Saltar ao contido

Curuxa común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Curuxa común

En Lancashire, Inglaterra


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Subclase: Neornithes
Infraclase: Neognathae
Superorde: Neoaves
Orde: Strigiformes
Familia: Tytonidae
Subfamilia: Tytoninae
Xénero: Tyto
Especie: T. alba
Nome binomial
Tyto alba
(Scopoli, 1769)
Distribución golbal
Distribución golbal

Distribución golbal
Subespecies

Ver texto

Sinonimia

Strix alba Scopoli, 1769
Strix pratincola Bonaparte, 1838
Tyto delicatula Gould, 1837

A curuxa común ou curuxa albar (Tyto alba) é unha ave de rapina nocturna da familia Tytonidae.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Son aves de patas longas, cores claras, cola curta e ás longas. O corpo mide entre 33 e 35 cm de lonxitude e a envergadura das ás chega ós 85 cm. O aspecto de machos e femias é moi semellante, aínda que estas últimas son, en xeral, algo meirandes e de plumaxe máis escura. O peso vai desde os 200 gramos das razas máis pequenas, como a das illas Galápagos, até os 500 da curuxa norteamericana. O das variedades europeas varía entre os 300 gramos dos machos máis pequenos e os 400 das femias meirandes.

A cara característica da especie ten forma de corazón e cores moi claras, que van, dependendo das subespecies, do branco ó gris claro ou lixeiramente avermellado. A parte superior do corpo e case toda castaña dourada con manchiñas finas grises. A plumaxe da parte inferior varía entre o branco puro e o castaño claro, con debuxos e manchas diferentes en cada raza. O bico é amarelo mate e as gadoupas da cor do corno. A cor do iris ocular varía entre o castaño escuro e o negro.

Distribución xeográfica

[editar | editar a fonte]

Viven nas áreas de clima temperado, subtropical e tropical de África, Europa, suroeste e sur de Asia, Australia, Suramérica e Norteamérica. É unha das aves de distribución máis ampla, faltando só en boa parte de Asia, Nova Zelandia e o Sáhara. No continente europeo chegan polo norte ata Escocia e Dinamarca e polo leste ata Ucraína. O seu límite norte son os territorios cunha temperatura media invernal de entre 6 e 8 graos.

O estaren tan espalladas fai que estean presentes en paisaxes moi variadas, excluíndo a selva tropical pecha, as partes interiores dos desertos e areas montañosas. Con todo, prefiren paisaxes semiabertas como as sabanas, semidesertos e estepas arboradas. En moitas partes de Europa son aves típicas do agro cultivado preto de pequenos asentamentos humanos. Nestas areas escollen para facer os niños torres e espadanas de igrexas, palleiras e cabazos, menos comunmente árbores. As ás longas e o voo deslizante son adaptacións á caza en campo aberto. Para descansar escollen sitios agachados en ruínas, palleiras, furados das árbores ou fendas nas penas ou acantilados. Son moi fieis ó seu territorio e permanecen nel mesmo en invernos moi fríos o que provoca, xunto coa falta de alimentos que se produce nesas situacións, a morte de moitos exemplares e fortes baixas das poboacións en anos de frío extremo.

Alimentación e técnicas de caza

[editar | editar a fonte]

Cazan, ó lusco fusco e pola noite, sobre todo mamíferos pequenos. En épocas de escaseza de presas ou cando están criando os polos poden cazar polo día. En 47 dos 52 estudos feitos en diferentes localizacións xeográficas amosábase que os roedores constituían polo menos o 50% das súas presas. Mesmo en Australia central os ratos, introducidos involuntariamente polos europeos, constitúen o 97% das capturas totais. Ratas, coellos pequenos, morcegos, paxaros, réptiles, ras e insectos poden xogar local ou rexionalmente un papel importante na súa subsistencia. Localizan as presas polo oído e pola vista. A forma da cara mellora a capacidade de recoller sons do oído e elimina outros ruídos molestos para a localización da presa.

Comparada con outras rapaces nocturnas de tamaño semellante, a curuxa común ten un metabolismo moito máis rápido, o que fai que precisen máis comida con relación ó seu peso ca outras especies. O consumo de roedores en relación co seu peso é, se cadra, meirande có de calquera outro carnívoro.

