Erich Honecker
Erich Ernst Paul Honecker, nado en Neunkirchen o 25 de agosto de 1912 e finado en Santiago de Chile o 29 de maio de 1994, foi un político comunista alemán. Do 3 de maio de 1971 ao 18 de outubro de 1989 foi o político máis influente da República Democrática Alemá dado o seu cargo de secretario xeral do Comité central do Partido Socialista Unificado de Alemaña (SED).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Antes da segunda guerra mundial foi funcionario do Partido Comunista de Alemaña (KPD), sendo condenado a dez anos de cárcere durante os tempos do nazismo. Despois da guerra fundou a organización xuvenil FDJ (Xuventude Libre Alemá), da cal foi presidente do 1946 ó 1955. Como secretario de seguridade do comité central do SED, o seu labor organizativo foi determinante na construción do Muro de Berlín, así como na autorización de disparo nas fronteiras interalemás. Dirixiu e representou á RDA durante as décadas de 1970 e 1980 dados os seus cargos de secretario xeral do Comité central do SED, presidente do Consello de Estado da RDA e Presidente do Consello de Defensa Nacional. O recoñecemento da República Democrática Alemá como membro pleno da ONU no 1973 é considerado o seu maior éxito.
Honecker foi recibido polo chanceler Helmut Kohl en setembro de 1987 durante a súa visita oficial á República Federal de Alemaña. A finais da década de 1980 o contexto económico mundial, as relacións coa potencia dirixente soviética e incluso a propia política interior da RDA tornáronse cada vez máis tensas e difíciles.
Despois da caída do Muro de Berlín
[editar | editar a fonte]Erich Honecker foi obrigado a dimitir polo Politburó do SED o 18 de outubro de 1989. En 1992 foi convocado a xuízo en Berlín por violación dos dereitos humanos na RDA, pero o proceso suspendeuse debido a unha enfermidade. As acusacións baseábanse no seu papel como xefe de estado da xa disolta RDA, ligándoo coas respectivas faltas ó dereito que controvertidamente se lle atribuían. Foi encarcerado en 1992 e liberado en 1993 debido ao seu complicado estado de saúde.[1]
Honecker trasladouse de inmediato xunto a súa familia en Chile, onde faleceu en maio de 1994.
Libros
[editar | editar a fonte]- Aus meinem Leben, 1981
- Moabiter Notizen, escritas no cárcere de Berlin-Moabit entre 1992 e 1993.