Saltar ao contido

Escudo de Romanía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo de Romanía
Detalles
ArmigerRomanía
Adoptado11 de xullo de 2016
Versións anteriores1922-1947, o Reino de Romanía

O escudo de Romanía foi aprobado polo Parlamento o 10 de setembro de 1992 como escudo de armas representativo para Romanía. Está baseado no escudo de armas do Reino de Romanía (empregado entre 1922 e 1947), redeseñado por Victor Dima.[1] O escudo de armas foi aumentado o 11 de xullo de 2016 para engadirlle unha representación da Coroa de Romanía.

Descrición

[editar | editar a fonte]

No escudo, un campo de azur, figura unha aguia de ouro, con bico e poutas de goles que sostén no seu pico unha cruz ortodoxa de ouro e, coas súas poutas, un cetro e unha espada de prata, símbolos da soberanía: O sabre é unha representación do que pertenceu ao voivoda de Moldova, Estevo o Grande (1433-1504) e o cetro de Miguel o Valente (1593-1601), príncipe de Transilvania, Valaquia e Moldova que unificou por primeira vez os principados romaneses. Sobre o peito da aguia sitúase un escudo cuarteado cos brasóns das provincias históricas romanesas (Valaquia, Moldova, Transilvania, Banato e Crişana) con cheurrón no que figuran dous golfiños símbolo da rexión marítima do país.

O primeiro cuartel corresponde a Valaquia. Nun campo de azur, figura unha aguia de ouro con bico e poutas de goles que sostén no pico unha cruz ortodoxa de ouro, un sol de ouro á dereita e un novilunio de ouro á esquerda.

No segundo cuartel figuran os símbolos de Moldova, nun campo de goles, unha cabeza de sabre de uro cunha estrela de cinco puntas entre os cornos, unha rosa de cinco pétalos (á dereita) e un crecente (á esquerda) ambos de prata.

O terceiro cuartel corresponde a Banato (e Oltenia). É un campo de goles no que aparece representado, sobre ondas de azur, a ponte sobre o Danubio do emperador romano Traxano, unha ponte dourada de dúas luces sobre o que se sitúa un león rampante, linguado, unllado e armado de ouro que alza un espadón.

No cuarto cuartel aparece o brasón de Transilvania, Maramures e Crişana. Consiste nun campo cortado por un trangle (faixa de maior grosor) de goles. Na súa metade superior, de azur, unha aguia de sabre con bico de ouro que sae da faixa divisoria xunto a un sol de ouro, á dereita, e un crecente de prata, á esquerda; na metade inferior, de ouro, sete torres de goles, ameadas, colocadas en dúas filas, catro e tres. En cheurrón, representando á rexión marítima, sobre un campo de azul: dous golfiños de ouro afrontados, de colas alzadas.

A orixe do escudo de Romanía remóntase a 1872, cando o goberno adoptou como emblema heráldico a figura da aguia que porta a cruz, a espada e o cetro e os brasóns das provincias: Valaquia, Moldova, Bucovina, Transilvania, Maramures e Crisana, Banato e Oltenia. Estas armas, a diferenza das actuais, estaban timbradas coa coroa real de Romanía. En 1921 incorporáronse ao conxunto descrito un escusón, no centro, coas cores da Casa de Hohenzollern (que reinou no país desde 1866 ata 1947) e, en cheurrón, os golfiños símbolo da rexión marítima.

En 1947, coa proclamación da República Socialista de Romanía, adoptouse un novo escudo, vixente ata 1989. Este escudo estaba formado por un conxunto de elementos simbólicos alusivos á paisaxe e riquezas do país, vixiados por un sol nacente e pola estrela vermella.

  1. Adevărul, ed. (27 de febreiro de 2010). "Creatorul stemei României, fără drepturi de autor" (en romanés). Consultado o 23 de xuño de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]