Durante a caza desprázanse adoito en voo deslizante a poucos metros do chan, sen facer practicamente ruído. Adoitan seguir rutas de voo regulares, situadas especialmente ó longo de sebes, gabias e valados, onde atopan máis caza ca en campo aberto. Cando descobren unha posible presa déixanse caer de socato e tentan atrapala coas unllas. É menos común que cacen espreitando, para deixárense caer dende o lugar onde están pousadas cando localizan unha posible presa.

Pasan o día pousadas e toqueando nun lugar de repouso, en xeral agochado e onde non poidan ser molestadas. Os lugares escollidos deben ofrecer tamén escuridade e protección contra o mal tempo. Dependendo do hábitat no que viven poden ser unha árbore oca, unha palleira, unha fenda nas rochas ou un terraplén protexido. Permanecen dereitas nunha trabe, nunha póla forte ou na parte plana da pedra, a miúdo escollendo aquelas que lles ofrezan a posibilidade de deitarse ocasionalmente. Durante o tempo de cortexo e reprodución descansan polo día preto do lugar do niño, permanecendo case sempre a parella moi xunta. Cando a femia xa puxo os ovos, o macho procura un lugar de repouso máis afastado do niño.

Antes de comeza-la actividade no crepúsculo, estrícanse e sacódense. Despois limpan as plumas coa axuda do dedo medio dos pés, que ten unha forma axeitada para este traballo, e co bico. Durante esta operación untan a plumaxe coa secreción producida por unha glándula situada cabo do peteiro. Na época de cortexo os membros da parella coidan un ó outro as plumas. O coidado corporal é completado con baños de auga ou duchas de choiva regulares, que poden tomar en ocasións xa coa luz da mañá.

Conduta social e fronte ós inimigos

[editar | editar a fonte]

As curuxas adultas son solitarias, agás no tempo da reprodución. A súa conduta territorial non é, porén, moi marcada, polo que moitas veces varias aves ou parellas poden vivir a distancias relativamente pequenas. Durante o inverno os machos mesmo chegan a tolerar a presenza doutros conxéneres nos seus lugares de descanso. Noutros casos, especialmente durante a cría, a conduta defensiva fronte a intrusos da propia especie aumenta, con persecucións e mesmo agresións físicas. Malia isto, os territorios de caza das parellas que están a criar solápanse moi adoito.

Curuxa común

Mentres as femias chocan, os machos buscan moitas veces unha nova parella coa que reproducirse (polixinia). Isto provoca que en ocasións dúas ou máis femias incuben a un tempo nun só niño ou en máis dun dentro do territorio do macho. O aparellamento dunha femia con varios machos (poliandria) é menos habitual. A táctica fronte ós inimigos consiste en evitalos. As curuxas adoitan seren malas de localizar cando están pousadas e ben agachadas ó que axudan a plumaxe mimética e a capacidade de estaren sen se mover. Cando son molestadas agáchanse ou apértanse ben contra a estrutura do seu punto de repouso. En casos extremos foxen zarriscando o inimigo cos seus excrementos. Os exemplares que non poden fuxir adoptan posturas de ameaza abrindo as ás e proxectando o corpo cara a adiante. A isto xuntan berros e simulacros de ataque. Os polos que aínda non voan e os exemplares acurralados deféndense con golpes das gadoupas, máis que co bico.

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Polo de agora foron descritas ó redor de 30 subespecies de curuxas comúns que se diferencian pola cor e o comportamento. Os números varían segundo os estudosos. Así Schneider e Eck (1995) citan 34, Mebs e Scherzinger supoñen que hai máis de 30.

A lista a seguir baséase na clasificación de Schneider e Eck (1995):

