Dendrocronoloxía
A dendrocronoloxía é a datación de aneis de árbores. É un método de datación que utiliza os patróns dos aneis de crecemento das árbores. En moitos tipos de madeira, os aneis de tempo que se formaron pódense datar co ano natural exacto.
A dendrocronoloxía ten tres usos principais:
- datación por radiocarbono, onde se usa para calibrar idades de radiocarbono.[1]
- arqueoloxía, onde se utiliza para datar edificios antigos, etc.
- paleoecoloxía, onde se utiliza para determinar certos aspectos de climas pasados
Nalgunhas partes do mundo, é posible datar a madeira duns poucos miles de anos, ou mesmo de moitos miles. O máximo para "cronoloxías totalmente ancoradas" é de algo máis de 11.000 anos desde a actualidade.[2] O termo "cronoloxía totalmente ancorada" (en lingua inglesa "fully anchored chronology") significa que as datas son absolutamente seguras.
Historia
[editar | editar a fonte]Dendrocronoloxía (palabra derivada do grego δένδρον , dendron, "limbo" (o limbo en botánica é a lámina ou parte ancha dunha folla ou pétalo); χρόνος , khronos, "tempo"; e -λογία , -logia) foi desenvolvida durante a primeira metade do século XX orixinalmente polo astrónomo A. E. Douglass, quen fundou o Laboratory of Tree-Ring Research na Universidade de Arizona. Douglass investigou a actividade das manchas solares. Esperaba que os cambios na actividade solar afectasen aos patróns climáticos da Terra. O clima sería rexistrado polos patróns de crecemento dos aneis das árbores.
O fenómeno dos aneis das árbores e a súa relación cos anos húmidos e secos xa fora notado antes de Douglass. Hai unha breve nota nun dos cadernos de Leonardo da Vinci, e Charles Babbage en 1837 tivo a mesma idea.[3]
Funcionamento
[editar | editar a fonte]Moitas árbores das zonas temperadas fan un anel de crecemento cada ano, co máis novo adxacente á casca. Ao longo da vida dunha árbore, fórmase un patrón de aneis ano por ano que reflicte as condicións climáticas nas que creceu a árbore. A humidade adecuada e unha longa tempada de crecemento dan como resultado un amplo anel. Un ano de seca pode resultar moi estreito.
A alternancia de condicións pobres e favorables, como as secas de mediados do verán, pode provocar que se formen varios aneis nun ano determinado. Problemas como este son solucionados comparando unha parte do mundo con outra. Os aneis perdidos son raros en carballos e olmos: o único caso rexistrado de anel perdido en carballos ocorreu no ano 1816, tamén coñecido como "o ano sen verán".[4]
As árbores da mesma rexión tenderán a desenvolver os mesmos patróns de ancho de aneis durante un período determinado. Estes patróns pódense comparar e combinar anel por anel con árbores que crecen na mesma zona xeográfica e en condicións climáticas similares. Seguindo estes patróns de aneis de árbores das árbores vivas no tempo, pódense construír cronoloxías, tanto para rexións enteiras como para subrexións do mundo. Así, a madeira de estruturas antigas pódese relacionar con cronoloxías coñecidas (unha técnica chamada datación cruzada) e determinar con precisión a idade da madeira.
As datas dos aneis das árbores pódense estender até 26.000 a. e. c [5] mediante outros métodos. Eses outros métodos usan capas de sedimentos mariños e aneis de crecemento nos corais.[6] [7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Isto é preciso porque a concentración de carbono-14 na atmosfera varía co tempo e o lugar. O C-14 de duración relativamente curta renóvase polo bombardeo de raios cósmicos sobre nitróxeno atmosférico. O bombardeo é lixeiramente variable.
- ↑ McGovern, Patrick E. (1995-01-01). "Science in Archaeology: A Review". American Journal of Archaeology (en inglés) 99 (1): 79–142. ISSN 0002-9114. doi:10.2307/506880.
- ↑ Watson, Peter 2009. Ideas: a history, from Wittgenstein to the word wide web. Londres: Folio Society, p.294. A edición orixinal tiña por título A terrible beauty: the people & ideas that shaped the modern world. Londres: Weidenfeld & Nicolson, 2000.
- ↑ "lorim; good". www.ltrr.arizona.edu (en inglés).
- ↑ a. e. c significa "antes da era común". Ás veces en inglés é escrito BP = Before Present (antes do presente), sendo este marcado no 1 de xaneiro de 1950.
- ↑ "Intcal04 Terrestrial Radiocarbon Age Calibration, 0–26 Cal Kyr BP". Radiocarbon (en inglés) 46 (3): 1029–1058. 2004/ed. ISSN 0033-8222. doi:10.1017/S0033822200032999.
- ↑ "radiocarbon". radiocarbon.ldeo.columbia.edu. Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2011. Consultado o 01 de marzo de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]- Aneis das árbores
- Carbono-14
- Datación
- Datación por carbono 14
- Datación por termoluminiscencia
- Datación uranio-chumbo
Este artigo sobre ciencias é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |