Estados Xerais (Francia)
Os Estados Xerais, na Francia do Antigo Réxime, eran unha asemblea convocada polo rei de maneira excepcional e á que acudían representantes de cada estamento:
- o clero (primeiro estado),
- a nobreza (segundo estado), e os
- representantes das cidades que dispoñían de consistorio (terceiro estado).
Foron creados en 1302 por Filipe IV, o Fermoso, disolvidos por Lois XIII en 1614, e convocados de novo por Lois XVI en 1789.
Eran unha asemblea excepcional (reuníronse tan só un total de 21 veces en 487 anos).
A súa xuntanza adoitaba facerse en épocas de grande crise política ou financeira (particularmente en materia fiscal), para que o rei puidese coñecer a opinión dos representantes dos principais poderes do país para tomar unha decisión final.
Estaban compostos por deputados elixidos cun mandato dos seus electores, e a orde do día redactábase sobre a base dos "cadernos de queixas", (en francés, cahiers de doléances) establecidos polos notábeis provinciais dos tres estamentos.
Reuníanse por "brazos", é dicir, por separado, e cada estamento contaba cun número igual de representantes. Debatíase, por tanto, por separado e cada estado emitía un voto, co que o clero e a nobreza, tradicionalmente aliados, non deixaban opción ao terceiro estado para que se escoitase a súa voz.
Esta particularidade foi unha das que se discutiron na súa última reunión, en maio de 1789, no inicio da Revolución francesa.
Derradeira reunión
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Estados Xerais de 1789.
O 27 de decembro de 1788, o Consello de Estado de Francia decidira dobrar o número de deputados do terceiro estado, elixidos por varóns maiores de 25 anos que pagaran impostos.
En 1789, a monarquía francesa, ao bordo da bancarrota e acantoada pola aristocracia rexionalista, trataba de encontrar un medio de salvación. Para iso, o 5 de maio de 1789 Lois XVI convocou os Estados Xerais, cuxa función sería a de aprobar a achega de cada provincia en homes para a guerra e de diñeiro para o Estado.
A reunión foi moi controvertida polos problemas que se suscitaron entre os representantes dos privilexiados estamentos superiores, que se opuxeron ao novo sistema representativo, e os que ían en representación do pobo, queixándose estes últimos dos enormes privilexios que detentaban os primeiros, xa que se poñían de acordo en segredo para seguiren manténdoos.
Estas disputas reflectíronse na aparición dunha gran cantidade de panfletos que percorreron todas as cidades e vilas de Francia, nos cales poñíase de manifesto o descontento popular.
O 17 de xuño de 1789, o terceiro estado e o baixo clero presente nos Estados Xerais constituíronse en Asemblea Nacional Constituínte e prometeron non separarse até teren redactada unha Constitución para Francia.
Formalmente, o enfrontamento manifestouse no terreo dos votos. O rei era partidario do voto tradicional por ordes. Porén, os representantes do terceiro estado eran partidarios do voto individual. Foi así como os privilexiados rexeitaron inmediatamente a nova proposta, xa que a diferenza de número faríase notar (o terceiro estado tiña máis membros que os estamentos da cúspide da pirámide estamental) e así poderían chegar a alcanzar a maioría nos Estados Xerais.
A asemblea estaba composta por 1.139 deputados, sendo 291 do clero e 270 da nobreza. A apertura dos Estados Xerais do 5 de maio de 1789 marca o inicio da Revolución francesa.