alemán.[16][17]
Por este tratado, o goberno de Marrocos —o sultán e os seus visires— perdeu a plena soberanía sobre unha boa parte do seu territoreio, que pasou aos protectorados francés e español (1912-1956) baixo a dependencia e a protección de Francia.
O 15 de xullo de 1912 foi aprobada unha lei polo Parlamento francés, e promulgada polo presidente da Terceira República Francesa da época, Armand Fallières.[16][18]
En canto á presenza de España en Marrocos, faise referencia a unha futura consulta entre os gobernos francés e español sobre os intereses de España, debido á súa posición xeográfica e ás súas posesións territoriais na costa marroquí.[16][17]
Case cinco meses máis tarde, o 12 de agosto de 1912, Moulay Hafid, no poder desde 1908, abdicou,[19] e foi substituído por Mulay Youssef.[20]), seu irmán, pai do futuro sultán Sidi Mohammed (1927), daquela de tres anos de idade e futuro rei Mohammed V, pouco despois do fin dos protectoradoss franés e español, en 1956.[21]
A colonia alemá do Camerún (xunto con Togolandia) foi capturada polos aliados no inicio da primeira guerra mundial.
Na historia da Europa Occidental, a crise de Agadir segue sendo o exemplo máis coñecido de diplomacia de barco.
O filósofo e historiador alemán Oswald Spengler afirmou que a crise de Agadir inspiroulle a escribir o seu The Decline of the West.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Jean-Claude Allain (1976). Agadir 1911. Une crise impérialiste en Europe pour la conquête du Maroc (Paris: Université de Paris I Panthéon-Sorbonne ed.). ISBN 2-85944-004-6..
- ↑ 2,0 2,1 Keith Wilson (1972): "The Agadir Crisis, the Mansion House Speech, and the Double-Edgedness of Agreements". Historical Journal 15#3: 513-532.
- ↑ Christopher Clark (2012): The Sleepwalkers: How Europe Went to War in 1914. New York, NY: Harper Perennial. ISNN 978-0-0611-4666-4, pp. 204-213.
- ↑ Anderson 1931, p. 138.
- ↑ Stevenson 1997, p. 130.
- ↑ Anderson 1930, p. 192.
- ↑ Hall 1944, p. 396.
- ↑ Hall 1944, p. 398.
- ↑ Henry Kissinger (1994): Diplomacy. Reimpresión en 1995. New York, NY, USA: Simon & Schuster. ISBN 978-0-6715-1099-2, p. 912.
- ↑ MacMillan 2013, p. 439.
- ↑ MacMillan 2013, p. 440.
- ↑ Citado por M. L. Dockrill (2008): "British Policy During the Agadir Crisis of 1911", en F. H. Hinsley, British Foreign Policy Under Sir Edward Grey. Cambridge / New York: Cambridge University Press ISBN 978-0-5210-9015-5, p. 271.
- ↑ "TWO WAR CLOUDS MENACE EUROPE" (PDF). The New York Times. 6 de xullo de 1911. Consultado o 24 de xullo de 2019.
- ↑ Ahamed, Liaquat (2010). Lords of Finance. London: Windmill Books. pp. 43. ISBN 978-0-09-949308-2.
- ↑ Maurice, Zimmermann (1912). "L'accord franco-allemand du 4 novembre 1911 au sujet du Maroc et du Congo". Annales de géographie (en francés) 21 (116).
- ↑ 16,0 16,1 16,2 Traité conclu entre la France et le Maroc le 30 mars 1912, pour l'organisation du Protectorat français dans l'Empire chérifien Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine.. Bulletin officiel Empire chérifien - Protectorat de la République française au Maroc, Rabat, nº 1, 1er novembre 1912, pp. 1-2.
- ↑ 17,0 17,1 Maroc – Traité pour l'organisation du protectorat français dans l'empire chérifien (Fès, 30 mars 1912).
- ↑ Loi portant approbation du traité conclu entre la France et le Maroc, le 30 mars 1912, pour l'organisation du protectorat français dans l'Empire chérifien Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine..
- ↑ Paul Doury (2008): Un échec occulté de Lyautey, l'affaire du Tafilalet. Maroc oriental, 1917-1919. Paris: L'Harmattan. ISBN 978-2-2960-5053-2.
- ↑ "Proclamation de S. M. le Sultan Moulay Youssef" Arquivado 07 de marzo de 2013 en Wayback Machine.. Bulletin officiel: Empire chérifien - Protectorat de la République française au Maroc. Rabat, nº1, 1 de novembro de 1912, páxina 1.
- ↑ Jean-Pierre Maury (2013): Maroc – Indépendance du Maroc. Perpiñán: Université de Perpignan.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Anderson, Eugene N. (1930). The first Moroccan crisis: 1904-1906 (en inglés). The University Of Chicago Press. p. 420. OCLC 645325913.
- Anderson, Frank Maloy (1931). "Review: The First Moroccan Crisis, 1904-1906 by Eugene N. Anderson". The Journal of Modern History 3 (1): 137–139.
- Esthus, Raymond A. (1970): Theodore Roosevelt and the International Rivalries. Waltham, Massachusetts, USA: Ginn-Blaisdell.
- Gifford, Prosser, William Roger Louis & Alison Smith, eds. (1967): Britain and Germany in Africa: imperial rivalry and colonial rule. New Haven, Connecticut. USA: Yale University Press.
- Hall, Luella J. (1944). "A Partnership in Peacemaking: Theodore Roosevelt and Wilhelm II". Pacific Historical Review 13 (4): 390–411.
- MacMillan, Margaret (2013): The War that Ended Peace: The Road to 1914. Nova York, NY, USA:: Random House. ISBN 978-0-8129-8066-0.
- Stevenson, David (1997). "Militarization and Diplomacy in Europe before 1914". International Security 22 (1): 125–161.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Du «coup de Tanger» au «coup d'Agadir» (en francés).
- "Que veut l'Allemagne au Maroc? Que voulons-nous nous-même?" Artigo do comandante de Thomasson en L'Ouest-Éclair, 15 de xullo de 1911 (en francés).