Elia Kazan
Elia Kazan, nado en Kayseri o 7 de setembro de 1909 e finado en Nova York o 28 de setembro de 2003, foi un director de cine e escritor estadounidense de orixe grega. O seu nome grego era Elias Kazanjoglou (Ηλίας Καζαντζόγλου).[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Kayseri (Cesárea de Capadocia), no antigo Imperio Otomán (actual Turquía). Era fillo dun comerciante de alfombras grego, polo que formaba parte da minoría de lingua grega e relixión cristiá ortodoxa do Imperio Otomán.
A súa familia abandonou o seu país natal para trasladarse a Berlín cando Elia tiña só dous anos. Despois dunha breve estancia na capital alemá, que non mellorou a súa situación económica, en 1913 a familia trasladouse a Nova York, onde o cabeza de familia montou un negocio de alfombras co que conseguiu enriquecerse con rapidez, até que a crise de 1929 puxo fin á súa prosperidade.
Interesado polo teatro, en 1930 Kazan ingresou na Universidade Yale, onde cursou Arte Dramática durante dous anos, custeando os seus estudos co traballo como porteiro de noite dun edificio. Montou a súa primeira obra teatral, The Second Man, de Samuel N. Behrman, en 1931, e en 1932 debutou como actor na obra Chrysalis, que tiña a Margaret O'Sullivan e Humphrey Bogart como protagonistas. Por ese tempo incorporouse ao Group Theatre, unha formación que entendía a arte escénica dunha maneira novidosa e experimental para a época. Levou á escena, entre outras obras, Death of a Salesman, de Arthur Miller.
Pronto se revelou como un dos directores máis innovadores do Group Theatre, o que lle valeu en 1943 o premio da crítica pola posta en escena de The Skin on our Teeth, de Thornton Wilder. En 1947 foi, xunto con Cheryl Crawford e Robert Lewis, un dos fundadores do Actor's Studio, mítica escola de formación de actores que tivo unha influencia decisiva no teatro estadounidense e dela saíron actores do talle de Marlon Brando, Montgomery Clift, Geraldine Page ou Paul Newman.
En 1944 dirixiu a súa primeira longametraxe, A Tree Grows in Brooklyn. Seguírona Boomerang (1947) e The Sea of Grass (1947), que lle valeron dous premios da crítica; Gentleman's Agreement (1947) pola que obtivo o seu primeiro Oscar; Pinky (1949); Panic in the Streets (1950); e A Streetcar Named Desire (1951), pola que foi candidato ao Oscar. Os anos seguintes foron os máis prolíficos de toda a súa carreira. Sen desatender a dirección dramática nin a actividade literaria, realizou numerosas e célebres películas: Viva Zapata! (1952); Man on a Tightrope (1952); A lei do silencio (1954) pola que gañou o seu segundo Oscar en 1955; Ó leste do Edén (1955) o seu cuarto nomeamento ao Oscar como director; Baby Doll (1956); Río salvaxe (1960); Esplendor na herba (1961).
Máis tarde reduciu a súa actividade cinematográfica, até que a abandonou para se dedicar enteiramente á produción literaria desde finais dos setenta. As súas últimas realizacións foron América, América (1963), a partir dunha novela autobiográfica publicada en 1962; O compromiso (1968); The Visitors (1972); e The Last Tycoon (1976).
Como autor literario tamén logrou o recoñecemento do público e da crítica. Á parte de America, America, publicou The Assassins (1972); The Understudy (1974); Acts of Love (1978); The Anatolian (1982); e Elia Kazan: a Life (1989), minuciosas memorias polas que desfilan numerosos personaxes de Hollywood.
Galardóns
[editar | editar a fonte]Conseguiu doce Oscars, nos que destaca como mellor director. Tamén recibiu en 1999 un Honorífico ao conxunto da súa carreira. Ademais dos Oscar polas súas películas, Kazan recibiu numerosos galardóns como o Premio de Mestres do Cine, outorgado polo diario 'Times' en 1989 e, en febreiro de 1996, o Oso de Ouro especial polo conxunto da súa obra no Festival de Berlín.
Matrimonio
[editar | editar a fonte]Casou tres veces. Con Molly Day Thacher en 1932, coa que tivo dous fillos e dúas fillas, coa actriz Barbara Loden en 1967, e en 1982 con Frances Rudge.
Testemuña na caza de bruxas
[editar | editar a fonte]Conseguiu unha certa notoriedade tras o seu testemuño ante o Comité de Actividades Antinorteamericanas na época do mccarthismo e a caza de bruxas. Testificou contra os seus antigos compañeiros do Partido Comunista, delación coa que conseguiu manter o seu status pero que non esqueceron algúns actores e os demais colegas da súa profesión. Ao recibir o seu Óscar honorífico, varios deles negáronse a lle aplaudir e a pórense en pé, para deixar así patente o seu rexeitamento.
Filmografía
[editar | editar a fonte]- 1937: The People of the Cumberlands (curtametraxe)
- 1940: It's Up to You (documental)
- 1945: A Tree Grows in Brooklyn
- 1946: The Sea of Grass
- 1947: Boomerang
- 1947: Gentleman's Agreement
- 1949: Pinky
- 1950: Panic in the Streets
- 1951: A Streetcar Named Desire
- 1952: Viva Zapata!
- 1953: Man on a Tightrope
- 1954: A lei do silencio
- 1955: Ó leste do Edén
- 1956: Baby Doll
- 1957: Un rostro na multitude
- 1960: Río salvaxe
- 1961: Esplendor na herba
- 1963: América, América
- 1969: O compromiso
- 1972: The Visitors
- 1976: The Last Tycoon
Premios
[editar | editar a fonte]Premios Óscar:
Ano | Categoría | Película | Resultado |
---|---|---|---|
1947 | Mellor director | Gentleman's Agreement | Gañador |
1951 | Mellor director | A Streetcar Named Desire | Candidato |
1955 | Mellor director | A lei do silencio | Gañador |
1956 | Mellor director | Ó leste do Edén | Candidato |
1963 | Mellor director | América, América | Candidato |
Mellor película | América, América | Candidato | |
Mellor guión adaptado | América, América | Candidato | |
1998 | Óscar Honorífico | Gañador |
Notas
[editar | editar a fonte]- Directores de cine dos Estados Unidos de América
- Escritores dos Estados Unidos de América
- Escritores en lingua inglesa
- Paseo da Fama de Hollywood
- Premios Globos de Ouro
- Óscar ó mellor director
- Nados en 1909
- Finados en 2003
- Nados en Istambul
- Estadounidenses de ascendencia grega
- Alumnos da Universidade Yale
- Óscar honorífico