  • Curuxa mediterránea (T. a. alba), a forma típica. Viven no sur e oeste de Europa incluídas Gran Bretaña e o norte de África. O peito é branco, ás veces con pequenas manchas escuras.
Curuxa común
  • Curuxa centroeuropea (T. a. guttata), do centro e sueste do continente europeo, dende o sur de Escandinavia ata Turquía. A parte ventral é castaña amarelada, a cara é algo máis escura que na variedade mediterránea.
  • Curuxa de Córsega e Sardeña (T. a. ernesti), unha forma presente nestas dúas illas mediterráneas. A parte inferior é branca, a superior é moi clara e a cara e a parte inferior das ás brancas de neve. Teñen unha mancha avermellada diante os ollos.
  • Curuxa árabe (T. a. erlangeri) do suroeste de Asia, Chipre, península de Arabia, Irán e Iraq, coa parte inferior branca, cruzada ás veces por puntos castaños escuros. Teñen as ás claras e as plumas da cola teñen faixas da cor da cinza e unha terminación gris marmórea.
  • Curuxa africana (T. a. affinis), espallada por toda África agás o Sáhara e as selvas chuviosas do centro do continente. A plumaxe da parte inferior do corpo e branca nos machos, ocre nas femias, con manchas amarelas ferruxentas. As partes superior e lateral teñen un debuxo de puntos e liñas castaños escuros.
  • Curuxa de Madagascar (T. a. hypermetra) de Madagascar, as illas Comores e o atol de Aldabra. Meirande cá forma africana e de cores semellantes.
  • Curuxa de Madeira (T. a. schmitzi) endémica de Madeira. Ten a parte inferior do corpo de cores que van do crema ó branco amarelo con manchas de formas irregulares. A cabeza é algo máis escura cun lixeiro ton avermellado, a cara é branca.
  • Curuxa canaria (T. a. gracilirostris) das illas Canarias, relativamente pequena e co bico moi fino. Ten a parte inferior do corpo amarela enferruxada con manchas irregulares. A parte superior do corpo é clara con manchas en forma de frecha.
  • Curuxa de Cabo Verde (T. a. dedorta), das illas de Santiago e São Vicente en Cabo Verde. A cara e a parte inferior son amarelas relativamente escuras, a parte superior é escura con manchas grandes brancas e negras. As plumas da cola teñen un debuxo de bandas.
  • Curuxa de São Tomé (T. a. thomensis), indíxena da illa de São Tomé no golfo de Guiné. Ten a parte superior do corpo moi escura, ás veces case negra, con manchas brancas e negras. A cara é castaña, a parte inferior do corpo marrón dourada con manchas grandes ou pequenas.
  • Curuxa da India (T. a. stertens) de parte da India, Sri Lanka, Assam e norte de Myanmar. Ten a parte superior do corpo gris mate e amarela acastañada, con puntos finos brancos e negros. A plumaxe da parte inferior vai do branco ó amarelo acastañado, con moitos puntos pequeniños.
  • Curuxa xavanesa (T. a. javanica), á súa área de distribución é contigua á da anterior, superpoñéndose as súas beiras respectivas. Vive no sueste de Asia e en Indonesia. Semellante á curuxa india, pero máis escura e con manchas máis abundantes e intensas.
  • Curuxa de Andamán (T. a. deroepstorffi) vive só nas illas Andamán. Caracterízase polos dedos fortes e longos e polas grandes manchas de cor castaña ferruxenta que marcan a plumaxe gris da parte superior do corpo. É a forma máis escura das formas insulares. A parte inferior do corpo é de cor ocre clara con puntos castaños escuros.
  • Curuxa de Kisar (T. a. kuehni), só presente na illa de Kisar do arquipélago da Sonda. Semellante de cor á forma da India, por riba a plumaxe é amarela ocre con puntos negros anchos. Por debaixo ten manchas e barras acastañadas.
  • Curuxa de Savu (T. a. everetti), endémica da pequena illa de Savu, situada ó oeste de Timor. Algo máis pequena cá anterior, co bico máis fino e os dedos non tan longos.
  • Curuxa de Sumba (T. a. sumbaensis) da illa do mesmo nome, de plumaxe ventral branca e coas plumas da cola descoloridas, case brancas.
  • Curuxa de Nova Guiné (T. a. meeki), presente sobre todo nas partes norte é oeste de Nova Guinea. A plumaxe da parte inferior do corpo vai do branco ó branco prateado, a da superior e a da cola son moi claras.
  • Curuxa de Australia (T. a. delicatula), en toda Australia, Tasmania e algunhas illas próximas. Branca por embaixo e gris con tons castaños por enriba.
  • Curuxa de Boang (T. a. crassirostris) da illa de Boang no arquipélago de Bismarck. Semellante á forma australiana, pero co bico e as gadoupas máis fortes e a plumaxe algo máis escura.
  • Curuxa de Santa Cruz (T. a. interposita) das Illas Santa Cruz, ao norte das Novas Hébridas. A plumaxe ten tons ocres alaranxados.
  • Curuxa de Samoa (T. a. lulu) de Samoa, illas da Sociedade, Tonga, Nova Caledonia, sur das Novas Hébridas e a illa de Layauté. Máis pequena cá forma australiana e cunha mancha negra co centro branco en cada unha das plumas do lombo.
  • Curuxa norteamericana (T. a. pratincola), vive principalmente no sur dos Estados Unidos e o norte de México. Moi grande, con ás que miden ata 37 cm e unha lonxitude total de case 43. A parte superior do corpo ten cores alaranxadas, ás veces con marcas grises. por debaixo a coloración varía entre o branco e o alaranxado claro con manchas escuras moi marcadas.
  • Curuxa de Guatemala (T. a. guatemalae) do oeste de Guatemala, O Salvador, oeste de Nicaragua e Panamá. Máis escura cá forma americana pero con debuxos semellantes
  • Curuxa de Cuba (T. a. furcata), propia das illas do Caribe. Case totalmente branca coa parte superior máis alaranxada. A cola, branca, ten ás veces bandas e, ocasionalmente, manchas na parte inferior.
  • Curuxa das Indias occidentais (T. a. glaucops) da illa da Tartaruga e o leste de Haití. Tamén branca, cun debuxo en zigzag na parte inferior e a cara gris.
  • Curuxa das Bahamas (T. a. lucyana) das Bahamas, semellante á forma norteamericana, agás polas puntas das plumas que teñen puntos tirando a negros.
  • Curuxa antillana (T. a. insularis) das Pequenas Antillas. Relativamente pequena e escura, con manchas oceladas na parte inferior e un "garabato" branco na superior.
  • Curuxa da Dominica (T. a. nigrescens) da illa Dominica, moi semellante á anterior, pero sen as manchas en forma de ollos da parte inferior.
  • Curuxa de Curaçao (T. a. barbei) da illas de Curaçao, nas Antillas Holandesas. A parte inferior do corpo é branca con manchas amorfas. Máis semellante as curuxas europeas cás caribeñas.
  • Curuxa das Galápagos (T. a. punctatissima) moi semellante de cores á curuxa da illa Dominica. Cun tamaño de só 230 mm é unha das variedades máis pequenas. Castaña mate moi escura con manchas brancas. Na illa de Santa Cruz do arquipélago das Galápagos cría en túneles de lava no chan .
  • Curuxa peruana (T. a. contempta) do Perú, Ecuador, Venezuela e Colombia. Coa parte superior do corpo de gris a castaña escura con manchas grises e a inferior marrón clara con manchas castañas irregulares en forma de cruz. A cara é castaña pálida.
  • Curuxa colombianae (T. a. subandeana) dalgunhas rexións de Colombia e Ecuador. Imita a anterior pero as manchas ventrais son menos evidentes.
  • Curuxa do Brasil (T. a. tuidara) vive dende a rexión amazónica ata o sur da Patagonia. Semellante á variedade centroerurpea, pero coas patas máis longas.
  • Curuxa da Guiana (T. a. hellmayri) de Suriname, Güiana, a Güiana francesa e o norte do Brasil. Por embaixo é branca cun zarriscado negro. Algúns exemplares teñen a barriga amarela ferruxenta. O debuxo imita moito ó da anterior.
  • Curuxa de Chile (T. a. hauchecornei) vive en Chile e é moi semellante ás outras razas suramericanas.

Conduta reprodutora

[editar | editar a fonte]

O celo depende da oferta alimenticia. O cortexo e a marca dun territorio reprodutor teñen lugar entre febreiro e abril.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Cría femia de curuxa de 30 días de idade
Tyto alba guttata

Os niños en localizacións naturais non son habituais en moitas partes de Europa, onde as curuxas crían en edificios, graneiros ou ruínas. Poñen, separados por uns dous día de distancia, entre tres e doce ovos. Chocan as femias soas durante uns 30 días. A incubación comeza cando poñen o primeiro ovo, o que provoca que os polos saian do ovo con días de separación. Ata que os polos teñen unhas tres semanas o macho ocúpase en solitario de traer comida ó niño. Os polos poden comezar a voar ós dous meses, cambiando a penuxe directamente nas plumas propias do adulto.

A dependencia que a reprodución ten da abundancia de alimento fai que nalgunhas rexións poidan pasar anos con taxas de reprodución baixas, pero tamén que na mesma estación unha femia faga ata tres niñadas.

As curuxas novas comezan a aprende-las técnicas de caza cando teñen un mes. Durante as horas de actividade camiñan polos arredores do niño, se este ten espazo dabondo, e ensaian o salto de caza. En lugares de cría xeitosos, coma as torres das igrexas, poden pasar horas investigando os arredores do niño.

Dispersión das curuxas inmaturas

[editar | editar a fonte]

No outono as curuxas novas afástanse do niño. Os estudos feitos con aves aneladas e posteriormente recuperadas, amosan que uns dous terzos de tódolos desprazamentos se fan nun radio duns 50 km do niño, aínda que poden viaxar sensiblemente máis lonxe. Aves ás que lles foi posto o anel en Baden-Württemberg (Alemaña) foron detectadas no primeiro ano de vida na costa dos Países Baixos, en Francia e en España. A coincidencia entre poboacións altas de curuxa e a caída do número de ratos provoca que os xoves recorran distancias máis longas.

Ameazas en Europa occidental

[editar | editar a fonte]
Curuxas

Se a curuxa puido aproveitar as actividades agrícolas do home para se espallar por moitas zonas de Europa, os cambios nos cultivos, singularmente a agricultura intensiva, están a provocar a redución constante do seu número, por exemplo, en Centroeuropa. Estes métodos inciden tamén nas poboacións de ratos de campo, o que priva as curuxas de alimento.

A urbanización de moitas áreas periurbanas e os accidentes provocados polos vehículos son causa tamén da diminución das súas poboacións. Outro factor na súa contra é a perda de sitios axeitados para facer os niños. En España é unha especie protexida.

Segundo a IUCN o número de exemplares a escala mundial calcúlase en 4,9 millóns, polo que a especie é catalogada coma "non ameazada".

O home e a curuxa

[editar | editar a fonte]

A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife) declarou a curuxa común como Ave do ano 2018 [2].

[editar | editar a fonte]

Coma outras aves de rapina nocturnas, pero especialmente no seu caso por ser unha seguidora da agricultura a curuxa está asociada con moitas supersticións. En moitas rexións o seu berro considérase desavegoso e anuncio dunha morte próxima.

Hai bestas e paxaros de antigo carácter augural que en Galiza, como en case todas partes, anuncian a morte. [...] a curuxa que canta preto da casa, ou que vén pousar no tellado
V. Risco: "Etnografía: cultura espiritual", en Historia de Galiza. Ed. Nós, Bos Aires 1962, I, 416.

Cravábanse curuxas enriba das portas para protexer as casas do lóstrego e as desgrazas. Pola contra, noutras zonas o seu papel coma cazadora de ratos fixo que se lle facilitaran furados axeitados en edificios para que puideran criar.

Dise que Xa viu os ollos á curuxa a unha persoa que está afeita superar moitas adversidades.

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
  • Curuxa noiteira, malladores á eira [3]
  • Curuxa norteira, pon o caldeiro á goteira
  • Curuxa tardega, auga noitega [4]
  1. BirdLife International (2012). "Tyto alba". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. "20 cosas que (quizá) no sabías sobre el Ave del Año, la lechuza" (en castelán). 
  3. Eladio Rodríguez González, Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961, s.v. curuxa.
  4. Eladio Rodríguez González, Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961, s.v. curuxa.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • John A. Burton (Hrsg.): Eulen der Welt - Entwicklung - Körperbau - Lebensweise. Neumann-Neudamm, Melsungen 1986. ISBN 3-7888-0495-5
  • Jochen Hölzinger (Hrsg.): Die Vögel Baden-Württembergs. Gefährdung und Schutz. Bd 1.2. Ulmer, Stuttgart 1987, S.1054-1069. ISBN 3-8001-3440-3
  • Hanns Bächtold-Stäubli, Eduard Hoffmann-Krayer (Hrsg.): Handwörterbuch des deutschen Aberglaubens. Bd 2. Stichwort Eule. Walter de Gruyter, Berlín 1927, 1987 (Repr). ISBN 3-11-011194-2
  • Theodor Mebs: Eulen und Käuze. Alle europäischen Eulen und Käuze. Franckh, Stuttgart 1987, S.68-73. ISBN 3-440-05708-9
  • Theodor Mebs, Wolfgang Scherzinger: Die Eulen Europas. Franckh, Stuttgart 2000. ISBN 3-440-07069-7
  • Wolfgang Schneider, Siegfried Eck: Schleiereulen. Neue Brehm-Bücherei. Bd 340. Westarp, Magdeburg 1977, Spektrum Verlag Heidelberg 1995. ISBN 3-89432-468-6

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]